|
LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,
DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS
Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no
Orde Social
(BOE 189/2000, do 8 de agosto)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
1
indice^
O artigo 40.2 da Constitución Española encomenda aos poderes públicos,
como un dos principios rectores da política social e económica, velar
pola seguridade e hixiene no traballo.
Este mandato constitucional implica a necesidade de desenvolver unha
política de protección da saúde dos traballadores mediante a prevención
dos riscos derivados do seu traballo e encontra nesta Lei o seu piar
fundamental. Nela configúrase o marco xeral no que se desenvolverán as
distintas accións preventivas, en coherencia coas decisións da Unión
Europea que expresou a súa ambición de mellorar de forma progresiva as
condicións de traballo e de acadar este obxectivo de progreso cunha
harmonización paulatina desas condicións nos diferentes países europeos.
Da presencia de España na Unión Europea deriva, por conseguinte, a
necesidade de harmonizar a nosa política coa nacente política
comunitaria nesta materia, preocupada, cada vez en maior medida, polo
estudio e tratamento da prevención dos riscos derivados do traballo. Boa
proba disto foi a modificación do Tratado constitutivo da Comunidade
Económica Europea pola chamada Acta Única, onde a teor do seu artigo 118
A) os Estados membros veñen, desde a súa entrada en vigor, promover a
mellora do medio de traballo para conseguir o obxectivo antes dito de
harmonización no progreso das condicións de seguridade e saúde dos
traballadores. Este obxectivo viuse reforzado no Tratado da Unión
Europea mediante o procedemento que nel se contempla para a adopción, a
través de Directivas, de disposicións mínimas que se terán que aplicar
de forma progresiva.
Consecuencia de todo isto foi a creación dun acervo xurídico europeo
sobre protección da saúde dos traballadores no traballo. Das Directivas
que o configuran a máis significativa é, sen dúbida, a 89/391/CEE,
relativa á aplicación das medidas para promover a mellora da seguridade
e da saúde dos traballadores no traballo, que contén o marco xurídico
xeral no que opera a política de prevención comunitaria.
Esta Lei traspón ao Dereito español a devandita Directiva, ao mesmo
tempo que incorpora ao que será o noso corpo básico nesta materia
disposicións doutras Directivas nas que a súa materia esixe ou aconsella
a transposición nunha norma de rango legal, como son as Directivas
92/85/CEE, 94/33/CEE e 91/383/CEE, relativas á protección da maternidade
e dos mozos e ao tratamento das relacións de traballo temporais, de
duración determinada e en empresas de traballo temporal.
Deste xeito, o mandato constitucional contido no artigo 40.2 da nosa lei
de leis e a comunidade xurídica establecida pola Unión Europea nesta
materia configuran o soporte básico no que se asenta esta Lei. Xunto con
isto, os nosos propios compromisos contraídos coa Organización
Internacional do Traballo a partir de ratificación do Convenio 155,
sobre seguridade e saúde dos traballadores e medio ambiente de traballo,
enriquecen o contido do texto legal ao incorporaren as súas prescricións
e darlles o rango legal axeitado dentro do noso sistema xurídico.
2
indice^
Pero non é só do mandato constitucional e dos compromisos internacionais
do Estado español de onde se deriva a esixencia dun novo enfoque
normativo. Dimana tamén, na orde interna, dunha dobre necesidade: a de
rematar, en primeiro lugar, coa falta dunha visión unitaria na política
de prevención de riscos laborais propia da dispersión da normativa
vixente, froito da acumulación no tempo de normas de moi diverso rango e
orientación, moitas delas anteriores á propia Constitución española; e,
en segundo lugar, a de actualizar regulacións xa desfasadas e regular
situacións novas non contempladas con anterioridade. Necesidades estas
que, se sempre revisten importancia, adquiren especial transcendencia
cando se relacionan coa protección da seguridade e a saúde dos
traballadores no traballo, a evolución das condicións que demanda a
permanente actualización da normativa e a súa adaptación ás profundas
transformacións experimentadas.
3
indice^
Por todo iso, esta Lei ten por obxecto a determinación do corpo básico
de garantías e responsabilidades preciso para establecer un axeitado
nivel de protección da saúde dos traballadores fronte aos riscos
derivados das condicións de traballo, e isto no marco dunha política
coherente, coordinada e eficaz de prevención de riscos laborais.
A partir do recoñecemento do dereito dos traballadores no ámbito laboral
á protección da súa saúde e integridade, a Lei establece as diversas
obrigas que, no ámbito indicado, garantirán este dereito, así como as
actuacións das Administracións públicas que poidan incidir positivamente
na consecución do devandito obxectivo.
Ao inserir esta Lei no ámbito específico das relacións laborais,
configúrase como unha referencia legal mínima nun dobre sentido: o
primeiro, como Lei que establece un marco legal a partir do que as
normas regulamentarias irán fixando e concretando os aspectos máis
técnicos das medidas preventivas; e, o segundo, como soporte básico a
partir do que a negociación colectiva poderá desenvolver a súa función
específica. Neste aspecto, a Lei e as súas normas regulamentarias
constitúen lexislación laboral, conforme ao artigo 149.1.7ª da
Constitución.
Pero, ao mesmo tempo – e nisto radica unha das principais novidades da
Lei –, esta norma aplicarase tamén no ámbito das Administracións
públicas, razón pola que a Lei non só posúe o carácter de lexislación
laboral senón que constitúe, nos seus aspectos fundamentais, norma
básica do réxime estatutario dos funcionarios públicos, dictada ao
abeiro do disposto no artigo 149.1.18ª da Constitución. Con isto
confírmase tamén a vocación de universalidade da Lei, en canto dirixida
a abordar, de maneira global e coherente, o conxunto dos problemas
derivados dos riscos relacionados co traballo, calquera que sexa o
ámbito no que o traballo se preste.
En consecuencia, o ámbito de aplicación da Lei inclúe tanto aos
traballadores vinculados por unha relación laboral en sentido estricto,
como ao persoal civil con relación de carácter administrativo ou
estatutario ao servicio das Administracións públicas, así como aos
socios traballadores ou de traballo dos distintos tipos de cooperativas,
sen máis exclusións que as correspondentes, no ámbito da función
pública, a determinadas actividades de policía, seguridade, amparo
alfandegueiro, peritaxe forense e protección civil, onde as
particularidades impidan a aplicación da Lei, a que inspirará, non
obstante, a normativa específica que se dicte para salvagardar a
seguridade e a saúde dos traballadores nas devanditas actividades; en
sentido similar, a Lei prevé a súa adaptación ás características propias
dos centros e establecementos militares e dos establecementos
penitenciarios.
4
indice^
A política en materia de prevención de riscos laborais, en canto
conxunto de actuacións dos poderes públicos dirixidas á promoción da
mellora das condicións de traballo para elevar o nivel de protección da
saúde e a seguridade dos traballadores, articúlase na Lei conforme aos
principios de eficacia, coordinación e participación, ordenando tanto a
actuación das diversas Administracións públicas con competencias en
materia preventiva, como a necesaria participación na devandita
actuación de empresarios e traballadores, a través das súas
organizacións representativas. Neste contexto, a Comisión Nacional de
Seguridade e Saúde no Traballo que se crea configúrase como un
instrumento privilexiado de participación na formulación e
desenvolvemento da política en materia preventiva.
Pero tratándose dunha Lei que persegue ante todo a prevención, a súa
articulación non pode descansar de xeito exclusivo na ordenación das
obrigas e responsabilidades dos actores directamente relacionados co
feito laboral. O propósito de fomentar unha auténtica cultura
preventiva, mediante a promoción da mellora da educación en dita materia
en todos os niveis educativos, involucra á sociedade no seu conxunto e
constitúe un dos obxectivos básicos e de efectos quizais máis
transcendentes cara ao futuro dos perseguidos por esta Lei.
5
indice^
A protección do traballador fronte aos riscos laborais esixe unha
actuación na empresa que desborda o simple cumprimento formal dun
conxunto predeterminado, máis ou menos amplo, de deberes e obrigas
empresariais e, máis aínda, a simple corrección a posteriori de
situacións de risco xa manifestadas. A planificación da prevención desde
o momento mesmo do deseño do proxecto empresarial, a avaliación inicial
dos riscos inherentes ao traballo e a súa actualización periódica a
medida que se alteren as circunstancias, a ordenación dun conxunto
coherente e globalizador de medidas de acción preventiva axeitadas á
natureza dos riscos detectados e o control da efectividade das
devanditas medidas constitúen os elementos básicos do novo enfoque na
prevención de riscos laborais que a Lei determina. E, xunto a isto,
claro está, a información e a formación dos traballadores dirixidas a un
mellor coñecemento tanto do alcance real dos riscos derivados do
traballo como da forma de previlos e evitalos, de maneira adaptada ás
peculiaridades de cada centro de traballo, ás características das
persoas que nel desenvolven a súa prestación laboral e á actividade
concreta que realizan.
Desde estes principios articúlase o capítulo III da Lei, que regula o
conxunto de dereitos e obrigas derivados ou correlativos do dereito
básico dos traballadores á súa protección, así como, de maneira máis
específica, as actuacións a desenvolver en situacións de emerxencia ou
en caso de risco grave e inminente as garantías e dereitos relacionados
coa vixilancia da saúde dos traballadores, con especial atención á
protección da confidencialidade e o respecto á intimidade no tratamento
destas actuacións, e as medidas particulares a adoptar en relación con
categorías específicas de traballadores, tales como os mozos e mozas, as
traballadoras embarazadas ou que deron a luz recentemente e os
traballadores suxeitos a relacións laborais de carácter temporal.
Entre as obrigas empresariais que establece a Lei, ademais das que
implicitamente leva consigo a garantía dos dereitos recoñecidos ao
traballador, cabe salientar o deber de coordinación que se impón aos
empresarios que desenvolvan as súas actividades nun mesmo centro de
traballo, así como o de aqueles que contraten ou subcontraten con outros
a realización nos seus propios centros de traballo de obras ou servicios
correspondentes á súa actividade de vixiar o cumprimento polos
devanditos contratistas e subcontratistas da normativa de prevención.
Instrumento fundamental da acción preventiva na empresa é a obriga
regulada no capítulo IV de estructurar a dita acción a través da
actuación dun ou varios traballadores da empresa especificamente
designados para iso, da constitución dun servicio de prevención ou do
recurso a un servicio de prevención alleo á empresa. Desta maneira, a
Lei combina a necesidade dunha actuación ordenada e formalizada das
actividades de prevención co recoñecemento da diversidade de situacións
ás que a Lei se dirixe en canto á magnitude, complexidade e intensidade
dos riscos inherentes a estas, outorgando un conxunto suficiente de
posibilidades, incluída a eventual participación das Mutuas de
Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais, para organizar de
maneira racional e flexible o desenvolvemento da acción preventiva,
garantindo en todo caso tanto a suficiencia do modelo de organización
elixido como a independencia e protección dos traballadores que,
organizados ou non nun servicio de prevención, teñan atribuídas as ditas
funcións.
6
indice^
O capítulo V regula, de forma detallada, os dereitos de consulta e
participación dos traballadores en relación coas cuestións que afectan á
seguridade e saúde no traballo. Partindo do sistema de representación
colectiva vixente no noso país, a Lei atribúe aos denominados Delegados
de prevención – elixidos por e entre os representantes do persoal no
ámbito dos respectivos órganos de representación – o exercicio das
funcións especializadas en materia de prevención de riscos no traballo,
outorgándolles para iso as competencias, facultades e garantías
necesarias. Xunto a isto, o Comité de Seguridade e Saúde, continuando a
experiencia de actuación dunha figura, arraigada e tradicional do noso
ordenamento laboral, configúrase como o órgano de encontro entre os
ditos representantes e o empresario para o desenvolvemento dunha
participación equilibrada en materia de prevención de riscos.
Todo isto sen prexuízo das posibilidades que lle outorga a Lei á
negociación colectiva para artellar de maneira diferente os instrumentos
de participación dos traballadores, mesmo desde o establecemento de
ámbitos de actuación distintos aos propios do centro de traballo,
recollendo con isto diferentes experiencias positivas de regulación
convencional onde a vixencia, plenamente compatible cos obxectivos da
Lei, se salvagarda a través da disposición transitoria desta.
7
indice^
Tras regular no capítulo VI as obrigas básicas que afectan aos
fabricantes, importadores e subministradores de maquinaria, equipos,
productos e utensilios de traballo, que enlazan coa normativa
comunitaria de mercado interior dictada para asegurar a exclusiva
comercialización daqueles productos e equipos que ofrezan os maiores
niveis de seguridade para os usuarios, a Lei aborda no capítulo VII a
regulación das responsabilidades e sancións que deben garantir o seu
cumprimento, incluíndo a tipificación das infraccións e mais o réxime
sancionador correspondente.
Para rematar, a disposición adicional quinta vén ordenar a creación
dunha fundación, baixo o protectorado do Ministerio de Traballo e
Seguridade Social e con participación tanto das Administracións públicas
como das organizacións representativas de empresarios e traballadores,
que terá como fin primordial a promoción, especialmente nas pequenas e
medianas empresas, de actividades destinadas á mellora das condicións de
seguridade e saúde no traballo. Para lle permitir á fundación o
desenvolvemento das súas actividades, dotarase a esta por parte de
Ministerio de Traballo e Seguridade Social dun patrimonio procedente do
exceso de excedentes da xestión realizada polas Mutuas de Accidentes de
Traballo e Enfermidades Profesionais.
Con iso, refórzanse, sen dúbida, os obxectivos de responsabilidade,
cooperación e participación que inspiran a Lei no seu conxunto.
8
indice^
O proxecto de Lei, cumprindo as prescricións legais sobre a materia,
someteuse á consideración do Consello Económico e
Social, do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Consello de
Estado.
|