|
REAL DECRETO 486/1997, do 14 de abril, polo que se
establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de
traballo.

SUMARIO
CAPÍTULO
I
Disposicións xerais
CAPÍTULO II
Obrigas do empresario
ANEXOS
ANEXO I
Condicións xerais de seguridade nos lugares de traballo
ANEXO II
Orde, limpeza e mantemento
ANEXO III
Condicións ambientais dos lugares de traballo
ANEXO IV
Iluminación dos lugares de traballo
ANEXO V
Servicios hixiénicos e locais de descanso
ANEXO VI
Material e locais de primeiros auxilios
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, é a
norma legal pola que se determina o corpo básico de garantías e
responsabilidades preciso para establecer un adecuado nivel de protección da
saúde dos traballadores fronte aos riscos derivados das condicións de traballo,
no marco dunha política coherente, coordinada e eficaz.
Segundo o artigo 6 desta, serán as normas regulamentarias as que irán fixando e
concretando os aspectos máis técnicos das medidas preventivas, a través de
normas mínimas que garantan a axeitada protección dos traballadores. Entre
estas, están necesariamente as destinadas a garantir a seguridade e a saúde nos
lugares de traballo, de xeito que da súa utilización non se deriven riscos para
os traballadores.
Debe lembrarse que o estado español ratificou diversos convenios da Organización
Internacional do Traballo que gardan relación coa seguridade e a saúde nos
lugares de traballo e que forman parte do noso ordenamento xurídico interno. En
concreto, con carácter xeral, o convenio número 155 da OIT, relativo á
seguridade e saúde dos traballadores, do 22 de xuño de 1981, ratificado polo
estado español o 26 de xullo de 1985, e e en particular, o Convenio número 148
da OIT, relativo ao ambiente de traballo, do 20 de xuño de 1977, ratificado polo
estado español o 24 de novembro de 1980.
No mesmo senso, cómpre ter en conta
que no ámbito da Unión Europea se fixaron mediante as correspondentes directivas
criterios de carácter xeral sobre as accións en materia de seguridade e saúde
nos centros de traballo, así como criterios específicos referidos a medidas de
protección contra accidentes e situacións de risco. Concretamente, a Directiva
89/654/CEE do Consello, do 30 de novembro, establece as disposicións mínimas de
seguridade e de saúde nos lugares de traballo. Mediante este Real Decreto,
procédese á transposición ao dereito español do contido da citada directiva.
Boa parte das materias reguladas neste Real Decreto,
condicións constructivas dos lugares de traballo, iluminación, servicios
hixiénicos e locais de descanso, etc., estiveron reguladas ata o de hoxe pola
Ordenanza Xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo, aprobada mediante Orde do 9
de marzo de 1971. Cando se fan vintecinco anos da súa entrada en vigor, unhas
veces os compromisos internacionais adquiridos polo estado español, outras a
evolución do progreso técnico e dos coñecementos relativos aos lugares de
traballo, aconsellan a definitiva derrogación dalgúns capítulos do Título II da
Ordenanza que a disposición derrogatoria única da Lei 31/1995 mantivo vixentes
ata o de agora no que non se opoña ao previsto nesta, e a súa substitución por
unha regulación acorde co novo marco legal e coa realidade actual das relacións
laborais, á vez que compatible, respectuosa e rigorosa coa consecución do
obxectivo da seguridade e a saúde dos traballadores nos lugares de traballo.
Na súa virtude, de conformidade co artigo 6
da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, a proposta
de Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, consultadas as organizacións
empresariais e sindicais máis representativas, oída a Comisión Nacional de
Seguridade e Saúde no Traballo, de acordo co Consello de Estado e logo de
deliberación do Consello de Ministros na súa xuntanza do día 4 de abril de 1997,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
índice^
Artigo 1. Obxecto.
1. Este Real Decreto establece as
disposicións mínimas de seguridade e de saúde aplicables aos lugares de
traballo.
2. Este Real Decreto non será de aplicación
a:
a) Os medios de transporte utilizados fóra
da empresa ou centro de traballo, así como aos lugares de traballo situados
dentro dos medios de transporte.
b) As obras de construcción temporais ou
móbiles.
c) As industrias de extracción.
d) Os buques de pesca.
e) Os campos de cultivo, bosques e outros
terreos que formen parte dunha empresa ou centro de traballo agrícola ou
forestal que estean situados fóra da zona edificada dos mesmos.
3. As disposicións da Lei 31/1995, do 8 de
novembro, de Prevención de Riscos Laborais aplicaranse plenamente ao conxunto do
ámbito establecido no apartado 1.
Artigo 2. Definicións.
1. Para efectos deste Real Decreto,
entenderase por lugares de traballo as áreas do centro de traballo, edificadas
ou non, nas que os traballadores deban permanecer ou ás que poidan acceder en
razón do seu traballo.
Considéranse incluídos nesta definición os
servicios hixiénicos e locais de descanso, os locais de primeiros auxilios e os
comedores.
2. As instalacións de servicio ou protección
anexas aos lugares de traballo consideraranse como parte integrantes destes.
CAPÍTULO II
Obrigas do empresario
índice^
Artigo 3. Obriga xeral do empresario.
O empresario deberá adoptar as medidas
necesarias para que a utilización dos lugares de traballo non orixine riscos
para a seguridade e a saúde dos traballadores ou, de isto non ser posible, para
que tales riscos se reduzan ao mínimo.
En calquera caso, os lugares de traballo
deberán cumprir as disposicións mínimas establecidas neste Real Decreto canto ás
súas condicións constructivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización,
instalacións de servicio ou protección, condicións ambientais, iluminación,
servicios hixiénicos e locais de descanso, e material e locais de primeiros
auxilios.
Artigo 4. Condicións constructivas.
1. O deseño e as características
constructivas dos lugares de traballo deberán ofrecer seguridade fronte aos
riscos de esvaróns ou caídas, choques ou golpes contra obxectos e derrubamentos
ou caídas de materiais sobre os traballadores.
2. O deseño e as características
constructivas dos lugares de traballo deberán tamén facilitar o control das
situacións de emerxencia, en especial en caso de incendio, e posibilitar, cando
sexa necesario, a rápida e segura evacuación dos traballadores.
3. Os lugares de traballo deberán cumprir,
en particular, os requisitos mínimos de seguridade indicados no anexo I.
Artigo 5. Orde, limpeza e mantemento.
Sinalización.
A orde, a limpeza e o mantemento dos lugares
de traballo deberase axustar ao disposto no anexo II.
Igualmente, a sinalización dos lugares de
traballo deberá cumprir o disposto no Real Decreto 485/1997, do 14 de abril.
Artigo 6. Instalacións de servicio e
protección.
As instalacións de servicio e protección dos
lugares de traballo ás que se refire o apartado 2 do artigo 2 deberán cumprir as
disposicións mínimas establecidas neste Real Decreto, así como as que se deriven
das regulamentacións específicas de seguridade que resulten de aplicación.
Artigo 7. Condicións ambientais.
1. A exposición ás condicións ambientais dos
lugares de traballo non deberá supoñer un risco para a seguridade e saúde dos
traballadores. Para tal fin, as ditas condicións ambientais e, en particular, as
condicións termohigrométricas dos lugares de traballo deberán axustarse ao
establecido no anexo III.
2. A exposición aos axentes físicos,
químicos e biolóxicos do ambiente de traballo rexerase polo disposto na súa
normativa específica.
Artigo 8. Iluminación.
A iluminación dos lugares de traballo deberá
permitir que os traballadores dispoñan de condicións de visibilidade axeitadas
para poderen circular por estes e desenvolver neles as súas actividades sen
risco para a súa seguridade e saúde.
A iluminación dos lugares de traballo deberá
cumprir, en particular, as disposicións do anexo IV.
Artigo 9. Servicios hixiénicos e locais de
descanso.
Os lugares de traballo deberá cumprir as
disposicións do anexo V canto a servicios hixiénicos e locais de descanso.
Artigo 10. Material e locais de primeiros
auxilios.
Os lugares de traballo dispoñerán do
material e, se é o caso, dos locais necesarios para a prestación de primeiros
auxilios aos traballadores accidentados, axustándose ao establecido no anexo VI.
Artigo 11. Información aos traballadores.
De conformidade co artigo 18 da Lei de
Prevención de Riscos Laborais, o empresario deberá garantir que os traballadores
e os representantes dos traballadores reciban unha información axeitada sobre as
medidas de prevención e protección que se teñan que adoptar en aplicación deste
Real Decreto.
Artigo 12. Consulta e participación dos
traballadores.
A consulta e a participación dos
traballadores ou os seus representantes sobre as cuestións ás que se refire este
Real Decreto realizaranse de acordo co disposto no apartado 2 do artigo 18 da
Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Disposición derrogatoria única. Alcance da
derrogación normativa.
1. Quedan derrogadas cantas disposicións de
igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste Real Decreto.
2. Quedan derrogados expresamente os
capítulos I, II, III, IV, V e VII do Título II da Ordenanza Xeral de Seguridade
e Hixiene no Traballo, aprobada por Orde do 9 de marzo de 1971.
Non obstante, e mentres non se aproben as
normativas específicas correspondentes, manteranse en vigor:
1º. Os citados capítulos da Ordenanza Xeral de
Seguridade e Hixiene no Traballo, para os lugares de traballo excluídos do
ámbito de aplicación deste Real Decreto no apartado 2 do seu artigo 1.
2º. O artigo 24 e o capítulo VII do Título II da
Ordenanza Xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo, para os lugares de traballo
excluídos do ámbito de aplicación da Norma Básica da Edificación “NBE-CPI/96:
condicións de protección contra incendios nos edificios”, aprobada polo Real
Decreto 2177/1996, do 4 de outubro.
3. Así mesmo, queda derrogado expresamente o
Regulamento sobre iluminación nos centros de traballo, aprobado por Orde do 26
de agosto de 1940.
Disposición final
primeira. Elaboración da Guía Técnica
de avaliación e prevención de riscos.
O Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene
no Traballo, de acordo co disposto no apartado 3 do artigo 5 do Real Decreto
39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de
prevención, elaborará e manterá actualizada unha Guía Técnica para a avaliación
de normativas e especificacións internacionais ou dos coñecementos en materia de
lugares de traballo.
Disposición final
terceira. Entrada en vigor.
Este Real Decreto entrará en vigor aos tres
meses da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).
Malia o anterior, a parte B do anexo I e a
parte B do anexo V entrarán en vigor aos seis meses da publicación do Real
Decreto no BOE.
Madrid, 14 de abril de 1997
XOÁN CARLOS R.
O Ministro de Traballo e Asuntos Sociais,
JAVIER ARENAS BOCANEGRA
ANEXOS
Observación preliminar: as obrigas previstas nos seguintes anexos
aplicaranse sempre que o esixan as características do lugar de traballo ou da
actividade, as circunstancias ou calquer risco.
índice^
ANEXO I
Condicións xerais de seguridade nos lugares de traballo
índice^
A)
Disposicións aplicables aos lugares de traballo utilizados por primeira vez a
partir da data de entrada en vigor deste Real Decreto e ás modificacións,
ampliacións e transformacións dos lugares de traballo xa utilizados antes da
dita data que se realicen con posterioridade a esta.
1. Seguridade estructural.
1º. Os edificios e locais dos lugares de traballo deberán posuír a estructura e
solidez apropiadas ao seu tipo de utilización. Para as condicións de uso
previstas, todos os seus elementos, estructurais ou de servicio, incluídas as
plataformas de traballo, escaleiras e escalas, deberán:
a) Ter a solidez e a resistencia necesarias
para soportar as cargas ou esforzos a que sexan sometidos.
b) Dispoñer dun sistema de armado, suxeición
ou apoio que asegure a súa estabilidade.
2º. Prohíbese sobrecargar os elementos citados no apartado anterior. O acceso a
teitos ou cubertas que non ofrezan suficientes garantías de resistencia só se
poderá autorizar cando se proporcionen os equipos necesarios para que o traballo
se poida realizar de forma segura.
2. Espacios de traballo e zonas perigosas.
1º. As dimensións dos locais de traballo deberán permitir que os traballadores
realicen o seu traballo sen riscos para a súa seguridade e saúde e en condicións
ergonómicas aceptables. As súas dimensións mínimas serán as seguintes:
a) 3 metros de altura desde o piso ata o
teito. Non obstante, en locais comerciais, de servicios, oficinas e despachos, a
altura poderase reducir a 2,5 metros.
b) 2 metros cadrados de superficie libre por
traballador.
c) 10 metros cúbicos, non ocupados, por
traballador.
2º. A separación entre os elementos materiais existentes no posto de traballo
será suficiente para que os traballadores poidan executar
o seu labor en condicións de seguridade, saúde e benestar. Cando, por
razóns inherentes ao posto de traballo, o espacio libre dispoñible non permita
que o traballador teña a liberdade de movementos necesaria para desenvolver a
súa actividade, deberá dispoñer de espacio adicional suficiente nas proximidades
do posto de traballo.
3º. Deberanse tomar as medidas axeitadas para a protección dos traballadores
autorizados a acceder ás zonas dos lugares de traballo en que a seguridade dos
traballadores se poida ver afectada por riscos de caída, caída de obxectos e
contacto ou exposición a elementos agresivos. Así mesmo, deberase dispoñer, na
medida do posible, dun sistema que impida que os traballadores non autorizados
poidan acceder ás ditas zonas.
4º. As zonas dos lugares de traballo nas que exista risco de caída, de caída de
obxectos ou de contacto ou exposición a elementos agresivos, deberán estar
claramente sinalizadas.
3. Chans,
aberturas e desniveis, e varandas.
1º. Os chans dos locais de traballo deberán ser fixos, estables e non
esvaradíos, sen irregularidades nin pendentes perigosas.
2º. As aberturas ou desniveis que supoñan un risco de caída de persoas
protexeranse mediante varandas ou outros sistemas de protección de seguridade
equivalente, que poderán ter partes móbiles cando sexa necesario dispoñer de
acceso á abertura. Deberanse protexer, en particular:
a) As aberturas nos chans.
b) As aberturas en paredes ou tabiques,
sempre que a súa situación e dimensións supoña risco de caída de persoas, e as
plataformas, peiraos ou estructuras similares. A protección non será
obrigatoria, sen embargo, se a altura de caída é inferior a 2 metros.
c) Os lados abertos das escaleiras e ramplas
de máis de 60 centímetros de altura. Os lados cerrados terán un pasamáns, a unha
altura mínima de 90 centímetros, se o largo da escaleira é maior de 1,2 metros;
se é menor, pero ambos os lados son cerrados, cando menos un dos dous levará
pasamáns.
3º. As varandas serán de materiais ríxidos, terán unha altura mínima de 90
centímetros e dispoñerán dunha protección que impida o paso ou escorregamento
por debaixo das mesmas ou a caída de obxectos sobre persoas.
4. Tabiques,
fiestras e vans.
1º. Os tabiques transparentes ou translúcidos e, en especial, os tabiques
acristalados situados nos locais ou nas proximidadess dos postos de traballo ou
vías de circulación deberán estar claramente sinalizados e fabricados con
materiais seguros, ou ben estar separados dos ditos postos e vías, para impedir
que os traballadores se poidan golpear con estes ou mancarse en caso de rotura.
2º. Os traballadores deberán poder realizar de forma segura as operacións de
abertura, peche, axustación ou fixación de fiestras, vans de iluminación cenital
e dispositivos de ventilación. Cando estean abertos non se deberán colocar de
tal xeito que poidan constituír un risco para os traballadores.
3º. As fiestras e vans de iluminación cenital deberanse poder limpar sen risco
para os traballadores que realicen esta tarefa ou para os que estean no edificio
e nos seus arredores. Para isto deberán estar dotados dos dispositivos
necesarios ou ser proxectados integrando os sistemas de limpeza.
5. Vías de
circulación.
1º. As vías de circulación dos lugares de traballo, tanto as situadas
no exterior dos edificios e locais como no seu interior, incluídas as
portas, corredores, escaleiras, escalas fixas, ramplas e peiraos de carga,
deberanse poder utilizar conforme ao seu uso previsto, de forma fácil e con
total seguridade para os peóns ou vehículos que circulen por elas e para o
persoal que traballe nas súas proximidades.
2º. Para efectos do establecido no apartado anterior, o número situación,
dimensións e condicións constructivas das vías de circulación de persoas ou de
materiais deberanse axeitar ao número potencial de usuarios e ás características
da actividades e do lugar de traballo.
No caso dos peiraos e ramplas de carga,
deberase ter especialmente en conta a dimensión das cargas transportadas.
3º. O largo mínimo das portas exteriores e dos corredores será de 80 centímetros
e 1 metro, respectivamente.
4º. O largo mínimo das vías polas que poidan circular medios de transporte e
peóns deberá permitir o seu paso simultáneo cunha separación de separación
suficiente.
5º. As vías de circulación destinadas a vehículos deberán pasar a unha distancia
suficiente das portas, portalóns, zonas de ciculación de peóns, corredores e
escaleiras.
6º. Os peiraos de carga deberán ter cando menos unha saída, ou unha en cada
extremo cando teñan gran lonxitude e sexa tecnicamente posible.
7º. Sempre que sexa necesario para garantir a seguridade dos traballadores, o
trazado das vías de circulación deberá estar claramente sinalizado.
6. Portas e
portalón.
1º. As portas transparentes deberán ter unha sinalización á altura da vista.
2º. As superficies transparentes ou translúcidas das portas e portalóns que non
sexan de material de seguridade deberanse protexer contra a rotura cando esta
poida supoñer un perigo para os traballadores.
3º. As portas e portalóns de vaivén deberán ser transparentes ou ter partes
transparentes que permitan a visibilidade da zona á que se accede.
4º. As portas corredeiras deberán ir provistas dun sistema de seguridade que
impida que saian dos carrís e caian.
5º. As portas e portalóns que abran para arriba estarán dotados dun sistema de
seguridade que impida a súa caída.
6º. As portas e portalóns mecánicos deberán funcionar sen risco para os
traballadores. Terán dispositivos de parada de emerxencia de fácil
identificación e acceso, e poderán abrirse de forma manual, salvo se abren
automaticamente en caso de avaría do sistema de emerxencia.
7º. As portas de acceso ás escaleiras non abrirán directamente sobre os seus
chanzos senón sobre descansos de largo cando menos igual ao daqueles.
8º. Os portalóns destinados basicamente á circulación de vehículos deberán poder
ser utilizados polos peóns sen riscos para a súa seguridade, ou ben deberán
dispoñer na súa proximidade inmediata de portas destinadas para tal fin,
expeditas e claramente sinalizadas.
7. Ramplas, escaleiras fixas e de servicio.
1º. Os pavimentos das ramplas, escaleiras e plataformas de traballo serán de
materiais non esvaradíos ou dispoñerán de elementos antiesvarantes.
2º. Nas escaleiras ou plataformas con pavimentos perforados, a abertura máxima
dos intersticios será de 8 milímetros.
3º. As ramplas terán unha pendente máxima do 12 por 100 cando a súa lonxitude
sexa menor de 3 metros, do 10 por 100 cando a súa lonxitude sexa menor de 10
metros ou do 8 por 100 no resto dos casos.
4º. As escaleiras terán un largo mínimo de 1 metro, agás as de servicio, nas que
será de 55 centímetros.
5º. Os chanzos dunha escaleira terán as mesmas dimensións. Prohíbense as
escaleiras de caracol agás se son de servicio.
6º. Os chanzos das escaleiras que non sexan de servicio terán unha pegada
comprendida entre 23 e 36 centímetros, e unha contrapegada entre 13 e 20
centímetro. Os chanzos das escaleiras de servicio terán unha pegada mínima de 15
centímetros e unha contrapegada máxima de 25 centímetros.
7º. A altura máxima entre os descansos das escaleiras será de 3,7 metros. A
profundidade dos descansos intermedios, medida en dirección á escaleira, non
será menor que a metade do largo desta, nin de 1 metro. O espacio libre vertical
desde os chanzos non será inferior a 2,2 metros.
8º. As escaleiras mecánicas e cintas rodantes deberán ter as condicións de
funcionamento e dispositivos necesarios para garantir a seguridade dos
traballadores que as utilicen. Os seus dispositivos de parada de emerxencia
serán facilmente identificables e accesibles.
8. Escalas fixas.
1º. O largo mínimo das escalas fixas será de 40 centímetros e a distancia máxima
entre chanzos de 30 centímetros.
2º. Nas escalas fixas a distancia entre a fronte dos chanzos e as paredes máis
próximas a carón do ascenso será, polo menos, de 75 centímetros. A distancia
mínima entre a parte posterior dos chanzos e o obxecto fixo máis próximo será de
16 centímetros. Haberá un espacio libre de 40 centímetros a ambos os lados do
eixe da escala se non está provista de gaiolas ou outros dispositivos
equivalentes.
3º. Cando o paso desde o tramo final dunha escaleira fixa ata a superficie á que
se quere acceder supoña un risco de caída por falta de apoios, a varanda ou
lateral da escala prolongarase cando menos 1 metro por riba do último chanzo ou
tomaranse medidas alternativas que fornezan unha seguridade equivalente.
4º. As escalas fixas que teñan unha altura superior a 4 metros dispoñerán, cando
menos a partir da dita altura, dunha protección circundante. Esta medida non
será necesaria en conductos, pozos angostos e outras instalacións que, pola súa
configuración, xa proporcionen a dita protección.
5º. Se se empregan escalas fixas para alturas maiores de 9 metros, instalaranse
plataformas de descanso cada 9 metros ou fracción.
9. Escaleiras a man.
1º. As escaleiras de man terán a resistencia e os elementos de apoio e suxeición
necesarios para que a súa utilización nas condicións requiridas non supoña un
risco de caída, por rotura ou desprazamento destas. En particular, as escaleiras
de tesoura dispoñerán de elementos de seguridade que impidan a súa apertura ao
seren utilizadas.
2º. As escaleiras de man utilizaranse da forma e coas limitacións establecidas
polo fabricante. Non se empregarán escaleiras de man e, en particular,
escaleiras de máis de 5 metros de lonxitude, a resistencia das cales non ofreza
garantías. Queda prohibido o uso de escaleiras de man de construcción
improvisada.
3º. Antes de utilizar unha escaleira de man deberase asegurar a súa
estabilidade. A base da escaleira deberá quedar solidamente asentada. No caso de
escaleiras simples, a parte superior suxeitarase, se é necesario, ao paramento
sobre o que se apoia e cando este non permita un apoio estable suxeitarase ao
mesmo mediante unha abrazadeira ou outros dispositivos equivalentes.
4º. As escaleiras de man simples colocaranse, na medida do posible, formando un
ángulo aproximado de 75 graos coa horizontal. Cando se utilicen para acceder a
lugares elevados, os seus longueiros deberanse prolongar cando menos 1 metro por
riba desta.
5º. O ascenso, descenso e os traballos desde escaleiras efectuaranse de fronte a
estas. Os traballos a máis de 3,5 metros de altura, desde o punto de operación
ao chan, que requiran movementos ou esforzos perigosos para a estabilidade do
traballador, só se efectuarán se se utiliza cinto de seguridade ou se adoptan
outras medidas de protección alternativas. Prohíbese o transporte e manipulación
de cargas por ou desde escaleiras de man cando polo seu peso ou dimensións
poidan comprometer a seguridade do traballador. As escaleiras de man non se
utilizarán por dúas ou máis persoas simultaneamente.
6º. As escaleiras de man revisaranse periodicamente. Prohíbese a utilización de
escaleiras de madeira pintadas, pola dificultade que isto supón para a detección
dos seus posibles defectos.
10. Vías e saídas de evacuación.
1º. As vías e saídas de evacuación, así como as vías de circulación e as portas
que dean acceso a elas, axustaranse ao disposto na súa normativa específica.
En todo caso, e a salvo de disposicións
específicas da normativa citada, as ditas vías e saídas deberán satisfacer as
condicións que se establecen nos seguintes puntos deste apartado.
2º. As vías e saídas de evacuación deberán permanecer expeditas e desembocar o
máis directamente posible no exterior ou nunha zona de seguridade.
3º. En caso de perigo, os traballadores deberán poder evacuar todos os lugares
de traballo rapidamente e en condicións de máxima seguridade.
4º. O número, a distribución e as dimensións das vías e saídas de evacuación
dependerán do uso, dos equipos e das dimensións dos lugares de traballo, así
como do número máximo de persoas que poidan estar presentes nestes.
5º. As portas de emerxencia deberán abrir para fóra e non deberán estar
fechadas, de xeito que calquera persoa que necesite utilizalas en caso de
urxencia poida abrilas fácil e inmediatamente. Estarán prohibidas as portas
especificamente de emerxencia que sexan corredeiras ou xiratorias.
6º. As portas situadas nos percorridos das vías de evacuación deberán estar
sinalizadas de xeito adecuado. Deberán poder abrir en calquera momento desde o
interior sen axuda especial. Cando os lugares de traballo estean ocupados, as
portas deberán poder abrir.
7º. As vías e saídas específicas de evacuación deberanse sinalizar conforme ao
establecido no Real Decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas
de sinalización de seguridade e saúde no traballo. Esta sinalización deberase
fixar nos lugares axeitados e ser duradeira.
8º. As vías e saídas de evacuación, así como as vías de circulación que dean
acceso a elas, non deberán estar obstruídas por ningún obxecto de xeito que se
poidan utilizar sen trabas en calquera momento. As portas de emerxencia non se
deberán fechar con chave.
9º. En caso de avaría da iluminación, as vías e saídas de evacuación que
requiran iluminación deberán estar equipadas con iluminación de seguridade de
suficiente intensidade.
11. Condicións de protección contra incendios.
1º. Os lugares de traballo deberanse axustar ao disposto na normativa que
resulte de aplicación sobre condicións de protección contra incendios.
En todo caso, e a salvo de disposicións
específicas da normativa citada, os ditos lugares deberán satisfacer as
condicións que se sinalan nos seguintes puntos deste apartado.
2º. Segundo as dimensións e o uso dos edificios, os equipos, as características
físicas e químicas das substancias existentes, así como o número máximo de
persoas que poidan estar presentes, os lugares de traballo deberán estar
equipados con dispositivos axeitados para combater os incendios e, se for
necesario, con detectores contra incendios e sistemas de alarma.
3º. Os dispositivos non automáticos de loita contra os incendios deberán ser de
fácil acceso e manipulación. Os ditos dispositivos deberanse sinalizar conforme
ao disposto no Real Decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas
de sinalización de seguridade e saúde no traballo. A dita sinalización deberase
fixar nos lugares axeitados e ser duradeira.
12. Instalación eléctrica.
1º. A instalación eléctrica dos lugares de traballo deberase axustar ao disposto
na súa normativa específica.
En todo caso, e a salvo de disposicións
específicas da normativa citada, a dita instalación deberá satisfacer as
condicións que se sinalan nos seguintes puntos deste apartado.
2º. A instalación eléctrica non deberá entrañar riscos de incendio ou explosión.
Os traballadores deberán estar debidamente protexidos contra os riscos de
accidente causados por contactos directos ou indirectos.
3º. A instalación eléctrica e os dispositivos de protección deberán ter en conta
a tensión, os factores externos
condicionantes e a competencia das persoas que teñan acceso a partes da
instalación.
13. Minusválidos.
Os lugares de traballo e, en particular, as portas, vías de circulación,
escaleiras, servicios hixiénicos e postos de traballo, utilizados ou ocupados
por traballadores minusválidos, deberán ser acondicionados para que os ditos
traballadores poidan utilizalos.
B)
Disposicións aplicables aos lugares de traballo xa utilizados antes da data de
entrada en vigor deste Real Decreto, exceptuadas as partes que se modifiquen,
amplíen ou transformen logo da devandita data.
Aos lugares de traballo xa utilizados antes da data de entrada en vigor
deste Real Decreto, exceptuadas as partes dos mesmos que se modifiquen, amplíen
ou transformen despois da dita data, seranlles de aplicación as disposicións da
parte A) deste anexo coas seguintes modificacións:
a) Os apartados 4.1, 4.2, 4.3, 5.4, 5.5,
6.2, 6.4, 6.5, 6.6, 6.8, 7.8, 8.1 e 8.4 non serán de aplicación, sen prexuízo de
que se deban manter as condicións xa existentes nos ditos lugares de traballo
antes da entrada en vigor deste Real Decreto que satisfixesen as obrigas
contidas nos ditos apartados ou un nivel de seguridade equivalente ao
establecido nestes.
b) A abertura máxima dos intersticios
citados no apartado 7.2 será de 10 milímetros.
c) As ramplas citadas no apartado 7.3 terán
unha pendente máxima do 20 por 100.
d) Para as escaleiras que non sexan de
servicio, o largo mínimo indicado no apartado 7.4 será de 90 centímetros.
e) A profundidade mínima dos descansos
mencionada no apartado 7.7 será de 1,12 metros.
ANEXO II
Orde, limpeza e mantemento
índice^
1. As zonas de paso, saídas e vías de circulación dos lugares de traballo
e, en especial, as saídas e vías de circulación previstas para a evacuación en
casos de emerxencia, deberán permanecer libres de obstáculos de xeito que sexa
posible utilizalas sen dificultades en todo momento.
2. Os lugares de traballo, incluídos os
locais de servicios, e os seus respectivos equipos e instalacións, limparanse
periodicamente e sempre que sexa necesario para mantelos en todo momento en
condicións hixiénicas axeitadas. Para tal fin, as características dos chans,
teitos e paredes serán tales que permitan a dita limpeza e mantemento.
Eliminaranse con rapidez os refugallos, as
manchas de graxa, os residuos de substancias perigosas e demais productos
residuais que poidan orixinar accidentes ou contaminar o ambiente de traballo.
3. As operacións de limpeza non deberán
constituir por si mesmas unha fonte de risco para os traballadores que as
efectúen ou para terceiros, realizándose para tal fin nos momentos, da forma e
cos medios máis axeitados.
4. Os lugares de traballo e, en particular,
as súas instalacións, deberán ser obxecto dun mantemento periódico, de xeito que
as súas condicións de funcionamento satisfagan sempre as especificacións do
proxecto, solventándose con rapidez as deficiencias que poidan afectar á
seguridade e saúde dos traballadores.
De se utilizar unha instalación de
ventilación, deberase manter en bo estado de funcionamento e un sistema de
control deberá indicar toda avaría sempre que sexa necesario para a saúde dos
traballadores.
No caso de instalacións de protección, o
mantemento deberá incluír o control do seu funcionamento.
ANEXO III
Condicións ambientais dos lugares de traballo
índice^
1. A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non debe
supoñer un risco para a seguridade e a saúde dos traballadores.
2. Así mesmo, e na medida do posible, as
condicións ambientais dos lugares de traballo non deben constituír unha fonte de
incomodidade ou molestia para os traballadores. Para tal efecto, deberanse
evitar as temperaturas e as humidades extremas, os cambios bruscos de
temperatura, as correntes de aire molestas, os olores desagradables, a
irradiación excesiva e, en particular, a radiación solar a través de ventás,
luces ou tabiques acristalados.
3. Nos locais de traballo pechados deberanse
cumprir, en particular, as seguintes condicións:
a) A temperatura dos locais en que realicen traballos sedentarios propios de
oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27 ºC.
A temperatura dos locais onde se realicen
traballos lixeiros estará comprendida entre 14 e 25 ºC.
b) A humidade relativa estará comprendida entre o 30 e o 70 por 100, agás nos
locais onde existan riscos por electricidade estática nos que o límite inferior
será o 50 por 100.
c) Os traballadores non deberán estar expostos de forma frecuente ou continuada
a correntes de aire cunha velocidade que exceda os seguintes límites:
1º. Traballos en ambientes non calorosos:
0,25 m/s.
2º. Traballos sedentarios en ambientes
calorosos: 0,5 m/s.
3º. Traballos non sedentarios en ambientes
calorosos: 0,75 m/s.
Estes límites non se aplicarán ás correntes
de aire expresamente utilizadas para evitar o estrés en exposicións intensas á
calor, nin ás correntes de aire acondicionado, para as que o límite será de 0,25
m/s no caso de traballos sedentarios e 0,35 m/s nos demais casos.
d) Sen prexuízo do establecido en relación á ventilación de determinados locais
no Real Decreto 1618/1980, do 4 de xullo, polo que se aproba o regulamento de
calefacción, climatización e auga quente sanitaria, a renovación mínima do aire
dos locais de traballo será de 30 metros cúbicos de aire limpo por hora e
traballador, no caso de traballos sedentarios en ambientes non calorosos nin
contaminados por fume de tabaco, e de 50 metros cúbicos nos casos restantes, co
fin de evitar o ambiente viciado e os olores desagradables.
O sistema de ventilación empregado e, en
particular, a distribución das entradas de aire limpo e saídas de aire viciado,
deberán asegurar unha efectiva renovación do aire do local de traballo.
4. Para efectos da aplicación do establecido
no apartado anterior, deberanse ter en conta as limitacións ou condicionantes
que poidan impoñer, en cada caso, as características particulares do propio
lugar de traballo, dos procesos ou operacións que se desenvolvan nel e do clima
da zona en que estea situado. En calquera caso, o illamento térmico dos locais
pechados débese axeitar ás condicións climáticas propias do lugar.
5. Nos lugares de traballo ao aire libre e
nos locais de traballo que, pola actividade desenvolvida, non poidan quedar
pechados, deberanse tomar medidas para que os traballadores se poidan protexer,
na medida do posible, das inclemencias do tempo.
6. As condicións ambientais dos locais de
descanso, dos locais para o persoal de garda, dos locais hixiénicos, dos
comedores e dos locais de primeiros auxilios deberán responder ao uso específico
destes locais e axustarse, en todo caso, ao establecido no apartado 3.
ANEXO IV
Iluminación dos lugares de traballo
índice^
1. A iluminación de cada
zona ou parte dun lugar de traballo deberase adaptar ás características da
actividade que se efectúe nela, tendo en conta:
a) Os riscos para a seguridade e saúde dos traballadores dependentes das
condicións de visibilidade.
b) As esixencias visuais das tarefas desenvolvidas.
2. Sempre que sexa posible, os lugares de
traballo terán unha iluminación natural, que deberá complementarse cunha
iluminación artificial cando a primeira, por si soa, non garanta as condicións
de visibilidade axeitadas. En tales casos, utilizarase preferentemente a
iluminación artificial xeral, complementada á súa vez cunha localizada cando en
zonas concretas se requiran niveis de iluminación elevados.
3. Os niveis mínimos de iluminación dos
lugares de traballo serán os establecidos na seguinte táboa:
|
Zona ou parte do lugar de traballo (*)
|
Nivel mínimo de iluminación (lux.)
|
|
Zonas en que se executen tarefas con:
1º. Baixas esixencias visuais......................
2º. Esixencias visuais moderadas...................
3º. Esixencias visuais altas.............................
4º. Esixencias visuais moi altas......................
Áreas ou locais de uso ocasional.....................
Áreas ou locais de uso habitual........................
Vías de circulación de uso ocasional................
Vías de circulación de uso habitual.................
|
100
200
500
1.000
50
100
25
50
|
(*) O nivel de iluminación dunha zona na que se execute unha tarefa medirase á
altura en que este se realice; no caso de zonas de uso xeral, a 85 cm do chan, e
no das vías de circulación, a nivel do chan.
Estes niveis mínimos deberanse duplicar cando concorran as seguintes
circunstancias:
a) Nas áreas ou locais de uso xeral e nas vías de circulación, cando polas súas
características, estado ou ocupación, existan riscos apreciables de caídas,
choques ou outros accidentes.
b) Nas zonas en que se efectúen tarefas, cando un erro de apreciación visual
durante a realización das mesmas poida supoñer un perigo para o traballador que
as executa ou para terceiros, ou cando o contraste de luminancias ou de cor
entre o obxecto que visualizar e o fondo sobre o que está sexa moi débil.
Malia o sinalado nos parágrafos anteriores,
estes límites non serán aplicables
naquelas actividades nas que a súa natureza o impida.
4.
A iluminación dos lugares de traballo deberá cumprir, ademais, canto á súa
distribución e outras características, as seguintes condicións:
a) A distribución dos niveis de iluminación será o máis uniforme posible.
b) Procurarase manter uns niveis e contrastes de luminancia axeitados ás
esixencias visuais da tarefa, evitando variacións bruscas de luminancia dentro
da zona de operación e entre esta e os seus arredores.
c) Evitaranse os cegamentos directos producidos pola luz solar ou por fontes de
luz artificial de alta luminancia. En ningún caso estas se colocarán sen
protección no campo visual do traballador.
d) Evitaranse, así mesmo, os cegamentos indirectos producidos por superficies
reflectantes situadas na zona de operación ou as súas proximidades.
e) Non se utilizarán sistemas ou fontes de luz que prexudiquen a percepción dos
contrastes, da profundidade ou da distancia entre obxectos na zona de traballo
que produzan unha impresión visual de intermitencia ou que poidan dar lugar a
efectos estrobocópicos.
5. Os lugares de traballo, ou parte destes,
nos que un erro da iluminación normal supoña un risco para a seguridade dos
traballadores dispoñerán dunha iluminación de emerxencia de evacuación e de
seguridade.
6. Os sistemas de iluminación utilizados non
deben orixinar riscos eléctricos, de incendio ou de explosión, cumprindo, para
tal efecto, o establecido na normativa específica vixente.
ANEXO V
|