|
LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,
DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS
Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no
Orde Social
(BOE 189/2000, do 8 de agosto)
CAPITULO II
Política en materia de prevención de riscos para protexer a seguridade e
a saúde no traballo
Artigo 5. Obxectivos da política
indice^
1.
A política en materia de prevención terá por obxecto a promoción da
mellora das condicións de traballo dirixida a elevar o nivel de
protección da seguridade e a saúde dos traballadores no traballo.
A devandita política levarase a cabo por medio das normas
regulamentarias e das actuacións administrativas que correspondan e, en
particular, as que se regulan neste capítulo, que se orientarán á
coordinación das distintas Administracións públicas competentes en
materia preventiva e a que se harmonicen con elas as actuacións que
conforme a esta Lei correspondan a suxeitos públicos e privados, para
tal fin:
a)
A Administración Xeral do Estado, as Administracións das Comunidades
Autónomas e as entidades que integran a Administración local prestarán
cooperación e asistencia para o eficaz exercicio das súas respectivas
competencias no ámbito do previsto neste artigo.
b)
A elaboración da política preventiva levarase a cabo coa participación
dos empresarios e dos traballadores a través das súas organizacións
empresariais e sindicais máis representativas.
2.
Para os fins previstos no apartado anterior as Administracións públicas
promoverán a mellora da educación en materia preventiva nos diferentes
niveis de ensino e de maneira especial na oferta formativa
correspondente ao sistema nacional de cualificacións profesionais, así
como a adecuación da formación dos recursos humanos necesarios para a
prevención dos riscos laborais.
No ámbito da Administración Xeral do Estado establecerase unha
colaboración permanente entre o Ministerio de Traballo e Seguridade
Social e os Ministerios que correspondan, en particular os de Educación
e Ciencia e de Sanidade e Consumo, co fin de establecer os niveis
formativos e especializacións idóneas, así como a revisión permanente
destas ensinanzas, co fin de adaptalas ás necesidades existentes en cada
momento.
3.
Do mesmo xeito, as Administracións públicas fomentarán aquelas
actividades desenvolvidas polos suxeitos a que se refire o apartado 1 do
artigo segundo, para a mellora das condicións de seguridade e saúde no
traballo e a reducción dos riscos laborais, a investigación ou fomento
de novas formas de protección e a promoción de estructuras eficaces de
prevención.
Para isto poderán adoptar programas específicos dirixidos a promover a
mellora do ambiente de traballo e o perfeccionamento dos niveis de
protección. Os programas poderanse instrumentar a través da concesión
dos incentivos que regulamentariamente se determinen que se destinarán
especialmente ás pequenas e medianas empresas.
Artigo 6.
Normas regulamentarias
indice^
1.
O Goberno, a través das correspondentes normas regulamentarias e previa
consulta ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas,
regulará as materias que a continuación se relacionan:
a)
Requisitos mínimos que deben reunir as condicións de traballo para a
protección da seguridade e a saúde dos traballadores.
b)
Limitacións ou prohibicións que afectarán ás operacións, aos procesos e
ás exposicións laborais ou axentes que entrañen riscos para a seguridade
e a saúde dos traballadores. Especificamente, poderase establecer o
sometemento destes procesos ou operacións a trámites de control
administrativo, así como, no caso de axentes perigosos, a prohibición do
seu emprego.
c)
Condicións ou requisitos especiais para calquera dos supostos
contemplados no parágrafo anterior, tales como a esixencia dun
adestramento ou formación previa ou a elaboración dun plano no que se
conteñan as medidas preventivas a adoptar.
d)
Procedementos de avaliación dos riscos para a saúde dos traballadores,
normalización de metodoloxías e guías de actuación preventiva.
e)
Modalidades de organización, funcionamento e control dos servicios de
prevención, considerando as peculiaridades das empresas co fin de evitar
atrancos innecesarios para a súa creación e desenvolvemento, así como
capacidades e aptitudes que deban reunir os devanditos servicios e os
traballadores designados para desenvolver a acción preventiva.
f)
Condicións de traballo ou medidas preventivas específicas en traballos
especialmente perigosos, en particular se para estes se prevén controles
médicos especiais, ou cando se presenten riscos derivados con
determinadas características ou situacións especiais dos traballadores.
g)
Procedemento de cualificación das enfermidades profesionais, así como
requisitos e procedementos para a comunicación e información á
autoridade competente dos danos derivados do traballo.
2. As normas regulamentarias indicadas no parágrafo anterior
axustaranse, en todo caso, aos principios de política preventiva
establecidos nesta Lei, manterán a debida coordinación coa normativa
sanitaria e de seguridade industrial e serán obxecto de avaliación e, se
é o caso, de revisión periódica, de acordo coa experiencia na súa
aplicación e o progreso da técnica.
Artigo 7. Actuacións das Administracións públicas competentes en materia
laboral
indice^
1.
En cumprimento do disposto nesta Lei, as Administracións públicas
competentes en materia laboral desenvolverán funcións de promoción da
prevención, asesoramento técnico, vixilancia e control do cumprimento
polos suxeitos comprendidos no seu ámbito de aplicación da normativa de
prevención de riscos laborais, e sancionarán as infraccións á dita
normativa, nos seguintes termos:
a)
Promovendo a prevención e o asesoramento a desenvolver polos órganos
técnicos en materia preventiva, incluídas a asistencia e cooperación
técnica, a información, divulgación, formación e investigación en
materia preventiva, así como o seguimento das actuacións preventivas que
se realicen nas empresas para a consecución dos obxectivos previstos
nesta Lei.
b)
Velando polo cumprimento da normativa sobre prevención de riscos
laborais mediante as actuacións de vixilancia e control. Para estes
efectos, prestarán o asesoramento e a asistencia técnica necesarios para
o mellor cumprimento da devandita normativa e desenvolverán programas
específicos dirixidos a acadar unha maior eficacia no control.
c)
Sancionando o incumprimento da normativa de prevención de riscos
laborais polos suxeitos comprendidos no ámbito de aplicación desta Lei,
de conformidade co previsto no capítulo VII desta.
2. As funcións das Administracións públicas competentes en materia
laboral que se sinalan no parágrafo 1 continuarán a ser desenvolvidas,
no referente aos traballos en minas, canteiras e túneles que esixan a
aplicación de técnica mineira, aos que impliquen fabricación,
transporte, almacenaxe, manipulación e emprego de explosivos ou o
emprego de enerxía nuclear, polos órganos específicos contemplados na
súa normativa reguladora.
As competencias previstas no parágrafo anterior enténdense sen prexuízo
do establecido na lexislación especifica sobre productos e instalacións
industriais.
Artigo 8. Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo
indice^
1.
O Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo é o órgano
científico técnico especializado da Administración Xeral do Estado que
ten como misión a análise e estudio das condicións de seguridade e saúde
no traballo, así como a promoción e apoio á mellora destas. Para isto
establecerá a cooperación necesaria cos órganos das Comunidades
Autónomas con competencias nesta materia.
O Instituto, en cumprimento desta misión, terá as seguintes funcións:
a)
Asesoramento técnico na elaboración da normativa legal e no
desenvolvemento da normalización, tanto a nivel nacional como
internacional.
b)
Promoción e, se é o caso, realización de actividades de formación,
información, investigación, estudio e divulgación en materia de
prevención de riscos laborais, coa axeitada coordinación e colaboración,
se é o caso, cos órganos técnicos en materia preventiva das Comunidades
Autónomas no exercicio das súas funcións nesta materia.
c)
Apoio técnico e colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade
Social no cumprimento da súa función de vixilancia e control, prevista
no artigo 9 desta Lei, no ámbito das Administracións públicas.
d)
Colaboración con organismos internacionais e desenvolvemento de
programas de cooperación internacional neste ámbito, facilitando a
participación das Comunidades Autónomas.
e)
Calquera outras que sexan necesarias para o cumprimento dos seus fins e
lle sexan encomendadas no ámbito das súas competencias, de acordo coa
Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo regulada no artigo
13 desta Lei, coa colaboración, se é o caso, dos órganos técnicos das
Comunidades Autónomas con competencias na materia.
2.
O Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, no marco das
súas funcións, velará pola coordinación, apoiará o intercambio de
información e as experiencias entre as distintas Administracións
públicas e especialmente fomentará e prestará apoio á realización de
actividades de promoción da seguridade e da saúde polas Comunidades
Autónomas.
Así mesmo, prestará, de acordo coas Administracións competentes, apoio
técnico especializado en materia de certificación, ensaio e
acreditación.
3.
En relación coas Institucións da Unión Europea, o Instituto Nacional de
Seguridade e Hixiene no Traballo actuará como centro de referencia
nacional, garantindo a coordinación e transmisión da información que
deberá facilitar a escala nacional, en particular respecto á Axencia
Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo e a súa Rede.
4. O
Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo exercerá a
Secretaría Xeral da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo,
prestándolle a asistencia técnica e científica necesaria para o
desenvolvemento das súas competencias.
Artigo 9. Inspección de Traballo e Seguridade Social
indice^
1.
Correspóndelle á Inspección de Traballo e Seguridade Social a función da
vixilancia e control da normativa sobre prevención de riscos laborais.
En cumprimento desta misión, terá as seguintes funcións:
a)
Vixiar o cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais,
así como das normas xurídico-técnicas que incidan nas condicións de
traballo en materia de prevención, aínda que non tiveran a cualificación
directa de normativa laboral, propoñendo á autoridade laboral competente
a sanción correspondente, cando comprobase unha infracción á normativa
sobre prevención de riscos laborais, de acordo co previsto no capítulo
VII desta Lei.
b)
Asesorar e informar ás empresas e aos traballadores sobre a maneira máis
efectiva de cumprir as disposicións, en que teña a vixilancia
encomendada.
c)
Elaborar os informes solicitados polos Xulgados do Social nas demandas
deducidas perante estes nos procedementos de accidentes de traballo e
enfermidades profesionais.
d)
Informar á autoridade laboral sobre os accidentes de traballo mortais,
moi graves ou graves, e sobre aqueles outros con que, polas súas
características ou polos suxeitos afectados, se considere necesario o
devandito informe, así como sobre as enfermidades profesionais nas que
concorran as ditas cualificacións e, en xeral, nos supostos en que
aquela o solicite respecto do cumprimento da normativa legal en materia
de prevención de riscos laborais.
e)
Comprobar e favorecer o cumprimento das obrigas asumidas polos servicios
de prevención establecidos nesta Lei.
f)
Ordenar a paralización inmediata de traballos cando, a xuízo do inspector,
se advirta a existencia de risco grave e inminente para a seguridade ou
saúde dos traballadores.
2.
A Administración Xeral do Estado e, se é o caso, as Administracións
autonómicas poderán adoptar as medidas precisas para garantir a
colaboración pericial e o asesoramento técnico necesarios á Inspección
de Traballo e Seguridade Social nos seus respectivos ámbitos de
competencia.
No ámbito da Administración Xeral do Estado, o Instituto Nacional de
Seguridade e Hixiene no Traballo apoiará e colaborará coa Inspección de
Traballo e Seguridade Social no cumprimento da súa función de vixilancia
e control prevista no parágrafo anterior.
Artigo 10. Actuacións das Administracións públicas competentes en
materia sanitaria
indice^
As actuacións das Administracións públicas competentes en materia
sanitaria referentes á saúde laboral levaranse a cabo a través das
accións e en relación cos aspectos sinalados no capítulo IV do Título I
da Lei 14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade, e disposicións
dictadas para o seu desenvolvemento.
En particular, corresponderá ás devanditas Administracións públicas:
a)
O establecemento de medios axeitados para a avaliación e control das
actuacións de carácter sanitario que se realicen nas empresas polos
servicios de prevención actuantes. Para isto, establecerán as pautas e
protocolos de actuación, oídas as sociedades científicas, aos que
deberán someter os citados servicios.
b)
A implantación de sistemas de información axeitados que permitan a
elaboración, xunto coas autoridades laborais competentes, de mapas de
riscos laborais, así como a realización de estudios epidemiolóxicos para
a identificación e prevención das patoloxías que poidan afectar á saúde
dos traballadores, así como facer posible un rápido intercambio de
información.
c)
A supervisión da formación que, en materia de prevención e promoción da
saúde laboral, deba recibir o persoal sanitario actuante nos servicios
de prevención autorizados.
d)
A elaboración e divulgación de estudios, investigacións e estatísticas
relacionados coa saúde dos traballadores.
Artigo 11. Coordinación administrativa
indice^
A elaboración de normas preventivas e o control do seu cumprimento, a
promoción da prevención, a investigación e a vixilancia epidemiolóxica
sobre riscos laborais, accidentes de traballo e enfermidades
profesionais determinan a necesidade de coordinar as actuacións das
Administracións competentes en materia laboral, sanitaria e de industria
para unha máis eficaz protección da seguridade e a saúde dos
traballadores.
No marco da devandita coordinación, a Administración competente en
materia laboral velará, en particular, para que a información obtida
pola Inspección de Traballo e Seguridade Social no exercicio das
funcións atribuídas a esta no parágrafo 1 do artigo 9 desta Lei sexa
posta en coñecemento da autoridade sanitaria competente para os fins
dispostos no artigo 10 desta Lei e no artigo 21 da Lei 14/1986, do 25 de
abril, Xeral de Sanidade, así como da Administración competente en
materia de industria para os efectos previstos na Lei 21/1992, do 16 de
xullo, de Industria.
Artigo 12. Participación de empresarios e traballadores
indice^
A participación de empresarios e traballadores, a través das
organizacións empresariais e sindicais máis representativas, na
planificación, programación, organización e control da xestión
relacionada coa mellora das condicións de traballo e a protección da
seguridade e saúde dos traballadores no traballo é principio básico da
política de prevención de riscos laborais, a desenvolver polas
Administracións públicas competentes nos distintos niveis territoriais.
Artigo 13. Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo
indice^
1.
Créase a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo como órgano
colexiado asesor das Administracións públicas na formulación das
políticas de prevención e órgano de participación institucional en
materia de seguridade e saúde no traballo.
2.
A Comisión estará integrada por un representante de cada unha das
Comunidades Autónomas e por igual número de membros da Administración
Xeral do Estado e, paritariamente con todos os anteriores, por
representantes das organizacións empresariais e sindicais máis
representativas.
3.
A Comisión coñecerá as actuacións que desenvolvan as Administracións
públicas competentes en materia de promoción da prevención de riscos
laborais, de asesoramento técnico e de vixilancia e control a que se
refiren os artigos 7, 8, 9 e 11 desta Lei e poderá informar e formular
propostas en relación coas devanditas actuacións, especificamente no
referente a:
– Criterios e programas xerais de actuación.
– Proxectos de disposicións de carácter xeral.
– Coordinación das actuacións desenvolvidas polas Administracións
públicas competentes en materia laboral.
– Coordinación entre as Administracións públicas competentes en materia
laboral, sanitaria e de industria.
4.
A Comisión adoptará os seus acordos por maioría. Para tal fin, os
representantes das Administracións públicas terán cada un un voto e dous
os das organizacións empresariais e sindicais.
5.
A Comisión contará cun Presidente e catro Vicepresidentes, un por cada
un dos grupos que a integran. A Presidencia da Comisión corresponderá ao
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, recaendo a
Vicepresidencia atribuída á Administración Xeral do Estado no
Subsecretario de Sanidade e Consumo.
6.
A Secretaría da Comisión, como órgano de apoio técnico e administrativo,
recaerá na Dirección do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no
Traballo.
7.
A Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo funcionará en Pleno,
en Comisión Permanente ou en Grupos de Traballo, conforme á normativa
que estableza o Regulamento interno que elaborará a propia Comisión.
No non previsto nesta Lei e no Regulamento interno a que fai referencia
o parágrafo anterior, a Comisión rexerase pola Lei 30/1992, de Réxime
Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo
Común.
|