|
REAL DECRETO 1215/1997,
do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e
saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo

Sumario
Artigo 1. Obxecto.
Artigo 2. Definicións.
Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.
Artigo 4. Comprobación dos equipos de
traballo.
Artigo 5. Obrigas en materia de formación
e información.
Artigo 6. Consulta e participación dos
traballadores.
Disposición transitoria única. Adaptación
de equipos de traballo.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa.
Disposición final primeira. Guía técnica.
Disposición final segunda. Facultades de desenvolvemento.
Disposición final terceira. Entrada en vigor.
ANEXO I
Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo
ANEXO II
Disposicións relativas á utilización dos equipos de traballo
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, determina o
corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para establecer un
axeitado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos riscos
derivados das condicións de traballo, no marco dunha política coherente,
coordinada e eficaz. Segundo o artigo 6 desta, serán as normas regulamentarias
as que irán fixando e concretando os aspectos máis técnicos das medidas
preventivas.
Así, son as normas de desenvolvemento regulamentario as que deben fixar as
medidas mínimas que se deben adoptar para a axeitada protección dos
traballadores. Entre elas están as destinadas a garantir que da presencia ou
utilización dos equipos de traballo postos a disposición dos traballadores na
empresa ou centro de traballo non se deriven riscos para a seguridade ou saúde
destes.
Igualmente, o Convenio número 119 da Organización Internacional do Traballo, do
25 de xuño de 1963, ratificado polo estado español o 26 de novembro de 1971,
establece diversas disposicións, relativas á protección da maquinaria,
orientadas a evitar riscos para a integridade física dos traballadores. Tamén o
Convenio número 155 da Organización Internacional do Traballo, do 22 de xuño de
1981, ratificado polo estado español o 26 de xullo de 1985, establece nos seus
artigos 5, 11, 12 e 16 diversas disposicións relativas a maquinaria e demais
equipos de traballo co fin de previr os riscos de accidentes e outros danos para
a saúde dos traballadores.
No mesmo senso, cómpre ter en conta que no ámbito da Unión Europea se fixaron,
mediante as correspondentes Directivas, criterios de carácter xeral sobre as
accións en materia de seguridade e saúde nos centros de traballo, así como
criterios específicos referidos a medidas de protección contra accidentes e
situacións de risco. Concretamente, a Directiva 89/655/CEE, do 30 de novembro,
modificada pola Directiva 95/63/CE, do 5 de decembro, establece as disposicións
mínimas de seguridade e de saúde para a utilización polos traballadores no
traballo dos equipos de traballo. Mediante este Real Decreto procédese á
transposición ao dereito español das Directivas antes mencionadas.
Na súa virtude, de conformidade co artigo 6 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de
Prevención dos Riscos Laborais, a proposta dos Ministros de Traballo e Asuntos
Sociais e de Industria e Enerxía, consultadas as organizacións empresariais e
sindicais máis representativas, oída a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde
no Traballo, de acordo co Consello de Estado e logo de deliberación previa do
Consello de Ministros na súa xuntanza do día 18 de xullo de 1997.
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
índice^
1. Este Real Decreto establece, no marco da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de
Prevención de Riscos Laborais, as disposicións mínimas de seguridade e saúde
para a utilización dos equipos de traballo empregados polos traballadores no
traballo.
2. As disposicións do Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba
o Regulamento dos Servicios de Prevención, aplicaranse plenamente ao conxunto do
ámbito establecido no apartado anterior, sen prexuízo das disposicións
específicas que se conteñen neste Real Decreto.
Artigo 2. Definicións.
índice^
Para efectos deste Real Decreto, entenderase por:
a) Equipo de traballo: calquera máquina, aparello, instrumento ou instalación
utilizado no traballo.
b) Utilización dun equipo de traballo: calquera actividade referida a un equipo
de traballo, tal como a posta en marcha ou a detención, o emprego, o transporte,
a reparación, a transformación, o mantemento e a conservación, incluída, en
particular, a limpeza.
c) Zona perigosa: calquera zona situada no interior ou arredor dun equipo de
traballo na que a presencia dun traballador exposto entrañe un risco para a súa
seguridade ou para a súa saúde.
d) Traballador exposto: calquera traballador que estea total ou parcialmente
nunha zona perigosa.
e) Operador do equipo: o traballador encargado da utilización dun equipo de
traballo.
Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.
índice^
1. O empresario adoptará as medidas necesarias para que os equipos de traballo
que se poñan a disposición dos traballadores sexan axeitados ao traballo que se
teña que realizar e convenientemente adaptados a este, de xeito que garantan a
seguridade e a saúde dos traballadores ao utilizar estes equipos de traballo.
Cando non sexa posible garantir deste xeito totalmente a seguridade e a saúde
dos traballadores durante a utilización dos equipos de traballo, o empresario
tomará as medidas adecuadas para reducir tales riscos ao mínimo.
En calquera caso, o empresario deberá utilizar unicamente equipos que
satisfagan:
a) Calquera disposición legal ou regulamentaria que lles sexa de aplicación.
b) As condicións xerais previstas no anexo I deste Real Decreto.
2. Para a elección dos equipos de traballo o empresario deberá ter en conta os
seguintes factores:
a) As condicións e características específicas do traballo a desenvolver.
b) Os riscos existentes para a seguridade e saúde dos traballadores no lugar de
traballo e, en particular, nos postos de traballo, así como os riscos que se
poidan derivar da presencia ou utilización destes equipos ou agravarse por eles.
c) Se é o caso, as adaptacións necesarias para a súa utilización por
traballadores discapacitados.
3. Para a aplicación das disposicións mínimas de seguridade e saúde establecidas
neste Real Decreto, o empresario terá en conta os principios ergonómicos,
especialmente canto ao deseño do posto de traballo e a posición dos
traballadores durante a utilización do equipo de traballo.
4. A utilización dos equipos de traballo deberá cumprir as condicións xerais
establecidas no anexo II deste Real Decreto.
Cando, co fin de evitar ou controlar un risco específico para a seguridade ou
saúde dos traballadores, a utilización dun equipo de traballo se deba realizar
en condicións ou formas determinadas, que requiran un particular coñecemento por
parte daqueles, o empresario adoptará as medidas necesarias para que a
utilización do dito equipo quede reservada aos traballadores designados para
iso.
5. O empresario adoptará as medidas necesarias para que, mediante un mantemento
axeitado, os equipos de traballo se conserven durante todo o tempo de
utilización nunhas condicións tales que satisfagan as disposicións do segundo
parágrafo do apartado 1. Este mantemento realizarase tendo en conta as
instruccións do fabricante ou, no seu defecto, as características destes
equipos, as súas condicións de utilización e calquera outra circunstancia normal
ou excepcional que poida influír na súa deterioración ou desaxuste.
As operacións de mantemento, reparación ou transformación dos equipos de
traballo, cunha realización que supoña un risco específico para os
traballadores, só poderán ser encomendadas ao persoal especialmente capacitado
para iso.
Artigo 4. Comprobación dos equipos de
traballo.
índice^
1. O empresario adoptará as medidas necesarias para que aqueles equipos de
traballo a seguridade dos cales dependa das súas condicións de instalación se
sometan a unha comprobación inicial, logo da súa instalación e antes da posta en
marcha por primeira vez, e a unha nova comprobación despois de cada montaxe nun
novo lugar ou emprazamento, co fin de asegurar a correcta instalación e o bo
funcionamento dos equipos.
2. O empresario adoptará as medidas necesarias para que aqueles equipos de
traballo sometidos a influencias susceptibles de ocasionar deterioracións que
poidan xerar situacións perigosas estean suxeitos a comprobacións e, se é o
caso, probas de carácter periódico, co fin de asegurar o cumprimento das
disposicións de seguridade e de saúde e de remediar a tempo estas
deterioracións.
Igualmente, deberanse realizar comprobacións adicionais de tales equipos cada
vez que se produzan acontecementos excepcionais, tales como transformacións,
accidentes, fenómenos naturais ou falta prolongada de uso, que poidan ter
consecuencias prexudiciais para a seguridade.
3. As comprobacións efectuaraas persoal competente.
4. Os resultados das comprobacións deberanse documentar e estar a disposición da
autoridade laboral. Estes resultados deberanse conservar durante toda a vida
útil dos equipos.
Cando os equipos de traballo se empreguen fóra da empresa, deberán ir
acompañados dunha proba material da realización da última comprobación.
5. Os requisitos e condicións das comprobacións dos equipos de traballo
axustaranse ao establecido na normativa específica que lles sexa de aplicación.
Artigo 5. Obrigas en materia de formación
e información.
índice^
1. De conformidade cos artigos 18 e 19 da Lei de Prevención de Riscos Laborais,
o empresario deberá garantir que os traballadores e os representantes dos
traballadores reciban unha formación e información axeitadas sobre os riscos
derivados da utilización dos equipos de traballo, así como sobre as medidas de
prevención e protección que se teñan que adoptar en aplicación deste Real
Decreto.
2. A información, subministrada preferentemente por escrito, deberá conter, como
mínimo, as indicacións relativas a:
a) As condicións e forma correcta de utilización dos equipos de traballo, tendo
en conta as instruccións do fabricante, así como as situacións ou formas de
utilización anormais e perigosas que se poidan prever.
b) As conclusións que, se é o caso, se poidan obter da experiencia adquirida na
utilización dos equipos de traballo.
c) Calquera outra información de utilidade preventiva.
A información deberá ser comprensible para os traballadores aos que vai dirixida
e incluír ou presentarse en forma de folletos informativos cando sexa preciso
polo seu volume ou complexidade ou pola utilización pouco frecuente do equipo. A
documentación informativa facilitada polo fabricante estará a disposición dos
traballadores.
3. Igualmente, informarase aos traballadores sobre a necesidade de prestar
atención aos riscos derivados dos equipos de traballo presentes no seu contorno
de traballo inmediato, ou das modificacións introducidas nestes, mesmo cando non
os utilicen directamente.
4. Os traballadores a que se refiren os apartados 4 e 5 do artigo 3 deste Real
Decreto deberán recibir unha formación específica axeitada.
Artigo 6. Consulta e participación dos
traballadores.
índice^
A consulta e participación dos traballadores ou os seus representantes sobre as
cuestións ás que se refire este Real Decreto realizaranse de conformidade co
establecido no apartado 2 do artigo 18 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Disposición transitoria única. Adaptación
de equipos de traballo.
índice^
1. Os equipos de traballo que na data de entrada en vigor deste Real Decreto
estivesen a disposición dos traballadores na empresa ou centro de traballo
deberanse axustar ao establecido no apartado 1 do anexo I no prazo de doce meses
desde a citada entrada en vigor.
Non obstante, cando en determinados sectores por situacións específicas
obxectivas dos seus equipos de traballo suficientemente acreditadas non se poida
cumprir o prazo establecido no parágrafo anterior, a autoridade laboral, a
pedimento razoado das organizacións empresariais máis representativas do sector,
e logo de consulta previa coas organizacións sindicais máis representativas
neste, poderá autorizar excepcionalmente un Plano de Posta en Conformidade cos
equipos de traballo de duración non superior a cinco anos, tendo en conta a
gravidade, transcendencia e importancia da situación obxectiva alegada. Este
Plano deberá ser presentado á autoridade laboral no prazo máximo de nove meses
desde a entrada en vigor deste Real Decreto e resolverase en prazo non superior
a tres meses, tendo a falta de resolución expresa efecto desestimatorio.
A aplicación do Plano de Posta en Conformidade ás empresas afectadas efectuarase
mediante solicitude destas á autoridade laboral para a súa aprobación e deberá
especificar a consulta aos representantes dos traballadores a gravidade,
transcendencia e importancia dos problemas técnicos que impiden o cumprimento do
prazo establecido, os detalles da posta en conformidade e as medidas preventivas
alternativas que garantan as axeitadas condicións de seguridade e saúde dos
postos de traballo afectados.
No caso dos equipos de traballo utilizados nas explotacións mineiras, as
funcións que se recoñecen á autoridade laboral nos parágrafos anteriores serán
desenvolvidas polas administracións públicas competentes en materia de minas.
2. Os equipos de traballo establecidos no apartado 2 do anexo I que o 5 de
decembro de 1998 estivesen a disposición dos traballadores na empresa ou centro
de traballo deberanse axustar nun prazo máximo de catro anos que se contarán
desde a data citada ás disposicións mínimas establecidas no dito apartado.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa.
índice^
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao
establecido neste Real Decreto e, expresamente, os capítulos VIII, IX, X, XI e
XII do Título II da Ordenanza Xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo,
aprobada por Orde do 9 de marzo de 1971, sen prexuízo do establecido na
disposición transitoria e na disposición final segunda.
Disposición final primeira. Guía técnica.
índice^
O Instituto Nacional da Seguridade e Hixiene no Traballo, de acordo co
establecido no apartado 3 do artigo 5 do Real Decreto 3971997, do 17 de xaneiro,
polo que se aproba o Regulamento dos Servicios de Prevención, elaborará e
manterá actualizada unha Guía técnica, de carácter non vinculante, para a
avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización dos equipos de
traballo.
Disposición final segunda. Facultades de
desenvolvemento.
índice^
Autorízase ao Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, logo de informe favorable
do de Industria e Enerxía, e logo de informe da Comisión Nacional de Seguridade
e Saúde no Traballo, a dictar cantas disposicións sexan precisas para a
aplicación e desenvolvemento deste Real Decreto, así como para as adaptacións de
carácter estrictamente técnico dos seus anexos en función do progreso técnico e
da evolución de normativas ou especificacións internacionais ou dos coñecementos
en materia de equipos de traballo.
Disposición final terceira. Entrada en
vigor.
índice^
Este Real Decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no
Boletín Oficial do Estado, agás o apartado 2 do anexo I e os apartados 2 e 3
do anexo II que entrarán en vigor o 5 de decembro de 1998.
Madrid, 18 de xullo de 1997
[BOE núm. 188, do 7 de agosto de 1997]
ANEXO I
Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo
índice^
OBSERVACIÓN
PRELIMINAR
As disposicións que se indican a seguir só serán de aplicación se o equipo de
traballo dá lugar ao tipo de risco para o que se especifica a medida
correspondente.
No caso dos equipos de traballo que xa estean en servicio na data de entrada en
vigor deste Real Decreto, a aplicación das citadas disposicións non requirirá
necesariamente a adopción das mesmas medidas que as aplicadas aos equipos de
traballo novos.
1.
Disposicións mínimas xerais aplicables aos equipos de traballo
1. Os órganos de accionamento dun equipo de traballo que teñan algunha
incidencia na seguridade deberán ser claramente visibles e identificables e,
cando corresponda, estar indicados cunha sinalización axeitada.
Os órganos de accionamento deberán estar situados fóra das zonas perigosas,
agás, se for preciso, no caso de determinados órganos de accionamento, de forma
que a súa manipulación non poida ocasionar riscos adicionais. Non deberán xerar
riscos como consecuencia dunha manipulación involuntaria.
De ser necesario, o operador do equipo deberá asegurarse desde o posto de mando
principal da ausencia de persoas nas zonas perigosas. Se isto non fose posible,
a posta en marcha deberá ir sempre precedida automaticamente dun sistema de
alerta, tal como un sinal de advertencia acústica ou visual. O traballador
exposto deberá dispoñer do tempo e dos medios suficientes para subtraerse
rapidamente dos riscos provocados pola posta en marcha ou a detención do equipo
de traballo.
Os sistemas de mando deberán estar seguros e elixirse tendo en conta os posibles
erros, perturbacións e os requirimentos previsibles, nas condicións de uso
previstas.
2. A posta en marcha dun equipo de traballo soamente se poderá efectuar mediante
unha acción voluntaria sobre un órgano de accionamento previsto para tal efecto.
O mesmo ocorrerá para a posta en marcha tras unha parada, sexa cal for a causa
desta última, e para introducir unha modificación importante nas condicións de
funcionamento (por exemplo, velocidade, presión, etc.) agás se esta posta en
marcha ou modificación non presenta risco ningún para os traballadores expostos
ou son resultantes da secuencia normal dun ciclo automático.
3. Cada equipo de traballo deberá estar provisto dun órgano de accionamento que
permita a súa parada total en condicións de seguridade.
Cada posto de traballo estará provisto dun órgano de accionamento que permita
parar en función dos riscos existentes, ou ben todo o equipo de traballo ou ben
unha parte deste soamente, de xeito que o dito equipo quede en situación de
seguridade. A orde de parada do equipo de traballo terá prioridade sobre as
ordes de posta en marcha. Unha vez obtida a parada do equipo de traballo ou dos
seus elementos perigosos, interromperase a subministración de enerxía dos
órganos de accionamento de que se trate.
Se for preciso en función dos riscos que presente un equipo de traballo e do
tempo de parada normal, este equipo deberá estar provisto dun dispositivo de
parada de emerxencia.
4. Calquera equipo de traballo que entrañe risco de caída de obxectos ou de
proxeccións deberá estar provisto de dispositivos de protección axeitados a
estes riscos.
5. Calquera equipo de traballo que entrañe risco por emanación de gases, vapores
ou líquidos ou por emisión de po deberá estar provisto de dispositivos axeitados
de captación ou extracción preto da fonte emisora correspondente.
6. Se for preciso para a seguridade ou a saúde dos traballadores, os equipos de
traballo e os seus elementos deberán estabilizarse por fixación ou por outros
medios. Os equipos de traballo cunha utilización prevista que requira que os
traballadores se sitúen sobre estes deberán dispoñer dos medios axeitados para
garantir que o acceso e permanencia neses equipos non supoña un risco para a súa
seguridade e saúde. En particular, cando exista risco de caída de altura de máis
de 2 metros, deberán dispoñer de varandas ríxidas dunha altura mínima de 90
centímetros, ou de calquera outro sistema que proporcione unha protección
equivalente.
7. Nos casos en que exista risco de estourido ou de rotura de elementos dun
equipo de traballo que poida afectar significativamente a seguridade ou a saúde
dos traballadores deberanse adoptar as medidas de protección axeitada.
8. Cando os elementos móbiles dun equipo de traballo poidan entrañar riscos de
accidente por contacto mecánico, deberán ir equipados con resgardos ou
dispositivos que impidan o acceso ás zonas perigosas ou que deteñan as manobras
perigosas antes do acceso ás ditas zonas.
Os resgardos e os dispositivos de protección:
a) Serán de fabricación sólida e resistente.
b) Non ocasionarán riscos suplementarios.
c) Non deberá ser doada anulalos ou poñelos fóra de servicio.
d) Deberán estar situados a suficiente distancia da zona perigosa.
e) Non deberán limitar máis do imprescindible ou necesario a observación do
ciclo de traballo.
f) Deberán permitir as intervencións indispensables para a colocación ou a
substitución das ferramentas, e para os traballos de mantemento, limitando o
acceso unicamente ao sector en que se deba realizar o traballo sen desmontar, de
ser posible, o resgardo ou o dispositivo de protección.
9. As zonas e puntos de traballo ou de mantemento dun equipo de traballo deberán
estar adecuadamente iluminadas en función das tarefas que se deban realizar.
10. As partes dun equipo de traballo que alcancen temperaturas elevadas ou moi
baixas deberán estar protexidas cando corresponda contra os riscos de contacto
ou a proximidade dos traballadores.
11. Os dispositivos de alarma do equipo de traballo deberán ser perceptible e
comprensibles de xeito doado e sen ambigüidades.
12. Todo equipo de traballo deberá estar provisto de dispositivos claramente
identificables que permitan separalo de cada unha das fontes de enerxía.
13. O equipo de traballo deberá levar as advertencias e sinalizacións
indispensables para garantir a seguridade dos traballadores.
14. Todo equipo de traballo deberá ser axeitado para protexer os traballadores
contra os riscos de incendio, de quecemento do propio equipo ou de emanacións de
gases, pos, líquidos, vapores ou outras substancias producidas, utilizadas ou
almacenadas por este. Os equipos de traballo que se utilicen en condicións
ambientais climatolóxicas ou industriais agresivas que supoñan un risco para a
seguridade e saúde dos traballadores deberán estar acondicionados para o
traballo nos ditos ambientes e dispoñer, se é o caso, de sistemas de protección
axeitados, tales como cabinas ou outros.
15. Todo equipo de traballo deberá ser adecuado para previr o risco de
explosión, tanto do equipo de traballo como das substancias producidas,
utilizadas ou almacenadas por este.
16. Todo equipo de traballo deberá ser axeitado para protexer os traballadores
expostos contra o risco de contacto directo ou indirecto coa electricidade. En
calquera caso, as partes eléctricas dos equipos de traballo deberanse axustar ao
establecido na normativa específica correspondente.
17. Todo equipo de traballo que entrañe riscos por ruído, vibracións ou
radiacións deberá dispoñer das proteccións ou dispositivos axeitados para
limitar, na medida do posible, a xeración e propagación destes axentes físicos.
18. Os equipos de traballo para o almacenamento, trasfega ou tratamento de
líquidos corrosivos ou a alta temperatura deberán dispoñer das proteccións
axeitadas para evitar o contacto accidental dos traballadores con estes.
19. As ferramentas manuais deberán estar construídas con materiais resistentes e
a unión entre os seus elementos deberá ser firme, de xeito que se eviten as
roturas ou proxeccións destes. Os seus mangos ou empuñaduras deberán ser de
dimensións adecuadas, sen bordos agudos nin superficies esvaradías, e illantes
en caso necesario.
2.
Disposicións mínimas adicionais aplicables a determinados equipos de traballo
1. Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo móbiles, sexan
automotores ou non:
a) Os equipos de traballo móbiles con traballadores transportados deberanse
adaptar de xeito que se reduzan os riscos para o traballador ou traballadores
durante o desprazamento.
Entre estes riscos deberanse incluír os de contacto dos traballadores con rodas
e eirugas e de aprisionamento por estas.
b) Cando o bloqueo imprevisto dos elementos de transmisión de enerxía entre un
equipo de traballo móbil e os seus accesorios ou remolques poida ocasionar
riscos específicos, o dito equipo deberá ser equipado ou adaptado de xeito que
se impida o bloqueo.
Cando non se poida impedir este, deberanse tomar todas as medidas necesarias
para evitar as consecuencias prexudiciais para os traballadores.
c) Deberanse prever medios de fixación dos elementos de transmisión de enerxía
entre equipos de traballo móbiles cando exista o risco de que estes elementos se
atasquen ou deterioren ao arrastrárense polo chan.
d) Nos equipos de traballo móbiles con traballadores transportados deberanse
limitar, nas condicións efectivas de uso, os riscos provocados por unha
inclinación ou por un envorcamento do equipo de traballo, mediante calquera das
seguintes medidas:
1ª. Unha estructura de protección que impida que o equipo de traballo se incline
máis dun cuarto de volta.
2ª. Unha estructura que garanta un espacio suficiente arredor do traballador ou
traballadores transportados cando o equipo se poida inclinar máis dun cuarto de
volta.
3ª. Calquera outro dispositivo de alcance equivalente.
Estas estructuras de protección poderán formar parte integrante do equipo de
traballo.
Non se requirirán estas estructuras de protección cando o equipo de traballo
estea estabilizado durante o seu emprego ou cando o deseño faga imposible a
inclinación ou envorcamento do equipo de traballo.
Cando en caso de inclinación ou de envorcamento exista para un traballador
transportado risco de esmagamento entre partes do equipo de traballo e o chan,
deberase instalar un sistema de retención do traballador ou traballadores
transportados.
e) Os carretas elevadoras ocupadas por un ou varios traballadores deberán estar
acondicionadas ou equipadas para limitar os riscos de envorcamento mediante
medidas tales como as seguintes:
1ª. A instalación dunha cabina para o conductor.
2ª. Unha estructura que impida que a carreta elevadora envorque.
3ª. Unha estructura que garanta que, no caso de envorcamento da carreta
elevadora, quede espacio abondo para o traballador ou os traballadores
transportados entre o chan e determinadas partes da dita carreta.
4ª. Unha estructura que manteña ao traballador ou traballadores sobre o asento
de conducción e impida que poidan quedar atrapados por partes da carreta
envorcada.
f) Os equipos de traballo móbiles automotores o desprazamento dos cales poida
ocasionar riscos para os traballadores deberán reunir as seguintes condicións:
1ª. Deberán contar cos medios que permitan evitar unha posta en marcha non
autorizada.
2ª. Deberán contar cos medios axeitados que reduzan as consecuencias dunha
posible colisión en caso de movemento simultáneo de varios equipos de traballo
que roden sobre raís.
3ª. Deberán contar cun dispositivo de freado e parada; na medida en que o esixa
a seguridade, un dispositivo de emerxencia accionado por medio de mandos
doadamente accesibles ou por sistemas automáticos deberá permitir o freado e a
parada en caso de que falle o dispositivo principal.
4ª. Deberán contar con dispositivos auxiliares axeitados que melloren a
visibilidade cando o campo directo de visión do conductor sexa insuficiente para
garantir a seguridade.
5ª. Se están previstos para uso nocturno ou en lugares escuros, deberán contar
cun dispositivo de iluminación adaptado ao traballo que se deba efectuar e
garantir unha seguridade suficiente para os traballadores.
6ª. Se entrañan riscos de incendio, por eles mesmos ou debido aos seu remolques
ou cargas, que poidan poñer en perigo aos traballadores, deberán contar con
dispositivos apropiados de loita contra incendios, agás cando o lugar de
utilización estea equipado con eles en puntos suficientemente próximos.
7ª. Se se manexan a distancia, deberanse parar automaticamente ao saír do campo
de control.
8º.- Se se manexan a distancia e se, en condicións normais de utilización, poden
chocar cos traballadores ou aprisionalos, deberán estar equipados con
dispositivos de protección contra eses riscos, agás cando existan outros
dispositivos axeitados para controlar o risco de choque.
g) Os equipos de traballo que pola súa mobilidade ou pola das cargas que
despracen poida supoñer un risco, nas condicións de uso previstas, para a
seguridade dos traballadores situados nas súas proximidades, deberán ir
provistos dunha sinalización acústica de advertencia.
2. Disposicións mínimas aplicables aos equipos de traballo para elevación de
cargas:
a) Os equipos de traballo para a elevación de cargas deberán estar instalados
firmemente cando se trate de equipos fixos, ou dispoñer dos elementos ou
condicións necesarias nos casos restantes, para garantir a súa solidez e
estabilidade durante o emprego, tendo en conta, en particular, as cargas que se
deben levantar e as tensións inducidas nos puntos de suspensión ou de fixación
ás estructuras.
b) Nas máquinas para elevación de cargas deberá figurar unha indicación
claramente visible da súa carga nominal e, se é o caso, unha placa de carga que
estipule a carga nominal de cada configuración da máquina.
Os accesorios de elevación deberán estar marcados de tal xeito que se poidan
identificar as características esenciais para un uso seguro.
Se o equipo de traballo non está destinado á elevación de traballadores e existe
a posibilidade de confusión, deberase fixar unha sinalización axeitada de
maneira visible.
c) Os equipos de traballo instalados de forma permanente deberanse instalar de
xeito que se reduza o risco de que a carga caia en picado, se solte ou se desvíe
involuntariamente de forma perigosa ou, por calquera outro motivo, bata nos
traballadores.
d) As máquinas para elevación ou desprazamento de traballadores deberán posuír
as características apropiadas para:
1º. Evitar, por medio de dispositivos apropiados, os riscos de caída do
habitáculo, cando existan tales riscos.
2º. Evitar os riscos de caída do usuario fóra do habitáculo, cando existan tales
riscos.
3º. Evitar os riscos de esmagamento, aprisionamento ou choque do usuario, en
especial os debidos a un contacto fortuíto con obxectos.
4º. Garantir a seguridade dos traballadores que en caso de accidente queden
bloqueados no habitáculo e permitir a súa liberación.
Se por razóns inherentes ao lugar e ao desnivel os riscos previstos no parágrafo
1º anterior non se poden evitar por medio de ningún dispositivo de seguridade,
deberase instalar un cable con coeficiente de seguridade reforzado; o bo estado
deste cable hase comprobar todos os días de traballo.
ANEXO II
Disposicións relativas á utilización dos equipos de traballo
índice^
OBSERVACIÓN
PRELIMINAR
As disposicións deste anexo aplicaranse cando exista o risco correspondente para
o equipo de traballo considerado.
1.
Condicións xerais de utilización dos
equipos de traballo
1. Os equipos de traballo instalaranse, dispoñeranse e utilizaranse de xeito que
se reduzan os riscos para os usuarios do equipo e para os demais traballadores.
Na súa montaxe terase en conta a necesidade de suficiente espacio libre entre os
elementos móbiles dos equipos de traballo e os elementos fixos ou móbiles do seu
contorno e dos que se poidan subministrar ou retirar de maneira segura as
enerxías e substancias utilizadas ou producidas polo equipo.
2. Os traballadores deberán poder acceder e permanecer en condicións de
seguridade en todos os lugares necesarios para utilizar, axustar ou manter os
equipos de traballo.
3. Os equipos de traballo non se deberán utilizar de forme ou en operacións ou
en condicións contraindicadas polo fabricante. Tampouco se poderán utilizar sen
os elementos de protección previstos para a realización da operación de que se
trate.
Os equipos de traballo só se poderán utilizar de forma ou en operacións ou en
condicións non consideradas polo fabricante se previamente se realizou unha
avaliación dos riscos que isto implicaría e se tomaron as medidas pertinentes
para a súa eliminación ou control.
4. Antes de utilizar un equipo de traballo, comprobarase que as súas proteccións
e condicións de uso son as axeitadas e que a súa conexión ou posta en marcha non
representa un perigo para terceiros.
Os equipos de traballo deixarán de se utilizar se se producen deterioracións,
avarías ou outras circunstancias que comprometan a seguridade do seu
funcionamento.
5. Cando se empreguen equipos de traballo con elementos perigosos accesibles que
non poidan ser totalmente protexidos, deberanse adoptar as precaucións e
utilizar as proteccións individuais apropiadas para reducir os riscos ao mínimo
posible.
En particular, deberanse tomar as medidas precisas para evitar, se é o caso, o
atrapamento de cabelo, roupas de traballo ou outros obxectos que puidese levar o
traballador.
6. Cando durante a utilización dun equipo de traballo sexa preciso limpar ou
retirar residuos próximos a un elemento perigoso, a operación deberase realizar
cos medios auxiliares axeitados e que garantan unha distancia de seguridade
suficiente.
7. Os equipos de traballo deberán ser instalados e utilizados de forma que non
poidan caer, envorcar ou desprazarse de forma incontrolada, poñendo en perigo a
seguridade dos traballadores.
8. Os equipos de traballo non se deberán someter a sobrecargas, sobrepresións,
velocidades ou tensións excesivas que poidan poñer en perigo a seguridade do
traballador que os utiliza ou a de terceiros.
9. Cando a utilización dun equipo de traballo poida dar lugar a proxeccións ou
radiacións perigosas, sexa durante o seu funcionamento normal, sexa en caso de
anomalía previsible, deberanse adoptar as medidas de prevención ou protección
axeitadas para garantir a seguridade dos traballadores que os utilicen ou estean
nas súas proximidades.
10. Os equipos de traballo levados ou guiados manualmente, o movemento dos cales
poida supoñer un perigo para os traballadores situados nas súas proximidades,
utilizaranse coas debidas precaucións, respectándose, en todo caso, unha
distancia de seguridade suficiente. Para tal fin, os traballadores que os
manexen deberán dispoñer de condicións axeitadas de control e visibilidade.
11. En ambientes especiais tales como locais mollados ou de alta conductividade,
locais con alto risco de incendio, atmosferas explosivas ou ambientes
corrosivos, non se empregarán equipos de traballo que no dito contorno supoñan
un perigo para a seguridade dos traballadores.
12. Os equipos de traballo que poidan ser alcanzados polos raios durante a súa
utilización deberán estar protexidos contra os seus efectos por dispositivos ou
medidas axeitadas.
13. A montaxe e desmontaxe dos equipos deberase realizar de maneira segura,
especialmente mediante o cumprimento das instruccións do fabricante cando as
haxa.
14. As operacións de mantemento, axuste, desbloqueo, revisión ou reparación dos
equipos de traballo que poidan supoñer un perigo para a seguridade dos
traballadores realizaranse logo de parar ou desconectar o equipo, comprobar a
inexistencia de enerxías residuais perigosas e tomar as medidas necesarias para
evitar a súa posta en marcha ou conexión accidental mentres se estea a efectuar
a operación.
Cando a parada ou desconexión non sexa posible, adoptaranse as medidas
necesarias para que estas operacións se realicen de forma segura ou fóra das
zonas perigosas.
15. Cando un equipo de traballo deba dispoñer dun diario de mantemento, este
permanecerá actualizado.
16. Os equipos de traballo que se retiren de servicio deberán permanecer cos
seus dispositivos de protección ou deberán tomarse as medidas necesarias para
imposibilitar o seu uso. En caso contrario, estes equipos deberán permanecer cos
seus dispositivos de protección.
17. As ferramentas manuais deberán ser de características e tamaño axeitados á
operación que se vaia realizar. A súa colocación e transporte non deberá
implicar riscos para a seguridade dos traballadores.
2.
Condicións de utilización de equipos de traballo móbiles, automotores ou non
1. A conducción de equipos de traballo automotores estará reservada aos
traballadores que recibisen unha formación específica para a conducción segura
deses equipos de traballo.
2. Cando o equipo de traballo manobre nunha zona de traballo, deberanse
establecer e respectar unhas normas de circulación axeitadas.
3. Deberanse adoptar medidas de organización para evitar que haxa traballadores
a pé na zona de traballo de equipos de traballo automotores.
Se se require a presencia de traballadores a pé para a correcta utilización dos
traballos, deberanse adoptar medidas apropiadas para evitar que resulten
mancados polos equipos.
4. O acompañamento de traballadores en equipos de traballo móbiles movidos
mecanicamente só se autorizará en emprazamentos seguros acondicionados para tal
efecto. Cando se deban realizar traballo durante o desprazamento, a velocidade
deberá adaptar se é preciso.
5. Os equipos de traballo móbiles dotados dun motor de combustión non se deberán
empregar en zonas de traballo, agás se se garante nelas unha cantidade
suficiente de aire que non supoña riscos para a seguridade e saúde dos
traballadores.
3.
Condicións de utilización de equipos de traballo para a elevación de cargas
1. Xeneralidades:
a) Os equipos de traballo desmontables ou móbiles que sirvan para a elevación de
cargas deberán empregarse de xeito que se poida garantir a estabilidade do
equipo durante o seu emprego nas condicións previsibles tendo en conta a
natureza do chan.
b) A elevación de traballadores só estará permitida mediante equipos de traballo
e accesorios previstos para tal efecto.
Non obstante, cando con carácter excepcional se teñan que utilizar para tal fin
equipos de traballo non previstos para iso, deberanse tomar as medidas
pertinentes para garantir a seguridade dos traballadores e dispoñer dunha
vixilancia axeitada.
Durante a permanencia de traballadores en equipos de traballo destinados a
levantar cargas, o posto de mando deberá estar ocupado permanentemente. Os
traballadores elevados deberán dispoñer dun medio de comunicación seguro e
deberá estar prevista a súa evacuación en caso de perigo.
c) A menos que fose preciso para efectuar correctamente os traballos, deberanse
tomar medidas para evitar a presencia de traballadores baixo as cargas
suspendidas.
Non estará permitido o paso das cargas por riba de lugares de traballo non
protexidos, ocupados habitualmente por traballadores. Se isto non fose posible,
por non se poder garantir a correcta realización dos traballos doutro xeito,
deberanse definir e aplicar procedementos adecuados.
d) Os accesorios de elevación deberán seleccionarse en función das cargas que se
manipulen, dos puntos de prensión, do dispositivo de enganche e das condicións
atmosféricas, e tendo en conta a modalidade e a configuración do amarre. As
ensamblaxes de accesorios de elevación deberán estar claramente marcados para
permitir que o usuario coñeza as súas características, se non se desmontan logo
do emprego.
e) Os accesorios de elevación deberanse almacenar de xeito que non se estraguen
ou deterioren.
2. Equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas.
a) Se dous ou máis equipos de traballo para a elevación de cargas non guiadas se
instalan ou se montan nun lugar de traballo de xeito que os seus campos de
acción se solapen, deberanse adoptar medidas axeitadas para evitar as colisións
entre as cargas ou os elementos dos propios equipos.
|