|
REAL DECRETO 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións
mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo

Sumario
Artigo 1. Obxecto.
Artigo 2. Definicións.
Artigo 3. Obriga xeral do empresario.
Artigo 4. Criterios para o emprego da
sinalización.
Artigo 5. Obrigas en materia de formación
e información.
Artigo 6. Consulta de participación dos
traballadores.
Disposición transitoria única. Prazo para
axustar a sinalización de seguridade e saúde.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa singular.
Disposición final primeira. Elaboración da Guía Técnica sobre sinalizacióin de seguridade e saúde no
traballo.
Disposición final segunda. Habilitación normativa.
ANEXO I
Disposicións mínimas de carácter xeral relativas á sinalización de seguridade e
saúde no lugar de traballo
ANEXO II
ANEXO III
Sinais en forma de panel
ANEXO IV
Sinais luminosos e acústicos
ANEXO V
Comunicacións verbais
ANEXO VI
Sinais xestuais
ANEXO VII
Disposicións mínimas relativas a diversas sinalizacións
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais,
determina o corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para
establecer un adecuado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos
riscos derivados das condicións de traballo, no marco dunha política coherente,
coordinada e eficaz. Segundo o artigo 6 desta, serán as normas regulamentarias
as que irán fixando e concretando os aspectos máis técnicos das medidas
preventivas.
Así, son as normas de desenvolvemento
regulamentario as que deben fixar as medidas mínimas que se deben adoptar para
axeitada protección dos traballadores. Entre elas, están as destinadas a
garantir que nos lugares de traballo existe unha adecuada sinalización de
seguridade e saúde, sempre que os riscos non se poidan evitar ou limitar
suficientemente a través de medios técnicos de protección colectiva ou de
medidas, métodos ou procedementos de organización do traballo.
No mesmo senso, cómpre ter en conta
que no ámbito da Unión Europea se fixaron mediante as correspondentes
directivas criterios de carácter xeral sobre as accións en materia de seguridade
e saúde nos centros de traballo, así como criterios específicos referidos a
medidas de protección contra accidentes e situacións de risco. Concretamente, a
Directiva 92/58/CEE do Consello, do 24 de xuño, establece as disposicións
mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo. Mediante
este Real Decreto, procédese á transposición ao dereito español do contido da
Directiva 92/58/CEE antes mencionada.
Na súa virtude, de conformidade co artigo 6
da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, a proposta
de Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, consultadas as organizacións
empresariais e sindicais máis representativas, oída a Comisión Nacional de
Seguridade e Saúde no Traballo, de acordo co Consello de Estado e logo de
deliberación do Consello de Ministros na súa xuntanza do día 4 de abril de 1997,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
índice^
1. Este Real Decreto establece as disposicións mínimas para a
sinalización de seguridade e saúde no traballo.
2. As disposicións da Lei 31/1995, do 8 de
novembro, de Prevención de Riscos Laborais, aplicaranse plenamente ao conxunto
do ámbito establecido no apartado anterior.
3. Este Real Decreto non afectará á
sinalización prevista pola normativa sobre comercialización de productos e
equipos e sobre substancias e preparados perigosos, salvo que a dita normativa
dispoña expresamente outra cousa.
4. Este Real Decreto non será aplicable á
sinalización utilizada para a regulación do tráfico por estrada, camiños de
ferro, fluvial, marítimo e aéreo, salvo que os devanditos tipos de tráfico se
efectúen nos lugares de traballo, e sen prexuízo do establecido no anexo VII,
nin á utilizada por buques, vehículos e aeronaves militares.
Artigo 2. Definicións.
índice^
Para efectos deste Real Decreto, entenderase por:
a) Sinalización e seguridade e saúde no
traballo: unha sinalización que, referida a un obxecto, actividade ou situación
determinadas, forneza unha indicación ou unha obriga relativa á seguridade ou á
saúde no traballo mediante un sinal en forma de panel, unha cor, un sinal
luminoso ou acústico, unha comunicación verbal ou un sinal xestual, segundo
proceda.
b) Sinal de prohibición: un sinal que
prohibe un comportamento susceptible de provocar un perigo.
c) Sinal de advertencia: un sinal que
advirte dun risco ou perigo.
d) Sinal de obriga: un sinal que obriga a un
comportamento determinado.
e) Sinal de salvamento ou de socorro: un
sinal que proporciona indicacións relativas ás saídas de socorro, aos primeiros
auxilios ou aos dispositivos de salvamento.
f) Sinal indicativo: un sinal que
proporciona outras informacións distintas das sinaladas nos parágrafos b) a e).
g) Sinal en forma de panel: un sinal que,
pola combinación dunha forma xeométrica, de cores e dun símbolo ou pictograma,
proporciona unha determinada información; a súa visibilidade está asegurada por
unha iluminación de suficiente intensidade.
h) Sinal adicional: un sinal utilizado xunto
a outro sinal dos sinalados no parágrafo g) e que facilita informacións
complementarias.
i) Cor de seguridade: unha cor á que se
atribúe unha significación determinada en relación coa seguridade e saúde no
traballo.
l) Símbolo ou pictograma: unha imaxe que
describe unha situación ou obriga a un comportamento determinado, utilizada
sobre un sinal en forma de panel ou sobre unha superficie luminosa.
m) Sinal luminoso: un sinal emitido por
medio dun dispositivo formado por materiais transparentes ou translúcidos,
iluminados desde atrás ou desde o interior, de tal xeito que apareza por si
mesma como unha superficie luminosa.
n) Sinal acústico: un sinal sonoro
codificado, emitido e difundido por medio dun dispositivo apropiado, sen
intervención de voz humana ou sintética.
ñ) Comunicación verbal: unha mensaxe verbal
predeterminada, no que se utiliza voz humana ou sintética.
o) Sinal xestual: un movemento ou
disposición dos brazos ou das mans en forma codificada para guiar as persoas que
estean a realizar manobras que constitúan un risco ou perigo para os
traballadores.
Artigo 3. Obriga xeral do empresario.
índice^
Sempre que resulte necesario tendo en conta os criterios do artigo
seguinte, o empresario deberá adoptar as medidas precisas para que nos lugares
de traballo existe unha sinalización de seguridade e saúde que cumpra o
establecido nos anexos I a VII deste Real Decreto.
Artigo 4. Criterios para o emprego da
sinalización.
índice^
1. Sen prexuízo do disposto especificamente noutras normativas
particulares, a sinalización de seguridade e saúde no traballo deberase utilizar
sempre que a análise dos riscos existentes, das situacións de emerxencia
previsibles e das medidas preventivas adoptadas, poña de manifesto a necesidade
de:
a) Chamar a atención dos traballadores sobre
a existencia de determinados riscos, prohibicións ou obrigas.
b) Alertar os traballadores cando se produza
unha determinada situación de emerxencia que requira medidas urxentes de
protección ou evacuación.
c) Facilitarlles aos traballadores a
localización ou identificación de determinados medios ou instalacións de
protección, evacuación, emerxencia ou primeiros auxilios.
d) Orientar ou guiar os traballadores que
realicen determinadas manobras perigosas.
2. A sinalización non se deberá considerar
unha medida substitutoria das medidas técnicas e organizativas de protección
colectiva e deberase utilizar cando mediante estas últimas non fose posible
eliminar os riscos ou reducilos suficientemente. Tampouco se deberá considerar
unha medida substitutoria da formación e información dos traballadores en
materia de seguridade e saúde no traballo.
Artigo 5. Obrigas en materia de formación
e información.
índice^
1. Sen prexuízo do disposto no artigo 18 da Lei de Prevención de Riscos
Laborais, o empresario adoptará as medidas axeitadas para que os traballadores e
mais os representantes dos traballadores sexan informados de todas as medidas
que se deban tomar con respecto á utilización da sinalización de seguridade e de
saúde no traballo.
2. Sen prexuízo do disposto no artigo 19 da
Lei de Prevención de Riscos Laborais, o empresario proporcionaralles aos
traballadores e mais aos representantes dos traballadores unha formación
adecuada, en particular mediante instruccións precisas, en materia de
sinalización de seguridade e saúde no traballo. A dita formación deberá incidir,
fundamentalmente, no significado dos sinais, especialmente das mensaxes verbais
e xestuais, e nos comportamentos xerais ou específicos que se deban adoptar en
función dos ditos sinais.
Artigo 6. Consulta de participación dos
traballadores.
índice^
A consulta e a participación dos traballadores ou os seus representantes
sobre as cuestións a que se refire este Real Decreto realizaranse de
conformidade co disposto no apartado 2 do artigo 18 da Lei de Prevención de
Riscos Laborais.
Disposición transitoria única. Prazo para
axustar a sinalización de seguridade e saúde.
índice^
A sinalización de seguridade e saúde utilizada nos lugares de traballo
con anterioridade á data de entrada en vigor deste Real Decreto deberase axustar
ao disposto no mesmo nun prazo de doce meses desde a citada entrada en vigor.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa singular.
índice^
Queda derrogado o Real Decreto 1.403/1986, do 9 de maio, polo que se
aproba a norma sobre sinalización de seguridade nos centros e locais de
traballo.
Disposición final primeira. Elaboración da
Guía Técnica sobre sinalizacióin de seguridade e saúde no traballo.
índice^
O Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, de acordo co
disposto no apartado 3 do artigo 5 do Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro,
polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, elaborará e
manterá actualizada unha Guía Técnica sobre sinalización de seguridade e saúde
no traballo.
Disposición final segunda. Habilitación
normativa.
índice^
Autorízase ao Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, logo de informe
previo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, a dictar cantas
disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste Real
Decreto, así como para as adaptacións de carácter estrictamente técnico dos seus
anexos en función do progreso técnico e da evolución de normativas ou
especificacións internacionais ou dos coñecementos en materia de sinalización de
seguridade e saúde no traballo.
Madrid, 14 de abril de 1997
XOÁN CARLOS R.
O Ministro de Traballo e Asuntos Sociais,
JAVIER ARENAS BOCANEGRA
ANEXO I
Disposicións mínimas de carácter xeral relativas á sinalización de seguridade e
saúde no lugar de traballo
índice^
1. A elección do tipo de sinal e do número e emprazamento dos sinais ou
dispositivos de sinalización que se deban utilizar en cada caso realizarase de
xeito que a sinalización resulte o máis eficaz posible, tendo en conta:
a) As características do sinal.
b) Os riscos, elementos ou circunstancias
que se teñan que sinalizar.
c) A extensión da zona que se deba cubrir.
d) O número de traballadores afectados.
En calquera caso, a sinalización dos riscos,
elementos ou circunstancias indicadas no anexo VII realizarase segundo o
disposto no dito anexo.
2. A eficacia da sinalización non deberá
resultar diminuída pola concorrencia de sinais ou por outras circunstancias que
dificulten a súa percepción ou comprensión.
A sinalización de seguridade e saúde no
traballo non se deberá utilizar para transmitir informacións ou mensaxes
distintas ou adicionais ás que constitúen o seu obxectivo propio. Cando os
traballadores a que se dirixe a sinalización teñan a capacidade ou a facultade
visual ou auditiva limitadas, incluídos os casos en que isto se deba ao uso de
equipos de protección individual, deberanse tomar as medidas suplementarias ou
de substitución necesarias.
3. A sinalización deberá permanecer en tanto
persista a situación que a motiva.
4. Os medios e dispositivos de sinalización
deberán ser, segundo os casos, limpados, mantidos e verificados regularmente, e
reparados ou substituídos cando for necesario, de xeito que conserven en todo
momento as súas calidades intrínsecas e de funcionamento. As sinalizacións que
necesiten dunha fonte de enerxía dispoñerán de alimentación de emerxencia que
garanta o seu funcionamento en caso de interrupción daquela, salvo que o risco
desapareza co corte de subministración.
ANEXO II
Cores de
seguridade
índice^
1. As cores de seguridade poderán formar parte dunha sinalización de
seguridade ou constituíla por si mesmas. No seguinte cadro, amósanse as cores de
seguridade, o seu significado e outras indicacións sobre o seu uso:
|
Cor
|
Significado
|
Indicacións e precisións
|
|
|
Sinal de prohibición
|
Comportamentos perigosos
|
|
Vermello
|
Perigo-alarma
|
Alto, parada, dispositivos de desconexión de emerxencia.
Evacuación
|
|
|
Material e equipos de loita contra incendios
|
Identificación e localización
|
|
Amarelo ou amarelo laranxa
|
Sinal de advertencia
|
Atención, precaución. Verificación
|
|
Azul
|
Sinal de obriga
|
Comportamento ou acción específica. Obriga de utilizar un equipo de
protección individual
|
|
Verde
|
Sinal de salvamento ou de auxilio
|
Portas, saídas, pasaxes, material, postos de salvamento ou de socorro,
locais
|
|
|
Situación de seguridade
|
Volta á normalidade
|
2. Cando a cor de fondo sobre a que teña que se aplicar a cor de
seguridade poida dificultar a percepción desta última, utilizarase unha cor de
contraste que enmarque ou se alterne coa de seguridade, de acordo coa seguinte
táboa:
|
Cor de seguridade
|
Cor de contraste
|
|
Vermello.....................
Amarelo ou amarelo laranxa........................
Azul............................
Verde..........................
|
Branco
Negro
Branco
Branco
|
3. Cando a
sinalización dun elemento se realice mediante unha cor de seguridade, as
dimensións da superficie coloreada deberán gardar proporción coas do elemento e
permitir a súa fácil identificación.
ANEXO III
Sinais en forma de panel
índice^
1. Características intrínsecas
1º. A forma e cores destes sinais defínense no apartado 3 deste anexo, en
función do tipo de sinal de que se trate.
2º. Os pictogramas serán o máis sinxelos
posible, e evitaranse detalles inútiles para a súa comprensión. Poderán variar
lixeiramente ou ser máis detallados que os indicados no apartado 3, sempre que o
seu significado sexa equivalente e non existan diferencias ou adaptacións que
impidan percibir claramente o seu significado.
3º. Os sinais serán dun material que resista
o mellor posible os golpes, as inclemencias do tempo e as agresións ambientais.
4º. As dimensións dos sinais, así como as
súas características colorimétricas e fotométricas, garantirán a súa boa
visibilidade e comprensión.
2. Requisitos de utilización
1º. Os sinais instalaranse preferentemente a unha altura e nunha posición
apropiadas en relación ao ángulo visual, tendo en conta posibles obstáculos, na
proximidade inmediata do risco ou obxecto que se deba sinalizar ou, cando se
trate dun risco xeral, no acceso á zona de risco.
2º. O lugar de emprazamento do sinal deberá
estar ben iluminado, ser accesible e facilmente visible.
Se a iluminación xeral é insuficiente,
empregarase unha iluminación adicional ou utilizaranse cores fosforescentes ou
materiais fluorescentes.
3º. Co fin de evitar a diminución da
eficacia da sinalización, non se utilizarán demasiados sinais próximos entre si.
4º. Os sinais deberanse retirar cando deixe
de existir a situación que as xustificaba.
3. Tipos de sinais
1º. Sinais de advertencia.
Forma triangular. Pictograma negro sobre
fondo amarelo (o amarelo deberá cubrir como mínimo o 50 por 100 da superficie do
sinal), bordes negros.
Como excepción, o fondo do sinal sobre “materias nocivas ou irritantes”
será de cor laranxa, en lugar de amarelo, para evitar confusións con outros
sinais similares utilizados para a regulación do tráfico por estrada.
2º. Sinais de prohibición.
Forma redonda. Pictograma negro sobre fondo
branco, bordos e banda (transversal descendente de esquera a dereita atravesando
o pictograma a 45º respecto á horizontal) vermellos (o vermello deberá cubrir
como mínimo o 35 por 100 da superficie do sinal).
3º. Sinais de obriga.
Forma redonda. Pictograma branco sobre fondo azul (o azul deberá cubrir
como mínimo o 50 por 100 da superficie do sinal).
4º. Sinais relativos aos equipos de loita contra incendios.
Forma rectangular ou cadrada. Pictograma branco sobre fondo vermello (o
vermello deberá cubrir como mínimo o 50 por 100 da superficie do sinal).
5º. Sinais de salvamento ou socorro.
Forma rectangular ou cadrada. Pictograma branco sobre fondo verde (o
verde deberá cubrir como mínimo o 50 por 100 da superficie do sinal).
ANEXO IV
Sinais luminosos e acústicos
índice^
1. Características e requisitos dos sinais luminosos
1º. A luz emitida polo sinal deberá provocar un contraste luminoso
apropiado respecto ao seu contorno, en función das condicións de uso previstas.
A súa intensidade deberá asegurar a súa percepción, sen chegar a producir
cegamentos.
2º. A superficie luminosa que emita un sinal
poderá ser de cor uniforme, ou levar un pictograma sobre un fondo determinado.
No primeiro caso, a cor deberase axustar ao establecido no apartado 1 do anexo
II; no segundo caso, o pictograma deberá respectar as regras aplicables aos
sinais en forma de panel definidas no anexo III.
3º. Se un dispositivo pode emitir un sinal
tanto continuo com intermitente, o sinal intermitente utilizarase para indicar,
con respecto ao sinal continuo, un maior grao de perigo ou unha maior urxencia
da acción requirida.
4º. Non se utilizarán ao mesmo tempo dous
sinais luminosos que poidan dar lugar a confusión, nin un sinal luminoso cerca
doutra emisión luminosa a penas diferente.
Cando se utilice un sinal luminoso
intermitente, a duración e a frecuencia dos escintileos deberán permitir a
correcta identificación da mensaxe, evitando que se poida percibir como continua
ou confundida con outros sinais luminosos.
5º. Os dispositivos de emisión de sinais
luminosos para uso en caso de perigo grave deberán ser obxecto de revisións
especiais ou ir provistos dunha lámpada auxiliar.
2. Características e requisitos de uso dos sinais acústicos
1º. O sinal acústico deberá ter un nivel sonoro superior ao nivel de
ruído ambiental, de xeito que sexa claramente audible, sen chegar a ser
excesivamente molesto. Non se deberá utilizar un sinal acústico cando o ruído
ambiental sexa demasiado intenso.
2º. O ton do sinal acústico ou, cando se
trate de sinais intermitentes, a duración, intervalo e agrupación dos impulsos,
deberá permitir a súa correcta identificación e clara distinción fronte a outros
sinais acústicos ou ruídos ambientais.
Non se deberán utilizar dous sinais
acústicos simultaneamente.
3º. Se un dispositivo pode emitir sinais
acústicos cun ton ou intensidade variables ou intermitentes, ou cun ton ou
intensidade continuos, utilizaranse os primeiros para indicar, por contraste
coas segundas, un maior grao de perigo ou unha maior urxencia da acción
requirida.
O son dun sinal de evacuación deberá ser
continuo.
3. Disposicións comúns
1º. Un sinal luminoso ou acústico indicará, ao poñerse en marcha, a
necesidade de realizar unha determinada acción e manterase mentres persista tal
necesidade.
Ao rematar a emisión dun sinal luminoso ou
acústico, adoptaranse de inmediato as medidas que permitan volver utilizalos en
caso de necesidade.
2º. A eficacia e bo funcionamento dos sinais
luminosos e acústicos comprobarase antes da súa entrada en servicio, e
posteriormente mediante as probas periódicas necesarias.
3º. Os sinais luminosos e acústicos
intermitentes previstos para a súa utilización alterna ou complementaria deberán
empregar idéntico código.
ANEXO V
Comunicacións verbais
índice^
1. Características intrínsecas
1º. A comunicación verbal establécese entre un locutor ou emisor e un ou
varios oíntes, nunha linguaxe formada por textos curtos, frases, grupos de
palabras ou palabras illadas, eventualmente codificadas.
2º. As mensaxes verbais serán tan curtas,
simples e claras, como sexa posible; a aptitude verbal do locutor e as
facultades auditivas do ou dos oíntes deberán bastar para garantir unha
comunicación verbal segura.
3º. A comunicación verbal será directa
(utilización da voz humana) ou indirecta (voz humana ou sintética, difundida por
un medio apropiado).
2. Regras particulares de utilización
1º. As persoas afectadas deberán coñecer ben a linguaxe utilizada, co fin
de poder pronunciar e comprender correctamente a mensaxe verbal e adoptar, en
función desta, o comportamento apropiado no ámbito da seguridade e a saúde.
2º. Se a comunicación verbal se utiliza en
lugar ou como complemento de sinais xestuais, terá que utilizar palabras tales
como, por exemplo:
a) Comezo: para indicar a toma de mando.
b) Alto: para interromper ou finalizar un movemento.
c) Fin: para finalizar as operacións.
d) Izar: para izar unha carga.
e) Baixar: para baixar unha carga.
f) Avanzar, retroceder, á dereita, á esquerda: para indicar o sentido dun
movemento (o sentido destes movementos debe, se é o caso, coordinarse cos
correspondentes códigos xestuais).
g) Perigo: para efectuar unha parada de emerxencia.
h) Rápido: para acelerar un movemento por razóns de seguridade.
ANEXO VI
Sinais xestuais
índice^
1. Características
Un sinal xestual deberá ser preciso, simple, amplo, fácil de realizar e
comprender e claramente distinguible de calquera outro sinal xestual.
A utilización dos dous brazos ao mesmo tempo
farase de forma simétrica e para unha só sinal xestual.
Os xestos utilizados, polo que respecta ás
características indicadas anteriormente, poderán variar ou ser máis detallados
que as representacións recollidas no apartado 3, a condición de que o seu
significado e comprensión sexan, polo menos, equivalentes.
2. Regras particulares de utilización
1º. A persoa que emite os sinais, denominada “encargado dos sinais”, dará
as instruccións de manobra mediante sinais xestuais ao destinatario das mesmas,
denominado “operador”.
2º. O encargado dos sinais deberá poder
seguir visualmente o desenvolvemento das manobras sen estar ameazado por elas.
3º. O encargado dos sinais deberase dedicar
exclusivamente a dirixir as manobras e á seguridade dos traballadores situados
nas proximidades.
4º. De non se daren as condicións previstas
no apartado 2.2º, recorrerase a un ou varios encargados dos sinais
suplementarios.
5º. O operador deberá suspender a manobra
que estea a realizar para solicitar novas instruccións cando non poida executar
as ordes recibidas coas garantías de seguridade necesarias.
6º. Accesorios de sinalización xestual.
O encargado dos sinais deberá ser facilmente
recoñecido polo operador.
O encargado dos sinais levará un ou varios
elementos de identificación apropiados tales como chaqueta, manguitos, brazal ou
casco e, cando sexa necesario, raquetas.
Os elementos de identificación indicados
serán de cores vivas, a ser posible iguais para todos os elementos, e serán
utilizados exclusivamente polo encargado dos sinais.
3. Xestos codificados
Consideración previa.
O conxunto de xestos codificados que se inclúe non impide que se poidan
empregar outros códigos, en particular en determinados sectores de actividade,
aplicables a nivel comunitario e indicadores de auténticas manobras.
A) Xestos xerais
|
Significado
|
Descrición
|
Ilustración
|
|
Comezo:
Atención.
Toma de mando.
|
Os dous brazos estendidos de forma horizontal, as palmas das mans cara a
diante.
|
|
|
Alto:
Interrupción.
Fin do movemento.
|
O brazo dereito estendido cara a arriba, a palma da man dereita cara a
diante.
|
| |