Principal

    

LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,

DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

 

Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orde Social (BOE 189/2000, do 8 de agosto)

 

CAPÍTULO V

 

Consulta e participación dos traballadores

 

Artigo 33. Consulta dos traballadores

 indice^

1. O empresario deberá consultar aos traballadores, coa debida antelación, a adopción das decisións relativas a:

 

a) A planificación e a organización do traballo na empresa e a introducción de novas tecnoloxías, en todo o relacionado coas consecuencias que estas puidesen ter para a seguridade e a saúde dos traballadores, derivadas da escolla dos equipos, a determinación e a adecuación das condicións de traballo e o impacto dos factores ambientais no traballo.

 

b) A organización e desenvolvemento das actividades de protección da saúde e prevención dos riscos profesionais na empresa, incluída a designación dos traballadores encargados das devanditas actividades ou o recurso a un servicio de prevención externo.

 

c) A designación dos traballadores encargados das medidas de emerxencia.

 

d) Os procedementos de información e documentación a que se refiren os artigos 18, apartado 1, e 23, apartado 1, desta Lei.

 

e) O proxecto e a organización da formación en materia preventiva.

 

f) Calquera outra acción que poida ter efectos substanciais sobre a seguridade e a saúde dos traballadores.

 

2. Nas empresas que conten con representantes dos traballadores, as consultas a que se refire o apartado anterior levaranse a cabo cos ditos representantes.

 

Artigo 34. Dereitos de participación e representación

indice^ 

1. Os traballadores teñen dereito a participar na empresa nas cuestións relacionadas coa prevención de riscos no traballo.

 

Nas empresas ou centros de traballo que conten con seis ou máis traballadores, a participación destes canalizarase a través dos seus representantes e da representación especializada que se regula neste capítulo.

 

2. Aos Comités de Empresa, aos Delegados de Persoal e aos representantes sindicais corresponderalles, nos termos que, respectivamente, lles recoñecen o Estatuto dos Traballadores, a Lei de Órganos de Representación do Persoal ao Servicio das Administracións Públicas e a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, a defensa dos intereses dos traballadores en materia de prevención de riscos no traballo. Para isto, os representantes do persoal exercerán as competencias que as devanditas normas establecen en materia de información, consulta e negociación, vixilancia e control e exercicio de accións perante as empresas e os órganos e tribunais competentes.

 

3. O dereito de participación que se regula neste capítulo exercerase no ámbito das Administracións públicas coas adaptacións que procedan en atención á diversidade das actividades que desenvolven e as diferentes condicións en que estas se realizan, a complexidade e dispersión da súa estructura organizativa e as súas peculiaridades en materia de representación colectiva, nos termos previstos na Lei 7/1990, do 19 de xullo, sobre negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos, podendo establecer ámbitos sectoriais e descentralizados en función do número de efectivos e centros.

 

Para levar a cabo a indicada adaptación no ámbito da Administración Xeral do Estado, o Goberno terá en conta os seguintes criterios:

 

a) De ningún xeito a dita adaptación poderá afectar ás competencias, facultades e garantías que se recoñecen nesta Lei aos Delegados de Prevención e aos Comités de Seguridade e Saúde.

 

b) Deberase establecer o ámbito específico que resulte axeitado en cada caso para o exercicio da función de participación en materia preventiva dentro da estructura organizativa da Administración. Con carácter xeral, o devandito ámbito será o dos órganos de representación do persoal ao servicio das Administracións públicas, aínda que se poderán establecer outros distintos en función das características da actividade e frecuencia dos riscos a que poidan estar expostos os traballadores.

 

c) Cando no indicado ámbito existan diferentes órganos de representación do persoal, deberase garantir unha actuación coordinada de todos eles en materia de prevención e protección da seguridade e a saúde no traballo, posibilitando que a participación se realice de forma conxunta entre uns e outros, no ámbito específico establecido para o efecto.

 

d) Con carácter xeral, constituirase un único Comité de Seguridade e Saúde no ámbito dos órganos de representación previstos na Lei de Órganos de Representación do Persoal ao Servicio das Administracións Públicas, que estará integrado polos Delegados de Prevención designados no dito ámbito, tanto para o persoal con relación de carácter administrativo ou estatutario como para o persoal laboral, e por representantes da Administración en número non superior ao de Delegados. Malia isto, poderanse constituír Comités de Seguridade e Saúde noutros ámbitos cando as razóns da actividade e o tipo e frecuencia dos riscos así o aconsellen.

 

 

Artigo 35. Delegados de Prevención

indice^ 

1. Os Delegados de Prevención son os representantes dos traballadores con funcións específicas en materia de prevención de riscos no traballo.

 

2. Os Delegados de Prevención serán designados por e entre os representantes do persoal, no ámbito dos órganos de representación previstos nas normas a que se refire o artigo anterior, de acordo coa seguinte escala:

 

De 50 a 100 traballadores: 2 Delegados de prevención.

De 101 a 500 traballadores: 3 Delegados de Prevención.

De 501 a 1.000 traballadores: 4 Delegados de Prevención.

De 1.001 a 2.000 traballadores: 5 Delegados de Prevención.

De 2.001 a 3.000 traballadores: 6 Delegados de Prevención.

De 3.001 a 4.000 traballadores: 7 Delegados de Prevención.

De 4.001 en adiante: 8 Delegados de Prevención.

 

Nas empresas de ata trinta traballadores o Delegado de Prevención será o Delegado de persoal.

Nas empresas de trinta e un a corenta e nove traballadores haberá un Delegado de Prevención que será elixido por e entre os Delegados de Persoal.

 

3. Para os efectos de determinar o número de Delegados de Prevención teranse en conta os seguintes criterios:

 

a) Os traballadores vinculados por contratos de duración determinada superior a un ano computaranse como traballadores fixos do cadro de persoal.

 

b) Os contratados por prazo de ata un ano computaranse segundo o número de días traballados no período dun ano anterior á designación. Cada douscentos días traballados ou fracción computaranse como un traballador máis.

 

4. Malia o disposto neste artigo, nos convenios colectivos poderanse establecer outros sistemas de designación dos Delegados de Prevención, sempre que se garanta que a facultade de designación corresponde aos representantes do persoal ou aos propios traballadores.

 

Así mesmo, na negociación colectiva ou mediante os acordos a que se refire o artigo 83, apartado 3, do Estatuto dos Traballadores poderase acordar que as competencias recoñecidas nesta Lei aos Delegados de Prevención sexan exercidas por órganos específicos creados no propio convenio ou nos acordos nomeados. Os devanditos órganos poderán asumir, nos termos e conforme ás modalidades que se acorde, competencias xerais respecto do conxunto dos centros de traballo incluídos no ámbito de aplicación do convenio ou do acordo, co fin de fomentar o mellor cumprimento nestes da normativa sobre prevención de riscos laborais.

 

Igualmente, no ámbito das Administracións públicas poderanse establecer, nos termos sinalados na Lei 7/1990, do 19 de xullo, sobre negociación colectiva e participación na determinación das condicións de traballo dos empregados públicos, outros sistemas de designación dos Delegados de Prevención e acordarse que as competencias que a dita Lei atribúe a estes poidan ser exercidas por órganos específicos.

 

Artigo 36. Competencias e facultades dos Delegados de Prevención

indice^ 

1. Son competencias dos Delegados de Prevención:

 

a) Colaborar coa dirección da empresa na mellora da acción preventiva.

 

b) Promover e fomentar a cooperación dos traballadores na execución da normativa sobre prevención de riscos laborais.

 

c) Ser consultados polo empresario, con carácter previo á súa execución, acerca das decisións a que se refire o artigo 33 desta Lei.

 

d) Exercer un labor de vixilancia e control sobre o cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.

 

Nas empresas que, de acordo co disposto no apartado 2 do artigo 38 desta Lei, non conten con Comité de Seguridade e Saúde por non acadaren o número mínimo de traballadores establecido para tal efecto, as competencias atribuídas a aquel nesta Lei serán exercidas polos Delegados de Prevención.

 

2. No exercicio das competencias atribuídas aos Delegados de Prevención, estes estarán facultados para:

 

a) Acompañar os técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do medio ambiente de traballo, así como, nos termos previstos no artigo 40 desta Lei, aos Inspectores de Traballo e Seguridade Social nas visitas e verificacións que realicen nos centros de traballo para comprobar o cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais, podendo formular ante eles as observacións que estimen oportunas.

 

b) Ter acceso, coas limitacións previstas no apartado 4 do artigo 22 desta Lei, á información e documentación relativa ás condicións de traballo que sexan necesarias para o exercicio das súas funcións e, en particular, á prevista nos artigos 18 e 23 desta Lei. Cando a información estea suxeita ás limitacións devanditas, só poderá ser subministrada de maneira que se garanta o respecto da confidencialidade.

 

c) Ser informados polo empresario sobre os danos producidos na saúde dos traballadores unha vez que aquel tivese coñecemento deles, podendo presentarse, aínda fóra da súa xeira, no lugar dos feitos para coñecer as circunstancias destes.

 

d) Recibir do empresario as informacións obtidas por este procedentes das persoas ou órganos encargados das actividades de protección e prevención na empresa, así como dos organismos competentes para a seguridade e a saúde dos traballadores, sen prexuízo do disposto no artigo 40 desta Lei en materia de colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

 

e) Realizar visitas aos lugares de traballo para exercer un labor de vixilancia e control do estado das condicións de traballo, podendo, para tal fin, acceder a calquera zona destes e comunicarse durante a xeira cos traballadores, de maneira que non se altere o normal desenvolvemento do proceso productivo.

 

f) Solicitar do empresario a adopción de medidas de carácter preventivo e para a mellora dos niveis de protección da seguridade e a saúde dos traballadores, podendo para tal fin efectuar propostas ao empresario, así como ao Comité de Seguridade e Saúde para a súa discusión neste.

 

g) Propoñer ao órgano de representación dos traballadores a adopción do acordo de paralización de actividades a que se refire o apartado 3 do artigo 21.

 

3. Os informes que deben emitir os Delegados de Prevención a teor do disposto na letra c) do apartado l deste artigo deberanse elaborar nun prazo de quince días, ou no tempo imprescindible cando se trate de adoptar medidas dirixidas a previr riscos inminentes. Transcorrido o prazo sen ter emitido o informe, o empresario poderá poñer en práctica a súa decisión.

 

4. A decisión negativa do empresario á adopción das medidas propostas polo Delegado de Prevención a teor do disposto na letra f) do apartado 2 deste artigo deberá ser motivada.

 

Artigo 37. Garantías e sixilo profesional dos Delegados de Prevención

indice^ 

1. O previsto no artigo 68 do Estatuto dos Traballadores en materia de garantías aplicarase aos Delegados de Prevención na súa condición de representantes dos traballadores.

 

O tempo empregado polos Delegados de Prevención para o desempeño das funcións previstas nesta Lei considerarase como de exercicio de funcións de representación para os efectos da utilización do crédito de horas mensuais retribuídas previsto na letra e) do devandito artigo 68 do Estatuto dos Traballadores.

 

Malia o anterior, considerarase en todo caso como tempo de traballo efectivo, sen imputación ao dito crédito horario, o correspondente ás xuntanzas do Comité de Seguridade e Saúde e a calquera outras convocadas polo empresario en materia de prevención de riscos, así como o destinado ás visitas previstas nas letras a) e c) do número 2 do artigo anterior.

 

2. O empresario deberá proporcionarlles aos Delegados de Prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

 

A formación teraa que facilitar o empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia e deberá adaptarse á evolución dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fose necesario.

 

O tempo dedicado á formación considerarase como tempo de traballo para todos os efectos e o seu custo non poderá recaer de ningún xeito sobre os Delegados de Prevención.

 

3. Os Delegados de Prevención seralles de aplicación o disposto no apartado 2 do artigo 65 do Estatuto dos Traballadores en canto ao sixilo profesional debido respecto das informacións a que tivesen acceso como consecuencia da súa actuación na empresa.

 

4. O disposto neste artigo en materia de garantías e sixilo profesional dos Delegados de Prevención entenderase referido, no caso das relacións de carácter administrativo ou estatutario do persoal ao servicio das Administracións públicas, á regulación contida nos artigos 10, parágrafo segundo, e 11 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de Órganos de Representación, Determinación das Condicións de Traballo e Participación do Persoal ao Servicio das Administracións Públicas.

 

Artigo 38. Comité de Seguridade e Saúde

indice^ 

1. O Comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

 

2. Constituirase un Comité de Seguridade e Saúde en todas as empresas ou centros de traballo que conten con 50 ou máis traballadores. O Comité estará formado polos Delegados de Prevención, dunha parte, e polo empresario e/ou os seus representantes en número igual ao de Delegados de Prevención, da outra.

 

Nas xuntanzas do Comité de Seguridade e Saúde participarán, con voz pero sen voto, os Delegados Sindicais e os responsables técnicos da prevención na empresa que non estean incluídos na composición á que se refire o parágrafo anterior. Nas mesmas condicións poderán participar, traballadores da empresa que conten cunha especial cualificación ou información respecto de concretas cuestións que se debatan neste órgano e técnicos en prevención alleos á empresa, sempre que así o solicite algunha das representacións no Comité.

 

3. O Comité de Seguridade e Saúde reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións deste. O Comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.

 

As empresas que conten con varios centros de traballo dotados de Comité de Seguridade e Saúde poderán acordar cos seus traballadores a creación dun Comité Intercentros, coas funcións que o acordo lle atribúa.

 

Artigo 39. Competencias e facultades do Comité de Seguridade e Saúde

 indice^

1. O Comité de Seguridade e Saúde terá as seguintes competencias:

 

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos planos e programas de prevención de riscos na empresa. Para tal efecto, no seu seo debateranse, antes da súa posta en práctica e no referente á súa incidencia na prevención de riscos, os proxectos en materia de planificación, organización do traballo e introducción de novas tecnoloxías, organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención e proxecto e organización da formación en materia preventiva.

 

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos, propoñendo á empresa a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

 

2. No exercicio das súas competencias, o Comité de Seguridade e Saúde estará facultado para:

 

a) Coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos no centro de traballo, realizando para tal efecto as visitas que estime oportunas.

 

b) Coñecer cantos documentos e informes relativos ás condicións de traballo sexan necesarios para o cumprimento das súas funcións, así como os procedentes da actividade do servicio de prevención, se é o caso.

 

c) Coñecer e analizar os danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores, co fin de avaliar as súas causas e propoñer as medidas preventivas oportunas.

 

d) Coñecer e informar a memoria e programación anual dos servicios de prevención.

 

3. A fin de dar cumprimento ao disposto nesta Lei respecto da colaboración entre empresas nos supostos de desenvolvemento simultáneo de actividades nun mesmo centro de traballo, poderase acordar a realización de reunións conxuntas dos Comités de Seguridade e Saúde ou, no seu defecto, dos Delegados de Prevención e empresarios das empresas que carezan dos devanditos Comités, ou outras medidas de actuación coordinada.

 

Artigo 40. Colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social

indice^ 

1. Os traballadores e mais os seus representantes poderán recorrer á Inspección de Traballo e Seguridade Social se consideran que as medidas adoptadas e os medios empregados polo empresario non son suficientes para garantir a seguridade e a saúde no traballo.

 

2. Nas visitas aos centros de traballo para a comprobación do cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais, o Inspector de Traballo e Seguridade Social comunicará a súa presencia ao empresario ou ao seu representante ou á persoa inspeccionada, ao Comité de Seguridade e Saúde, ao Delegado de Prevención ou, na súa ausencia, aos representantes legais dos traballadores, a fin de que o poidan acompañar durante o desenvolvemento da súa visita e formularlle as observacións que estimen oportunas, a menos que considere que as devanditas comunicacións poidan prexudicar ao éxito das súas funcións.

 

3. A Inspección de Traballo e Seguridade Social informará aos Delegados de Prevención sobre os resultados das visitas a que fai referencia o apartado anterior e sobre as medidas adoptadas como consecuencia destas, así como ao empresario mediante dilixencia no Libro de Visitas da Inspección de Traballo e Seguridade Social que debe existir en cada centro de traballo.

 

4. As organizacións sindicais e empresariais máis representativas serán consultadas con carácter previo á elaboración dos planos de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia de prevención de riscos no traballo, en especial dos programas específicos para empresas de menos de seis traballadores, e informadas do resultado dos devanditos planos.

Comarcas CIG

Agrupacións con web

 

Reservados tódolos dereitos a Cig-saúde

Avda/ gregorio espino Nº 47 (Vigo)