Principal

    

LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,

DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

 

Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orde Social (BOE 189/2000, do 8 de agosto)

CAPÍTULO IV

 

Servicios de prevención

 

Artigo 30. Protección e prevención de riscos profesionais

 indice^

1. En cumprimento do deber de prevención de riscos profesionais, o empresario designará un ou varios traballadores para ocuparénse da devandita actividade, constituirá un servicio de prevención ou concertará o dito servicio cunha entidade especializada allea á empresa.

 

2. Os traballadores designados deberán ter a capacidade necesaria, dispor do tempo e dos medios precisos e ser suficientes en número, tendo en conta o tamaño da empresa, así como os riscos a que están expostos os traballadores e a súa distribución nesta, co alcance que se determine nas disposicións a que se refire a letra e) do apartado 1 do artigo 6 desta Lei.

 

Os traballadores a que se refire o parágrafo anterior colaborarán entre si e, se é o caso, cos servicios de prevención.

 

3. Para a realización da actividade de prevención, o empresario deberá facilitar aos traballadores designados o acceso á información e documentación a que se refiren os artigos 18 e 23 desta Lei.

 

4. Os traballadores designados non poderán sufrir ningún prexuízo derivado das súas actividades de protección e prevención dos riscos profesionais na empresa. En exercicio desta función, os devanditos traballadores gozarán, en particular, das garantías que para os representantes dos traballadores establecen as letras a), b) e c) do artigo 68 e o apartado 4 do artigo 56 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.

 

Esta garantía acadará tamén, aos traballadores integrantes do servicio de prevención, cando a empresa decida constituílo de acordo co disposto no artigo seguinte.

 

Os traballadores a que se refiren os parágrafos anteriores deberán gardar sixilo profesional sobre a información relativa á empresa á que tiveran acceso como consecuencia do desempeño das súas funcións.

 

5. Nas empresas de menos de seis traballadores, o empresario poderá asumir persoalmente as funcións sinaladas no apartado 1, sempre que desenvolva de forma cotiá a súa actividade no centro de traballo e teña a capacidade necesaria, en función dos riscos a que estean expostos os traballadores e a perigosidade das actividades, co alcance que se determine nas disposicións a que se refire a letra e) do apartado 1 do artigo 6 desta Lei.

 

6. O empresario que non concertase o Servicio de prevención cunha entidade especializada allea á empresa deberá someter o seu sistema de prevención ao control dunha auditoría ou avaliación externa, nos termos que regulamentariamente se determinen.

 

 

Artigo 31. Servicios de prevención

 indice^

1. Se a designación dun ou varios traballadores fose insuficiente para a realización das actividades de prevención, en función do tamaño da empresa, dos riscos a que estean expostos os traballadores ou da perigosidade das actividades desenvolvidas, co alcance que se estableza nas disposicións a que se refire a letra e) do apartado 1 do artigo 6 desta Lei, o empresario deberá recorrer a un ou varios servicios de prevención propios ou alleos á empresa, que colaborarán cando sexa necesario.

 

Para o establecemento destes servicios nas Administracións públicas terase en conta a súa estructura organizativa e a existencia, se é o caso, de ámbitos sectoriais e descentralizados.

 

2. Entenderase como servicio de prevención o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realizar as actividades preventivas a fin de garantir a axeitada protección da seguridade e a saúde dos traballadores, asesorando e asistindo para isto ao empresario, aos traballadores e aos seus representantes e aos órganos de representación especializados. Para o exercicio das súas funcións, o empresario deberá facilitar ao devandito servicio o acceso á información e documentación a que se refire o apartado 3 do artigo anterior.

 

3. Os servicios de prevención deberán estar en condicións de proporcionar á empresa o asesoramento e apoio que precise en función dos tipos de risco nela existentes e no referente a:

 

a) O deseño, aplicación e coordinación dos planos e programas da actuación preventiva.

 

b) A avaliación dos factores de risco que poidan afectar á seguridade e a saúde dos traballadores nos termos previstos no artigo 16 desta Lei.

 

c) A determinación das prioridades na adopción de medidas preventivas axeitadas e a vixilancia da súa eficacia.

 

d) A información e formación dos traballadores.

 

e) A prestación dos primeiros auxilios e planos de emerxencia.

 

f) A vixilancia da saúde dos traballadores en relación cos riscos derivados do traballo.

 

4. O servicio de prevención terá carácter interdisciplinario, tendo os seus medios que ser apropiados para cumprir as súas funcións. Para isto, a formación, especialidade, capacitación, dedicación e número de compoñentes destes servicios, así como os seus recursos técnicos, deberán ser suficientes e axeitados ás actividades preventivas a desenvolver, en función das seguintes circunstancias:

 

a) Tamaño da empresa.

 

b) Tipos de risco aos que se poidan atopar expostos os traballadores.

 

c) Distribución de riscos na empresa.

 

5. Para poder actuar como servicios de prevención, as entidades especializadas deberán ser obxecto de acreditación pola Administración laboral, mediante a comprobación de que reúnen os requisitos que se establezan regulamentariamente e previa aprobación da Administración sanitaria en canto aos aspectos de carácter sanitario.

 

 

Artigo 32. Actuación preventiva das Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais

 indice^

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social poderán desenvolver para as empresas a elas asociadas as funcións correspondentes aos servicios de prevención, con suxeición ao disposto no apartado 5 do artigo 31.

 

Os representantes dos empresarios e dos traballadores terán dereito a participar no control e seguimento da xestión desenvolvida polas Mutuas de Accidentes da Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social nas funcións a que se refire o parágrafo anterior conforme ao previsto no artigo 39, cinco, da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de Medidas fiscais, administrativas e de orde social.

Comarcas CIG

Agrupacións con web

 

Reservados tódolos dereitos a Cig-saúde

Avda/ gregorio espino Nº 47 (Vigo)