Principal

  LEI 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde

      

*[Publicada no BOE núm. 301, do 17 de decembro de 2003]

Sumario

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

CAPÍTULO I: Normas xerais

CAPÍTULO II: Clasificación do persoal estatutario

CAPÍTULO III: Planificación e ordenación do persoal

CAPÍTULO IV: Dereitos e deberes

CAPÍTULO V: Adquisición e perda da condición de persoal estatutario fixo

CAPÍTULO VI: Provisión de prazas, selección e promoción interna

CAPÍTULO VII: Mobilidade do persoal

CAPÍTULO VIII: Carreira profesional

CAPÍTULO IX: Retribucións

CAPÍTULO X: Xornada de traballo, permisos e licencias

 SECCIÓN 1a: TEMPO DE TRABALLO E RÉXIME DE DESCANSOS

SECCIÓN 2a. XORNADAS PARCIAIS, FESTAS E PERMISOS

CAPÍTULO XI: Situacións do persoal estatutario

CAPÍTULO XII: Réxime disciplinario

CAPÍTULO XIII: Incompatibilidades

CAPÍTULO XIV: Representación, participación e negociación colectiva

Disposicións adicionais

Disposicións transitorias

Disposicións derrogatorias

Disposicións finais 

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

I

 

A organización política e territorial e o esquema de distribución de competencias en materia de sanidade e asistencia sanitaria que establecen a Constitución e os Estatutos de Autonomía, provocan o nacemento, no ano 1986 e mediante a Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, do Sistema Nacional de Saúde, concibido como o conxunto dos servizos de saúde cun funcionamento harmónico e coordinado.

A Lei Xeral de Sanidade establece que nos servizos de saúde se integrarán os diferentes servizos sanitarios públicos do respectivo ámbito territorial. Tal integración se realiza coas peculiaridades organizativas e funcionais dos correspondentes centros, entre elas o réxime xurídico do seu persoal, o que motiva que nos servizos de saúde e nos seus centros sanitarios estea prestando servizos persoal con vinculación funcionarial, laboral e estatutaria.

Aínda que o persoal funcionario e laboral viu os seus respectivos réximes xurídicos actualizados tras a promulgación da Constitución Española, non aconteceu así respecto ao persoal estatutario que, sen prexuízo de determinadas modificacións normativas puntuais, vén en gran parte regulado por estatutos preconstitucionais. Resulta, pois, necesario actualizar e adaptar o réxime xurídico deste persoal, tanto no que se refire ao modelo do Estado Autonómico como no relativo ao concepto e alcance actual da asistencia sanitaria.

Tal é o obxectivo que afronta esta lei, a través do establecemento das normas básicas relativas a este persoal e mediante a aprobación do seu estatuto-marco, todo iso conforme ás previsións do artigo 149.1.18.a da Constitución Española.

 

 

II

 

Os profesionais sanitarios e demais colectivos de persoal que prestan os seus servizos nos centros e institucións sanitarias da Seguridade Social tiveron historicamente no Estado español unha regulación específica. Esa regulación propia identificouse coa expresión "persoal estatutario" que deriva directamente da denominación dos tres estatutos de persoal -o estatuto de persoal médico, o estatuto de persoal sanitario non facultativo e o estatuto de persoal non sanitario- de tales centros e institucións.

A necesidade de manter unha regulación especial para o persoal dos servizos sanitarios foi apreciada, e reiteradamente declarada, polas normas reguladoras do persoal dos servizos públicos. Asi, a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de Medidas para a Reforma da Función Pública, mantivo vixente na súa totalidade o réxime estatutario deste persoal, determinando, na súa disposición transitoria cuarta, que sería obxecto dunha lexislación especial.

Así mesmo, a Lei Xeral de Sanidade, no seu artigo 84, estableceu que un estatuto marco regularía a normativa básica aplicábel ao persoal estatutario en todos os servizos de saúde, normas básicas específicas e diferenciadas das xerais dos funcionarios públicos.

 

A conveniencia dunha normativa propia para este persoal deriva da necesidade de que o seu réxime xurídico se adapte ás específicas características do exercicio das profesións sanitarias e do servizo sanitario-asistencial, así como ás peculiaridades organizativas do Sistema Nacional de Saúde.

Este último aspecto, a adecuación do estatuto marco aos peculiares principios organizativos do Sistema Nacional de Saúde merece ser resaltado por canto constitúe unha das pezas angulares da nova regulación do persoal.

O Sistema Nacional de Saúde é un modelo organizativo especial, que só existe no ámbito dos servizos sanitarios públicos, que crea e configura a Lei Xeral de Sanidade como medio de adaptación de tales servizos á organización política e territorial española, e que se concibe como o conxunto dos diferentes servizos de saúde cun funcionamento harmónico e coordinado.

Iso, xunto ao elevado valor social e político que nun Estado constitucionalmente tipificado como social e democrático de dereito ten o ben saúde, motivou que nestes xa máis de 12 anos de existEncia do Sistema Nacional de Saúde se producisen numerosas análises, informes e propostas tendentes á súa consolidación, modernización e mellora.

O máis salientábeis deles constitúeo o Acordo Parlamentario para a Consolidación e Modernización do Sistema Nacional de Saúde, aprobado polo Pleno do Congreso dos Deputados o día 18 de decembro de 1997, no que no seu apartado 10 se considera imprescindíbel o establecemento dun novo modelo de relacións laborais para o persoal estatutario dos servizos de saúde, a través dun estatuto marco que tería que desempeñar un papel nuclear como elemento impulsor da dinámica de evolución, desenvolvemento e consolidación do noso Sistema Nacional de Saúde.

O propio Congreso dos Deputados sinalou as liñas mestras desa nova regulación e marcou os seus obxectivos xerais. Entre eles cómpre destacar os de incrementar a motivación dos profesionais e o seu compromiso coa xestión, o establecemento dun adecuado sistema de incentivos, a desburocratización e flexibilización das relacións profesionais, a descentralización dos procesos de selección e de promoción profesional, a personalización das condicións de traballo, especialmente no relativo a retribucións e niveis de dedicación ou a adecuación das dotacións de persoal ás necesidades efectivas dos centros, a través dunha normativa específica de carácter básico para este persoal, con respecto tanto das competencias para o seu desenvolvemento polas comunidades autónomas como do obxectivo global de impulsar a autonomía de xestión dos servizos, centros e institucións.

Por iso, e de acordo coas previsións do artigo 149.1.18.a da Constitución Española, as normas desta lei constitúen as bases do réxime estatutario deste persoal dos servizos de saúde.

 

Así, o Estatuto Marco derroga o réxime estatutario configurado polos tres estatutos de persoal -todos eles preconstitucionais- e polas disposicións que os modificaron, complementaron ou desenvolveron, substituíndoo polo marco básico que compón o propio estatuto e polas disposicións que, no ámbito de cada Administración pública, desenvolvan tal marco básico e xeral.

 

 

III

O contido da lei estrutúrase en 14 capítulos, a través dos cales se regulan os aspectos xerais e básicos das diferentes materias que compoñen o réxime xurídico do persoal estatutario.

No capítulo I establécese con nitidez o carácter funcionarial da relación estatutaria, sen prexuízo das súas peculiaridades especiais, que se sinalan na propia lei e que deberán ser desenvolvidas en cada unha das comunidades autónomas respecto do seu propio persoal. Os criterios para a clasificación do persoal estatutario, baseados nas funcións a desenvolver e nos niveis de titulación, figuran no seu capítulo II, que tamén regula a figura do persoal temporal, a importancia e necesidade do cal no sector sanitario deriva da esixencia de manter permanente e constantemente en funcionamento os distintos centros e institucións.

O capítulo III enumera os mecanismos de ordenación e planificación do persoal de cada un dos servizos de saúde, entre os que cómpre destacar a existencia de rexistros de persoal que se integrarán no Sistema de Información Sanitaria que establece a Lei de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde.

Os requisitos e condicións para a adquisición da condición de persoal estatutario, os supostos da súa perda, a provisión de prazas, a selección de persoal e a promoción interna regúlanse nos capítulos V e VI da lei, e no capítulo IV enuméranse os dereitos e deberes deste persoal, determinados desde a perspectiva da esencial función de protección da saúde que desempeñan.

O principio de libre circulación e a posibilidade de mobilidade do persoal en todo o Sistema Nacional de Saúde, conságrase no capítulo VII. Esta mobilidade xeral, básica para dotar ao Sistema Nacional de Saúde de cohesión e coordinación, é tamén un mecanismo para o desenvolvemento do persoal, que se complementa coa regulación da carreira que se contén no capítulo VIII e co réxime retributivo que se fixa no capítulo IX.

 

 

IV

 

Consideración especial merece a sección 1a do capítulo X, pois nela lévase a cabo a transposición ao sector sanitario de dúas directivas da Comunidade Europea relativas á protección da seguridade e saúde dos traballadores a través da regulación dos tempos de traballo e do réxime de descansos, as Directivas 93/104/CE do Consello, do 23 de novembro de 1993, e 2000/34/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño de 2000.

Para a transposición das ditas directivas tívose especialmente presente, como non podía ser doutro xeito, que a Constitución Española, ao proclamar no seu artigo 43.1 o dereito á protección da saúde, vén a recoñecer a especial importancia que, tanto a nivel individual como familiar e social, teñen as prestacións de carácter sanitario. O apartado 2 do mesmo precepto constitucional encárgalles aos poderes públicos a organización e tutela da saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, o que determina que un elevado número dos centros e establecementos nos que tales prestacións e servizos se desenvolven deban permanecer en funcionamento de maneira constante e continuada. Tales centros e establecementos deberon adoptar, polo tanto, un modelo de organización funcional específico, directamente orientado a poder atender, en calquera momento, as demandas de prestación sanitaria que se poidan producir.

Tamén a Constitución, no seu artigo 40.2, asigna aos poderes públicas a función de velar pola seguridade e hixiene no traballo, e establece que garantirán o descanso necesario mediante a limitación da xornada laboral e as vacacións periódicas retribuídas.

A articulación coordinada de ambas as previsións constitucionais debe supor que as necesarias peculiaridades do modelo de organización dos centros e establecementos sanitarios non impliquen un detrimento das esixencias de protección da seguridade e da saúde laboral dos seus traballadores. Por iso, resulta conveniente regular mediante esta norma legal as condicións xerais que, garantindo o adecuado nivel de protección no relativo ao tempo de traballo e os descansos do persoal, garantan así mesmo que os centros e establecementos poidan ofrecer, de forma permanente e continuada, os seus servizos aos cidadáns.

Tales condicións xerais deben asegurar un réxime común, aplicábel con carácter xeral aos diferentes centros e establecementos sanitarios, co fin de garantir o funcionamento harmónico e homoxéneo de todos os servizos de saúde.

Entre as características xerais que esta lei sinala, cómpre citar a fixación duns límites máximos para a duración da xornada ordinaria de traballo, así como para a duración conxunta desta e da xornada complementaria que resulte necesario realizar para atender ao funcionamento permanente dos centros sanitarios. A lei sinala tamén os tempos mínimos de descanso diario e semanal, articulando réximes de descanso alternativo para os supostos nos que a necesaria prestación continuada de servizos impida o seu disfrute nos períodos sinalados.

 

 

V

 

Esta lei complétase coa regulación das situacións do persoal, o réxime disciplinario, as incompatibilidades e os sistemas de representación do persoal, de participación e de negociación colectiva nos seus capítulos XI a XIV, con previsións específicas en relación con situacións determinadas nas súas disposicións adicionais, coas necesarias determinacións para a súa progresiva aplicación nas disposicións transitorias, coa derrogación das normas afectadas pola súa entrada en vigor e coas disposicións finais.

 

CAPÍTULO I

Normas xerais

 sumario^

Artigo 1. Obxecto.

 

Esta lei ten por obxecto establecer as bases reguladoras da relación funcionarial especial do persoal estatutario dos servizos de saúde que conforman o Sistema Nacional de Saúde, a través do Estatuto Marco do dito persoal.

 

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

 

1. Esta lei é aplicábel ao persoal estatutario que desempeña a súa función nos centros e institucións sanitarias dos servizos de saúde das comunidades autónomas ou nos centros e servizos sanitarios da Administración Xeral do Estado.

2. No non previsto nesta lei, nas normas a que se refire o artigo seguinte, ou nos pactos ou acordos regulados no capítulo XIV, serán aplicábeis ao persoal estatutario as disposicións e principios xerais sobre función pública da Administración correspondente.

3. O previsto nesta lei será de aplicación ao persoal sanitario funcionario e ao persoal sanitario laboral que preste servizos nos centros do Sistema Nacional de Saúde xestionados directamente por entidades creadas polas distintas comunidades autónomas para acoller os medios e recursos humanos e materiais procedentes dos procesos de transferencias do Insalud, en todo aquilo que non se opoña á súa normativa específica de aplicación e se así o prevén as disposicións aplicábeis ao persoal funcionario ou os convenios colectivos aplicábeis ao persoal laboral de cada comunidade autónoma.

 

Artigo 3. Normas sobre persoal estatutario.

 

En desenvolvemento da normativa básica contida nesta lei, o Estado e as comunidades autónomas, no ámbito das súas respectivas competencias, aprobarán os estatutos e as demais normas aplicábeis ao persoal estatutario de cada servizo de saúde.

Para a elaboración das ditas normas, con propostas que serán obxecto de negociación nas mesas correspondentes nos termos establecidos no capítulo III da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das Administracións públicas, os órganos en cada caso competentes tomarán en consideración os principios xerais establecidos no artigo seguinte, as peculiaridades propias do exercicio das profesións sanitarias, e as características organizativas de cada servizo de saúde e dos seus diferentes centros e institucións.

 

Artigo 4. Principios e criterios de ordenación do réxime estatutario.

 

A ordenación do réxime do persoal estatutario dos servizos de saúde réxese polos seguintes principios e criterios:

a) Sometimento pleno á lei e o dereito.

b) Igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso á condición de persoal estatutario.

c) Estabilidade no emprego e no mantemento da condición de persoal estatutario fixo.

d) Libre circulación do persoal estatutario no conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

e) Responsabilidade no exercicio profesional e obxectividade como garantías da competencia e imparcialidade no desempeño das funcións.

f) Planificación eficiente das necesidades de recursos e programación periódica das convocatorias.

g) Integración no réxime organizativo e funcional do servizo de saúde e dos seus centros e institucións.

h) Incorporación dos valores de integridade, neutralidade, transparencia na xestión, deontoloxía e servizo ao interese público e aos cidadáns, tanto na actuación profesional como nas relacións cos usuarios.

i) Dedicación prioritaria ao servizo público e transparencia dos intereses e actividades privadas como garantía da dita preferencia.

j) Coordinación, cooperación e mutua información entre as Administracións sanitarias públicas.

k) Participación das organizacións sindicais na determinación das condicións de traballo, a través da negociación nas mesas correspondentes.

 

 

CAPÍTULO II

Clasificación do persoal estatutario

sumario^ 

Artigo 5. Criterios de clasificación do persoal estatutario.

 

O persoal estatutario dos servizos de saúde clasifícase atendendo á función desenvolvida, ao nivel do título esixido para o ingreso e ao tipo do seu nomeamento.

 

Artigo 6. Persoal estatutario sanitario.

 

1. É persoal estatutario sanitario o que posúe esta condición en virtude de nomeamento expedido para o exercicio dunha profesión ou especialidade sanitaria.

2. Atendendo ao nivel académico do título esixido para o ingreso, o persoal estatutario sanitario clasifícase da seguinte forma:

a) Persoal de formación universitaria: quen posúe a condición de persoal estatutario en virtude de nomeamento expedido para o exercicio dunha profesión sanitaria que esixa unha concreta titulación de carácter universitario, ou un título de tal carácter acompañado dun título de especialista. Este persoal divídese en:

1. Licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde.

2. Licenciados sanitarios.

3. Diplomados con título de Especialista en Ciencias da Saúde.

4. Diplomados sanitarios.

b) Persoal de formación profesional: quen posúe a condición de persoal estatutario en virtude de nomeamento expedido para o exercicio de profesións actividades profesionais sanitarias, cando se esixa unha concreta titulación de formación profesional. Este persoal divídese en:

1. Técnicos superiores.

2. Técnicos.

 

Artigo 7. Persoal estatutario de xestión e servizos.

 

1. É persoal estatutario de xestión e servizos quen posúe tal condición en virtude de nomeamento expedido para o desempeño de funcións de xestión para o desenvolvemento de profesións ou oficios que non teñan carácter sanitario.

2. A clasificación do persoal estatutario de xestión e servizos efectúase, en función do título esixido para o ingreso, da seguinte forma:

a) Persoal de formación universitaria. Atendendo ao nivel do título requirido, este persoal divídese en:

1. Licenciados universitarios ou persoal con título equivalente.

2. Diplomados universitarios ou persoal con título equivalente.

b) Persoal de formación profesional. Atendendo ao nivel do título requirido, este persoal divídese en:

1. Técnicos superiores ou persoal con título equivalente.

2. Técnicos ou persoal con título equivalente.

c) Outro persoal: categorías nas que se esixe certificación acreditativa dos anos cursados e das cualificacións obtidas na Educación Secundaria Obrigatoria, ou título ou certificado equivalente.

 

Artigo 8. Persoal estatutario fixo.

 

É persoal estatutario fixo o que, unha vez superado o correspondente proceso selectivo, obtén un nomeamento para o desempeño con carácter permanente das funcións que de tal nomeamento se deriven.

 

Artigo 9. Persoal estatutario temporal.

 

1. Por razóns de necesidade, de urxencia ou para o desenvolvemento de programas de carácter temporal, conxuntural ou extraordinario, os servizos de saúde poderán nomear persoal estatutario temporal.

Os nomeamentos de persoal estatutario temporal poderán ser de interinidade, de carácter eventual ou de substitución.

2. O nomeamento de carácter interino expedirase para o desempeño dunha praza vacante dos centros e servizos de saúde, cando sexa necesario atender as correspondentes funcións.

Acordarase o cesamento do persoal estatutario interino cando se incorpore persoal fixo, polo procedemento legal ou regulamentariamente establecido, á praza que desempeñe, así como cando a dita praza resulte amortizada.

3. O nomeamento de carácter eventual expedirase nos seguintes supostos:

a) Cando se trate da prestación de servizos determinados de natureza temporal, conxuntural ou extraordinaria.

b) Cando sexa necesario para garantir o funcionamento permanente e continuado dos centros sanitarios.

c) Para a prestación de servizos complementarios dunha redución de xornada ordinaria.

Acordarase o cesamento do persoal estatutario eventual cando se produza a causa ou venza o prazo que expresamente se determine no seu nomeamento, así como cando se supriman as funcións que no seu día o motivaron.

Se se realizasen máis de dous nomeamentos para a prestación dos mesmos servizos por un período acumulado de 12 ou máis meses nun período de dous anos, procederá o estudo das causas que o motivaron, para avaliar, se é o caso, se procede a creación dunha praza estrutural no cadro de persoal do centro.

4. O nomeamento de substitución expedirase cando resulte necesario atender as funcións de persoal fixo ou temporal, durante os períodos de vacacións, permisos e demais ausencias de carácter temporal que comporten a reserva da praza.

Acordarase o cesamento do persoal estatutario substituto cando se reincorpore a persoa á que substitúa, así como cando esta perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza ou función.

5. Ao persoal estatutario temporal seralle aplicábel, en canto sexa adecuado á natureza da súa condición, o réxime xeral do persoal estatutario fixo.

 

CAPÍTULO III

Planificación e ordenación do persoal

sumario^ 

Artigo 10. Principios xerais.

 

1. A Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde desenvolverá as actividades de planificación, deseño de programas de formación e modernización dos recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde.

2. O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, como principal instrumento de configuración e cohesión do Sistema Nacional de Saúde, coñecerá, debaterá e, se é o caso, emitirá recomendacións sobre os criterios para a coordinación da política de recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde.

 

Artigo 11. Foro Marco para o Diálogo Social.

 

1. O Foro Marco para o Diálogo Social ten como obxectivo constituír o ámbito de diálogo e información de carácter laboral, así como promover o desenvolvemento harmónico dos recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde.

2. O Foro Marco para o Diálogo Social, no que estarán representadas as organizacións sindicais máis representativas do sector sanitario, depende da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde, á que prestará apoio e asesoramento en todas as funcións de coordinación das políticas de recursos humanos que nesta lei se encargan á citada comisión.

3. O Foro Marco para o Diálogo Social deberá ser informado dos acordos das mesas sectoriais do sector sanitario, así como dos das mesas xerais que afecten ao dito sector.

4. O Ministerio de Sanidade e Consumo constituirá un ámbito de negociación, para o cal convocará as organizacións sindicais representadas no Foro Marco para o Diálogo Social a fin de negociar os contidos da normativa básica relativa ao persoal estatutario dos servizos de saúde que o dito ministerio puidese elaborar, cando tales contidos se refiran ás materias previstas no artigo 32 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das Administracións públicas, en todo aquilo que non afecte ás competencias das comunidades autónomas e sen prexuízo dos asuntos atribuídos á Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado, incluíndo aqueles aspetos relacionados coa relación laboral especial de residencia que o Goberno regulará por real decreto de acordo coas normas das Comunidades Europeas e no que se establecerán as peculiaridades da duración da xornada de traballo e réxime de descansos deste persoal en formación.

Para tales efectos, e de acordo co previsto no artigo 31.3 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, estas reunións poderán ser convocadas por decisión do ministerio, por acordo entre este e as organizacións sindicais, e por solicitude de todas as organizacións sindicais presentes no Foro Marco, realizándose, cando menos, unha ao ano.

 

Artigo 12. Planificación de recursos humanos.

 

1. A planificación dos recursos humanos nos servizos de saúde estará orientada ao seu adecuado dimensionamento, distribución, estabilidade, desenvolvemento, formación e capacitación, co fin de mellorar a calidade, eficacia e eficiencia dos servizos.

2. No ámbito de cada servizo de saúde, e previa negociación nas mesas correspondentes, adoptaranse as medidas necesarias para a planificación eficiente das necesidades de persoal e situacións administrativas derivadas da reasignación de efectivos, e para a programación periódica das convocatorias de selección, promoción interna e mobilidade.

3. Os cambios na distribución ou necesidades de persoal que se deriven de reordenacións funcionais, organizativas ou asistenciais articularanse de conformidade coas normas aplicábeis en cada servizo de saúde.

En todo caso, o persoal poderá ser adscrito aos centros ou unidades situados dentro do ámbito que no seu nomeamento se precise.

 

Artigo 13. Plans de ordenación de recursos humanos.

 

1. Os plans de ordenación de recursos humanos constitúen o instrumento básico de planificación global dos mesmos dentro do servizo de saúde ou no ámbito que nestes se precise. Especificarán os obxectivos a conseguir en materia de persoal e os efectivos e a estrutura de recursos humanos que se consideren adecuados para cumprir tales obxectivos. Así mesmo, poderán establecer as medidas necesarias para conseguir a dita estrutura, especialmente en materia de cuantificación de recursos, programación do acceso, mobilidade xeográfica e funcional e promoción e reclasificación profesional.

2. Os plans de ordenación de recursos humanos aprobaranse e publicaránse ou, se é o caso, notificaranse, na forma en que en cada servizo de saúde se determine. Serán previamente obxecto de negociación nas mesas correspondentes.

 

Artigo 14. Ordenación do persoal estatutario.

 

1. De acordo co criterio de agrupación unitaria das funcións, competencias e aptitudes profesionais, das titulacións e dos contidos específicos da función a desenvolver, os servizos de saúde establecerán as diferentes categorías ou grupos profesionais existentes no seu ámbito.

2. A integración do persoal estatutario nas distintas institucións ou centros realizarase mediante a súa incorporación a unha praza, posto de traballo ou función.

No ámbito de cada servizo de saúde, atendendo ás características da súa organización sanitaria e previa negociación nas mesas correspondentes, estableceranse os sistemas de agrupamento e enumeración dos ditos postos ou prazas.

 

Artigo 15. Creación, modificación e supresión de categorías.

 

1. No ámbito de cada servizo de saúde estableceranse, modificaranse ou suprimiranse as categorías de persoal estatutario de acordo coas previsións do capítulo XIV e, se é o caso, do artigo 13 desta lei.

2. Os servizos de saúde comunicarán ao Ministerio de Sanidade e Consumo as categorías de persoal estatutario existentes neste, así como a súa modificación ou supresión e a creación de novas categorías, a fin de proceder, se é o caso, á súa homologación conforme ao previsto no artigo 37.1.

 

Artigo 16. Rexistros de persoal.

 

1. Como instrumento básico para a planificación dos recursos humanos, os servizos de saúde establecerán rexistros de persoal nos que se inscribirá a quen preste servizos nos respectivos centros e institucións sanitarios, nos termos en que en cada servizo de saúde se determine.

2. O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordará os requisitos e procedementos para posibilitar o tratamento conxunto e a utilización recíproca da información contida nos rexistros de persoal dos servizos de saúde, que se integrarán no Sistema de Información Sanitaria do Sistema Nacional de Saúde.

 

CAPÍTULO IV

Dereitos e deberes

sumario^ 

Artigo 17. Dereitos individuais.

 

1. O persoal estatutario dos servizos de saúde posúe os seguintes dereitos:

a) Á estabilidade no emprego e ao exercicio ou desempeño efectivo da profesión ou funcións que correspondan ao seu nomeamento.

b) Á percepción puntual das retribucións e indemnizacións por razón do servizo en cada caso establecidas.

c) Á formación continuada adecuada á función desempeñada e ao recoñecemento da súa cualificación profesional en relación ás ditas funcións.

d) A recibir protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo, así como sobre riscos xerais no centro sanitario ou derivados do traballo habitual, e á información e formación específica nesta materia conforme ao disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais.

e) Á mobilidade voluntaria, promoción interna e desenvolvemento profesional, na forma en que prevexan as disposicións en cada caso aplicábeis.

f) A que sexa respectada a súa dignidade e intimidade persoal no traballo e a ser tratado con corrección, consideración e respecto polos seus xefes e superiores, os seus compañeiros e os seus subordinados.

g) Ao descanso necesario, mediante a limitación da xornada, as vacacións periódicas retribuídas e permisos nos termos que se establezan.

h) A recibir asistencia e protección das Administracións públicas e servizos de saúde no exercicio da súa profesión ou no desempeño das súas funcións.

i) Ao encadramento no réxime Xeral da Seguridade Social, cos dereitos e obrigas que de conservan.

j) A ser informado das funcións, tarefas, cometidos, programación funcional e obxectivos asignados á súa unidade, centro ou institución, e dos sistemas establecidos para a avaliación do cumprimento destes.

k) Á non discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión, orientación sexual ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

l) Á xubilación nos termos e condicións establecidas nas normas en cada caso aplicábeis.

m) Á acción social nos termos e ámbitos subxectivos que se determinen nas normas, acordos ou convenios aplicábeis.

2. O réxime de dereitos establecido no apartado anterior será aplicábel ao persoal temporal, na medida en que a natureza do dereito o permita.

 

Artigo 18. Dereitos colectivos.

 

O persoal estatutario posúe, nos termos establecidos na Constitución e na lexislación especificamente aplicábel, os seguintes dereitos colectivos:

a) Á libre sindicación.

b) Á actividade sindical.

c) Á folga, garantíndose en todo caso o mantemento dos servizos que resulten esenciais para a atención sanitaria á povoación.

d) Á negociación colectiva, representación e participación na determinación das condicións de traballo.

e) Á reunión.

f) A dispor de servizos de prevención e de órganos representativos en materia de seguridade laboral.

 

Artigo 19. Deberes.

 

O persoal estatutario dos servizos de saúde vén obrigado a:

a) Respectar a Constitución, o Estatuto de Autonomía correspondente e o resto do ordenamento xurídico.

b) Exercer a profesión ou desenvolver o conxunto das funcións que correspondan ao seu nomeamento, praza ou posto de traballo con lealdade, eficacia e con observancia dos principios técnicos, científicos, éticos e deontolóxicos que sexan aplicábeis.

c) Manter debidamente actualizados os coñecementos e aptitudes necesarios para o correcto exercicio da profesión ou para o desenvolvemento das funcións que correspondan ao seu nomeamento, para fin das cales os centros sanitarios facilitarán o desenvolvemento de actividades de formación continuada.

d) Cumprir con dilixencia as instrucións recibidas dos seus superiores xerárquicos en relación coas funcións propias do seu nomeamento, e colaborar leal e activamente no traballo en equipo.

e) Participar e colaborar, no nivel que corresponda en función da súa categoría profesional, na fixación e consecución dos obxectivos cuantitativos e cualitativos asignados á institución, centro ou unidade na que preste servizos.

f) Prestar colaboración profesional cando así sexa requirida polas autoridades como consecuencia da adopción de medidas especiais por razóns de urxencia ou necesidade.

g) Cumprir o réxime de horarios e xornada, atendendo á cobertura das xornadas complementarias que se establecesen para garantir de forma permanente o funcionamento das institucións, centros e servizos.

h) Informar debidamente, de acordo coas normas e procedementos aplicábeis en cada caso e dentro do ámbito das súas competencias, aos usuarios e pacientes sobre o seu proceso asistencial e sobre os servizos dispoñíbeis.

i) Respectar a dignidade e intimidade persoal dos usuarios dos servizos de saúde, a súa libre disposición nas decisións que lle concernen e o resto dos dereitos que lles recoñecen as disposicións aplicábeis, así como a non realizar discriminación ningunha por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social, incluíndo a condición en virtude da cal os usuarios dos centros e institucións sanitarias accedan a estes.

j) Manter a debida reserva e confidencialidade da información e documentación relativa aos centros sanitarios e aos usuarios obtida, ou á que teña acceso, no exercicio das súas funcións.

k) Utilizar os medios, instrumental e instalacións dos servizos de saúde en beneficio do paciente, con criterios de eficiencia, e evitar o seu uso ilexítimo en beneficio propio ou de terceiras persoas.

l) Encher os rexistros, informes e demais documentación clínica ou administrativa establecidos na correspondente institución, centro ou servizo de saúde.

m) Cumprir as normas relativas á seguridade e saúde no traballo, así como as disposicións adoptadas no centro sanitario en relación con esta materia.

n) Cumprir o réxime sobre incompatibilidades.

ñ) Ser identificados polo seu nome e categoría profesional polos usuarios do Sistema Nacional de Saúde.

 

 

CAPÍTULO V

Adquisición e perda da condición de persoal estatutario fixo

sumario^ 

Artigo 20. Adquisición da condición de persoal estatutario fixo.

 

1. A condición de persoal estatutario fixo adquírese polo cumprimento sucesivo dos seguintes requisitos:

a) Superación das probas de selección.

b) Nomeamento conferido polo órgano competente.

c) Incorporación, previo cumprimento dos requisitos formais en cada caso establecidos, a unha praza do servizo, institución ou centro que corresponda no prazo determinado na convocatoria.

2. Para efectos do disposto no parágrafo b) do apartado anterior, non poderán ser nomeados, e quedarán sen efecto as súas actuacións, quen non acredite, unha vez superado o proceso selectivo, que reúne os requisitos e condicións esixidos na convocatoria.

3. A falta de incorporación ao servizo, institución ou centro dentro do prazo, cando sexa imputábel ao interesado e non obedeza a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia dese concreto proceso selectivo.

 

Artigo 21. Perda da condición de persoal estatutario fixo.

 

Son causas de extinción da condición de persoal estatutario fixo:

a) A renuncia.

b) A perda da nacionalidade tomada en consideración para o nomeamento.

c) A sanción disciplinaria firme de separación do servizo.

d) A pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta e, se é o caso, o especial para emprego ou cargo público ou para o exercicio da correspondente profesión.

e) A xubilación.

f) A incapacidade permanente, nos termos previstos nesta lei.

 

Artigo 22. Renuncia.

 

1. A renuncia á condición de persoal estatutario ten o carácter de acto voluntario e deberá ser solicitada polo interesado cunha antelación mínima de 15 días á data en que se desexe facer efectiva. A renuncia será aceptada no dito prazo, salvo que o interesado estea suxeito a expediente disciplinario ou fose ditado contra el auto de procesamento ou de apertura de xuízo oral pola presunta comisión dun delito no exercicio das súas funcións.

2. A renuncia á condición de persoal estatutario non inhabilita para obter novamente a dita condición a través dos procedementos de selección establecidos.

 

Artigo 23. Perda da nacionalidade.

 

A perda da nacionalidade española, ou da doutro Estado tomada en consideración para o nomeamento, determina a perda da condición de persoal estatutario, salvo que simultaneamente se adquira a nacionalidade doutro Estado que outorgue o dereito a acceder a tal condición.

 

Artigo 24. Sanción de separación do servizo.

 

A sanción disciplinaria de separación do servizo, cando adquira carácter firme, supón a perda da condición de persoal estatutario.

 

Artigo 25. Penas de inhabilitación absoluta ou especial.

 

A pena de inhabilitación absoluta, cando adquirise firmeza, produce a perda da condición de persoal estatutario. Igual efecto terá a pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público se afecta ao correspondente nomeamento.

 

Suporá a perda da condición de persoal estatutario a pena de inhabilitación especial para a correspondente profesión, sempre que esta exceda de seis anos.

 

Artigo 26. Xubilación.

 

1. A xubilación pode ser forzosa ou voluntaria.

2. A xubilación forzosa declararase ao cumprir o interesado a idade de 65 anos.

Non obstante, o interesado poderá solicitar voluntariamente prolongar a súa permanencia en servizo activo até cumprir, como máximo, os 70 anos de idade, sempre que quede acreditado que reúne a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento. Esta prolongación deberá ser autorizada polo servizo de saúde correspondente, en función das necesidades da organización articuladas no marco dos plans de ordenación de recursos humanos.

3. Procederá a prórroga no servizo activo, a instancia do interesado, cando, no momento de cumprir a idade de xubilación forzosa, lle resten seis anos ou menos de cotización para causar pensión de xubilación.

Esta prórroga non poderá prolongarse máis alá do día en que o interesado complete o tempo de cotización necesario para causar pensión de xubilación, sexa cal sexa o importe desta, e a súa concesión estará supeditada a que quede acreditado que reúne a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento.

4. Poderá optar á xubilación voluntaria, total ou parcial, o persoal estatutario que reúna os requisitos establecidos na lexislación de Seguridade Social.

Os órganos competentes das comunidades autónomas poderán establecer mecanismos para o persoal estatutario que se acolla a esta xubilación como consecuencia dun plan de ordenación de recursos humanos.