|
LEI 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias

*[Publicada no BOE núm. 280, do 22 de novembro de 2003]
Sumario
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
TÍTULO
PRELIMINAR:
Normas xerais
TITULO I:
Do exercicio das profesións sanitarias
TÍTULO II:
Da formación dos profesionais sanitarios
CAPÍTULO I:
Normas xerais
CAPÍTULO II:
Formación pregraduada
CAPÍTULO III:
Formación especializada en Ciencias
da Saúde
SECCIÓN 1a. OBXECTO E DEFINICIÓNS
SECCIÓN 2a. DA ESTRUTURA E A FORMACIÓN NAS ESPECIALIDADES EN CIENCIAS
DA SAÚDE
SECCIÓN 3ª. ESTRUTURA DE APOIO Á FORMACIÓN
CAPÍTULO IV:
Formación continuada
TÍTULO III:
Do desenvolvemento profesional e o
seu recoñecemento
TÍTULO IV:
Do exercicio privado das profesións
sanitarias
TÍTULO V:
Da participación dos profesionais
Disposicións
adicionais
Disposicións
transitorias
Disposición derrogatoria
Disposición final
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
I
indice^
A primeira regulación das profesións sanitarias no Estado español prodúcese
mediado o século XIX, pois xa o Regulamento para as Subdelegacións de Sanidade
Interior do Reino, do 24 de xullo de 1848, determinaba que o exercicio das
profesións de Medicina, Farmacia e Veterinaria estaba comprendido dentro do ramo
da Sanidade.
Pola Lei do 28 de novembro de 1855, sobre o Servizo Xeral de Sanidade,
instituíronse os Xurados Médicos Provinciais de Cualificación, que tiñan por
obxecto previr, amoestar e cualificar as faltas que cometesen os profesionais no
exercicio das súas facultades, así como regularizar os seus honorarios, reprimir
os abusos e establecer unha severa moral médica.
Tanto a Lei de 1855 como a Instrución Xeral do 12 de xaneiro de 1904 se
preocuparon de regulamentar, sequera, o exercicio profesional do que denominaron
"a arte de curar" co establecemento dun rexistro de profesionais que puxeron a
cargo dos Subdelegados de Sanidade.
A entrada en vigor, xa a mediados do século XX, doutras leis sanitarias, supuxo
o abandono do sistema de ordenación seguido até daquela. A Lei de Bases da
Sanidade Nacional, do 25 de novembro de 1944, dedicou unicamente a súa base 12 á
organización profesional de médicos, pracicantes e odontólogos, cunha única
previsión, a da existencia de corporacións profesionais.
A Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, unicamente se refire ao
exercicio libre das profesións sanitarias, sen afrontar a súa regulación, aínda
que prevé, como competencia do Estado, a homologación de programas de formación
posgraduada, perfeccionamento e especialización de persoal sanitario, así como a
homologación xeral dos postos de traballo dos servizos sanitarios. Iso é así
porque a Lei Xeral de Sanidade é unha norma de natureza predominantemente
organizativa, que ten como obxectivo primordial establecer a estrutura e
funcionamento do sistema sanitario público no novo modelo político e territorial
do Estado que deriva da Constitución de 1978.
Debido a iso, o esencial do exercicio da medicina e do resto das profesións
sanitarias, coa soa excepción da odontoloxía e outras profesións relacionadas
coa saúde dental, ás que se refire a Lei 10/1986, do 17 de marzo, queda deferido
a outras disposicións, xa sexan as reguladoras do sistema educativo, xa as das
relacións cos pacientes, xa as relativas aos dereitos e deberes dos profesionais
en canto tales ou xa as que regulan as relacións de servizo dos profesionais cos
centros ou as institucións e corporacións públicas e privadas.
Esta situación de práctico baleiro normativo, unida á íntima conexión que o
exercicio das profesións sanitarias ten co dereito á protección da saúde, co
dereito á vida e á integridade física, co dereito á intimidade persoal e
familiar, co dereito á dignidade humana e co dereito ao libre desenvolvemento da
personalidade, aconsella o tratamento lexislativo específico e diferenciado das
profesións sanitarias.
Non pode esquecerse, por outra parte, a normativa das Comunidades Europeas,
centrada nas directivas sobre recoñecemento recíproco, entre os Estados membros,
de diplomas, certificados e outros títulos relativos ao exercicio das profesións
sanitarias que, na medida que subordinan o acceso ás actividades profesionais
sanitarias á posesión dos títulos que nas directivas se precisan, introducen,
indubidabelmente, unha
limitación ao exercicio profesional que se ten que establecer, no noso dereito
interno, por norma con rango formal de lei, tal e como esixe o artigo 36 da nosa
Constitución.
O contido da lei, nesta materia, debe de centrarse en regular as condicións de
exercicio e os respectivos ámbitos profesionais, así como as medidas que
garantan a formación básica, práctica e clínica dos profesionais.
En virtude de todo iso, esta lei ten por finalidade dotar o sistema sanitario
dun marco legal que contemple os diferentes instrumentos e recursos que fagan
posíbel a maior integración dos profesionais no servizo sanitario, no preventivo
e no asistencial, tanta na súa vertente pública como na privada, facilitando a
corresponsabilidade no logro dos fins comúns e na mellora da calidade da
atención sanitaria prestada á povoación, garantindo, así mesmo, que todos os
profesionais sanitarios cumpren cos niveis de competencia necesarios para tratar
de seguir salvagardando o dereito á protección da saúde.
II
O concepto de profesión é un concepto elusivo que foi desenvolvido desde a
socioloxía en función dunha serie de atributos como formación superior,
autonomía e capacidade auto-organizativa, código deontolóxico e espírito de
servizo, que se dan en maior ou menor medida nos diferentes grupos ocupacionais
que se recoñecen como profesións. A pesar das devanditas ambigüidades e
considerando que a nosa organización política só se recoñece como profesión
existente aquela que está normada desde o Estado, os criterios a utilizar para
determinar cales son as profesións sanitarias débense basear na normativa
preexistente. Esta normativa corresponde a dous ámbitos: o educativo e o que
regula as corporacións colexiais. Por iso nesta lei recoñécense como profesións
sanitarias aquelas que a normativa universitaria recoñece como titulacións do
ámbito da saúde, e que na actualidade gozan dunha organización colexial
recoñecida polos poderes públicos.
Por outra parte, existe a necesidade de resolver, con pactos interprofesionais
previos a calquera normativa reguladora, a cuestión dos ámbitos competenciais
das profesións sanitarias mantendo a vontade de recoñecer simultaneamente os
crecentes espazos competenciais compartidos interprofesionalmente e os moi
relevantes espazos específicos de cada profesión. Por iso nesta lei non se
pretendeu determinar as competencias dunhas e outras profesións dunha forma
pechada e concreta senón que establece as bases para que se produzan estes
pactos entre profesións, e que as praxes cotiás dos profesionais en
organizacións crecentemente multidisciplinares evolúan de forma non conflitiva,
senón cooperativa e transparente.
III
Co obxectivo de cumprir os fins antes expostos, así como o de mellor protección
da saúde conforme ao previsto no artigo 43 da Constitución Española, esta lei
estrutúrase nun título preliminar e noutros cinco títulos.
O título preliminar e o título I diríxense a determinar os aspectos esenciais do
exercicio das profesións sanitarias, establecendo, de forma expresa, cales son
tales profesións, reservando aos correspondentes titulados o exercicio destas,
determinando os ámbitos funcionais propios de cada unha delas, e enumerando os
dereitos dos usuarios dos seus servizos profesionais.
O título II da lei regula a formación dos profesionais sanitarios, contemplando
tanto a formación pregraduada como a especializada e, o que é unha innovación
normativa de singular relevancia, a formación continuada. A esixencia desta
última, con carácter xeral, con efectos no recoñecemento do desenvolvemento
profesional do persoal dos servizos sanitarios, ten que ter especial influencia
no propio desenvolvemento, consolidación, calidade e cohesión do noso sistema
sanitario.
O desenvolvemento profesional e o seu recoñecemento é obxecto de regulación no
título III, que establece os seus principios xerais, comúns e homologábeis en
todo o Sistema Sanitario. Séntanse así as bases dun sistema imprescindíbel para
propiciar o desenvolvemento do Sistema Sanitario de acordo co principio de
calidade asistencial e de mellora permanente das prestacións sanitarias, sistema
que vén sendo requirido polos propios profesionais, polos servizos autonómicos
de saúde e polos servizos sanitarios de titularidade privada.
O exercicio profesional no ámbito privado se regula no título IV desta lei, que
establece, como principio xeral, a aplicación aos servizos sanitarios de tal
titularidade dos criterios que se determinan nesta norma, co fin de garantir a
máxima calidade das prestacións sanitarias, sexa cal sexa o financiamento
destas.
A lei complétase co título V, relativo á participación dos profesionais
sanitarios no desenvolvemento, planificación e ordenación das profesións
sanitarias, participación que se articula a través da Comisión Consultiva
Profesional, na que están representados todos os estamentos profesionais.
TÍTULO PRELIMINAR
Normas xerais
indice^
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Esta lei regula os aspectos básicos das profesións sanitarias tituladas no que
se refire ao seu exercicio por conta propia ou allea, á estrutura xeral da
formación dos profesionais, ao desenvolvemento profesional destes e á súa
participación na planificación e ordenación das profesións sanitarias. Así
mesmo, establece os rexistros de profesionais que permitan facer efectivo os
dereitos dos cidadáns respecto ás prestacións sanitarias e a adecuada
planificación dos recursos humanos do sistema de saúde.
As disposicións desta lei son aplicábeis tanto se a profesión se exerce nos
servizos sanitarios públicos como no ámbito da sanidade privada.
Artigo 2. Profesións sanitarias tituladas.
1. De conformidade co artigo 36 da Constitución, e para os efectos desta lei,
son profesións sanitarias, tituladas e reguladas, aquelas en que a súa formación
pregraduada ou especializada se dirixe específica e fundamentalmente a dotar os
interesados dos coñecementos, habilidades e actitudes propias da atención de
saúde, e que están organizadas en colexios profesionais oficialmente recoñecidos
polos poderes públicos, de acordo co previsto na normativa especificamente
aplicábel.
2. As profesións sanitarias estrutúranse nos seguintes grupos:
a) De nivel Licenciado: as profesións para o exercicio das cales habilitan os
títulos de Licenciado en Medicina, en Farmacia, en Odontoloxía e en Veterinaria
e os títulos oficiais de especialista en Ciencias da Saúde para Licenciados a
que se refire o título II desta lei.
b) De nivel Diplomado: as profesións para o exercicio das cales habilitan os
títulos de Diplomado en Enfermería, en Fisioterapia, en Terapia Ocupacional, en
Podoloxía, en Óptica e Optometría, en Logopedia e en Nutrición Humana e
Dietética e os títulos oficiais de especialista en Ciencias da Saúde para tales
Diplomados a que se refire o título II desta lei.
3. Cando así resulte necesario, polas características da actividade, para
mellorar a eficacia dos servizos sanitarios ou para adecuar a estrutura
preventiva ou asistencial ao progreso científico e tecnolóxico, poderase
declarar formalmente o carácter de profesión sanitaria, titulada e regulada,
dunha determinada actividade non prevista no apartado anterior, mediante norma
con rango de lei.
Conforme ao establecido na Lei 10/1986, do 17 de marzo, sobre odontólogos e
outros profesionais relacionados coa saúde dental, teñen carácter de profesión
sanitaria a de protésico dental e a de hixienista dental.
4. Nas normas a que se refire o apartado 3, estableceranse os procedementos para
que o Ministerio de Sanidade e Consumo expida, cando iso resulte necesario, unha
certificación acreditativa que habilite para o exercicio profesional dos
interesados.
Artigo 3. Profesionais do área sanitaria de formación profesional.
1. De conformidade co artigo 35.1 da Constitución, son profesionais da área
sanitaria de formación profesional quen posúe os títulos de formación
profesional da familia profesional sanidade, ou os títulos ou certificados
equivalentes a estes.
2. Os profesionais da área sanitaria de formación profesional estrutúranse nos
seguintes grupos:
a) De grao superior: quen ostenta os títulos de Técnico Superior en Anatomía
Patolóxica e Citoloxía, en Dietética, en Documentación Sanitaria, en Hixiene
Bucodental, en Imaxe para o Diagnóstico, en Laboratorio de Diagnóstico Clínico,
en Ortoprotésica, en Próteses Dentais, en Radioterapia, en Saúde Ambiental e en
Audioprótese.
b) De grao medio: quen ostenta os títulos de Técnico en Coidados Auxiliares de
Enfermería e en Farmacia.
3. Terán, así mesmo, a consideración de profesionais da área sanitaria de
formación profesional os que estean en posesión dos títulos de formación
profesional que, na familia profesional sanidade, estableza a Administración
Xeral do Estado conforme ao previsto no artigo 10.1 da Lei Orgánica 5/2002, do
19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional.
4. Os técnicos superiores e técnicos aos que se refire este artigo exercerán a
súa actividade profesional sanitaria de acordo coas normas reguladoras da
formación profesional, dos seus distintos niveis formativos e da súa concreta
titulación, no marco do respecto á competencia profesional, responsabilidade e
autonomía propias das profesións sanitarias contempladas nos artigos 6 e 7 desta
lei.
5. As Administracións sanitarias establecerán, nos casos en que resulte
procedente, os modelos para a integración e incorporación dos técnicos
superiores e técnicos a que se refire este artigo e das súas actividades
profesionais sanitarias aos centros e establecementos dependentes ou adscritos a
tales Administracións, e regularán os sistemas de formación continuada e de
desenvolvemento destes.
TÍTULO I
Do exercicio das profesións sanitarias
indice^
Artigo 4. Principios xerais.
1. De acordo co establecido nos artigos 35 e 36 da Constitución, recoñécese o
dereito ao libre exercicio das profesións sanitarias, cos requisitos previstos
nesta lei e nas demáis normas legais que resulten aplicábeis.
2. O exercicio dunha profesión sanitaria, por conta propia ou allea, requirirá a
posesión do correspondente título oficial que habilite expresamente para iso ou,
se é o caso, da certificación prevista no artigo 2.4, e aterase, se é o caso, ao
prevista nesta, nas demais leis aplicábeis e nas normas reguladoras dos colexios
profesionais.
3. Os profesionais sanitarios desenvolven, entre outras, funcións nos ámbitos
asistencial, investigador, docente, de xestión clínica, de prevención e de
información e educación sanitarias.
4. Corresponde a todas as profesións sanitarias participar activamente en
proxectos que poidan beneficiar a saúde e o benestar das persoas en situacións
de saúde e enfermidade, especialmente no campo da prevención de enfermidades, da
educación sanitaria, da investigación e do intercambio de información con outras
profesionais e coas autoridades sanitarias, para mellor garantía das ditas
finalidades.
5. Os profesionais terán como guía da súa actuación o servizo á sociedade, o
interese e saúde do cidadán a quen se lle presta o servizo, o cumprimento
rigoroso das obrigas deontolóxicas, determinadas polas propias profesións
conforme á lexislación vixente, e dos criterios de normo-praxe ou, se é o caso,
os usos xerais propios da súa profesión.
6. Os profesionais sanitarios realizarán ao longo da súa vida profesional unha
formación continuada, e acreditarán regularmente a súa competencia profesional.
7. O exercicio das profesións sanitarias levarase a cabo con plena autonomía
técnica e científica, sen máis limitacións que as establecidas nesta lei e polos
demais principios e valores contidos no ordenamento xurídico e deontolóxico, e
de acordo cos seguintes principios:
a) Existirá formalización escrita do seu traballo reflectido nunha historia
clínica que deberá ser común para cada centro e única para cada paciente
atendido nel. A historia clínica tenderá a ser soportada en medios electrónicos
e a ser compartida entre profesionais, centros e niveis asistenciais.
b) Tenderase á unificación dos criterios de actuación, que estarán baseados na
evidencia científica e nos medios dispoñíbeis e soportados en guías e protocolos
de práctica clínica e asistencial. Os protocolos deberán ser utilizados de forma
orientativa, como guía de decisión para todos os profesionais dun equipo, e
serán regularmente actualizados coa participación daqueles que os deben aplicar.
c) A eficacia organizativa dos servizos, seccións e equipos, ou unidades
asistenciais equivalentes sexa cal sexa a súa denominación, requirirá a
existencia escrita de normas de funcionamento interno e a definición de
obxectivos e funcións tanto xerais como específicas para cada membro do mesmo,
así como a cumprimentación por parte das profesionais da documentación
asistencial, informativa ou estatística que determine o centro.
d) A continuidade asistencial dos pacientes, tanto a daqueles que sexan
atendidos por distintos profesionais e especialistas dentro do mesmo centro como
a de quen o sexa en diferentes niveis, requirirá en cada ámbito asistencial a
existencia de procedementos, protocolos de elaboración conxunta e indicadores
para asegurar esta finalidade.
e) A progresiva consideración da interdisciplinariedade e multidisciplinariedade
dos equipos profesionais na atención sanitaria.
Artigo 5. Principios xerais da relación entre os profesionais sanitarios e as
persoas atendidas por eles.
1. A relación entre os profesionais sanitarios e as persoas atendidas por eles
réxese polos seguintes principios xerais:
a) Os profesionais teñen o deber de prestar unha atención sanitaria técnica e
profesional adecuada ás necesidades de saúde das persoas que atenden, de acordo
co estado de desenvolvemento dos coñecementos científicos de cada momento e cos
niveis de calidade e seguridade que se establecen nesta lei e o resto de normas
legais e deontolóxicas aplicábeis.
b) Os profesionais teñen o deber de facer un uso racional dos recursos
diagnósticos e terapéuticos ao seu cargo, tomando en consideración, entre
outros, os custos das súas decisións, e evitando a sobreutilización, a
infrautilización e a inadecuada utilización destes.
c) Os profesionais teñen o deber de respectar a personalidade, dignidade e
intimidade das persoas ao seu coidado e deben respectar a participación destas
nas tomas de decisións que lles afecten. En todo caso, deben ofrecer unha
información suficiente e adecuada para que aquelas poidan exercer o seu dereito
ao consentimento sobre as ditas decisións.
d) Os pacientes teñen dereito á libre elección do médico que debe atendelos.
Tanto se o exercicio profesional se desenvolve no sistema público como no ámbito
privado por conta allea, este dereito exercerase de acordo cunha normativa
explícita que debe ser publicamente coñecida e accesíbel. Nesta situación o
profesional pode exercer o dereito de renunciar a prestar atencións sanitarias
ña dita persoa só se iso non implica desatención. No exercicio no sistema
público ou privado, esta renuncia exercerase de acordo con procedementos
regulares, establecidos e explícitos, e dela deberá quedar constancia formal.
e) Os profesionais e os responsábeis dos centros sanitarios facilitaranlles aos
seus pacientes o exercicio do dereito a coñecer o nome, a titulación e a
especialidade dos profesionais sanitarios que os atenden, así como a coñecer a
categoría e función destes, se así estivesen definidas no seu centro ou
institución.
f) Os pacientes teñen dereito a recibir información de acordo co establecido na
Lei 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e dos
dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica.
2. Para garantir de forma efectiva e facilitar o exercicio dos dereitos a que se
refire o apartado anterior, os colexios profesionais, consellos autonómicos e
consellos xerais, nos seus respectivos ámbitos territoriais, establecerán os
rexistros públicos de profesionais que, de acordo cos requisitos desta lei,
serán accesíbeis á povoación e estarán a disposición das Administracións
sanitarias. Os indicados rexistros, respectando os
principios de confidencialidade dos datos persoais contidos na normativa de
aplicación, deberán permitir coñecer o nome, titulación, especialidade, lugar de
exercicio e os outros datos que nesta lei se determinan como públicos.
Así mesmo, poderán existir nos centros sanitarios e nas entidades de seguros que
operan no ramo da enfermidade, outros rexistros de profesionais de carácter
complementario aos anteriores, que sirvan aos fins indicados no apartado
anterior, conforme ao previsto nos artigos 8.4 e 43 desta lei.
Os criterios xerais e requisitos mínimos destes rexistros serán establecidos
polas Administracións sanitarias dentro dos principios xerais que determine o
Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que poderá acordar a
integración destes ao do Sistema de Información Sanitaria do Sistema Nacional de
Saúde.
Artigo 6. Licenciados sanitarios.
1. Corresponde, en xeral, aos Licenciados sanitarios, dentro do ámbito de
actuación para a que lles faculta o seu correspondente título, a prestación
persoal directa que sexa necesaria nas diferentes fases do proceso de atención
integral de saúde e, se é o caso, a dirección e avaliación do desenvolvemento
global do dito proceso, sen menoscabo da competencia, responsabilidade e
autonomía propias dos distintos profesionais que interveñen no mesmo.
2. Sen prexuízo das funcións que, de acordo coa súa titulación e competencia
específica corresponda desenvolver a cada profesional sanitario nin das que
poidan desenvolver outros profesionais, son funcións de cada unha das profesións
sanitarias de nivel de Licenciados as seguintes:
a) Médicos: corresponde aos Licenciados en Medicina a indicación e realización
das actividades dirixidas á promoción e mantemento da saúde, á prevención das
enfermidades e ao diagnóstico, tratamento, terapéutica e rehabilitación dos
pacientes, así como ao xuízo e prognóstico dos procesos obxecto de atención.
b) Farmacéuticos: corresponde aos Licenciados en Farmacia as actividades
dirixidas á produción, conservación e dispensación dos medicamentos, así como a
colaboración nos procesos analíticos, farmacoterapéuticos e de vixilancia da
saúde pública.
c) Dentistas: corresponde aos Licenciados en Odontoloxía e aos Médicos
Especialistas en Estomatoloxía, sen prexuízo das funcións dos Médicos
Especialistas en Cirurxía Oral e Maxilofacial, as funcións relativas á promoción
da saúde buco-dental e á prevención, diagnóstico e tratamento sinalados na Lei
10/1986, do 17 de marzo, sobre odontólogos e outros profesionais relacionados
coa saúde bucodental.
d) Veterinarios: corresponde aos Licenciados en Veterinaria o control da hixiene
e da tecnoloxía na produción e elaboración de alimentos de orixe animal, así
como a prevención e loita contra as enfermidades animais, particularmente as
zoonoses, e o desenvolvemento das técnicas necesarias para evitar os riscos que
no home poden producir a vida animal e as súas enfermidades.
3. Son, tamén, profesionais sanitarios de nivel Licenciado os que estean en
posesión dun título oficial de especialista en Ciencias da Saúde establecido,
conforme ao previsto no artigo 19.1 desta lei, para psicólogos, químicos,
biólogos, bioquímicos ou outros licenciados universitarios non incluídos no
número anterior.
Estes profesionais desenvolverán as funcións que correspondan á súa respectiva
titulación, dentro do marco xeral establecido no artigo 16.3 desta lei.
4. Cando unha actividade profesional sexa declarada formalmente como profesión
sanitaria, titulada e regulada, con nivel de Licenciado, na correspondente norma
enunciaranse as funcións que correspondan a esta, dentro do marco xeral previsto
no apartado 1 deste artigo.
Artigo 7. Diplomados sanitarios.
1. Corresponde, en xeral, aos Diplomados sanitarios, dentro do ámbito de
actuación para que lles faculta o seu correspondente título, a prestación
persoal dos coidados ou os servizos propias da súa competencia profesional nas
distintas fases do proceso de atención de saúde, sen menoscabo da competencia,
responsabilidade e autonomía propias dos distintos profesionais que interveñen
en tal proceso.
2. Sen prexuízo das funcións que, de acordo coa súa titulación e competencia
específica corresponda desenvolver a cada profesional sanitario, nin das que
poidan desenvolver outros profesionais, son funcións de cada unha das profesións
sanitarias de nivel Diplomado as seguintes:
a) Enfermeiros: corresponde aos Diplomados universitarios en Enfermería a
dirección, avaliación e prestación dos coidados de Enfermería orientados á
promoción, mantemento e recuperación da saúde, así como á prevención de
enfermidades e discapacidades.
b) Fisioterapeutas: corresponde aos Diplomados universitarios en Fisioterapia a
prestación das coidados propias da súa disciplina, a través de tratamentos con
medios e axentes físicos, dirixidos á recuperación e rehabilitación de persoas
con disfuncións ou discapacidades somáticas, así como á prevención destas.
c) Terapeutas ocupacionais: corresponde aos Diplomados universitarios en Terapia
Ocupacional a aplicación de técnicas e a realización de actividades de carácter
ocupacional que tendan a potenciar ou suprir funcións físicas ou psíquicas
diminuídas ou perdidas, e a orientar e estimular o desenvolvemento de tales
funcións.
d) Podólogos: os Diplomados universitarios en Podoloxía realizan as actividades
dirixidas ao diagnóstico e tratamento das afeccións e deformidades dos pés,
mediante as técnicas terapéuticas propias da súa disciplina.
e) Ópticos-optometristas: os Diplomados universitarios en Óptica e Optometría
desenvolven as actividades dirixidas á detección dos defectos da refracción
ocular, a través da súa medida instrumental, á utilización de técnicas de
reeducación, prevención e hixiene visual, e á adaptación, verificación e control
das axudas ópticas.
f) Logopedas: os Diplomados universitarios en Logopedia desenvolven as
actividades de prevención, avaliación e recuperación dos trastornos da audición,
a fonación e da linguaxe, mediante técnicas terapéuticas propias da súa
disciplina.
g) Dietistas-nutricionistas: os Diplomados universitarios en Nutrición Humana e
Dietética desenvolven actividades orientadas á alimentación da persoa ou de
grupos de persoas, adecuadas ás necesidades fisiolóxicas e, se é o caso,
patolóxicos destas, e de acordo cos principios de prevención e saúde pública.
3. Cando unha actividade profesional sexa declarada formalmente como profesión
sanitaria, titulada e regulada, con nivel de Diplomado, na correspondente norma
enunciaranse as funcións que correspondan a esta, dentro do marco xeral previsto
no apartado 1 deste artigo.
Artigo 8. Exercicio profesional nas organizacións sanitarias.
1. O exercicio profesional nas organizacións sanitarias rexerase polas normas
reguladoras do vínculo entre os profesionais e tales organizacións, así como
polos preceptos desta e das demais normas legais que resulten de aplicación.
2. Os profesionais poderán prestar servizos conxuntos en dous ou máis centros,
mesmo cando manteñan a súa vinculación a un só deles, cando se manteñan alianzas
estratéxicas ou proxectos de xestión compartida entre distintos establecementos
sanitarios. Nesta suposto, os nomeamentos ou contratos de nova creación poderán
vincularse ao proxecto no seu conxunto, sen prexuízo do que estableza, se é o
caso, a normativa sobre incompatibilidades.
3. Os centros sanitarios revisarán, cada tres anos como mínimo, que os
profesionais sanitarios do seu cadro de persoal cumpren os requisitos necesarios
para exercer a profesión conforme ao previsto nesta lei e nas demais normas
aplicábeis, entre eles a titulación e demais diplomas, certificados ou
credenciais profesionais destas, co fin de determinar a continuidade da
habilitación para seguir prestando servizos de atención ao paciente. Os centros
disporán dun expediente persoal de cada profesional, no que se conservará a súa
documentación e ao que o interesado terá dereito de acceso.
4. Para facer posíbel a elección de médico que prevé o artigo 13 da Lei 41/2002,
do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e
obrigas en materia de información e documentación clínica, e de acordo co
establecido no artigo 5.2 desta lei, os centros sanitarios disporán dun rexistro
do seu persoal médico, do cal se poñerá en coñecemento dos usuarios o nome,
titulación, especialidade, categoría e función dos profesionais.
5. No suposto de que, como consecuencia da natureza xurídica da relación en
virtude da cal se exerza unha profesión, o profesional tivese que actuar nun
asunto, forzosamente, conforme a criterios profesionais diferentes dos seu,
poderá facelo constar así por escrito, coa salvagarda en todo caso do segredo
profesional e sen menoscabo da eficacia da súa actuación e dos principios
contidos nos artigos 4 e 5 desta lei.
Artigo 9. Relacións interprofesionais e traballo en equipo.
1. A atención sanitaria integral supón a cooperación multidisciplinaria, a
integración dos procesos e a continuidade asistencial, e evita o fraccionamento
e a simple superposición entre procesos asistenciais atendidos por distintos
titulados ou especialistas.
2. O equipo de profesionais é a unidade básica na que se estruturan de forma uni
ou multiprofesional e interdisciplinar os profesionais e demais persoal das
organizacións asistenciais para realizar efectiva e eficientemente os servizos
que lles son requiridos.
3. Cando unha actuación sanitaria se realice por un equipo de profesionais,
articularase de forma xerarquizada ou colexiada, se é o caso, atendendo aos
criterios de coñecementos e competencia, e se é o caso á de titulación, dos
profesionais que integran o equipo, en función da actividade concreta a
desenvolver, da confianza e coñecemento recíproco das capacidades dos seus
membros, e dos principios de accesibilidade e continuidade asistencial das
persoas atendidas.
4. Dentro dun equipo de profesionais, será posíbel a delegación de actuacións,
sempre e cando estean previamente establecidas dentro do equipo as condicións
conforme ás cales a dita delegación ou distribución de actuacións poida
producirse.
Condición necesaria para a delegación ou distribución do traballo é a capacidade
para o realizar por parte de quen recibe a delegación, capacidade que deberá ser
obxectivábel, sempre que fose posíbel, coa oportuna acreditación.
5. Os equipos de profesionais, unha vez constituídos e aprobados no seo de
organizacións ou institucións sanitarias, serán recoñecidos e apoiados e as súas
actuacións facilitadas, polos órganos directivos e xestores destas. Os centros e
institucións serán responsábeis da capacidade dos profesionais para realizar
unha correcta actuación nas tarefas e funcións que lles sexan encomendadas no
proceso de distribución do traballo en equipo.
Artigo 10. Xestión clínica nas organizacións sanitarias.
1. As Administracións sanitarias, os servizos de saúde ou os órganos de goberno
dos centros e establecementos sanitarios, segundo corresponda, establecerán os
medios e sistemas de acceso ás funcións de xestión clínica, a través de
procedementos nos que terán que ter participación os propios profesionais.
Tales funcións poderán ser desempeñadas en función de criterios que acrediten os
coñecementos necesarios e a adecuada capacitación.
2. Para os efectos desta lei teñen a consideración de funcións de xestión
clínica as relativas á xefatura ou coordinación de unidades e equipos sanitarios
e asistenciais, as de titorías e organización de formación especializada,
continuada e de investigación e as de participación en comités internos ou
proxectos institucionais dos centros sanitarios dirixidos, entre outros, a
asegurar a calidade, seguridade, eficacia, eficiencia e ética asistencial, a
continuidade e coordinación entre niveis ou o acollemento, coidados e benestar
dos pacientes.
3. O exercicio de funcións de xestión clínica estará sometido á avaliación do
desempeño e dos resultados. Tal avaliación terá carácter periódico e poderá
determinar, se é o caso, a confirmación ou remoción do interesado nas ditas
funcións, e terá efectos na avaliación do desenvolvemento profesional acadado.
4. O desempeño de funcións de xestión clínica será obxecto do oportuno
recoñecemento por parte do centro, do servizo de saúde e do conxunto do sistema
sanitario, na forma en que en cada comunidade autónoma se determine.
Artigo 11. Investigación e docencia.
1. Toda a estrutura asistencial do sistema sanitario estará en disposición de
ser utilizada para a investigación sanitaria e para a docencia dos profesionais.
2. As Administracións sanitarias, en coordinación coas Administracións
educativas, promoverán as actividades de investigación e docencia en todos os
centros Sanitarios, como elemento esencial para o progreso do sistema sanitario
e dos seus profesionais.
Os
titulares dos centros sanitarios e os servizos de saúde poderán formalizar
convenios e concertos co Instituto de Saúde Carlos III, con outros centros de
investigación, públicos ou privados, e con outras institucións que teñan
interese na investigación sanitaria, para o desenvolvemento de programas de
investigación, para a dotación de prazas vinculadas, ou específicas de
investigador, nos establecementos sanitarios, para a designación de titores da
investigación e para o establecemento de sistemas específicos de formación de
investigadores durante o período inmediatamente posterior á obtención do título
de especialista.
3. Os servizos de saúde, institucións e centros sanitarios e as universidades
poderán formalizar os concertos previstos na Lei Orgánica 6/2001, do 21 de
decembro, de Universidades, na Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade e
no artigo 14 desta lei, para asegurar a docencia prática das ensinanzas
sanitarias que así o requiran, de acordo coas bases xerais que estableza o
Goberno para o dito réxime de concertos, ao abeiro do establecido na disposición
adicional sétima da devandita dita lei orgánica.
Os centros sanitarios acreditados para a formación especializada deberán contar
cunha comisión de docencia e os xefes de estudos, coordinadores docentes e
titores da formación que resulten adecuados en función da súa capacidade
docente, na forma que se prevé no título II desta lei.
Os centros sanitarios acreditados para desenvolver programas de formación
continuada deberán contar cos xefes de estudos, coordinadores docentes e titores
da formación que resulten adecuados en función das actividades a desenvolver.
TÍTULO II
Da formación dos profesionais sanitarios
indice^
CAPÍTULO I
Normas xerais
Artigo 12. Principios reitores.
indice^
Son principios reitores da actuación formativa e docente no ámbito das
profesións sanitarias:
a) A colaboración permanente entre os organismos das Administracións públicas
competentes en materia de educación e de sanidade.
b) A concertación das universidades e dos centros docentes de formación
profesional e as institucións e centros sanitarios, a fin de garantir a docencia
práctica dos ensinanzas que así o requiran.
c) A disposición de toda a estrutura do sistema sanitario para ser utilizada na
docencia pregraduada, especializada e continuada dos profesionais.
d) A consideración dos centros e servizos sanitarios, tamén, como centros de
investigación científica e de formación dos profesionais, na medida que reúnan
as condicións adecuadas a tales fins.
e) A revisión permanente das metodoloxías docentes e as ensinanzas no campo
sanitario para a mellor adecuación dos coñecementos profesionais á evolución
científica e técnica e ás necesidades sanitarias da povoación.
f) A actualización permanente de coñecementos, mediante a formación continuada,
dos profesionais sanitarios, como un dereito e un deber destes. Para iso, as
institucións e centros sanitarios facilitarán a realización de actividades de
formación continuada.
g) O establecemento, desenvolvemento e actualización de metodoloxías para a
avaliación dos coñecementos adquiridos polos profesionais e do funcionamento do
propio sistema de formación.
CAPÍTULO II
Formación pregraduada
indice^
Artigo 13. Da formación universitaria.
1. A Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde informará, con
carácter preceptivo, os proxectos de reais decretos polos que, conforme ao
previsto no artigo 34 da Lei Orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de
Universidades, se establezan os títulos oficiais e os directrices xerais dos
seus correspondentes plans de estudos, cando tales títulos correspondan a
profesións sanitarias.
2. Cando así se estime necesario, para conseguir unha maior adecuación da
formación dos profesionais ás necesidades do sistema sanitario, aos avances
científicos e técnicos, ou ás disposicións da Comunidade Europea, o Ministro de
Sanidade e Consumo poderá, previo acordo da Comisión de Recursos Humanos do
Sistema Nacional de Saúde, instar ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte
para que inicie o trámite de establecemento de novos títulos ou de revisión e
incorporación de novas áreas de coñecemento nas directrices xerais dos plans de
estudo que correspondan.
3. De acordo co disposto no artigo 44 da Lei Orgánica de Universidades, a
determinación do número de alumnos admitidos á formación pregraduada, responderá
ás necesidades de profesionais sanitarios e á capacidade existente para a súa
formación.
Artigo 14. Concertos entre as universidades e os servizos de saúde, institucións
e centros sanitarios.
As universidades poderán concertar cos servizos de saúde, institucións e centros
sanitarios que, en cada caso, resulten necesarios para garantir a docencia
práctica das ensinanzas de carácter sanitario que así o requiran. As
institucións e centros sanitarios concertados poderán engadir á súa denominación
o adxectivo universitario.
Corresponde ao Goberno, a proposta conxunta dos Ministerios de Educación,
Cultura e Deporte e de Sanidade e Consumo, previo informe do Consello de
Coordinación Universitaria, o establecemento das bases xerais ás que terán que
adaptarse os indicados concertos, nas que se preverá a participación do órgano
competente das comunidades autónomas nos concertos singulares que, conforme a
aquelas, se subscriban entre universidades e institucións sanitarias.
CAPÍTULO III
Formación especializada en Ciencias da Saúde
indice^
SECCIÓN 1a. OBXECTO E DEFINICIÓNS
indice^
Artigo 15. Carácter e obxecto da formación especializada.
1. A formación especializada en Ciencias da Saúde é unha formación regrada e de
carácter oficial.
2. A formación especializada en Ciencias da Saúde ten como obxecto dotar os
profesionais dos coñecementos, técnicas, habilidades e actitudes propias da
correspondente especialidade, de forma simultánea á progresiva asunción polo
interesado da responsabilidade inherente ao exercicio autónomo desta.
Artigo 16. Títulos de Especialistas en Ciencias da Saúde.
1. Corresponde ao Goberno, a proposta dos Ministerios de Educación, Cultura e
Deporte e de Sanidade e Consumo, previo informe da Comisión de Recursos Humanos
do Sistema Nacional de Saúde, do Consello Nacional de Especialidades en Ciencias
da Saúde e da organización ou organizacións colexiais que correspondan, o
establecemento dos títulos de Especialistas en Ciencias da Saúde, así como a súa
supresión ou cambio de denominación.
2. O título de especialista ten carácter oficial e validez en todo o territorio
do Estado.
3. Sen prexuízo das facultades que asisten aos profesionais sanitarios citados
nos artigo 6.2 e 7.2 desta lei, nin dos dereitos recoñecidos, por norma legal ou
regulamentaria, a quen estea habilitado para desempeñar praza de especialista
sen o correspondente título, a posesión do título de especialista será necesaria
para utilizar de modo expreso a denominación de especialista, para exercer a
profesión con tal carácter e para ocupar postos de traballo con tal denominación
en centros e establecementos públicos e privados.
Artigo 17. Expedición do título de especialista.
1.
Os títulos de especialista en Ciencias da Saúde serán expedidos polo Ministerio
de Educación, Cultura e Deporte.
2. A obtención do título de especialista require:
a) Estar en posesión do título de Licenciado ou Diplomado Universitario que, en
cada caso, se esixa.
b) Acceder ao sistema de formación que corresponda, así como completar este na
súa integridade de acordo cos programas de formación que se establezan, sen
prexuízo do establecido no artigo 23 desta lei para o suposto de nova
especialización.
c) Superar as avaliacións que se determinen e depositar os dereitos de
expedición do correspondente título.
Artigo 18. Recoñecemento profesional de títulos de especialista obtidos en
Estados estranxeiros.
1. O Goberno, a proposta do Ministerio de Sanidade e Consumo, establecerá os
supostos e procedementos para o recoñecemento en España de títulos de
especialista obtidos en Estados non membros da Unión Europea, conforme ao que,
se é o caso, establezan os tratados e convenios internacionais que resulten de
aplicación.
2. O recoñecemento de títulos de especialista previsto no número anterior, terá
efectos profesionais, pero non académicos. Para que estes últimos efectos se
produzan e tales títulos habiliten para acceso a corpos docentes universitarios
e a prazas vinculadas en hospitais, será necesario a súa previa homologación
polo procedemento que estableza o Goberno a proposta do Ministerio de Educación,
Cultura e Deporte.
3. O recoñecemento de títulos de especialista obtidos en Estados membros da
Unión Europea, ou en Estados nos que resulte de aplicación a libre circulación
de traballadores e a liberdade de establecemento e libre prestación de servizos
dos profesionais, aterase ao que establezan as normas comunitarias reguladoras
do dito recoñecemento.
SECCIÓN 2a. DA ESTRUTURA E A FORMACIÓN NAS ESPECIALIDADES EN
CIENCIAS DA SAÚDE
indice^
Artigo 19. Estrutura xeral das especialidades.
1. Poderán establecerse especialidades en Ciencias da Saúde para os profesionais
expresamente citados nos artigos 6 e 7 desta lei.
Tamén poderán establecerse especialidades en Ciencias da Saúde para outros
titulados universitarios non citados nos preceptos mencionados, cando a súa
formación de pregrao se adecúe ao campo profesional da correspondente
especialidade.
2. As especialidades en Ciencias da Saúde agruparanse, cando iso proceda,
atendendo a criterios de troncalidade. As especialidades do mesmo tronco terán
un período de formación común dunha duración mínima de dous anos.
3. O Goberno, ao establecer os títulos de especialista en Ciencias da Saúde,
determinará o título ou títulos necesarios para acceder a cada unha das
especialidades, así como o tronco no que, se é o caso, se integran.
Artigo 20. Sistema de formación de especialistas.
1. A formación de Especialistas en Ciencias da Saúde implicará tanto unha
formación teórica e prática como unha participación persoal e progresiva do
especialista en formación na actividade e nas responsabilidades propias da
especialidade de que se trate.
2. A formación terá lugar polo sistema de residencia en centros acreditados.
En todo caso, os centros ou unidades nos que se desenvolva a formación deberán
estar acreditados conforme ao previsto no artigo 26.
3. A formación mediante residencia aterase aos seguintes criterios:
a) Os residentes realizarán o programa formativo da especialidade con dedicación
a tempo completo. A formación mediante residencia será incompatíbel con calquera
outra actividade profesional ou formativa, con excepción dos estudos de
doutoramento.
b) A duración da residencia será a fixada no programa formativo da especialidade
e sinalarase conforme ao que dispoñan, se é o caso, as normas comunitarias.
c) A actividade profesional dos residentes será planificada polos órganos de
dirección conxuntamente coas comisións de docencia dos centros de forma tal que
se incardine totalmente no funcionamento ordinario, continuado e de urxencias do
centro sanitario.
d) Os residentes deberán desenvolver, de forma programada e tutelada, as
actividades previstas no programa, asumindo de forma progresiva, segundo avancen
na súa formación, as actividades e responsabilidade propia do exercicio autónomo
da especialidade.
e) As actividades dos residentes, que deberá figurar no Libro de Residente,
serán obxecto das avaliacións que regulamentariamente se determinen. En todo
caso existirán avaliacións anuais e unha avaliación final ao remate do período
de formación.
f) Durante a residencia establecerase unha relación laboral especial entre o
servizo de saúde ou o centro e o especialista en formación. O Goberno, atendendo
ás características específicas da actividade formativa e da actividade
asistencial que se desenvolve nos centros sanitarios, e de acordo cos criterios
que figuran neste capítulo e na disposición adicional primeira desta lei,
regulará a relación laboral especial de residencia.
4. Os principios establecidos no número anterior e os demais que figuran nas
seccións 1a e 2a deste capítulo, poderán ser adaptados
polo Goberno ás específicas características da formación especializada en
Ciencias da Saúde das profesións previstas nos artigos 6.2, parágrafos b), c) e
d), 6.3 e 7 desta lei.
Artigo 21. Programas de formación.
1. Os programas de formación das especialidades en Ciencias da Saúde deberán
especificar os obxectivos cualitativos e cuantitativos e as competencias
profesionais que ten que cumprir o aspirante ao título ao longo de cada un dos
cursos anuais en que se dividirá o programa formativo.
2. Os programas de formación serán elaborados pola Comisión Nacional da
Especialidade. Unha vez ratificados polo Consello Nacional de Especialidades en
Ciencias da Saúde e previo informe da Comisión de Recursos Humanos do Sistema
Nacional de Saúde e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, serán
aprobados polo Ministerio de Sanidade e Consumo.
Os programas de formación serán periodicamente revisados e actualizados polo
procedemento previsto no parágrafo anterior.
Unha vez aprobados, os programas de formación publicaranse no "Boletín Oficial
do Estado" para xeral coñecemento.
3. Cando se trate de especialidades dun mesmo tronco, o programa do período de
formación común elaborarase por unha comisión específica composta por
representantes das Comisións Nacionais das especialidades correspondentes.
4. No caso de especialidades pluridisciplinares, os programas de formación
poderán prever traxectos de formación específica en función das titulacións de
procedencia.
Artigo 22. Acceso á formación especializada.
1. O acceso á formación sanitaria especializada efectuarase a través dunha
convocatoria anual de carácter nacional.
2. O Ministerio de Sanidade e Consumo, previo informe do Ministerio de
Educación, Cultura e Deporte e da Comisión de Recursos Humanos do Sistema
Nacional de Saúde, establecerá as normas que regularán a convocatoria anual que,
en todo caso, consistirá nunha proba ou conxunto de probas que avaliará
coñecementos teóricos e prácticos e as habilidades clínicas e comunicativas, así
como nunha valoración dos méritos académicos e, se é o caso, profesionais, dos
aspirantes.
As probas serán específicas para as distintas titulacións académicas que poidan
acceder ás diferentes especialidades. Así mesmo, poderán establecerse probas
específicas por especialidades troncais.
3. O acceso das persoas con discapacidade á formación sanitaria especializada,
sempre que o grao de discapacidade sexa compatíbel co desempeño das funcións
correspondentes á especialidade á que se opta, inspirarase nos principios de
igualdade de oportunidades, non discriminación e compensación de
desvantaxes, procedéndose, se é o caso, á adaptación das probas ás necesidades
especiais e singularidades destas persoas.
4. Regulamentariamente, determinaráse o sistema de adxudicación de todas as
prazas ofertadas na convocatoria anual, que se efectuará de acordo á orde
decrecente da puntuación obtida por cada aspirante, coas peculiaridades que se
establezan respecto ás prazas de centros de titularidade privada.
5. A oferta de prazas da convocatoria anual fixarase, previos informes do
Consello Nacional de Especialidades en Ciencias da Saúde e do Ministerio de
Educación, Cultura e Deporte, pola Comisión de Recursos Humanos do Sistema
Nacional de Saúde, atendendo ás propostas realizadas polas comunidades
autónomas, ás necesidades de especialistas do sistema sanitario e ás
dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 23. Formación para unha nova especialización.
Os Especialistas en Ciencias da Saúde con, polo menos, cinco anos de exercicio
profesional como tales, poderán obter un novo título de especialista, en
especialidade do mesmo tronco que a que posúan, polo procedemento que se
determine, que en todo caso conterá unha proba para a avaliación da competencia
do aspirante no campo da nova especialidade.
|