|
Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de
Galicia.

Sumario
Título I
Disposicións preliminares
Título II
Sistema sanitario de Galicia
Capítulo I
Disposicións xerais
Capítulo II
Ordenación territorial da sanidade
Capítulo III
Actividade sanitaria privada
Capítulo IV
A rede galega de atención sanitaria de
utilización pública
Sección 1.ª
Concepto e caracterización
Sección 2.ª
Aseguramento
Sección 3.ª
Hospitais de utilización pública
Título III
Das competencias sanitarias das administracións públicas de Galicia, das
actuacións da Xunta en relación coa Unión Europea e das relacións de cooperación
co Estado, con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no
exterior
Capítulo I
Competencias da Administración autonómica
Capítulo II
Competencias da Administración local
Capítulo III
Da Unión Europea
Capítulo IV
Das relacións de cooperación coa Administración do Estado, con outras
comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia
sanitaria
Título IV
Servicio Galego de Saúde
Capítulo I
Principios xerais
Capítulo II
Organización
Capítulo III
As funcións de compra e provisión de servicios sanitarios
Sección 1.ª
Da compra de servicios sanitarios
Sección
2.ª
Da provisión de servicios sanitarios
Sección
3.ª
Organización e xestión
Capítulo IV
Medios materiais e réxime patrimonial
Capítulo V
Réxime financeiro, orzamentario e contable
Capítulo VI
Recursos humanos
Capítulo VII
Regulación básica dos órganos de dirección
técnicos e colexiados dos centros asistenciais
Capítulo VIII
Formas de xestión de servicios sanitarios con
personalidade xurídica propia
Sección 1.ª
Principios xerais
Sección 2.ª Fundacións públicas sanitarias
Capítulo IX
Do réxime xurídico, da responsabilidade patrimonial e da representación e
defensa en xuízo
Título V
Planificación, actuacións e intervención en materia de saúde
Capítulo I
Plan de saúde de Galicia
Capítulo II
Actuacións en materia de saúde
Sección 1.ª Saúde pública
Sección 2.ª Saúde laboral
Capítulo III
Intervención pública
Sección 1.ª
Intervencións. Principios xerais
Sección 2.ª
Hemodoazón e hemoterapia
Título VI
Asistencia sanitaria na rede galega de atención sanitaria de utilización pública
Capítulo I
Atención primaria
Capítulo II
Atención especializada
Capítulo III
Outras modalidades asistenciais
Capítulo IV
Atención sociosanitaria
Capítulo V
Atención en materia de drogodependencias
Capítulo VI
Prestacións farmacéuticas
Capítulo VII
Prestacións complementarias
Capítulo VIII
Servicios de información e documentación sanitaria
Título VII
Participación comunitaria
Capítulo I
Disposicións xerais
Capítulo II
O Consello Galego de Saúde
Capítulo III
Comisións de participación cidadá
Capítulo IV
Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia
Título VIII
Dereitos e deberes dos cidadáns
Capítulo I
Disposicións xerais
Capítulo II
Dereitos e deberes dos cidadáns no sistema sanitario de Galicia
Capítulo III
Vaedor do Paciente
Título IX
Infraccións e sancións
Título X
Docencia, formación e investigación sanitarias
Capítulo I
Docencia e formación
Capítulo II
Investigación
Disposicións adicionais
Disposicións transitorias
Disposición derrogatoria
Disposicións derradeiras
A Constitución española
recoñece, no seu artigo 43, o dereito dos cidadáns á protección da saúde, e
responsabiliza os poderes públicos da organización e tutela da saúde pública a
través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios,
establecendo no mesmo precepto que a lei determinará os dereitos e deberes de
todos ó respecto. En desenvolvemento das devanditas previsións, as Cortes Xerais
dictaron a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia
de saúde pública; a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei
25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, e a Lei 15/1997, do 25 de abril,
sobre habilitación de novas formas de xestión do sistema nacional de saúde, que
xunto coa Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local,
constitúen o marco legal básico ó que debe axustarse o sistema sanitario no
ámbito do Estado español.
Pola
súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, dentro do marco que prevé a
Constitución nos artigos 148 e 149 no tocante á distribución de competencias
entre o Estado e as comunidades autónomas, confírelle a esta Comunidade plena
capacidade para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación
básica do Estado en materia de sanidade interior.
No exercicio destas competencias, promúlgase esta lei, que ten por obxecto a
ordenación do sistema sanitario de Galicia -configurado polo conxunto dos
recursos, actividades, servicios e prestacións que teñen por finalidade a
promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a
rehabilitación, todo iso nun marco integral-, así como a regulación de cantas
actuacións permitan facer efectivo o dereito dos cidadáns á protección da saúde
no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para estes efectos, a lei vertebra o sistema sanitario de Galicia -que se sitúa
baixo a dirección da Consellería de Sanidade da Xunta- ó abeiro dos principios
de orientación ós cidadáns e participación social, concepción integral da saúde,
universalidade do dereito ás prestacións de cobertura pública, promoción da
equidade e do equilibrio territorial no acceso ás prestacións e servicios
sanitarios, calidade dos servicios -tanto na vertente clínica e organizativa
coma na atención ós cidadáns-, cooperación entre tódolos axentes que integran o
sistema e mais seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das
súas actuacións, entre outros.
Nesa vertebración recoñécese a importancia da actividade sanitaria privada para
a universalidade do exercicio dos dereitos á prestación dos servicios de saúde,
a promoción e o exercicio da equidade e o seu necesario equilibrio territorial.
Configúrase así o sistema como
mixto, de tal forma que a lei establece e regula a rede galega de atención
sanitaria de utilización pública, configurada polos recursos, actividades,
servicios e prestacións, de natureza pública ou privada, financiados
publicamente, como instrumento ordenado para facer efectivo o dereito
constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, a lei determina as competencias sanitarias das diferentes
administracións públicas de Galicia, así como as actuacións da Xunta en relación
coa Comunidade Europea, as relacións de cooperación co Estado e con outras
comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior, todo iso en
materia sanitaria.
Do mesmo xeito, esta lei establece a ordenación e regulación do Servicio Galego
de Saúde, a planificación sanitaria e as actuacións en materia de saúde pública
e saúde laboral, a ordenación das prestacións e servicios sanitarios que
configuran o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito
territorial de Galicia, a participación comunitaria nas actividades sanitarias,
a fixación dos dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios
sanitarios -que inclúe o establecemento e a regulación da figura do Vedor do
Paciente- e as infraccións e sancións, así como a formación e investigación
sanitarias.
Neste contexto, o título I da lei, relativo ás disposicións preliminares,
define o seu obxecto e alcance, así como o papel institucional atribuído á
Xunta de Galicia e, máis en concreto, á Consellería de Sanidade, dentro do marco
das obrigas que corresponden ós poderes públicos en materia sanitaria, e na súa
necesaria cooperación coas institucións responsables en materia de servicios
sociais para dar adecuada cobertura ás crecentes necesidades sociosanitarias da
poboación.
O título II define o sistema sanitario de Galicia, que engloba, consonte se
dixo, toda a sanidade galega, pública e privada; enumera as funcións que neste
ámbito xeral competen á Xunta de Galicia, e establece os principios que
inspiran o sistema sanitario da Comunidade -ós que se fixo referencia xenérica
con anterioridade- e a fixación do cal responde a unha clara vontade de
situa-los cidadáns no epicentro do sistema, enfatizando na cooperación de
tódolos axentes que o integran -fronte á idea de competencia entre estes, cada
vez máis deostada e promovendo a garantía de calidade dos servicios, todo iso
nun esforzo decidido de evitar que se produzan desigualdades en saúde e asegurar
un sistema sanitario eficaz, equitativo e solidario. Neste contexto, un
elemento esencial para a configuración do sistema sanitario de Galicia
constitúeo, como non pode ser doutro modo, a súa ordenación territorial, que
tamén se aborda neste título.
A ordenación territorial da sanidade, organizada en áreas sanitarias e, dentro
do seu ámbito, en distritos hospitalarios e zonas de atención primaria, é
coherente coa realidade sanitaria de Galicia, e permite desenvolvementos
flexibles para a adecuada atención sanitaria da poboación en termos de equidade
no acceso e equilibrio territorial consonte as necesidades dos cidadáns da
Comunidade, tanto no ámbito da atención primaria coma no ámbito da atención
especializada e das restantes modalidades da atención sanitaria. Ademais, neste
título II introdúcese o concepto de rede galega de atención sanitaria de
utilización pública como instrumento, no marco do sistema sanitario de Galicia,
para garanti-los servicios e as prestacións que configuran o dereito
constitucional á protección da saúde e á atención sanitaria dos cidadáns,
conforme as premisas de financiamento público e aseguramento único e público,
con especial referencia ós hospitais integrados na rede para unha óptima
ordenación da atención especializada de cobertura pública.
O título III establece as
competencias sanitarias das distintas administracións públicas, tanto polo que
se refire á Xunta de Galicia -e dentro desta, en concreto, ó Consello da Xunta e
á Consellería de Sanidade- coma ás entidades locais, respectando para o efecto o
ámbito funcional que lles confiren respectivamente o bloque da
constitucionalidade e a lexislación básica a que se fixo referencia con
anterioridade. Ademais, este título regula, segundo se dixo, as actuacións da
Xunta en relación coa Unión Europea, as relacións de cooperación co Estado e
con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no exterior en
materia sanitaria, todo iso con estricta suxeición ó prevido na Constitución e
no Estatuto de autonomía de Galicia e na interpretación que dos preceptos
constitucionais e estatutarios relativos ós ámbitos de referencia dictou o
Tribunal Constitucional. Preténdese con iso articular un sistema sanitario no
marco da Comunidade Autónoma de Galicia axustado ás directrices establecidas
polos poderes públicos supracomunitarios ás que este sistema debe cinguirse por
imperativo das leis e das convencións internacionais, e de cooperar
estreitamente co Estado e coas outras comunidades autónomas na configuración
dun sistema nacional de saúde autenticamente coherente, harmónico e solidario,
todo iso sen abandonar nin un chisco o exercicio das responsabilidades
institucionais que o ordenamento xurídico lle confire á nosa Comunidade. Cómpre
sinalar, polo demais, que esta regulación non ten precedente na lexislación
sanitaria autonómica dictada ata o de agora e constitúe, por iso, unha das
principais novidades e achegas desta lei á construcción do novo escenario no que
se inscribe o sistema nacional de saúde unha vez transferidos os servicios de
asistencia sanitaria da Seguridade Social a tódalas comunidades autónomas.
Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle
corresponden á
Comunidade
Autónoma de Galicia, establécese o Servicio Galego de Saúde, á regulación do cal
se ordena o título IV desta lei. O Servicio Galego de Saúde -seguindo a positiva
experiencia alcanzada en Galicia nos últimos anos baixo tal fórmula e de acordo
co modelo organizativo máis xeneralizado entre as comunidades autónomas-
configúrase como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de
personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus
fins, adscrito á Consellería de Sanidade -que exerce sobre aquel as funcións de
dirección, vixilancia e tutela e integrado por tódolos centros, servicios e
establecementos sanitarios de titularidade da Administración autonómica
galega, ó que corresponde a dobre función de compra e provisión de servicios
sanitarios, que se exercerán de forma separada. Ademais, as previsións deste
título complétanse coa regulación do réxime patrimonial, financeiro,
orzamentario, contable e de recursos humanos aplicable ó servicio, coa
regulación básica dos órganos de dirección técnicos e colexiados dos centros
asistenciais e das distintas formas de xestión de servicios sanitarios con
personalidade xurídica propia -fundacións públicas sanitarias e outras- que
recollen a positiva experiencia que ó respecto se produciu en Galicia nos
últimos anos, así como os avances que nesta materia introduciron tanto a Lei
estatal 15/1997, do 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión
do sistema nacional de saúde, coma diversas leis autonómicas con resultados
satisfactorios, todo iso co obxectivo de conseguir unha xestión máis eficiente
dos recursos públicos e un maior grao de eficacia e calidade na prestación dos
servicios sanitarios de titularidade pública.
A
convicción de que non pode haber xestión adecuada dos recursos sanitarios
públicos sen que previamente se identificasen as principais necesidades
sanitarias da poboación levou a dedicarlle un capítulo completo dentro do
título V ó Plan de saúde de Galicia, que se configura como o instrumento
superior de planificación e dirección do sistema sanitario de Galicia no que se
integran as actuacións intersectoriais que teñen relación cos factores
determinantes da saúde da poboación. Por primeira vez fíxanse os contidos
mínimos que debe te-lo Plan de saúde, que culmina coa determinación de
obxectivos de saúde programados no tempo. Este instrumento, cunha vixencia
ordinaria de catro anos, será aprobado polo Consello da Xunta, e establécense
ademais os mecanismos adecuados para a súa avaliación e seguimento. Neste mesmo
título abórdanse as actuacións en materia de saúde que efectúan as
administracións sanitarias de Galicia, ordenándose a coordinación dos programas
intersectoriais en materia de saúde pública que poidan desenvolverse e fixándose
unha serie de actividades no campo da saúde pública que van desde a
identificación dos principais problemas de saúde ata o establecemento de
programas e actuacións específicos para minimizalos ou eliminalos. Polo que se
refire á saúde laboral, recóllese o marco legal que é de aplicación as
funcións que especificamente lle corresponden á Xunta de Galicia nesta materia.
Finalmente, regúlanse as medidas de intervención administrativa en materia de
protección da saúde e prevención da enfermidade, que adquiren nesta lei unha
relevancia moi especial, así como o exercicio das funcións de autoridade
sanitaria e inspección.
Os
obxectivos de garantía e seguridade xurídica que inspiran esta lei esixen que se
determinen as prestacións sanitarias financiadas pola Xunta de Galicia nas súas
modalidades asistenciais, ámbito ó que se dedica o título VI desta lei. Dentro
deste ámbito inclúense a atención primaria, a atención especializada e as
prestacións farmacéuticas e complementarias, así como os servicios de
información documentación sanitaria, respecto dos que se
salienta especialmente a necesidade de preserva-la confidencialidade dos datos
de saúde dos cidadáns. A atención pediátrica, a fisioterapia e a atención á
saúde bucodental aparecen especificamente recollidas como modalidades
prestacionais da atención primaria. Noutra orde de cousas, regúlanse tamén neste
título a atención sociosanitaria, a atención en materia de drogodependencias e a
atención continuada e de emerxencias.
Non se pode abeira-la esixencia constitucional que entraña a participación do
cidadán no sistema sanitario, polo que se fai necesario dar camiños para esa
participación a través dos distintos mecanismos que se establecen no título VII,
que prevé a existencia do Consello Galego de Saúde e as comisións de
participación cidadá no ámbito das áreas sanitarias, cunhas normas de
organización e de funcionamento que se establecerán regulamentariamente, sen
prexuízo de que tamén se poidan establecer órganos de participación comunitaria
a outros niveis territoriais ou funcionais do sistema sanitario de Galicia.
Verbo da participación dos profesionais, créase o Consello Asesor do Sistema
Sanitario de Galicia, que se verá complementado, se é o caso, mediante a
designación de asesores sectoriais en materias específicas relacionadas coa
asistencia e organización sanitarias, a saúde pública, a docencia
• investigación e as ciencias da saúde e, en xeral, en
calquera outra materia de interese sanitario, a criterio do conselleiro de
Sanidade.
O título VIII está dedicado en toda a súa extensión ó establecemento e
regulación dos dereitos e deberes dos cidadáns no ámbito do sistema sanitario de
Galicia. Trátase dunha exhaustiva relación de dereitos que afectan tanto ó
ámbito da promoción da saúde
• a protección da enfermidade coma ó ámbito das
prestacións asistenciais. Algúns deles, enunciados na lexislación básica á que
nos referimos con anterioridade, son agora obxecto de desenvolvemento, mentres
que outros son recoñecidos ex novo por esta disposición legal, como é o caso dos
dereitos á educación sanitaria e á información adecuada que propicien a
adopción de hábitos e estilos de vida saudables, ou o dereito á protección da
saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais e específicos,
ou a
medidas de prevención da enfermidade de probada eficacia e seguridade, así como
o dereito a unha segunda opinión médica -nos termos que se establezan
regulamentariamente- e o dereito a que determinadas prestacións sanitarias lles
sexan dispensadas ós cidadáns nuns prazos previamente definidos e coñecidos,
tamén establecidos regulamentariamente, dereitos todos eles dun indubidable
interese, cun recoñecemento que supón un fito importante na liña da
profundación e mellora da calidade da atención sanitaria. Ademais, esta relación
de dereitos predicables de tódolos cidadáns en xeral complétase con algúns
dereitos especificamente recoñecidos a determinados colectivos dignos de
especial protección como son os enfermos mentais ou os pacientes
drogodependentes, entre outros. Como contrapunto ós dereitos que se establecen
nesta lei, que sitúan o sistema sanitario de Galicia entre os sistemas
sanitarios máis garantistas do noso contorno socioeconómico, fíxanse tamén as
obrigas dos cidadáns en relación coas institucións e cos servicios sanitarios.
Finalmente, créase a figura do Vedor do Paciente, encargada de velar polo
cumprimento dos dereitos recoñecidos ós cidadáns nesta lei e mediar activamente
nos conflictos que en relación co exercicio efectivo destes se poidan
presentar.
Ademais, o título IX regula de forma exhaustiva as infraccións e sancións, a súa
tipificación, cualificación e gradación, a competencia para a imposición
destas e as medidas cautelares para asegura-lo cumprimento das sancións, así
como a súa prescrición e caducidade.
Finalmente, o título X, dedicado á docencia, formación e investigación
sanitarias, precisa o papel dos distintos axentes que interveñen nestes ámbitos
e regula a colaboración entre os centros sanitarios e as universidades como eixe
central e premisa indispensable para o desenvolvemento destas actividades, que
son inseparables das estrictamente asistenciais para o adecuado funcionamento do
sistema sanitario. Dentro deste título regúlase a Escola Galega de
Administración Sanitaria, fundación pública adscrita á Consellería de Sanidade
da Xunta de Galicia, á que lle competen labores tan importantes como a docencia
e a investigación en administración e xestión sanitaria, sociosanitaria e de
saúde pública.
En definitiva, a implantación do modelo que esta lei configura -que recolle en
boa medida as liñas directrices da política sanitaria da Xunta de Galicia desde
o seu establecemento- axudaranos a avanzar na adecuada distribución dos recursos
sanitarios, na optimización dos medios económicos que se destinan ó seu
sostemento, na coordinación de tódolos dispositivos sanitarios, calquera que
sexa a súa titularidade, no achegamento e a participación dos cidadáns -que se
constitúen no eixe central do sistema sanitario- e na mellora da calidade dos
servicios, co obxectivo último de protexer e mellora-la saúde de todos no ámbito
da nosa Comunidade.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co
artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a
Lei de ordenación sanitaria de Galicia.
Título I
Disposicións preliminares
índice^
Artigo 1. Obxecto.
Esta lei ten por obxecto a ordenación sanitaria na Comunidade Autónoma de
Galicia, a través da delimitación xeral das actuacións que permitan facer
efectivo no seu ámbito territorial o dereito dos cidadáns á protección da saúde
previsto no artigo 43 e concordantes da Constitución española, no marco das
competencias que lle atribúe o Estatuto de autonomía.
Artigo 2. Alcance da
lei.
Esta lei comprende os
ámbitos seguintes:
1. O establecemento e a ordenación do sistema sanitario de Galicia, no que se
integra e articula funcionalmente o conxunto de recursos, actividades, servicios
e prestacións que teñen por finalidade a promoción e a protección da saúde, a
prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación, todo iso
nun marco integral.
2. O establecemento e a regulación da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública, configurada por cantos recursos, actividades, servicios e
prestacións, de natureza pública ou privada, financiados publicamente,
contribúen a facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde e á
atención sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A regulación xeral das competencias sanitarias das diferentes administracións
públicas de Galicia, das actuacións da Xunta de Galicia en relación coa Unión
Europea e das relacións de cooperación co Estado, con outras comunidades
autónomas e coas comunidades galegas no exterior en materia sanitaria.
4. A
ordenación e a regulación do Servicio Galego de Saúde.
5. A planificación sanitaria, as actuacións en materia de saúde pública e saúde
laboral e a intervención pública en materia de saúde.
6. A ordenación das prestacións e servicios sanitarios que configuran o dereito
á protección da saúde e á atención sanitaria no ámbito territorial de Galicia.
7. A
participación comunitaria nas actividades sanitarias.
8. A
fixación dos dereitos e obrigas dos cidadáns respecto dos servicios sanitarios
en Galicia.
9. As infraccións e
sancións.
10. A formación e a
investigación sanitarias.
Artigo 3. Marco
institucional.
1. Correspóndelle á Xunta de Galicia vixia-la evolución dos factores
determinantes da saúde e da enfermidade e fixa-las medidas que aseguren, no
conxunto das actuacións sectoriais da Administración autonómica, a adecuada
atención que demandan a protección e o fomento da saúde dos cidadáns.
2. A Consellería de Sanidade promoverá a cooperación necesaria coas
institucións responsables en materia de servicios sociais para que a atención ós
problemas e necesidades sociais e as accións de prevención e asistencia
sanitaria se complementen de forma adecuada. Igualmente, fomentará actuacións
integrais sociais e sanitarias ante aqueles problemas de dependencia,
cronicidade ou outros nos que a cooperación de ámbolos sistemas comporte
vantaxes sociais e asistenciais.
Título
II
Sistema sanitario de Galicia
Capítulo I
Disposicións xerais
índice^
Artigo 4.
Definición.
O sistema sanitario de Galicia é o conxunto de tódolos recursos, funcións,
actividades, actuacións, servicios e prestacións de persoas físicas ou
xurídicas, públicas ou privadas, no territorio de Galicia, que teñen por
finalidade o coidado da saúde e a realización plena deste ben individual e
colectivo mediante actuacións de promoción e protección da saúde, prevención da
enfermidade, asistencia sanitaria e rehabilitación, todo iso nun marco
integral.
Artigo 5. Dirección.
A dirección do sistema sanitario de Galicia é competencia da Xunta de Galicia a
través da Consellería de Sanidade, e ten como principais funcións de carácter
estratéxico as seguintes:
1. As intervencións que supoñan exercicio de autoridade necesarias para
garanti-la tutela xeral da saúde pública.
2. A ordenación das relacións coas persoas que gozan do dereito ás prestacións
sanitarias de cobertura pública.
3. A fixación de
obxectivos de mellora da saúde.
4. A delimitación do dispositivo de medios de titularidade pública ou adscritos
ó sistema, segundo as necesidades de saúde da poboación.
Artigo 6.
Principios.
Informan o
sistema sanitario de Galicia os principios seguintes:
1.
Orientación cara ós cidadáns e a participación social.
2. A súa concepción integral, que inclúe a promoción da saúde, a protección
fronte a situacións e circunstancias que supoñen risco para a saúde e en
particular a protección fronte a riscos ambientais, a prevención da enfermidade
e a asistencia sanitaria, así como a rehabilitación.
3. Universalidade do dereito ós servicios e prestacións de cobertura pública,
na forma e condicións previstas na lexislación vixente.
4.
Promoción, con carácter xeral, da saúde dos traballadores.
5.
Promoción da equidade e do equilibrio territorial no acceso ós servicios e
prestacións sanitarios.
6. Calidade dos servicios, cunha énfase especial na calidade da atención clínica
e da organización dos servicios e nunha atención personalizada e humanizada.
7. Cooperación intersectorial como elemento de cohesión das políticas de tódolos
sectores con responsabilidades sobre a saúde.
8. Seguridade, efectividade e eficiencia no desenvolvemento das actuacións, que
deberán basearse na evidencia científica dispoñible e nos valores éticos,
sociais e culturais.
9. Promoción do interese e corresponsabilidade individual, familiar e social
pola saúde mediante unha axeitada educación e unha correcta información, sobre
as formas de vida saudables, os recursos e os servicios existentes.
10.
Promoción da investigación básica e clínica no ámbito das ciencias da saúde.
11. Respecto á intimidade dos cidadáns en relación con todo o seu proceso
asistencial, así como á confidencialidade dos seus datos persoais de saúde.
12.
Promoción da superación das desigualdades sociais en saúde.
13. Defensa da cultura da excelencia, da ética profesional, da ética do servicio
público e do compromiso social.
Capítulo II
Ordenación territorial da sanidade
índice^
Artigo 7. Ordenación
territorial.
1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a sanidade estructúrase
territorialmente en áreas sanitarias.
2. As áreas sanitarias constitúen a demarcación territorial equivalente ás áreas
de saúde previstas no artigo 56 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de
sanidade.
3. O ámbito xeográfico de cada unha das áreas sanitarias determinarase por
decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Sanidade, en
función das necesidades sanitarias da Comunidade Autónoma e tendo en conta
factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e
de dotación de vías e medios de comunicación.
4. Correspóndelles ás áreas sanitarias a xestión unitaria dos recursos
sanitarios públicos do seu ámbito territorial, así como das prestacións e
programas sanitarios que estas desenvolvan.
5. Para os efectos previstos no apartado anterior, a totalidade dos dispositivos
e recursos sanitarios de utilización pública de cada ámbito xeográfico estarán
adscritos á área sanitaria correspondente.
6. En función das súas características xeográficas e socioeconómicas, así como
das necesidades sanitarias e dos recursos sanitarios públicos existentes en
cada ámbito xeográfico, as áreas sanitarias poderán organizarse á súa vez en
dispositivos sanitarios ós que, dependendo destas, se lles encomende a xestión
unitaria de hospitais ou complexos hospitalarios e/ou a xestión integral dos
recursos asistenciais de atención primaria do ámbito correspondente.
7. A estructura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas
sanitarias e dos dispositivos sanitarios dependentes destas, se é o caso,
determinaranse regulamentariamente.
8. As áreas sanitarias contarán cos órganos de participación comunitaria a que
se refire o capítulo III do título VII desta lei.
Artigo 8. Distritos
hospitalarios.
Os distritos hospitalarios son divisións funcionais das áreas sanitarias e
constitúen o marco territorial para a prestación da atención especializada.
A delimitación dos distritos hospitalarios terá carácter funcional e realizaraa
o Servicio Galego de Saúde, atendendo criterios de demarcación territorial que
permitan o adecuado desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 9. Zonas de
atención primaria.
As zonas de atención primaria son divisións funcionais das áreas sanitarias e
constitúen as unidades elementais onde se presta a atención primaria de saúde de
acceso directo ós usuarios. Unha ou varias zonas de atención primaria poderán
estar agrupadas ou interrelacionadas para a prestación de servicios de apoio,
incluíndo a atención continuada.
A delimitación das zonas de atención primaria terá carácter funcional e
efectuaraa o Servicio Galego de Saúde, conforme criterios funcionais de índole
xeográfica, demográfica, epidemiolóxica e de accesibilidade, tendo en conta, en
todo caso, as necesidades sanitarias da poboación.
Capítulo III
Actividade sanitaria privada
índice^
Artigo 10.
Principios.
1. Dentro do sistema sanitario de Galicia e para a súa concepción integrada
recoñécese a importancia da actividade sanitaria privada para o exercicio da
universalidade dos dereitos á prestación dos servicios de saúde, a promoción e
exercicio da equidade e o seu necesario equilibrio territorial na Comunidade
Autónoma.
2. Para a cooperación da
actividade sanitaria privada coa rede galega de atención sanitaria de
utilidade pública, e sen prexuízo do disposto expresamente nesta lei, o Plan
de saúde de Galicia ademais determinará as accións que durante a súa vixencia
sexan susceptibles dunha acción conxunta.
3. Regulamentariamente,
determinaranse os centros, servicios e establecementos sanitarios de
titularidade privada que haberán de ser acreditados.
Capítulo IV
A rede galega de atención sanitaria de utilización pública
Sección 1.ª
Concepto e caracterización
índice^
Artigo 11. Concepto.
A rede galega de atención
sanitaria de utilización pública está configurada polo conxunto de recursos,
actividades, servicios e prestacións, de natureza pública ou privada,
financiados publicamente, que contribúen a facer efectivo o dereito á protección
da saúde e á atención sanitaria con suxeición ós principios do sistema sanitario
de Galicia.
Artigo 12. Funcións.
A rede galega de atención sanitaria de utilización pública desenvolve as
funcións seguintes:
1. Promoción e protección da
saúde, prevención da enfermidade e educación sanitaria, nos termos que fixe a
autoridade sanitaria no seu ámbito de actuación.
2. Asistencia sanitaria, con criterios de efectividade, eficiencia, seguridade
e calidade.
3. Participación nos sistemas de información sanitaria e de vixilancia
epidemiolóxica.
4. Docencia, formación continuada e investigación no campo das ciencias da
saúde.
5. Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas.
Artigo 13.
Dirección.
A dirección da rede galega de
atención sanitaria de utilización pública correspóndelle á Xunta de Galicia, a
través da Consellería de Sanidade, á que lle compete promove-la equidade no
acceso ás prestacións e servicios sanitarios e asegurar uns niveis de calidade
homoxéneos en tódolos dispositivos da rede, todo iso sen prexuízo da
responsabilidade das persoas físicas ou xurídicas que desempeñan a titularidade
e a xestión dos recursos, actividades, servicios e prestacións que integran a
rede.
Artigo 14. Centros e
servicios.
1. A rede galega de atención sanitaria de utilización pública está composta
por:
a) Os centros, servicios e
establecementos sanitarios públicos do Servicio Galego de Saúde ou adscritos a
este.
b) Os centros, servicios e
establecementos sanitarios con personalidade xurídica propia adscritos ou
vinculados á Consellería de Sanidade.
c) Os centros, servicios e
establecementos sanitarios doutras administracións públicas galegas, nos termos
previstos nos respectivos convenios ou acordos subscritos para o efecto.
d) Aqueloutros centros,
servicios e establecementos sanitarios ós que o Servicio Galego de Saúde lles
contrate a prestación de servicios de asistencia sanitaria de cobertura pública.
2. Tódolos centros, servicios e
establecementos integrados na rede galega de atención sanitaria de utilización
pública terán que ser acreditados, atendendo a súa tipoloxía, consonte as
normas que se establezan para tal efecto por decreto do Consello da Xunta, co
fin de asegurar uns niveis de calidade homoxéneos.
3. A inclusión na rede galega
de atención sanitaria de utilización pública implica o sometemento dos centros,
servicios e establecementos correspondentes ós plans, programas, directrices e
criterios de actuación, así como á supervisión, inspección e control que
estableza a Consellería de Sanidade, sen prexuízo da súa titularidade e xestión
pública ou privada polas entidades e organismos que a desempeñen e da
titularidade das relacións laborais do persoal que neles preste os seus
servicios.
Sección 2.ª Aseguramento
índice^
Artigo 15.
Aseguramento.
O aseguramento único e público
constitúe unha característica da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública.
Sección 3.ª
Hospitais de utilización pública
índice^
Artigo 16. Concepto.
Os hospitais de utilización
pública son o instrumento funcional da rede galega de atención sanitaria de
utilización pública para conseguir unha ordenación óptima da atención
especializada que permita o acceso e desfrute polos cidadáns dos servicios máis
adecuados para o diagnóstico e tratamento dos procesos patolóxicos.
Artigo 17. Hospitais
privados integrados na rede.
1. Integran a rede galega de atención sanitaria de utilización pública os
centros e establecementos hospitalarios de entidades privadas, debidamente
acreditados, que subscriban un contrato de servicios sanitarios a que se refire
o artigo 40 desta lei co Servicio Galego de Saúde para a provisión de servicios
de atención especializada de cobertura pública
2. En cada contrato de
servicios sanitarios que se subscriba quedará establecido que a atención
sanitaria prestada polos hospitais privados ós titulares do dereito á
protección da saúde e á atención sanitaria financiadas publicamente se imparte
en condicións de gratuidade.
3. Son
causas de denuncia do contrato de servicios sanitarios as seguintes:
a)
Presta-la atención sanitaria que constitúe o seu obxecto transgredindo o
principio de gratuidade.
b)
Infrinxir con carácter grave a lexislación laboral, da Seguridade Social ou
fiscal.
c) Lesiona-los dereitos establecidos nos artigos 16, 18, 20 e 22 da Constitución
cando así se determine por sentencia.
d) Deixar de adopta-las medidas legais, de carácter técnico ou organizativo, en
materia de protección e confidencialidade dos datos persoais de saúde dos
pacientes, permitindo con iso a vulneración da súa intimidade.
e) Calquera
outra que derive das obrigas establecidas nesta lei.
4. Os hospitais privados que se integren na rede galega de atención sanitaria de
utilización pública estarán sometidos ás mesmas inspeccións e controis
sanitarios, administrativos e económicos cós hospitais públicos, aplicándose
criterios homoxéneos e previamente regulados.
Artigo 18.
Incompatibilidades.
Non poderán ser incluídos na rede galega de atención sanitaria de utilización
pública, nin ser obxecto de contrato de servicios sanitarios ou autorización de
uso, os hospitais e establecementos do sector privado cando nalgún dos seus
propietarios ou dos seus traballadores concorran as causas de incompatibilidade
que establece a lexislación sobre incompatibilidades do persoal ó servicio das
administracións públicas.
Artigo
19. Utilización de centros e servicios que non pertencen á rede.
Con carácter excepcional, e por tempo limitado, o Servicio Galego de Saúde
poderá autoriza-lo uso dos centros e servicios que non pertencen á rede galega
de atención sanitaria de utilización pública co obxecto de atender necesidades
asistenciais que non poidan ser satisfeitas cos recursos propios desta. A estes
centros e servicios seralles de aplicación o establecido no artigo 14.3 desta
lei, durante o tempo de vixencia da súa autorización de uso.
Título III
Das competencias sanitarias das administracións públicas de Galicia, das
actuacións da Xunta en relación coa Unión Europea e das relacións de cooperación
co Estado, con outras comunidades autónomas e coas comunidades galegas no
exterior
Capítulo I
Competencias da Administración autonómica
índice^
Artigo
20. Competencias do Consello da Xunta de Galicia.
Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia o exercicio das competencias
seguintes:
1. O establecemento das directrices da política sanitaria e sociosanitaria da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O
establecemento e a delimitación das áreas sanitarias a que se refire o artigo 7
desta lei.
3. A aprobación do Plan
de saúde de Galicia. 4. A aprobación da estructura orgánica da Consellería de
Sanidade.
5. A
aprobación da estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.
6. A
aprobación do proxecto de orzamento do Servicio Galego de Saúde.
7. O nomeamento e cesamento dos altos cargos da Administración pública sanitaria
da Xunta de Galicia.
8. Os
acordos de creación de hospitais públicos en Galicia.
9. A autorización para a constitución ou participación da Xunta de Galicia ou
do Servicio Galego de Saúde en entidades de nova creación ou xa existentes que
actúen no ámbito sanitario ou sociosanitario.
10. A aprobación das normas de acreditación que deben cumpri-los centros,
servicios e establecementos para os efectos da súa inclusión na rede galega de
atención sanitaria de utilización pública.
11. As
restantes competencias que lle atribúe a normativa vixente.
Artigo
21. Competencias da Consellería de Sanidade.
Correspóndelle á Consellería de Sanidade o exercicio das competencias
seguintes:
1. O desenvolvemento e a coordinación da política sanitaria e sociosanitaria da
Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A
determinación dos criterios xerais da planificación sanitaria e sociosanitaria.
3. A elaboración do proxecto de Plan de saúde de Galicia e a súa remisión ó
Consello da Xunta de Galicia.
4. A
elaboración, o desenvolvemento e a avaliación dos programas de saúde pública.
5. O
nomeamento e cesamento dos vocais do Consello Galego de Saúde.
6. A
aprobación do regulamento de funcionamento interno do Consello Galego de Saúde.
7. O nomeamento e cesamento do persoal directivo da Consellería de Sanidade e do
Servicio Galego de Saúde.
8. Formula-lo anteproxecto de orzamento do
Servicio Galego de Saúde e das outras entidades con personalidade xurídica
propia a el adscritas.
9. Aproba-los módulos económicos para a
prestación de servicios propios, conveniados ou contratados do Servicio Galego
de Saúde, así como a súa modificación.
10.
Aproba-la Memoria anual do Servicio Galego de Saúde.
11. A
aprobación da estructura da información sanitaria básica de Galicia.
12. A autorización para a creación, modificación,
traslado e supresión ou peche de centros, servicios e establecementos sanitarios
e sociosanitarios.
13. O rexistro e catalogación dos centros, servicios e
establecementos sanitarios e sociosanitarios.
14. A confección dos estándares de calidade e a
determinación dos criterios e dos mecanismos de acreditación dos centros,
servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios, e a súa remisión ó
Consello da Xunta para a súa aprobación.
15. A determinación dos plans, programas,
directrices e criterios de actuación a que deben someterse os centros,
servicios e establecementos incluídos na rede galega de atención sanitaria de
utilización pública, así como o exercicio da supervisión, inspección e control
respecto destes.
16. Os rexistros e as autorizacións sanitarias
obrigatorias de calquera tipo de instalacións, establecementos, servicios,
actividades e productos directa ou indirectamente relacionados co uso ou consumo
humanos.
17. A
inspección sanitaria no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.
18. O exercicio da potestade disciplinaria en
relación co persoal con destino na Consellería de Sanidade e no Servicio
Galego de Saúde, con excepción da sanción de separación do servicio, e sen
prexuízo das competencias que nesta materia ten atribuídas o conselleiro da
Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.
De
acordo coas prescricións do artigo
42.2
da Lei 30/1992,
do
26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común, estes procedementos
disciplinarios deberán resolverse no prazo máximo de seis meses, entendéndose
caducados polo transcurso deste prazo sen que se dictase resolución expresa.
19. O exercicio da potestade sancionadora sobre
os centros, servicios e establecementos sanitarios e sociosanitarios, agás a
imposición de sancións pecuniarias atribuídas ó Consello da Xunta consonte o
establecido no artigo 148 desta lei.
20. |