|

LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,
DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS
Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no
Orde Social
(BOE 189/2000, do 8 de agosto)
CAPÍTULO
I
Obxecto, ámbito de aplicación e definicións
Artigo 1. Normativa sobre prevención de riscos laborais
indice^
A normativa sobre prevención de riscos laborais está constituída por
esta Lei, as súas disposicións de desenvolvemento ou complementarias e
cantas outras normas, legais ou convencionais, conteñan prescricións
relativas á adopción de medidas preventivas no ámbito laboral ou
susceptibles de producilas no devandito ámbito.
Artigo 2. Obxecto e carácter da norma
indice^
1.
Esta Lei ten por obxecto promover a seguridade e a saúde dos
traballadores mediante a aplicación de medidas e o desenvolvemento das
actividades necesarias para a prevención de riscos derivados do
traballo.
Para tales efectos, esta Lei establece os principios xerais relativos á
prevención dos riscos profesionais para a protección da seguridade e da
saúde, a eliminación ou diminución dos riscos derivados do traballo, a
información, a consulta, a participación equilibrada e a formación dos
traballadores en materia preventiva nos termos sinalados nesta
disposición.
Para o cumprimento dos devanditos fins, esta Lei regula as actuacións a
desenvolver polas Administracións públicas, así como polos empresarios,
os traballadores e as súas respectivas organizacións representativas.
2.
As disposicións de carácter laboral contidas nesta Lei e nas súas normas
regulamentarias terán en todo caso o carácter de Dereito necesario
mínimo indispoñible, podendo ser melloradas e desenvolvidas nos
convenios colectivos.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
indice^
1.
Esta Lei e as súas normas de desenvolvemento serán de aplicación tanto
no ámbito das relacións laborais reguladas no texto refundido da Lei do
Estatuto dos Traballadores, como no das relacións de carácter
administrativo ou estatutario do persoal civil ao servicio das
Administracións públicas, coas peculiaridades que, neste caso, se
contemplan nesta Lei ou nas súas normas de desenvolvemento. Isto sen
prexuízo do cumprimento das obrigas específicas que se establecen para
fabricantes, importadores e subministradores, e dos dereitos e obrigas
que poidan derivar para os traballadores autónomos. Do mesmo xeito,
serán aplicables ás sociedades cooperativas, constituídas de acordo coa
lexislación que lles sexa de aplicación, nas que existan socios a
actividade dos cales consista na prestación do seu traballo persoal,
coas particularidades derivadas da súa normativa específica.
Cando nesta Lei se faga referencia a traballadores e empresarios,
entenderanse tamén comprendidos nestes termos, respectivamente, dunha
parte, o persoal civil con relación de carácter administrativo ou
estatutario e a Administración pública para a que presta servicios, nos
termos expresados na disposición adicional terceira desta Lei, e,
doutra, os socios das cooperativas a que se refire o parágrafo anterior
e as sociedades cooperativas para as que prestan os seus servicios.
2.
Esta Lei non será de aplicación naquelas actividades cunhas
particularidades que o impidan no ámbito das funcións públicas de:
– Policía, seguridade e amparo alfandegueiro.
– Servicios operativos de protección civil e peritaxe forense nos casos
de grave risco, catástrofe e calamidade pública.
Non obstante, esta Lei inspirará a normativa específica que se dicte
para regular a protección da seguridade e saúde dos traballadores que
prestan os seus servicios nas indicadas actividades.
3.
Nos centros e establecementos militares será de aplicación o disposto
nesta Lei, coas particularidades previstas na súa normativa específica.
Nos establecementos penitenciarios, adaptaranse a esta Lei aquelas
actividades que as súas características xustifiquen unha regulación
especial, o que se levará a efecto nos termos sinalados na Lei 7/1990,
do 19 de xullo, sobre negociación colectiva e participación na
determinación das condicións de traballo dos empregados públicos.
4.
Esta Lei tampouco será de aplicación á relación laboral de carácter
especial do servicio do fogar familiar. Malia o anterior, o titular do
fogar familiar está na obriga de coidar a que o traballo dos seus
empregados se realice nas debidas condicións de seguridade e hixiene.
Artigo 4. Definicións
indice^
Para os efectos desta Lei e as normas que a desenvolvan:
1º.
Entenderase por «prevención» o conxunto de actividades ou medidas
adoptadas ou previstas en todas as fases de actividade da empresa co fin
de evitar ou diminuír os riscos derivados do traballo.
2º.
Entenderase como «risco laboral» a posibilidade de que un traballador
sufra un determinado dano derivado do traballo. Para cualificar un risco
desde o punto de vista da súa gravidade, avaliaranse de forma conxunta a
probabilidade de que se produza o dano e a severidade deste.
3º.
Consideraranse como «danos derivados do traballo» as enfermidades,
patoloxías ou lesións sufridas con motivo ou ocasión do traballo.
4º.
Entenderase como «risco laboral grave e inminente» aquel que resulte
probable racionalmente, que se materialice nun futuro inmediato e poida
supor un dano grave para a saúde dos traballadores.
No caso de exposición a axentes susceptibles de causar danos graves á
saúde dos traballadores, considerarase que existe un risco grave e
inminente cando sexa probable racionalmente que se materialice nun
futuro inmediato unha exposición aos devanditos axentes da que se poidan
derivar danos graves para a saúde, aínda que estes non se manifesten de
xeito inmediato.
5º.
Entenderanse como procesos, actividades, operacións, equipos ou
productos «potencialmente perigosos» aqueles que, en ausencia de medidas
preventivas específicas, orixinen riscos para a seguridade e a saúde dos
traballadores que os desenvolven ou empregan.
6º.
Entenderase como «equipo de traballo» calquera máquina, aparello,
instrumento ou instalación empregada no traballo.
7º.
Entenderase como «condición de traballo» calquera característica deste que
poida ter unha influencia significativa na xeración de riscos para a
seguridade e a saúde do traballador.
Quedan especificamente incluídas nesta definición:
a)
As características xerais dos locais, instalacións, equipos, productos e
demais utensilios existentes no centro de traballo.
b)
A natureza dos axentes físicos, químicos e biolóxicos presentes no
ambiente de traballo e as súas correspondentes intensidades,
concentracións ou niveis de presencia.
c)
Os procedementos para o emprego dos ditos axentes que inflúan na
xeración dos riscos nomeados.
d)
Todas aquelas outras características do traballo, incluídas as relativas
á súa organización e ordenación, que inflúan na magnitude dos riscos a
que estea exposto o traballador.
8º.
Entenderase por «equipo de protección individual» calquera equipo
destinado a ser levado ou suxeitado polo traballador para que o protexa
dun ou varios riscos que poidan ameazar a súa seguridade ou a súa saúde
no traballo, así como calquera complemento ou accesorio destinado para
tal fin.
|