|
ESTATUTO
DE AUTONOMÍA DE GALICIA
6 de abril de 1981

Sumario
Título Preliminar
Título I : Do Poder Galego
Cap. 1: Do Parlamento
Cap. 2: Da Xunta e do seu
Presidente
Cap. 3: Da Administración de
Xustiza en Galicia
Título II : Das Competencias de
Galicia
Cap. 1: Das competencias en xeral
Cap. 2: Do réxime xurídico
Título III : Da Administración
Pública Galega
Título IV : Da Economía e Facenda
Título V : Da Reforma
Disposicións Adicionais
Disposicións Transitorias
TÍTULO
PRELIMINAR
índice^
ARTIGO 1
1. Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en
Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno, de conformidade coa
Constitución Española e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional
básica.
2. A Comunidade Autónoma, a través de institucións
democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e
dos seus intereses, e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o
pobo galego.
3. Os poderes da Comunidade Autónoma de Galicia emanan
da Constitución, do presente Estatuto e do Pobo.
ARTIGO 2
1. O territorio de Galicia é o abranguido polas actuais
provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
2. A organización territorial terá en conta a
distribucion da poboación galega e as súas formas tradicionais de convivencia e
asentamiento.
3. Unha lei do Parlamento regulará a organización
territorial propia de Galicia de acordo co presente Estatuto.
ARTIGO 3
1. Para efectos do presente Estatuto, gozan da
condición política de galegos os cidadáns españois que, de acordo coas leis
xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de
Galicia.
2. Como galegos, gozan de dereitos políticos definidos
neste Estatuto os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tivesen a súa
última veciñanza administrativa en Galicia, e acrediten esta condición no
correspondente Consulado de España. Gozarán tamén destes dereitos os seus
descendentes inscritos como españois, se así o solicitan na forma que determine
a lei do Estado.
ARTIGO 4
1. Os dereitos, liberdades e deberes fundamentais dos
galegos son os establecidos na Constitución.
2. Correspóndelles ós poderes públicos de Galicia
promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos
grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remove-los atrancos que
impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación do tódolos
galegos na vida política, económica, cultural e social.
3. Os poderes públicos da Comunidade Autónoma asumen,
como un dos principios rectores da súa política social e económica, o dereito
dos galegos a viviren e traballaren na propia terra.
ARTIGO 5
1.A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia
e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso
normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos
planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios
para facilita-lo seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
ARTIGO 6
1. A bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal
de cor azul que a travesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito.
2. Galicia ten himno e escudo de seu.
ARTIGO 7
1. As comunidades galegas asentadas fóra de Galicia
poderán solicitar, como tales, o recoñecemento da súa galeguidade entendida como
o dereito a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.
Unha lei do Parlamento regulará, sen prexuízo das competencias do Estado, o
alcance e contido daquel recoñecemento ás ditas comunidades que en ningún caso
implicará a concesión de dereitos políticos.
2. A Comunidade Autónoma poderá solicitar do Estado
Español que, para facilita-lo disposto anteriormente, celebre os oportunos
tratados ou convenios cos Estados onde existan tales comunidades.
ARTIGO 8
Unha lei de Galicia, que requirirá para súa aprobación
o voto favorable dos dous tercios dos membros do seu Parlamento, fixará a sede
das institucións autonómicas.
TÍTULO
PRIMEIRO
DO PODER GALEGO
índice^
ARTIGO 9
1. Os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través
do Parlamento, da Xunta e do seu Presidente.
2. As leis de Galicia ordenarán o funcionamento destas
institucións de acordo coa Constitución e co presente Estatuto.
CAPÍTULO
I
Do Parlamento
índice^
ARTIGO 10
1. Son funcións do Parlamento de Galicia as seguintes:
a) Exerce-la potestade lexislativa da Comunidade
Autónoma. O Parlamento só poderá delegar esta potestade lexislativa na Xunta,
nos termos que establecen os artigos 82, 83 e 84 da Constitución para o suposto
da delegación lexislativa das Cortes Xerais ó Goberno, todo iso no marco do
presente Estatuto.
b) Controla-la acción executiva da Xunta, aproba-los
orzamentos e exerce-las outras competencias que lle sexan atribuídas pola
Constitución, polo presente Estatuto, polas leis do Estado e polas do Parlamento
de Galicia.
c) Designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os
Senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, de acordo co previsto no
artigo 69, apartado 5.º da Constitución. Tal designación será feita de forma
proporcional á representación das distintas forzas políticas existentes no
Parlamento de Galicia.
d) Elixir de entre os seus membros o Presidente da
Xunta de Galicia.
e) Esixir, se é o caso, responsabilidade política á
Xunta e ó seu Presidente.
f) Solicitar do Goberno a adopción de Proxectos de Lei
e presentar perante a Mesa do Congreso dos Deputados Proposicións de Lei.
g) Interpor recursos de inconstitucionalidade e
presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na
Constitución e na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.
2. O Parlamento de Galicia é inviolable.
ARTIGO 11
1. O Parlamento estará constituído por Deputados
elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto.
2. O Parlamento será elixido por un prazo de catro
anos, de acordo cun sistema de representación proporcional que asegure, ademais,
a representación das diversas zonas do territorio galego.
3. Os membros do Parlamento de Galicia serán
inviolables polos votos e opinións que emitan no exercicio de seu cargo, Durante
o seu mandato non poderán ser detidos nin retidos polos actos delictuosos
cometidos no territorio de Galicia a non ser en situación de flagrante delicto,
correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión,
procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste
territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a
Sala do Penal do Tribunal Supremo.
4. A circunscrición electoral, será, en todo caso, a
provincia.
5. Unha lei do Parlamento de Galicia determinará os
prazos e regulará o procedemento para a elección dos seus membros, fixando o
número deles entre sesenta e oitenta, así como as causas de inelixibilidade e
incompatibilidade que afecten ós postos ou cargos que se desempeñen dentro do
ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
6. O Parlamento, mediante lei, poderá establecer un
sistema para que os intereses do conxunto dos galegos residentes no estranxeiro
se encontren presentes nas decisións da Comunidade Autónoma.
7. Os Deputados non estarán suxeitos a mandato
imperativo.
ARTIGO 12
1. O Parlamento elixirá de entre os seus membros un
Presidente, a Mesa e unha Deputación Permanente. O Regulamento, que deberá ser
aprobado por maioría absoluta, disporá a súa composición, o seu réxime e o seu
funcionamento.
2. O Parlamento de Galicia fixará o seu propio
orzamento.
3. O Parlamento funcionará en Pleno e en Comisións e
reunirase en Sesións ordinarias e extraordinarias.
4. O Regulamento precisará o número mínimo de Deputados
para a formación de Grupos Parlamentarios, a intervención destes no proceso
lexislativo e as funcións da Xunta de Portavoces daqueles. Os Grupos
Parlamentarios participarán en tódalas Comisións en proporción ó número dos seus
membros.
ARTIGO 13
1. A iniciativa lexislativa correspóndelles ós
Deputados, ó Parlamento e á Xunta. A iniciativa popular para a presentación de
Proposicións de Lei que teñan de ser tramitadas polo Parlamento de Galicia, será
regulada por este mediante lei, de acordo co que estableza a lei orgánica
prevista no artigo 87.3 da Constitución.
2. As leis de Galicia serán promulgadas en nome de
El-Rei polo Presidente da Xunta, e publicadas no Diario Oficial de Galicia
e no Boletín Oficial del Estado. Para efectos da súa entrada en vigor,
rexerá a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
3. O control da constitucionalidade das Leis do
Parlamento de Galicia coresponderalle ó Tribunal Constitucional.
ARTIGO 14
Correspóndelle á Comunidade Autónoma a creación e
organización, mediante lei do seu Parlamento e con respecto á institución do
Defensor do Pobo establecida no artigo 54 da Constitución, dun órgano similar
que en coordinación con aquela exerza as funcións a que se refire o mencionado
artigo e calquera outra que o Parlamento de Galicia poida encomendarlle.
CAPÍTULO
II
Da Xunta e do seu Presidente
índice^
ARTIGO 15
1. O Presidente dirixe e coordina a acción da Xunta e
ostenta a representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en
Galicia.
2. O Presidente da Xunta será elixido polo Parlamento
Galego de entre os seus membros e será nomeado por El-Rei.
3. O Presidente do Parlamento, logo de consultas coas
forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, proporá un
candidato a Presidente da Xunta.
O Candidato presentará o seu programa ó Parlamento.
Para ser elixido, o candidato deberá obter na primeira votación maioría
absoluta; en caso de non a obter, procederase, transcorridas vintecatro horas da
anterior, a unha nova votación e, obtendo maioría simple, considerarase
outorgada a confianza. De non conseguirse esta maioría, tramitaranse sucesivas
propostas na forma prevista anteriormente.
4. O Presidente da Xunta será politicamente responsable
perante o Parlamento. Unha Lei de Galicia determinará o alcance de tal
responsabilidade, así como o Estatuto persoal e atribucións do Presidente.
ARTIGO 16
1. A Xunta é o órgano colexiado de Goberno de Galicia.
2. A Xunta de Galicia está composta polo Presidente,
Vicepresidente ou Vicepresidentes, se é o caso, e mailos Conselleiros.
3. Os Vicepresidentes e Conselleiros serán nomeados e
cesados polo Presidente.
4. Unha Lei de Galicia regulará a organización da Xunta
e as atribucións e o Estatuto persoal dos seus compoñentes.
ARTIGO 17
1. A Xunta de Galicia responde politicamente perante o
Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada
un dos seus compoñentes, pola súa xestión.
2. A Xunta cesa trala celebración de eleccións ó
Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e
falecemento do seu Presidente.
3. A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de
posesión da nova Xunta.
ARTIGO 18
O Presidente e mais membros da Xunta, durante o seu
mandato e polos actos delictuosos cometidos no territorio de Galicia, non
poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delicto,
correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión,
procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste
territorio a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a
Sala do Penal do Tribunal Supremo.
ARTIGO 19
A Xunta de Galicia poderá interpor recursos de
inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos
e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do Tribunal Constitucional.
CAPÍTULO III
Da Administración de Xustiza en
Galicia
índice^
ARTIGO 20
Correspóndelle á Comunidade Autónoma:
1. Exercer tódalas facultades que as leis orgánicas do
Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ó
Goberno do Estado.
2. Fixa-la delimitación das demarcacións territoriais
dos órganos xurisdiccionais en Galicia, tendo en conta, entre outros criterios,
os límites dos tradicionais partidos xudiciais e as características xeográficas
e de poboación.
ARTIGO 21
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no que se
integrará a actual Audiencia Territorial, é o órgano xurisdiccional en que
culminará a organización xudicial no seu ámbito territorial, e perante o cal se
esgotarán as sucesivas instancias procesuais, nos termos do artigo 152 da
Constitución e de acordo co presente Estatuto.
ARTIGO 22
1. A competencia dos órganos xurisdiccionais en Galicia
esténdese:
a) No plano civil, a tódalas instancias e graos,
incluídos os recursos de casación e de revisión nas materias de Dereito Civil
Galego.
b) No plano penal e social, a tódalas instancias e
graos con excepción dos recursos de casación e de revisión.
c) No plano contencioso-administrativo, a tódalas
instancias e graos, cando se trate de actos dictados pola Xunta e pola
Administración de Galicia, naquelas materias que lle corresponda lexislar en
exclusiva á Comunidade Autónoma e ás que, segundo a Lei da citada xurisdicción,
lle correspondan en relación cos actos dictados pola Administraci6n do Estado en
Galicia.
d) As cuestións de competencia entre órganos xudiciais
en Galicia.
e) Os recursos sobre cualificación de documentos
referentes ó dereito privativo galego que deban ter acceso ós Rexistros da
Propiedade.
2. Nas restantes materias poderase interpor, cando
proceda, perante o Tribunal Supremo, o recurso de casación ou o que corresponda
segundo as leis do Estado e, se é o caso, o de revisión. O Tribunal Supremo
resolverá tamén os conflictos de competencia e xurisdicción perante os Tribunais
de Galicia e os do resto de España.
ARTIGO 23
1. O Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia será nomeado por El-Rei por proposta do Consello Xeral do Poder
Xudicial.
2. O nomeamento dos Maxistrados, Xuíces e Secretarios
do Tribunal Superior de Xustiza, será efectuado na forma prevista nas leis
orgánicas do Poder Xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial.
ARTIGO 24
1. Por instancia da Comunidade Autónoma, o órgano
competente convocará os concursos e oposicións para cubri-las prazas vacantes en
Galicia de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais e restante persoal ó
servicio da Administración de Xustiza, de acordo co que dispoña a Lei Orgánica
do Poder Xudicial.
2. Correspóndelle integramente ó Estado, de
conformidade coas leis xerais, a organización e o funcionamento do Ministerio
Fiscal.
ARTIGO 25
Na resolución dos concursos e oposicións para prove-los
postos de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais, Fiscais e tódolos
funcionarios ó servicio da Administración de Xustiza, será mérito preferente, a
especialización no dereito galego e o coñecemento do idioma do País.
ARTIGO 26
1. Os Notarios e os Rexistradores da Propiedade e
Mercantís serán nomeados pola Comunidade Autónoma, en conformidade coas leis do
Estado. Para a provisión de notarías, os candidatos serán admitidos en igualdade
de dereitos, tanto se exercen no territorio de Galicia coma no resto de España.
Nestes concursos e oposicións será mérito preferente a especialización en
dereito galego e o coñecemento do idioma do País. Non se poderá establecer, en
ningún dos casos, a excepción de natureza ou de veciñanza.
2. A Comunidade Autónoma participará na fixación das
demarcacións correspondentes ós Rexistros da Propiedade e Mercantís para as
acomodar ó que se dispoña en aplicación do artigo 20, parágrafo 2 deste
Estatuto. Tamén participará na fixación das demarcacións notariais e do número
de Notarios de acordo co previsto nas leis do Estado.
TÍTULO
SEGUNDO
DAS COMPETENCIAS DE GALICIA
CAPÍTULO
I
Das competencias en xeral
índice^
ARTIGO 27
No marco do presente Estatuto correspóndelle á
Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias:
1. Organización das súas institucións de autogoberno.
2. Organización e réxime xurídico das comarcas e
parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de
termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións
que sobre o Réxime Local lle correspondan á Comunidade Autónoma ó amparo do
artigo 149.1.18 da Constitución e o seu desenvolvemento.
3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e
vivenda.
4. Conservación, modificación e desenvolvemento das
institucións do Dereito Civil galego.
5. Normas procesuais e procedementos administrativos
que se deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos
poderes públicos galegos.
6. Estatística para os fins da Comunidade Autónoma
galega.
7. Obras públicas que non teñan a cualificación legal
de interese xeral do Estado, e a súa execución ou explotación non afecte a outra
Comunidade Autónoma ou provincia.
8. Vías férreas e estradas non incorporadas á rede do
Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no territorio da
Comunidade Autónoma, e, nos mesmos termos, o transporte efectuado por estes
medios ou por medio de cables.
9. Os portos, aeroportos e heliportos non cualificados
de intere xeral polo Estado, e os portos de refuxio e portos e aeroportos
deportivos.
10. Montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e
pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.
11. Réxime xurídico dos montes veciñais en man común.
12. Aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos
cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade, sen
prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución.
13. Instalacións de producción, distribución e
transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do seu
territorio e o seu aproveitamento non afecte a outra provincia ou Comunidade
Autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 e 25 da Constitución.
14. As augas minerais e termais. As augas subterráneas,
sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 da Constitución e no número 7 do
presente artigo.
15. A pesca nas rías e demais augas interiores, o
marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre.
16. As feiras e mercados interiores.
17. A artesanía.
18. Patrimonio histórico, artístico, arquitectónico,
arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo
149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas e museos de interese para a
Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de
música e servicios de Belas Artes de interese para a Comunidade.
19. O fomento da cultura e da investigación en Galicia,
sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.
20. A promoción e o ensino da lingua galega.
21. A promoción e a ordenación do turismo dentro da
Comunidade.
22. A promoción deportiva e a axeitada utilización do
lecer.
23. Asistencia social.
24. A promoción do desenvolvemento comunitario.
25. A creación dunha Policía Autónoma, de acordo co que
dispoña a lei orgánica prevista no artigo 149.1.29 da Constitución.
26. O réxime das fundacións de interese galego.
27. Casinos, xogos e apostas, con exclusión das Apostas
Mutuas Deportivo-Benéficas.
28. Os centros de contratación de mercadorías e
valores, en conformidade coas normas xerais de dereito mercantil.
29. Confrarías de Pescadores, Cámaras da Propiedade,
Agrarias, de Comercio, Industria e Navegación e outras de natureza equivalente,
sen prexuízo do que dispón o artigo 149 da Constitución.
30. Normas adicionais sobre protección do medio
ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23.
31. Publicidade, sen prexuízo das normas dictadas polo
Estado para sectores e medios específicos.
32. As restantes materias que con este carácter e
mediante lei orgánica sexan transferidas polo Estado.
ARTIGO 28
É competencia da Comunidade Autónoma galega o
desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos
que a mesma estableza, das materias seguintes:
1. Réxime xurídico da Administración Pública de
Galicia, e réxime estatutario dos seus funcionarios.
2. Expropiación forzosa, contratos e concesións
administrativas no ámbito das competencias propias da Comunidade Autónoma.
3. Réxime mineiro e enerxético.
4. Reserva ó sector público de recursos ou servicios
esenciais, especialmente no caso de monopolio e intervención de empresas cando
veña esixido polo interese xeral.
5. Ordenación do sector pesqueiro.
6. Portos pesqueiros.
7. Entidades cooperativas.
8. Establecementos farmacéuticos.
ARTIGO 29
Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a execución
da lexislación do Estado nas seguintes materias:
1. Laboral, asumindo as facultades, competencias e
servicios que neste ámbito, e no nivel de execución, ostenta actualmente o
Estado con respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección
deste.
Quedan reservadas ó Estado tódalas competencias en
materia de migracións interiores e exteriores, fondos de ámbito nacional e de
emprego, sen prexuízo do que establezan as normas do Estado sobre estas
materias.
2. Propiedade industrial e intelectual.
3. Salvamento marítimo.
4. Vertidos industriais e contaminantes nas augas
territoriais do Estado correspondentes ó litoral galego.
5. As restantes materias que se atribúen no presente
Estatuto expresamente como de competencia de execución, e as que con este
carácter e mediante Lei Orgánica sexan transferidas polo Estado.
ARTIGO 30
I. De acordo coas bases e a ordenación da actuación
económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade
Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13, da
Constitución, a competencia exclusiva das seguintes materias :
1. Fomento e planificación da actividade económica en
Galicia.
2. Industria, sen prexuízo do que determinen as normas
do Estado por razóns de seguridade, sanitarias ou de interese militar e as
normas relacionadas coas industrias que estean suxeitas á lexislación de minas,
hidrocarburos e enerxía nuclear. Queda reservada á competencia exclusiva do
Estado a autorización para transferencia de tecnoloxía estranxeira.
3. Agricultura e gandería.
4. Comercio interior, defensa do consumidor e do
usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a
defensa da competencia. Denominacións de orixe en colaboración co Estado.
5. Institucións de crédito corporativo, público e
territorial e Caixas de Aforros.
6. Sector público económico de Galicia en canto non se
encontre contemplado por outras normas deste Estatuto.
7. O desenvolvemento e execución en Galicia de:
a) Os plans establecidos polo Estado para a
reestructuración de sectores económicos.
b) Programas xenéricos para Galicia, estimuladores da
ampliación de actividades productivas e implantación de novas empresas.
c) Programas de actuación referidos a comarcas
deprimidas ou en crise.
II. A Comunidade Autónoma galega participará, tamén, na
xestión do sector público económico estatal, nos casos e actividades que
procedan.
ARTIGO 31
É da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o
regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos,
modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do
disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o
apartado primeiro do artigo 81 da mesma, o desenvolvan, das facultades que lle
atribúe ó Estado o número 30 do apartado 1 do artigo 149 da Constitución e da
alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.
ARTIGO 32
Correspóndelle á Comunidade Autónoma a defensa e
promoción dos valores culturais do pobo galego. Con tal finalidade, e mediante
lei do Parlamento, constituirase un Fondo Cultural Galego e o Consello da
Cultura Galega.
ARTIGO 33
1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma o
desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en
materia de sanidade interior.
2. En materia de Seguridade Social corresponderalle á
Cómunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación
básica do estado, non sendo as normas que configuran o réxime económico da
mesma. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico
da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da Caixa Única.
3. Corresponderalle tamén á Comunidade Autónoma a
execución da lexislación do Estado sobre productos facmacéuticos.
4. A Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar
para tales fins e dentro de seu territorio tódolos servicios relacionados coas
materias antes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e
fundacións en materia de Sanidade e Seguridade Social. A alta inspección
conducente ó cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo
quédalle reservada ó Estado.
ARTIGO 34
1. No marco das normas básicas do Estado,
correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución
do réxime de Radiodifusión e Televisión nos termos e casos establecidos na lei
que regule o Estatuto Xurídico da Radio e da Televisión.
2. Correspóndelle igualmente, no marco das normas
básicas do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime de
prensa e, en xeral, de tódolos medios de comunicación social.
3. Nos termos establecidos nos apartados anteriores
deste artigo, a Comunidade Autónoma poderá regular, crear e mante-la súa propia
televisión, radio e prensa, e, en xeral, tódolos medios de comunicación social
para o cumprimento dos seus fins.
ARTIGO 35
1. A Comunidade Autónoma poderá celebrar convenios con
outras Comunidades Autónomas para a xestión e prestación de servicios propios da
exclusiva competencia das mesmas. A celebración dos citados convenios, antes da
súa entrada en vigor, deberá ser comunicada ás Cortes Xerais. Se as Cortes
Xerais, ou algunha das Cámaras, manifestasen reparos no prazo de trinta días, a
partir da recepción da comunicación, o convenio deberá segui-lo trámite previsto
no parágrafo seguinte. Se transcorre ese prazo sen que se manifesten reparos ó
convenio, este entrará en vigor.
2. A Comunidade Autónoma poderá establecer tamén
acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, logo de autorización
das Cortes Xerais.
3. A Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do
Goberno que celebre e presente, se é o caso, ás Cortes Xerais para a súa
autorización, os tratados ou convenios que permitan o establecemento de
relacións culturais cos Estados cos que manteña particulares vínculos culturais
ou lingüísticos.
ARTIGO 36
1. A Comunidade Autónoma galega poderá solicitar do
Estado a transferencia ou delegación de competencias non asumidas neste
Estatuto.
2. Correspóndelle ó Parlamento de Galicia a competencia
para formula-las anteriores solicitudes, e para determina-lo organismo da
Comunidade Autónoma galega, a favor do cal se deberá atribuír en cada caso a
competencia transferida ou delegada.
CAPÍTULO
II
Do Réxime Xurídico
índice^
ARTIGO 37
l. As competencias da Comunidde Autónoma de Galicia
enténdense referidas ó seu territorio.
2. Nas materias da súa competencia exclusiva
correspóndelle ó Parlamento a potestade lexislativa nos termos previstos no
Estatuto e nas leis do Estado ás que o mesmo se refire, correspondéndolle á
Xunta a potestade regulamentaria e a función executiva.
3. As competencias de execución na Comunidade Autónoma
levan implícitas a correspondente potestade regulamentaria, a administración e a
inspección. Nos supostos previstos nos artigos 28 e 29 deste Estatuto, ou
noutros preceptos do mesmo, con análago carácter, o exercicio desas potestades
pola Comunidade Autónoma realizarase en conformidade coas normas regulamentarias
de carácter xeral que, como desenvolvemento da súa lexislación, dicte o Estado.
ARTIGO 38
1. En materias de competencia exclusiva da Comunidade
Autónoma, o dereito propio de Galicia é aplicable no seu territorio con
preferencia a calquera outro, nos termos previstos no presente Estatuto.
2. A falta de dereito propio de Galicia, será de
aplicación supletoria o dereito do Estado.
3. Na determinación das fontes do dereito civil o
Estado respectará as normas do Dereito Civil galego.
TÍTULO
TERCEIRO
DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
GALEGA
índice^
ARTIGO 39
Correspóndelle á Comunidade Autónoma a creación e
estructuración da súa propia Administración pública, dentro dos principios
xerais e normas básicas do Estado.
ARTIGO 40
Nos termos previstos no artigo 27.1.2 deste Estatuto,
por Lei de Galicia poderase:
1. Recoñece-la comarca como entidade local con
presonalidade xurídica e demarcación de seu. A comarca non suporá,
necesariamente, a supresión dos municipios que a integren.
2. Crear, tamén, agrupacións baseadas en feitos
urbanísticos e outros de carácter funcional con fins específicos.
3. Recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.
ARTIGO 41
A Comunidade Autónoma exercerá as súas funcións
administrativas por órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia. Tamén
poderá delegar nas provincias, municipios e demais entidades locais recoñecidas
neste Estatuto.
TÍTULO CUARTO
DA ECONOMÍA E FACENDA
índice^
ARTIGO 42
A Comunidade Autónoma galega contará para o desempeño
das súas competencias con facenda e patrimonio propios.
ARTIGO 43
I. O patrimonio da Comunidade Autónoma estará integrado
por:
1) O patrimonio da Comunidade no momento de se
aproba-lo Estatuto.
2) Os bens afectos a servicios traspasados á Comunidade
Autónoma.
3) Os bens adquiridos pola Comunidade Autónoma por
calquera título xurídico válido.
Il. O patrimonio da Comunidade Autónoma, a súa
administración, a súa defensa e conservación serán regulados por unha lei de
Galicia.
ARTIGO 44
A facenda da Comunidade Autónoma constitúese con:
1. Os rendementos dos impostos a establecer pola
Comunidade Autónoma.
2. Os rendementos dos impostos cedidos polo Estado a
que se refire a disposición adicional primeira e de todos aqueles de cesión
aprobada polas Cortes Xerais.
3. Unha porcentaxe de participación no que se recade no
total do Estado por impostos directos e indirectos, incluídos os monopolios
fiscais.
4. O rendemento das súas propias taxas por
aproveitamentos especiais e pola prestación de servicios directos da Comunidade
Autónoma, de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios
estatais.
5. As contribucións especiais que estableza a
Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias.
6. Os recargos sobre impostos estatais.
7. Se é o caso, os ingresos procedentes do Fondo de
Compensación Interterritorial.
8. Outras asignacións con cargo ós Orzamentos Xerais do
Estado.
9. A emisión da débeda e o recurso ó crédito.
10. Os rendementos do patrimonio da Comunidade
Autónoma.
11. Ingresos de dereito privado; legados e doazóns;
subvencións.
12. Multas e sancións no ámbito das súas competencias.
ARTIGO 45
A Comunidade Autónoma galega e os entes locais
afectados participarán nos ingresos correspondentes ós tributos que o Estado
poida establecer para recupera-los custos sociais producidos por actividades
contaminantes ou xeradoras de riscos de especial gravidade para o entorno físico
e humano de Galicia, na forma que estableza a lei creadora do gravame.
ARTIGO 46
1. Cando se complete o traspaso de servicios, ou ó
cumprirse o sexto ano de vixencia deste Estatuto, en caso de o solicita-la
Comunidade Autónoma, a participación anual nos ingresos do Estado citada no
número 3 do artigo 44 e definida na disposición transitoria quinta negociarase
sobre as bases seguintes:
a) A media dos coeficientes de poboación e esforzo
fiscal de Galicia, este último medido polo que se recade no seu territorio do
Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas; isto é, o cociente entre o que se
recade efectivamente e o potencialmente atinguible, tendo en conta o nivel e
distribución persoal da renda.
b) A cantidade equivalente á aportación proporcional
que lle corresponde a Galicia polos servicios e cargas xerais que o Estado
continúe asumindo como propios.
c) A relación inversa entre a renda real media dos
residentes na Comunidade Autónoma e a media estatal.
d) Relación entre os índices de déficit en servicios
sociais e infraestructuras que afecten ó territorio da Comunidade e ó conxunto
do Estado.
e) Relación entre os custos por habitante dos servi-
cios sociais e administrativos transferidos para o territorio da Comunidade e
para o conxunto do Estado.
f) Outros criterios que se xulguen procedentes.
2. A fixación da nova porcentaxe de participación será
obxecto de negociación inicial e será revisable por solicitude do Goberno ou da
Comunidade Autónoma cada cinco anos.
ARTIGO 47
l. A Comunidade Autónoma, mediante acordo do
Parlamento, poderá emitir débeda pública para financiar gastos de investimento.
2. O volume e característica das emisións
estableceranse de acordo coa ordenación xeral da política crediticia e en
coordenación co Estado.
3. Os títulos emitidos terán a consideración de fondos
públicos para tódolos efectos.
ARTIGO 48
No suposto de que o Estado emita Débeda parcialmente
destinada á creación ou mellora de servicios situados en Galicia e transferidos
á Comunidade Autónoma galega, esta estará facultada para elaborar e presenta-lo
programa de obras e servicios beneficiarios da emisión.
ARTIGO 49
1. Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a tutela
financeira sobre os entes locais, respectando a autonomía que a estes lles
recoñecen os artigos 140 e 142 da Constitución e de acordos co artigo 27.2 deste
Estatuto.
2. É competencia dos entes locais de Galicia a xestión,
cobranza, liquidación e inspección dos tributos propios que lles atribúan as
leis, sen prexuízo da delegación que poidan outorgar para estas facultades a
favor da Comunidade Autónoma galega. Mediante lei do Estado establecerase o
sistema de colaboración dos entes locais, da Comunidade Autónoma galega e do
Estado para a xestión, liquidación, cobranza e inspección daqueles tributos que
se determinen.
Os ingresos dos entes locais de Galicia, consistentes
en participación en ingresos estatais e en subvencións incondicionadas,
percibiranse a través da Comunidade Autónoma galega, que os distribuirá de
acordo cos criterios legais que se establezan para as referidas participacións.
ARTIGO 50
A Comunidade Autónoma galega gozará do tratamento
fiscal que a lei estableza para o Estado.
ARTIGO 51
Regularanse necesariamente mediante lei do Parlamento
galego as seguintes materias:
a) O establecemento, a modificación e supresión dos
seus propios impostos, taxas e contribucións especiais, e das exencións ou
bonificacións que lles afecten.
b) O establecemento e a modificación e supresión dos
recargos sobre os impostos do Estado.
c) A emisión de débeda pública e demais operacións de
crédito concertadas pola Comunidade Autónoma galega.
ARTIGO 52
Correspóndelle á Xunta de Galicia:
a) Aproba-los regulamentos xerais dos seus propios
tributos.
b) Elabora-las normas regulamentarias precisas para
xestiona-los impostos estatais cedidos de acordo cos termos desta cesión.
ARTIGO 53
1. Correspóndelle á Xunta ou Goberno a elaboración e
aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma galega, e ó Parlamento o seu
exame, emenda, aprobación e control. O orzamento será único e incluirá a
totalidade dos gastos e ingresos da Comunidade Autónoma galega e dos organismos,
institucións e empresas dela dependentes.
2. Sen prexuízo do disposto no artigo 136 e no apar-
tado d) do artigo 153 da Constitución, créase o Consello de Contas de Galicia.
Unha lei de Galicia regulará a súa organización e funcionamento e establecerá as
garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición das contas da
Comunidade Autónoma que deberá someterse á aprobación do Parlamento.
ARTIGO 54
l. A xestión, cobranza, liquidación e inspección dos
seus propios tributos, corresponderalle á Comunidade Autónoma galega, que
disporá de plenas atribucións para execución e organización desas tarefas, sen
prexuízo da colaboración que poida ser establecida, en especial cando, coa
Administración do Estado, así veña esixida pola natureza do tributo.
2. No caso dos impostos dos que se cedesen os
rendementos, a Xunta asumirá por delegación do Estado a xestión, recadación,
liquidación e inspección dos mesmos, sen prexuízo da colaboración que poida
establecerse entre ámbalas administracións, todo iso de acordo co especificado
na lei que fixe o alcance e condicións da cesión.
3. A xestión, recadación, liquidación e inspección dos
demais impostos do Estado recadados en Galicia corresponderalle á Administración
Tributaria do Estado, sen prexuízo da delegación que a Comunidade Autónoma poida
recibir desta e da colaboración que poida establecer, especialmente cando así o
esixa a natureza do tributo.
ARTIGO 55
l. A Comunidade Autónoma, de acordo co que establezan
as leis do Estado, designará os seus propios representantes nos organismos
económicos, as institucións financeiras e as empresas públicas do Estado que
teñan competencia dentro do territorio galego e que pola súa natureza non sexan
obxecto de traspaso.
2. A Comunidade Autónoma poderá constituír empresas
públicas como medio de execución das funcións que sexan da súa competencia,
segundo o establecido no presente Estatuto.
3. A Comunidade Autónoma, como poder público. poderá
facer uso das facultades previstas no apartado l do artigo 130 da Constitución,
e poderá fomentar, mediante unha lexislación axeitada, as sociedades
cooperativas nos termos resultantes do número 17 do artigo 28 do presente
Estatuto.
Igualmente, de acordo coa lexislación do Estado na
materia, poderá facer uso das demais facultades previstas no apartado 2 do
artigo 129 da Constitución.
4. A Comunidade Autónoma galega queda facultada para
constituír institucións que fomenten a plena ocupación e o desenvolvemento
económico e social no marco das súas competencias.
TÍTULO QUINTO
DA REFORMA
índice^
ARTIGO 56
1. A reforma do Estatuto farase conforme o seguinte
procedemento:
a) A iniciativa da reforma corresponderalle á Xunta, ó
Parlamento galego, por proposta dunha quinta parte dos seus membros, ou ás
Cortes Xerais.
b) A proposta de reforma requirirá, en todo caso, a
aprobación do Parlamento Galego por maioría de dous tercios, a aprobación das
Cortes Xerais mediante lei orgánica e, finalmente, o referendo positivo dos
electores.
2. Se a proposta de reforma non é aprobada polo
Parlamento galego ou polas Cortes Xerais, ou non é confirmada mediante referendo
polo corpo electoral, non poderá ser sometida novamente a debate e votación do
Parlamento mentres non transcorra un ano.
3. A aprobación da reforma polas Cortes Xerais,
mediante lei orgánica, incluirá a autorización do Estado para que a Comunidade
Autónoma galega convoque o referendo a que se refire o parágrafo b) do apartado
l deste artigo.
ARTIGO 57
A pesar do disposto no artigo anterior, cando a reforma
teña por obxecto a simple alteración da organización dos poderes da Comunidade
Autónoma e non afecte ás relacións da Comunidade autónoma co Estado, poderase
proceder da seguinte maneira:
a) Elaboración do proxecto de reforma polo Parlamento
de Galicia.
b) Consulta ás Cortes Xerais.
c) Se no prazo de trinta días, posteriores á recepción
da consulta prevista no apartado precedente, as Cortes Xerais non se declarasen
afectadas pola reforma, convocarase, debidamente autorizado, un referendo sobre
o texto proposto.
d) Requirirase finalmente a aprobaci6n das Cortes
Xerais mediante lei orgánica.
e) Se no prazo sinalado na letra c) as Cortes se
declarasen afectadas pola reforma esta terá que segui-lo procedemento previsto
no artigo anterior, dándose por cumpridos os trámites do apartado a) do número 1
do mencionado artigo.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
índice^
PRIMEIRA
1. Cédeselle á Comunidade Aut6noma, nos termos
previstos no parágrafo 3 desta disposición, o rendemento dos seguintes tributos:
a) Imposto sobre o patrimonio neto.
b) Imposto sobre transmisións patrimoniais.
c) Imposto sobre sucesións e doazóns.
d) Imposto sobre o luxo que se recade en destino.
A eventual supresión ou modificación dalgún destes
impostos implicará a extinción ou modificación da cesión.
2. O contido desta disposición poderase modificar
mediante acordo do Goberno coa Comunidade Autónoma, que será tramitado polo
Goberno como proxecto de lei. Para estes efectos, a modificaci6n da presente
disposición non se considerará modificación do Estatuto.
3. O alcance e condicións da cesión serán establecidos
pola Comisión Mixta a que se refire o apartado 1 da disposición transitoria
cuarta que, en todo caso, terá que os referir a rendementos en Galicia. O
Goberno tramitará o acordo da Comisi6n como proxecto de lei ou, de concorreren
razóns de urxencia, como decreto-lei, no prazo de seis meses despois da
constitución da Primeira Xunta de Galicia.
SEGUNDA
O exercicio das competencias financeiras recoñecidas
por este Estatuto á Comunidade Autónoma de Galicia axeitarase ó que estableza a
lei orgánica a que se refire o apartado 3 do artigo 157 da Constitución.
TERCEIRA
1. A Xunta coordenará a actividade das Deputacións
Provinciais de Galicia en canto afecte directamente ó interese xeral da
Comunidade Autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aqueles
elaboren e aproben ó da Xunta de Galicia.
2. A Xunta poderá encomenda-la execución dos seus
acordos ás Deputacións Provinciais. Estas exercerán as funcións que a Xunta lles
transfira ou delegue.
CUARTA
A celebración de eleccións aterase ás leis que, se é o
caso, aproben as Cortes Xerais co fin exclusivo de coordena-lo calendario das
diversas consultas electorais.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
índice^
PRIMEIRA
O primeiro Parlamento galego será elixido de acordo
coas normas seguintes:
1. Logo de acordo co Goberno, a Xunta Pre-autonómica de
Galicia convocará as eleccións nun termo máximo de cento vinte días desde a
promulgación do presente Estatuto. As eleccións deberán celebrarse nun termo
máximo de sesenta días contados desde a data da convocatoria.
2. A circunscrición electoral será a provincia,
elixíndose un total de 71 membros, dos que corresponderán á provincia da Coruña
22, á de Lugo 15, á de Ourense 15 e á de Pontevedra 19.
3. Os membros do Parlamento galego serán elixidos por
sufraxio universal, igual, directo e secreto, dos maiores de dezaoito anos,
segundo un sistema de representación proporcional.
4. As Xuntas Electorais Provinciais terán, dentro dos
límites da súa respectiva xurisdicción, a totalidade das competencias que a
normativa electoral vixente atribúe á Xunta Central.
Para os recursos que teñan por obxecto a impugnación da
validez da elección e proclamación dos membros electos será competente a Sala do
Contencioso Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, mentres non queda
integrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tamén entenderá dos
recursos ou impugnacións que procedan contra os acordos das Xuntas Electorais
provinciais.
Contra as resolucións da citada Sala da Audiencia
Territorial non caberá ningún recurso.
5. En todo o non previsto na presente disposición serán
de aplicación as normas vixentes para as eleccións lexislativas ó Congreso dos
Deputados das Cortes Xerais.
SEGUNDA
1. Na súa primeira reunión o Parlamento galego:
a) Constituirase, presidido por unha Mesa de idade,
integrada por un Presidente e dous Secretarios, e procederá a elixi-la Mesa
provisional, que estará composta por un Presidente, dous Vicepresidentes, un
Secretario e un Vicesecretario.
b) Elixirá as súas autoridades conforme a este
Estatuto.
2. Elixidos os órganos da Comunidade Autónoma Galega,
disolveranse as Institucións Pre-autonómicas.
TERCEIRA
1. Mentres as Cortes Xerais non elaboren as leis ás que
se refire este Estatuto e o Parlamento de Galicia lexisle sobre as materias da
súa competencia, continuarán en vigor as actuais leis e disposicións do Estado
que se refiren a estas materias, sen prexuízo de que o seu desenvolvemento
lexislativo, se é o caso, e a súa execución se leve a cabo pola Comunidade
Autónoma galega nos supostos así previstos neste Estatuto.
CUARTA
1. Coa finalidade de transferir a Galicia as funcións e
atribucións que lle corresponden de acordo co presente Estatuto, crearase, no
termo máximo de un mes a partir da constitución da Xunta de Galicia, unha
Comisión Mixta paritaria integrada por representantes do Estado e da Comunidade
Autónoma galega. Esta Comisión Mixta establecerá as súas normas de
funcionamento. Os membros da Comisión Mixta representantes de Galicia darán
conta periodicamente da súa xestión perante o Parlamento de Galicia.
A Comisión Mixta establecerá os calendarios e prazos
para o traspaso de cada servicio. De calquera maneira, a referida Comisión
deberá determinar nun prazo de dous anos desde a data da súa constitución, o
termo en que deberá de completarse o traspaso de tódolos servicios que lle
corresponden á Comunidade Autónoma galega, de acordo con este Estatuto.
2. Os acordos da Comisión Mixta adoptarán a forma de
propostas ó Goberno, que as aprobará mediante decreto, figurando aqueles como
anexos ó mesmo e serán publicados simultaneamente no Boletín Oficial del
Estado e no Diario Oficial de Galicia, adquirindo vixencia a partir
desta publicación.
3. Será título abondo para a inscrición no Rexistro da
Propiedade do traspaso de bens inmobles do Estado á Comunidade Autónoma a
certificación pola Comisión Mixta dos acordos gubernamentais debidamente
promulgados. Esta certificación deberá conte-los requisitos esixidos pola Lei
Hipotecaria.
O cambio de titularidade nos contratos de arrendamento
de locais para oficinas públicas dos servicios que se transfiran non lle dará
dereito ó arrendador a extin- guir ou renova-lo contrato.
4. Os funcionarios adscritos a servicios de
titularidade estatal ou a outras institucións públicas que resulten afectadas
polos traspasos á Comunidade Autónoma pasarán a depender desta, séndolles
respectados tódolos dereitos de calquera orde ou natureza que lles correspondan
no momento do traspaso, mesmo o de participaren nos recursos de traslado que
convoque o Estado en igualdade de condicións cos restantes membros do seu Corpo,
podendo exercer desta maneira o seu dereito permanente de opción.
Mentres a Comunidade Autónoma de Galicia non aprobe o
réxime estatutario dos seus funcionarios, serán de aplicación as disposicións do
Estado vixente sobre a materia.
5. A comisión Mixta, creada polo Real Decreto 474/78,
do 16 de marzo, considerarase disolta cando se constitúa a Comisión Mixta a que
se refire o apartado 1 da presente disposición transitoria.
QUINTA
l. En canto non se complete o traspaso dos servicios
correspondentes ás competencias fixadas á Comunidade Autónoma neste Estatuto, o
Estado garantirá o financiamento dos servicios transferidos á Comunidade cunha
cantidade igual ó custo efectivo do servicio en Galicia no momento da
transferencia.
2. Para garanti-lo financiamento dos servicios antes
referidos, a Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta adoptará
un método encamiñado a fixa-lo tanto por cento de participación previsto no
apartado 3 do artigo 45. O método que se siga terá en conta tanto os custos
directos coma os custos indirectos dos servicios así como os gastos de
investimento que correspondan.
3. Ó fixa-las transferencias para os investimentos
terase en conta, na forma progresiva que se acorde, a conveniencia de
equipara-los niveis de servicios en todo o territorio do Estado, establecéndose,
se é o caso, as transferencias necesarias para o funcionamento dos servicios.
O financiamento a que se refire este apartado terá en
conta as aportacións que se realicen a Galicia partindo do Fondo de Compensación
a que se refire o artigo 158 da Constitución, así como a acción investidora do
Estado en Galicia que non sexa aplicación dese Fondo.
4. A Comisión Mixta a que e refire o apartado 2 fixará
o citado tanto por cento, mentres dure o período transitorio, cunha antelación
mínima de un mes á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado nas Cortes.
5. A partir do método fixado no apartado 2,
establecerase un tanto por cento no que se considerará o custo efectivo global
dos servicios transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma, minorando polo
total da cobranza obtida por esta polos tributos cedidos, en relación coa suma
dos ingresos obtidos polo Estado nos capítulos I e II do último Orzamento
anterior á transferencia dos servicios.
SEXTA
No relativo á televisión, a aplicación do aprtado 3 do
artigo 34 do presente Estatuto supón que o Estado outorgará en réxime de
concesión á Comunidade Autónoma de Galicia a utilización dunha terceira canle,
de titularidade estatal, que debe crearse especificamente para emitir no
territorio de Galicia, nos termos que prevexa a citada concesi6n.
Mentres non se poña en funcionamento efectivo esta nova
canle de Televisión, Radio-Televisión Española (RTVE) articulará a través da súa
organización en Galicia un réxime transitorio de programación específica para o
territorio de Galicia, que Televisión Española emitirá pola segunda cadea (UHF).
O custo da programaci6n específica de Televisión a que
se refire o parágrafo anterior entenderase como base para a determinación da
subvención que poida concederse á Comunidade Autónoma de Galicia durante os
primeiros anos de funcionamento da nova canle ó que se refire esta disposición.
SÉTIMA
As transferencias que se realicen en materia de ensino
para traspasar á competencia da Comunidade Autónoma os servicios e centros do
Estado en Galicia, realizaranse de acordo cos calendarios e programas que defina
a, Comisión Mixta.
Xa que logo,
Mando a tódolos españois, particulares e
autoridades, que garden e fagan garda-la
presente lei orgánica.
Palacio Real de Madrid, seis de abril de
mil novecentos oitenta e un.
JUAN CARLOS R.
O Presidente do Goberno
LEOPOLDO CALVO-SOTELO Y BUSTELO
|