|
Mércores, 01 Febreiro 2012 09:46 |
|
Centos de traballadores e traballadoras dos Puntos de Atención Continuada (PAC) participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG para denunciar os incumprimentos dos acordos de Atención Primaria por parte do SERGAS.
No decurso da mañá deste martes 31 de xaneiro celebráronse concentracións ante as xerencias Integradas de Atención Primaria e xerencias de área de Pontevedra, Vigo, A Coruña e Compostela, entre outras, para reclamar o cumprimento dos acordos asinados polo Sergas coas organizacións sindicais. CIG-Saúde considera prioritaria a defensa do emprego público, que se respecten os dereitos do persoal e que se fagan as contratacións a través das listas.
A CIG-Saúde demanda a inmediata convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria. María Xosé Abuín, secretaria nacional da federación, reclama da administración “unha actitude negociadora para desbloquear esta situación e que non aconteza como na xuntanza anterior, á que chegaron coa negativa absoluta a abordar ningún dos problemas expostos”.
Abuín fai este chamamento ao SERGAS, logo de ter fracasado a anterior xuntanza coa administración, convocada a instancias da CIG e avalada coa sinatura de máis de 400 profesionais.
O martes, 7 de febreiro ás 11:00, está convocada unha concentración diante do SERGAS, en Compostela, para continuar coas mobilizacións.
Máis información 
|
|
Martes, 31 Xaneiro 2012 10:08 |
|
O SERGAS convoca Mesa Sectorial para tratar da Selección Temporal de FEAs.
Durante a negociación do Pacto de Contratacións asinado en marzo do 2011, CIG-Saúde intentou abrir a negociación dun sistema regrado de contratacións temporais para FEAs, presentando o seguinte texto para a súa inclusión na Acta final do acordo:
“A administración comprometese, por acordo de Mesa Sectorial, a establecer un sistema regrado para a contratación temporal de persoal Facultativo Especialista de Área, con criterios explícitos e consensuados, que respecten os criterios de igualdade, mérito e capacidade, e con tipos de contrato vinculados á causa que xere a necesidade. Este sistema regrado debe permitir que a administración teña a posibilidade de cubrir ás necesidades asistenciais e as e os profesionais a garantía de acceso en condicións de equidade e transparencia a eses contratos”.
Trala negociación na Mesa Sectorial asinouse unha acta que recolle parcialmente a nosa solicitude.
Na Mesa Sectorial do día 2 de febreiro está previsto tratar o tema ao estar incluído o seguinte punto na orde do día:
“Proxecto de sistema de selección temporal de persoal Facultativo Especialista de Área”.
A Agrupación Médica de CIG-Saúde continúa a defender todos os aspectos contemplados no texto proposto e no documento: "Parar a precariedade na contratación de FEAs, unha tarefa prioritaria" publicado en abril do 2011. |
|
Xoves, 26 Xaneiro 2012 09:51 |
|
23 de xaneiro: • Resolución de 30 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación Profesional, Cohesión do Sistema Nacional de Saúde e Alta Inspeción, pola que se nomean as Comisións Calificadoras dos exercicios para Médicos/as, Farmacéuticos/as e outros/as graduados/as-licenciados/as universitarios/as do ámbito da Psicoloxía, a Química, a Bioloxía e a Física, correspondentes ás probas selectivas 2011.
Actualización 25 de xaneiro: • Resolución de 23 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Ordenación Profesional, pola que se corrixe a de 30 de decembro de 2011, pola que se nomean as Comisións calificadoras dos exercicios para Médicos/as, Farmacéuticos/as e outros/as graduados/as – licenciados/as universitarios do ámbito da Psicoloxía, a Química, a Bioloxía e a Física, correspondentes ás probas selectivas 2011.
|
|
Mércores, 18 Xaneiro 2012 09:49 |
|
Se non concordas co SERGAS en que nos PACs "todo vai ben" participa nas mobilizacións.
Despois da absolutamente decepcionante xuntanza da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria, que por fin o Sergas convocara grazas á insistencia de CIG-Saúde, continuamos a defender os catro puntos apoiados por máis de catrocentas sinaturas de enfermeiras/os e médicas/os de PACs:
1. Cómputo de xornada. Reclamamos unha interpretación correcta dos termos do acordo e a súa translación ao aplicativo informático, para rematar coa situación actual na que se penaliza aos traballadores cando teñan unha IT ou collen un permiso retribuído. 2. Confección de calendarios. Reclamamos calendarios anuais elaborados coa participación das e dos traballadores e construídos con criterios de equidade. Neses calendarios, a xornada ordinaria e a complementaria deben estar claramente diferenciadas, e deben recoller necesariamente a xornada ordinaria do persoal de PAC e tódolos seus permisos. 3. Cumprimento da Acta do 16 de xuño. Na súa aplicación en cada área reclamamos que, de quedar horas suficientes (1623 horas/anuais), se proceda á creación dun vinculo estable (obra e servizo) contratando persoal das listas de contratacións antes de ofertalas á voluntariedade. 4. Contratación de persoal das listas. Reclamamos que se cumpran os apartados do acordo que establecen que diante dunha ausencia, o primeiro é contratar persoal das listas de contratacións.
E para iso CONVOCAMOS AS SEGUINTES MOBILIZACIÓNS:
1. Concentracións nas xerencias de cada área (ou no lugar alternativo que se decida en cada comarca), que comezarán ás 11 horas do día 31 de xaneiro.
2. Concentración diante do SERGAS, en Compostela, ás 11 horas do día 7 de febreiro.
|
|
Xoves, 12 Xaneiro 2012 09:08 |
|
No Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Paseo del Prado, 18-20 - 28071-MADRID), e nas Delegacións e Subdelegacións do Goberno exhíbense as relacións definitivas de admitid@s e non admitid@s ás probas selectivas 2011.
Contra estas relacións definitivas pódese presentar recurso de Alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa exhibición.
As persoas Admitidas provisionalmente ao exame deben consultar o apartado da web do Ministerio "prazos para achegar documentación", incluido dentro da información xeral destas probas selectivas.
A data do exercicio é o sábado 28 de xaneiro de 2012, segundo a Resolución que publicará en breve o Boletín Oficial do Estado, na que se contén o nomeamento das Comisións Calificadoras.
As persoas aspirantes deben comparecer ante a Mesa de Exame que se lles sinalara provistos do documento acreditativo da súa identidade co que participaran nas Probas Selectivas (D.I, Pasaporte ou Número de identificación de extranxeiros), ás quince trinta horas do sábado 28 de xaneiro. Para contestar a folla de respostas, só se poderá utilizar bolígrafo, non estando permitido o uso de lápis, rotuladores, prumas, etc.
Non está permitida a utilización de calculadora, excepto no caso de aspirantes a prazas de Radiofísica Hospitalaria.
Non está permitido o uso de teléfonos móbiles, nin de calquera outro dispositivo con capacidade de almacenamento de información ou posibilidade de comunicación mediante voz ou datos, dentro do recinto de exame, unha vez iniciado o exercicio e ata a fin do mesmo.
Duración do exercicio:
Cinco horas máximo, para Médic@s, Farmacéutic@s e outros graduad@s/licenciad@s universitari@s do ámbito da Psicoloxía, a Química, a Bioloxía e a Física.
Dúas horas máximo para graduad@s/diplomad@s en Enfermaría.
As respostas deben escribirse na folla que se destina para iso; non se admite resposta no cuestionario.
O exercicio debe ser realizado ante a Mesa que se sinalara a cada aspirante. As Mesas non admitirán a ningún/ha aspirante que non figure na relación de convocad@s ante elas.
Máis información aqui. Tamén podedes consultar a vosa situación particular premendo aqui.
|
|
Venres, 23 Decembro 2011 11:26 |
|
O día 20 de decembro tivo lugar a xuntanza da Comisión de Seguimento dos Acordos de Primaria, que por fin o Sergas convocou grazas á insistencia de CIG-Saúde e á masiva entrega de sinaturas de profesionais de PACs reclamándoa.
A posición do Sergas de forma resumida é: 1. non pensan que exista conflitividade algunha actualmente no ámbito de PAC, 2. o aplicativo informático que utilizan para o cómputo de xornada funciona ben, os cálculos que realiza son correctos, e non limita en absoluto o dereito aos permisos retribuídos do profesional de PAC, 3. os calendarios anuais na súa grande maioría xa están feitos e foron pactados polas xerencias cos profesionais, polo que hai acordo con eles, 4. respecto á contratación de persoal das listas: a creación de novos vínculos está limitada pola normativa estatal e da Xunta, a decisión da cobertura dunha ausencia depende exclusivamente da xerencia e pode utilizar a fórmula que considere xa que é unha ferramenta de xestión.
Por parte de CIG-Saúde: 1. insistimos en que o aplicativo de xornada, ao considerar un día de permiso retribuído como "día non dispoñible", limita o dereito a ditos permisos, 2. reclamamos a elaboración de calendarios anuais con separación de xornada ordinaria e complementaria, 3. solicitamos información sobre as ofertas de voluntariedade e as bolsas de horas resultantes dos cambios da OPE e o concurso de traslados, 4. denunciamos a non contratación de persoal das listas, o peche de axendas, os contratos de 4 horas en lugar da xornada completa...
Pero o Sergas non deu resposta a ningunha das nosas demandas, dixo incluso que a conflitividade a inventabamos nós. Nun comentario, un membro da administración dixo que temos sorte de cobrar o 80% dos complementos de penosidade, xa que coa suspensión de acordos outros colectivos foron máis prexudicados.
Despois desta xuntanza, que definitivamente CIG-Saúde cualifica de ABSOLUTAMENTE DECEPCIONANTE, pensamos convocar o noso Grupo de Traballo de Primaria inmediatamente despois do Nadal e mobilizacións de persoal médico e de enfermería de PACs para mediados de xaneiro.
Se non concordas co Sergas en que "todo vai ben" amósallo participando nas mobilizacións que se convoquen, das que informaremos a través do correo e das nosas páxinas web.
|
|
Venres, 23 Decembro 2011 10:03 |
|
Queremos Indicadores do CPV consensuados e que avalíen o traballo realizado por cada profesional.
Diante da confusión creada polo ámbito de negociación dos criterios de aplicación do CPV, na Agrupación Médica de CIG-Saúde defendemos que o Complemento de Produtividade Variable son retribucións, e como tais, teñen que ser negociadas na Mesa Sectorial. As e os profesionais temos que ter claras as condicións nas que se aplican os criterios polos que somos avaliados para cobrar unha parte da nosa retribución. Os indicadores de avaliación do CPV do 2012 deben coñecerse en xaneiro e ser consensuados na mesa sectorial e cos profesionais.
Non está en discusión a lexitimidade da Administración para establecer unha determinada liña estratéxica e, polo tanto, marcar uns obxectivos concretos en cada ámbito asistencial; o que si está en discusión é o ámbito onde se negocia o marco regulador deses obxectivos e os seus criterios de aplicación e o que é inaceptable é que se entreguen e coñezan en maio-xuño cando se van avaliar desde xaneiro.
A Agrupación Médica de CIG-Saúde segue a defender a creación dun Grupo Técnico, emanado da Mesa Sectorial, que elabore unha proposta de CPV (obxectivos, indicadores, ...) que poida ser acordada pola administración e as organizacións sindicais. O documento inicial elaborado polo Grupo Técnico tería que ser debatido e, coas modificacións oportunas, consensuado e aprobado pola administración e as organizacións sindicais da Mesa Sectorial. Logo ese documento sería concretado e consensuado entre profesionais afectados e as xerencias das distintas áreas sanitarias.
A Agrupación Médica de CIG-Saúde defende o necesario avance da cultura da eficiencia e do traballo por obxectivos entre os facultativos da sanidade pública, mais ten ben claro que ese avance será moito máis difícil se o SERGAS sigue empeñándose en usar a vía impositiva e non participativa na elaboración dos obxectivos do CPV, ou se esta negociación se produce nun ámbito distinto ao legalmente establecido, no que están presentes tódalas organizacións que representan ao colectivo afectado.
So un acordo producido na Mesa Sectorial, que cumpra uns criterios mínimos, e publicado no DOG, serve de garantía para que a maioría das e dos profesionais sexan avaliados en función da súa implicación, do seu esforzo e da calidade que aporten á atención ao paciente, e de que esta avaliación estará adaptada á situación concreta de cada profesional.
A Agrupación Médica de CIG-saúde lémbralle a administración que se está retrasando un ano máis a presentación dos obxectivos en tempo e con boas formas.
|
|
Venres, 23 Decembro 2011 09:45 |
|
Sorprendente estudo que asina/patrocina CESM-OMEGA. 
As e os Facultativos da Sanidade Pública, con Foros, chamados da Profesión Médica, como estes, para que queremos inimigos?
Segundo este estudo, • SOBRAN FACULTATIVOS • SON MOITOS ESTUDANTES DE MEDICINA • MEDRA EN EXCESO O NÚMERO DE MÉDICOS DO HOSPITAL • GÁSTASE MOITO EN SANIDADE • O SECTOR PRIVADO É MÁIS EFICIENTE QUE O PÚBLICO
Non sabemos se o que pretenden é xustificar ás medidas que vai tomar Rajoy. O que si temos máis claro agora é a razón pola que CESM-OMEGA non se opón ás Iniciativas de Privatización.
Os MIR e os estudantes de medicina deben estar entusiasmados con tanto apoio para buscar postos de traballo estables, seguros e cunhas condicións de traballo dignas, na Sanidade Pública.
Mentres outros denunciamos os recortes, formamos parte da Plataforma SOS Sanidade Pública, con outras moitas organizacións, para defendernos das agresións, CESM-OMEGA permítense a alegría de darlle xustificacións e argumentos ao PP para que recorte “co apoio de organizacións médicas”.
Cun estudo, ademais, onde compara os datos de España cos de Estados Unidos, un país que, como todos sabemos, “é moi eficiente”, “gasta pouco en sanidade” e “ten un sistema sanitario igual que o noso”. Ou acaso é ese o modelo que queren?.
|
|
Luns, 19 Decembro 2011 21:12 |
|
A ATENCIÓN PRIMARIA DE LUGO CONTRA OS RECORTES: mobilizacións nos Centros de Saúde de Lugo contra o bloqueo das axendas.
O bloqueo das axendas dos sanitarios de permiso ou baixa nos Centros de Saúde de Lugo, que o SERGAS está forzando por motivos de aforro económico, está deteriorando gravemente a atención sanitaria que reciben os cidadáns así como o traballo que realizan os profesionais sanitarios deses centros, xa moi sobrecargados case a diario polas intersubstitucións de outros profesionais de permiso.
A os Centros de Saúde de Lugo chegou un correo electrónico informando que os profesionais de AP de Lugo decidiron:
- Convocar concentracións de 10 minutos ás 11,00 horas dos martes e venres nos centros de saúde namentres non se resolva o problema.
- Enviar, o día 16 de decembro, cartas explicativas aos responsábeis da situación (Presidente da Xunta, Conselleira de Sanidade, Directora xeral de asistencia sanitaria, Directora xerente de AP, Directora asistencial), asinadas polos traballadores dos centros que as asuman como propias.
- Entregar notas informativas aos usuarios explicando a situación que os recortes están a provocar.
- Colocar carteis informativos na entrada dos centros informando aos usuarios de quen son os profesionais ausentes que non foron substituídos.
- Diante dos avisos a domicilios dos profesionais coa axenda bloqueada, pedirlle aos usuarios que o xestionen a través do 061 e da xerencia xa que non teñen un médica/o ou enfermeira/o de referencia.
- Organizar en cada centro a atención das consultas "urxentes", e pedirlles aos pacientes que fagan unha reclamación por escrito á Xerencia.
Como eles mesmos comentan “son unhas medidas de aviso á Administración para que entre nun proceso de negociación das medidas a adoptar respecto das substitucións actuais e de futuro”.
CIG-Saúde apoia estas mobilizacións dos profesionais da AP de Lugo contra os recortes, e animamos a todos os traballadores da AP de Lugo a que participen nelas, contribuímos a difundilas a todos os Centros de Saúde de Galiza, e animamos a todos os traballadores galegos de Atención Primaria a que as comenten e debatan entre eles e, se o consideran oportuno, avancen cara a mobilizacións conxuntas cos compañeiros de Lugo.
|
|
Martes, 13 Decembro 2011 11:24 |
|
A “MESA DE NEGOCIACIÓN BILATERAL”: unha proposta sectaria e ilegal dos sindicatos médicos corporativos.
Os sindicatos médicos corporativos (CESM-OMEGA) pretenden que os problemas laborais dos facultativos se negocien nunha mesa de negociación bilateral entre eles e o SERGAS, e ao marxe da Mesa Sectorial.
Trátase dunha proposta que parte de premisas falsas, e que é claramente ilegal. Tamén é unha proposta profundamente sectaria, pois parte da autoproclamación dos seus promotores como únicos representantes dos facultativos, e pretende deixar ao noso sindicato fóra da negociación das condicións laborais e profesionais dos facultativos. Ademais, trátase dunha proposta que debilita a unidade de acción de todos os que afirmamos que nos opoñemos aos recortes e aos intentos de desmantelar a sanidade pública.
CIG-Saúde, e os facultativos que formamos parte da súa Agrupación Médica (AgM-CIG), non estamos dispostos a ficar calados nin quedos diante dun intento premeditado de negar o noso dereito á negociación colectiva e de marxinarnos. Temos razóns sobradas, e somos quen de razoalas e explicalas. Facémolo aquí.
A recente convocatoria de folga de facultativos do 16/11/2011, e súa posterior e escura desconvocatoria, volveu situar no centro do debate entre os profesionais sanitarios, unha vella pretensión do sindicalismo médico corporativo: a de que se abra “una Mesa de negociación y dialogo directo entre la Administración y CESM-OMEGA en la que se negociarán todas las cuestiones con repercusiones sobre el facultativo y la asistencia sanitaria”. Este, e non a loita contra os recortes, era o 1º obxectivo que se perseguía coa folga do 16/11/2011, como ficaba claramente establecido na acta de convocatoria de folga. Polos motivos que axiña explicamos, esa “Mesa bilateral”, é unha proposta totalmente inaceptábel para a CIG e para os facultativos que formamos a súa Agrupación Médica (AgM-CIG). Neste documento explicamos as nosas posicións.
|
|
Martes, 13 Decembro 2011 01:23 |
|
O Sergas ven de convocar a Mesa de Seguimento dos Acordos de Primaria para o día 20 de decembro. Semella que a entrega masiva de sinaturas e a convocatoria de concentración xa ten dado os seus primeiros froitos.
En consecuencia, CIG-Saúde decidiu desconvocar a concentración prevista para o día 15. No caso de que nesa xuntanza do día 20 o Sergas non dea unha resposta satisfactoria ás reivindicacións dos profesionais de PAC, convocaríamos novas mobilizacións.
|
|
Xoves, 01 Decembro 2011 11:59 |
|
Ven de publicarse no DOG a composición dos tribunais do concurso-oposición de farmacéuticos inspectores de saúde pública, inspectores farmacéuticos, inspectores médicos e subinspectores sanitarios. Pode consultarse premendo aqui.
|
|
Xoves, 01 Decembro 2011 09:57 |
|
A Agrupación Médica de CIG-Saúde quere manifestar o seu desacordo co xeito no que foi convocada a proba ECOE para o acceso ao título de Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.
Aos máis de 300 profesionais implicados, comunícaselles, mediante carta certificada o día 29 de novembro, que realizarán a proba ECOE o día 6 de decembro en Madrid.
Parece difícil de xustificar que o Ministerio de Sanidade comunique ás comunidades autónomas o día 28 de novembro que o inicio da realización da proba ECOE será cinco días despois, o 3 de decembro, tendo en conta, ademais, que as e os profesionais teñen presentado a documentación para acceder a ela hai máis de tres anos.
A situación resulta aínda máis intolerable cando se introducen cambios na proba ECOE, que difire en canto ao contido, coa xa realizada nas anteriores convocatorias, introducindo un test escrito do que non se explica nin a súa extensión, nin a súa forma de puntuación, nin os coñecementos teóricos que abarca, polo que se xera unha privación do dereito á información, que é básica á hora de afrontar a proba en condicións, e se atenta contra o dereito de igualdade que lle debe equiparar cos anteriores compañeiros para a obtención do mesmo título de Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.
A Agrupación Médica de CIG-Saúde pon a disposición das afectadas e afectados un modelo de recurso de alzada presentado por algúns compañeiros por se estiman oportuno presentalo.
|
|
Martes, 29 Novembro 2011 08:42 |
|
CIG-Saúde reclama o correcto cumprimento dos Acordos de PACs e unha reunión urxente da Comisión de Seguimento, e convoca Concentración do persoal afectado, o xoves 15 de decembro, ás 11:00 horas, diante do SERGAS en Santiago.
Entrega no rexistro da consellaría de Sanidade 400 sinaturas de médicos/as e enfermeiros/as apoiando estas demandas.
CIG-Saúde demandamos, en rolda de prensa, o correcto cumprimento dos acordos de Puntos de Atención Continuada (PACs) e solicitamos a reunión, con carácter urxente, da Comisión de Seguimento dos Acordos para tratar aspectos como cómputo de xornada; confección de calendarios; cumprimento da acta do 16 de xuño e contratación de persoal das listas. Antes da rolda de prensa presentamos, no rexistro da consellaría de Sanidade, 400 sinaturas de médicas/os e enfermeiras/os sumándose a estas reclamacións.
Desde CIG-Saúde temos presentado por rexistro un escrito, con data 26 de outubro de 2011, no que SOLICITAMOS que, con carácter urxente, se reúna a Comisión de Seguimento dos acordos do 14 de marzo e do 4 de abril de 2008.
Diante da ausencia de resposta, realizamos asembleas co persoal afectado de tódalas áreas, onde se decidiu iniciar unha campaña de recollida de sinaturas, que agora presentamos. As máis de 400 sinaturas presentadas supoñen un apoio importante do colectivo ás nosas reivindicacións, polo que agardamos que o SERGAS convoque a comisión de seguimento e atenda as nosas demandas.
De non ser así, CIG-Saúde ten convocada unha Concentración do persoal afectado, médicas/os e enfermeiras/os de PAC, o xoves 15 de decembro, ás 11:00 horas, diante do SERGAS en Santiago.
|
|
Luns, 28 Novembro 2011 23:32 |
|
As e os aspirantes de GALIZA, realizarán a proba ECOE o Martes 6 de decembro de 2011, co seguinte horario: 08:00 horas.- De "Abdulkadir Kurdi" a "Salgado González". 12:00 horas.- De "Salgado Rocha" a "Yáñez Fernández".
Lugar.- Hotel Auditorium Madrid, Centro de Congresos Príncipe Felipe, Av. de Aragón, 400 -28022 Madrid.
Páxina do Ministerio de Sanidade
Páxina da SEMFYC
|
|