|
REAL DECRETO 487/1997, do 14 de abril, sobre disposicións
mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas que
entrañe riscos, en particular dorsolumbares, para os traballadores

Sumario
Artigo 1. Obxecto.
Artigo 2. Definición.
Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.
Artigo 4. Obrigas en materia de formación
e información.
Artigo 5. Consulta de participación dos
traballadores.
Artigo 6. Vixilancia da saúde.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa.
Disposición final primeira. Elaboración da Guía Técnica para a avaliación e prevención de riscos.
Disposición final segunda. Habilitación normativa.
ANEXO
Factores de risco a que se fai referencia nos artigos 3.2 e 4
A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais,
determina o corpo básico de garantías e responsabilidades preciso para
establecer un adecuado nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos
riscos derivados das condicións de traballo, no marco dunha política coherente,
coordinada e eficaz.
Segundo o artigo 6 desta, serán as normas regulamentarias as que irán fixando e
concretando os aspectos máis técnicos das medidas preventivas.
Así, son as normas de desenvolvemento
regulamentario as que deben fixar as medidas mínimas que se deben adoptar para
axeitada protección dos traballadores. Entre elas, están as destinadas a
garantir que da manipulación manual de cargas non se deriven riscos, en
particular dorsolumbares, para os traballadores.
No mesmo senso, cómpre ter en conta
que no ámbito da Unión Europea se fixaron mediante as correspondentes
directivas criterios de carácter xeral sobre as accións en materia de seguridade
e saúde nos centros de traballo, así como criterios específicos referidos a
medidas de protección contra accidentes e situacións de risco. Concretamente, a
Directiva 90/269/CEE, do 29 de maio, establece as disposicións mínimas de
seguridade e de saúde relativas á manipulación manual de cargas que entrañe
riscos, en particular dorsolumbares, para os traballadores. Mediante este Real
Decreto, procédese á transposición ao dereito español do contido da Directiva
90/269/CEE antes mencionada.
Na súa virtude, de conformidade co artigo 6
da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais, a proposta
de Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, consultadas as organizacións
empresariais e sindicais máis representativas, oída a Comisión Nacional de
Seguridade e Saúde no Traballo, de acordo co Consello de Estado e logo de
deliberación do Consello de Ministros na súa xuntanza do día 4 de abril de 1997,
DISPOÑO:
Artigo 1.
Obxecto.
índice^
1.
Este Real Decreto establece as disposicións mínimas de seguridade e saúde
relativas á manipulación manual de cargas que entrañe riscos, en particular
dorsolumbares, para os traballadores.
2. As disposicións da Lei 31/1995, do 8 de
novembro, de Prevención de Riscos Laborais, aplicaranse plenamente ao conxunto
do ámbito establecido no apartado anterior.
Artigo 2.
Definición.
índice^
Para efectos deste Real Decreto, entenderase por manipulación manual de cargas
calquera operación de transporte ou suxeición dunha carga por parte dun ou
varios traballadores, como o levantamento, a colocación, o empuxe, a tracción ou
o desprazamento, que polas súas características ou condicións ergonómicas
inadecuadas entrañe riscos, en particular dorsolumbares, para os traballadores.
Artigo 3. Obrigas xerais do empresario.
índice^
1.
O empresario deberá adoptar as medidas técnicas ou organizativas necesarias para
evitar a manipulación manual das cargas, en especial mediante a utilización de
equipos para o manexo mecánico das mesmas, sexa de forma automática, sexa de
forma controlada polo traballador.
2. Cando non se poida evitar a necesidade de
manipulación manual das cargas, o empresario tomará as medidas de organización
axeitadas, utilizará os medios apropiados e proporcionaralles aos traballadores
tales medios para reducir o risco que entrañe a dita manipulación. Para tal fin,
deberá avaliar os riscos tomando en consideración os factores indicados no anexo
deste Real Decreto e os seus posibles efectos combinados.
Artigo 4. Obrigas en materia de formación
e información.
índice^
De
conformidade cos artigos 18 e 19 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, o
empresario deberá garantir que os traballadores e mais os representantes dos
traballadores reciban unha formación e información axeitadas sobre os riscos
derivados da manipulación manual de cargas, así como sobre as medidas de
prevención e protección que se teñan que adoptar en aplicación deste Real
Decreto.
En particular, proporcionaralles aos
traballadores unha formación e información adecuada sobre a forma correcta de
manipular as cargas e sobre os riscos que corren de non o faceren da dita forma,
tendo en conta os factores de risco que figuran no anexo deste Real Decreto.
A información subministrada deberá incluír indicacións xerais e as precisións
que sexan posibles sobre o peso das cargas e, cando o contido da embalaxe estea
descentrada, sobre o seu centro de gravidade ou lado máis pesado.
Artigo 5. Consulta de participación dos
traballadores.
índice^
A
consulta e a participación dos traballadores ou os seus representantes sobre as
cuestións a que se refire este Real Decreto realizaranse de conformidade co
disposto no apartado 2 do artigo 18 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Artigo 6.
Vixilancia da saúde.
índice^
O
empresario garantirá o dereito dos traballadores a unha vixilancia axeitada da
súa saúde cando a súa actividade habitual supoña unha manipulación manual de
cargas e concorran algúns dos elementos ou factores establecidos no anexo. Tal
vixilancia será realizada por persoal sanitario competente, segundo determinen
as autoridades sanitarias nas pautas e protocolos que se elaboren, de
conformidade co disposto no apartado 3 do artigo 37 do Real Decreto 39/1997, do
17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servicios de Prevención.
Disposición derrogatoria única.
Derrogación normativa.
índice^
Queda derrogados o Decreto do Ministerio de Traballo, do 15 de novembro de 1935,
que prohibe a utilización de sacos ou fardos de máis do 80 quilogramos o
transporte, carga e descarga dos cales teña que se facer a brazo, e Orde do
Ministerio de Traballo, do 2 de xuño de 1961, sobre prohibición de cargas a
brazo que excedan de 80 quilogramos.
Disposición final primeira. Elaboración da
Guía Técnica para a avaliación e prevención de riscos.
índice^
O
Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo elaborará e manterá
actualizada unha Guía Técnica para avaliación e prevención dos riscos relativos
á manipulación manual de cargas. Na dita Guía consideraranse os valores máximos
de carga como referencia para unha manipulación manual en condicións axeitadas
de seguridade e saúde, así como os factores correctores en función das
características individuais, da carga e da forma e frecuencia da súa
manipulación manual.
Disposición final segunda. Habilitación
normativa.
índice^
Autorízase ao Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, logo de informe previo da
Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, a dictar cantas
disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste Real
Decreto, así como para as adaptacións de carácter estrictamente técnico dos seus
anexos en función do progreso técnico, da evolución das normativas ou
especificacións internacionais ou dos coñecementos no ámbito da manipulación
manual de cargas.
Madrid, 14 de abril de 1997
XOÁN CARLOS R.
O Ministro de Traballo e Asuntos
Sociais,
JAVIER ARENAS BOCANEGRA
ANEXO
Factores de risco a que se fai referencia nos artigos 3.2 e 4
índice^
Na aplicación do establecido neste anexo teranse en conta, se é o caso,
os métodos ou criterios a que se refire o apartado 3 do artigo 5 do Real Decreto
39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulameno dos Servicios de
Prevención.
1. Características da carga.
A manipulación manual dunha carga pode
presentar un risco, en particular dorsolumbar, nos casos seguintes:
Cando a cargo é demasiado pesada ou
demasiado grande.
Cando é voluminosa ou difícil de suxeitar.
Cando está en equilibrio inestable ou o seu
contido corre o risco de se desprazar.
Cando está colocada de tal xeito que se debe
soster a distancia do tronco ou con torsión ou inclinación do mesmo.
Cando a carga, debido ao seu aspecto
exterior ou á súa consistencia, pode ocasionar lesións ao traballador, en
particular en caso de golpe.
2. Esforzo físico necesario.
Un esforzo físico pode entrañar un risco, en
particular dorsolumbar, nos casos seguintes:
Cando é demasiado importante.
Cando non se pode realizar máis que por un
movemento de torsión ou de flexión do tronco.
Cando pode provocar un movemento brusco da
carga.
Cando se
realiza mentres o corpo está en posición inestable.
Cando se trate de alzar ou descender a carga
con necesidade de modificar o agarre.
3. Características do medio de traballo.
As características do medio de traballo poden aumentar o risco, en particular
dorsolumbar, nos casos seguintes:
Cando o espacio libre, especialmente
vertical, resulta insuficiente para o exercicio da actividade de que se trate.
Cando o chan é irregular e, polo tanto, pode
dar lugar a tropezos, ou ben é esvaradío para o calzado que leve o traballador.
Cando a situación ou o medio de traballo non
lle permite ao traballador a manipulación manual de cargas a unha altura segura
e nunha postura correcta.
Cando o chan ou o plano de traballo
presentan desniveis que implican a manipulación da carga en niveis diferentes.
Cando o chan ou o punto de apoio son
inestables.
Cando a temperatura, humidade ou circulación
do aire son inadecuadas.
Cando a iluminación non sexa axeitada.
Cando exista exposición a vibracións.
4. Esixencias da actividade.
A actividade pode entrañar risco, en
particular dorsolumbar, cando implique unha ou varias das esixencias seguintes:
Esforzos físicos demasiado frecuentes ou
prolongados nos que interveña en particular a columna vertebral.
Período insuficiente de repouso fisiolóxico
ou de recuperación.
Distancias demasiado grandes de elevación,
descenso ou transporte.
Ritmo imposto por un proceso que o
traballador non poida modular.
5. Factores individuais de risco.
Constitúen factores individuais de risco:
A falta de aptitude física para realizar as
tarefas en cuestión.
A inadecuación das roupas, o calzado e
outros efectos persoais que leve o traballador.
A insuficiencia ou inadaptación dos
coñecementos ou da formación.
A existencia previa de patoloxía
dorsolumbar.
[BOE do 23 de abril de 1997]
índice^
|