Principal

    

LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,

DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

 

Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no Orde Social (BOE 189/2000, do 8 de agosto)

 

CAPÍTULO VII

 

Responsabilidades e sancións

 

Artigo 42. Responsabilidades e a súa compatibilidade

indice^ 

1. O incumprimento polos empresarios das súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais dará lugar a responsabilidades administrativas, así como, se é o caso, a responsabilidades penais e ás civís polos danos e perdas que se poidan derivar do devandito incumprimento.

 

2. A empresa principal responderá solidariamente cos contratistas e subcontratistas a que se refire o apartado 3 do artigo 24 desta Lei do cumprimento, durante o período da contrata, das obrigas impostas por esta Lei en relación cos traballadores que aqueles ocupen nos centros de traballo da empresa principal, sempre que a infracción se producise no centro de traballo do devandito empresario principal.

 

Nas relacións de traballo mediante empresas de traballo temporal, en sen prexuízo das responsabilidades propias de estas, a empresa usuaria será responsable das condicións de execución do traballo en todo o relacionado coa protección da seguridade e a sáude dos traballadores, así como do recargo de prestacións económicas do sistema de Seguridade Social que poidan fixarse, en caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional que teña lugar no seu centro de traballo durante o tempo de vixencia do contrato de posta a disposición e  teñan a súa causa de falta de medidas de seguridade e hixiene.

3. As responsabilidades administrativas que se deriven do procedemento sancionador serán compatibles coas indemnizacións polos danos e perdas causados e de recargo de prestacións económicas do sistema da Seguridade Social que poidan ser fixadas polo órgano competente de conformidade co previsto na normativa reguladora do devandito sistema.

 

4. A declaración de feitos probados que conteña unha sentencia firme da orde xurisdiccional contencioso-administrativa, relativa á existencia de infracción á normativa de prevención de riscos laborais, vinculará á orde social da xurisdicción, no que se refire ao recargo, se é o caso, da prestación económica do sistema da Seguridade Social.

 

Artigo 43. Requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social

 indice^

1. Cando o Inspector de Traballo e Seguridade Social comprobase a existencia dunha infracción á normativa sobre prevención de riscos laborais, requirirá ao empresario para a emenda das deficiencias observadas, agás que pola gravidade e inminencia dos riscos procedese acordar a paralización prevista no artigo 44.

 

Todo isto sen prexuízo da proposta de sanción correspondente, se é o caso.

 

2. O requirimento formulado polo Inspector de Traballo e Seguridade Social farase saber por escrito ao empresario presuntamente responsable sinalando as anomalías ou deficiencias apreciadas con indicación do prazo para a súa emenda. O devandito requirimento poñerase, así mesmo, en coñecemento dos Delegados de Prevención.

 

Se se incumprise o requirimento formulado, persistindo os feitos infractores, o Inspector de Traballo e Seguridade Social, de non o efectuar inicialmente, redactará a correspondente acta de infracción por tales feitos.

 

Artigo 44. Paralización de traballos

indice^ 

1. Cando o Inspector de Traballo e Seguridade Social comprobe que a inobservancia da normativa sobre prevención de riscos laborais implica, ao seu xuízo, un risco grave e inminente para a seguridade e a saúde dos traballadores poderá ordenar a paralización inmediata de tales traballos ou tarefas. A devandita medida comunicarase á empresa responsable, que a poñerá en coñecemento inmediato dos traballadores afectados, do Comité de Seguridade e Saúde, do Delegado de Prevención ou, na súa ausencia, dos representantes do persoal. A empresa responsable dará conta ao Inspector de Traballo e Seguridade social do cumprimento desta notificación.

 

O Inspector de Traballo e Seguridade Social informará da súa decisión de forma inmediata á autoridade laboral. A empresa, sen prexuízo do cumprimento inmediato de tal decisión, poderaa impugnar perante a autoridade laboral no prazo de tres días hábiles, tendo que ser resolta tal impugnación no prazo máximo de vintecatro horas. Tal resolución será executiva, sen prexuízo dos recursos que procedan.

 

A paralización dos traballos levantarase pola Inspección de Traballo e Seguridade Social que a decretase, ou polo empresario tan axiña como se emenden as causas que a motivaron, debendo, neste último caso, comunicalo inmediatamente á Inspección de Traballo e Seguridade Social.

 

2. Os supostos de paralización regulados neste artigo, así como os que se contemplen na normativa reguladora das actividades previstas no apartado 2 do artigo 7 desta Lei, entenderanse, en todo caso, sen prexuízo do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía.

 

 

Artigo 45. Infraccións administrativas

indice^ 

1. Son infraccións laborais en materia de prevención de riscos laborais as accións ou omisións dos empresarios, as das Entidades que actúen como Servicios de Prevención alleos ás empresas, as auditoras e as formativas en dita materia e alleas ás empresas, así como as dos promotores e propietarios de obra e os traballadores por conta propia, que incumpran as normas legais, regulamentarias e cláusulas normativas dos convenios colectivos en materia de seguridade e de saúde laboral suxeitas a responsabilidades conforme á presente Lei.

 

As infraccións non poderán ser obxecto de sanción sen previa instrucción do oportuno expediente, de conformidade co procedemento administrativo especial nesta materia,  a proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que poidan concorrer.

 

Malia o anterior, no ámbito das relacións do persoal civil ao servicio das Administracións públicas, as infraccións serán obxecto de responsabilidades a través da imposición, por resolución da autoridade competente, da realización das medidas correctoras dos correspondentes incumprimentos, conforme ao procedemento que para o efecto se estableza.

 

No ámbito da Administración Xeral do Estado, corresponderalle ao Goberno a regulación do devandito procedemento, que se axustará aos seguintes principios:

 

a) O procedemento iniciarao o órgano competente da Inspección de Traballo e Seguridade Social por orde superior, ben por propia iniciativa ou a petición dos representantes do persoal.

 

b) Logo da súa actuación, a Inspección efectuará un requirimento sobre as medidas a adoptar e prazo de execución destas, que se enviará á unidade administrativa inspeccionada para os efectos de formular alegacións.

 

c) No caso de discrepancia entre os Ministros competentes como consecuencia da aplicación deste procedemento, enviarán as actuacións ao Consello de Ministros para a súa decisión final.

 

2. As infraccións no ámbito laboral cualifícanse en leves, graves e moi graves, en atención á natureza do deber infrinxido e a entidade do dereito afectado de conformidade co establecido nos artigos seguintes desta Lei.

 

 

Artigo 46. Infraccións leves

 indice^

Son infraccións leves:

 

1. A falta de limpeza do centro de traballo da que non se derive risco para a integridade física ou saúde dos traballadores.

 

2. Non dar conta, en tempo e forma, á autoridade laboral competente, conforme ás disposicións vixentes, dos accidentes de traballo ocorridos e as enfermidades profesionais declaradas cando teñan a cualificación de leves.

 

3. Non lle comunicar á autoridade laboral competente a apertura do centro de traballo ou o reinicio ou continuación dos traballos despois de efectuar alteracións ou ampliacións de importancia, ou consignar con inexactitude os datos que debe declarar ou cumprimentar sempre que non se trate de industria cualificada pola normativa vixente como perigosa, insá ou nociva polos elementos, procesos ou substancias que se manipulen.

 

4. As que supoñan incumprimentos da normativa de prevención de riscos laborais, sempre que carezan de transcendencia grave para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

 

5. Calquera outras que afecten a obrigas de carácter formal ou documental esixidas na normativa de prevención de riscos laborais e que non estean tipificadas como graves ou moi graves.

 

Artigo 47. Infraccións graves

 indice^

Son infraccións graves:

 

1. Non levar a cabo as avaliacións de riscos e, se é o caso, as súas acutalizacións e revisións, así como os controis periódicos das condicións de traballo e da actividade dos traballadores que procedan conforme á normativa sobre prevención de riscos laborais ou non realizar aquelas actividades de prevención que fixesen necesarias os resultados das avaliacións.

 

2. Non realizar os recoñecementos médicos e probas de vixilancia periódica do estado de saúde dos traballadores que procedan conforme á normativa sobre prevención de riscos laborais, ou non lles comunicar aos traballadores afectados o resultado destes.

 

3. Non dar conta en tempo e forma á autoridade laboral, conforme ás disposicións vixentes, dos accidentes de traballo ocorridos e das enfermidades profesionais declaradas cando teñan a cualificación de graves, moi graves ou mortais, ou non levar a cabo unha investigación no caso de producirse danos á saúde dos traballadores ou de ter indicios de que as medidas preventivas son insuficientes.

 

4. Non rexistrar e arquivar os datos obtidos nas avaliacións, controis, recoñecementos, investigacións ou informes a que se refiren os artigos 16, 22 e 23 desta Lei.

 

5. Non lle comunicar á autoridade laboral competente a apertura do centro de traballo ou o reinicio ou continuación dos traballos despois de efectuar alteracións ou ampliacións de importancia, ou consignar con inexactitude os datos que debe declarar ou cumprimentar sempre que se trate de industria cualificada pola normativa vixente como perigosa, insá ou nociva polos elementos, procesos ou substancias que se manipulen.

 

6. O incumprimento da obriga de efectuar a planificación da actividade preventiva que deriva como necesaria da avaliación dos riscos. O incumprimento da obriga de elaborar o plano de seguridade e saúde no traballo en cada proxecto de edificación e obra pública, co alcance e a forma establecida na normativa de prevención de riscos laborais, así como o incumprimento da devandita obriga mediante alteracións no volume da obra ou no número de traballadores en fraude de lei.

 

7. A adscrición de traballadores a postos de traballo que teñan condicións incompatibles coas súas características persoais ou de quen se estean manifestamente en estados ou situacións transitorias que non respondan ás esixencias psicofísicas dos respectivos postos de traballo, así como a dedicación daqueles á realización de tarefas sen tomar en consideración as súas capacidades profesionais en materia de seguridade e saúde no traballo, agás que se trate de infracción moi grave conforme ao artigo seguinte.

 

8. O incumprimento das obrigas en materia de formación e información suficiente e axeitada aos traballadores acerca dos riscos do posto de traballo susceptibles de provocar danos para a seguridade e saúde e sobre as medidas preventivas aplicables, agás que se trate de infracción moi grave conforme ao artigo seguinte.

 

9. A superación dos límites de exposición aos axentes nocivos que conforme á normativa sobre prevención de riscos laborais orixine risco de danos graves para a seguridade e saúde dos traballadores, sen adoptar as medidas preventivas axeitadas, agás que se trate de infracción moi grave conforme ao artigo seguinte.

 

10. Non adoptar as medidas previstas no artigo 20 desta Lei en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación dos traballadores.

 

11. O incumprimento dos dereitos de información, consulta e participación dos traballadores recoñecidos na normativa sobre prevención de riscos laborais.

 

12. Non proporcionar a formación ou os medios axeitados para o desenvolvemento das súas funcións aos traballadores designados para as actividades de prevención e aos Delegados de Prevención.

 

13. Non adoptar os empresarios e os traballadores por conta propia que desenvolvan actividades nun mesmo centro de traballo, ou os empresarios aos que se refire o artigo 24.4 desta Lei, as medidas de cooperación e coordinación necesarias para a protección e prevención de riscos laborais.

 

14. Non informar o promotor ou o empresario titular do centro de traballo a aqueloutros que desenvolvan actividades neste sobre os riscos e as medidas de protección, prevención e emerxencia.

 

15. Non designar a un ou varios traballadores para ocupar as actividades de protección e prevención na empresa ou non organizar ou concertar un servicio de prevención cando isto sexa preceptivo.

 

16. As que supoñan incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, sempre que o devandito incumprimento cree un risco grave para a integridade física ou a saúde dos traballadores afectados e especialmente en materia de:

 

a) Comunicación, cando proceda legalmente, á autoridade laboral de substancias, axentes físicos, químicos ou biolóxicos ou procesos empregados nas empresas.

 

b) Deseño, escolla, instalación, disposición, utilización e mantemento dos lugares de traballo, ferramentas, maquinaria e equipos.

 

c) Prohibicións ou limitacións respecto de operacións, procesos e emprego de axentes físicos, químicos e biolóxicos nos lugares de traballo.

 

d) Limitacións respecto do número de traballadores que poidan quedar expostos a determinados axentes físicos, químicos e biolóxicos.

 

e) Utilización de modalidades determinadas de mostraxe, medición e avaliación de resultados.

 

f) Medidas de protección colectiva ou individual.

 

g) Sinalización de seguridade e etiquetado e envasado de substancias perigosas, en canto estas se manipulen ou empreguen no proceso productivo.

 

h) Servicios ou medidas de hixiene persoal.

 

i)              Rexistro dos niveis de exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos, listas de traballadores expostos e expedientes médicos.

 

17.  A  falla de limpeza  do centro  ou  lugar de traballo, cando sexa  habitual  ou dela deriven riscos para a integridade e saúde dos traballadores.

 

18. O incumprimento do deber de información aos traballadores designados para ocupar as actividades de prevención ou, se é o caso, ao servicio de prevención da incorporación á empresa de traballadores con relacións de traballo temporais, de duración determinada ou proporcionados por empresas de traballo temporal.

 

19. Non facilitar ao servicio de prevención o acceso á información e documentación sinaladas no apartado 1 do artigo 18 e no apartado 1 do artigo 23 desta Lei.

 

20. Non someter, nos termos regulamentariamente establecidos, o sistema de prevención da empresa ao control dunha auditoría ou avaliación externa cando non se concertase o servicio de prevención cunha entidade especializada allea á empresa.

 

21. Facilitar á Autoridade Laboral competente, as entidades especializadas que actúen como servicios de prevención alleos ás empresas, as persoas ou entidades que desenvolvan a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas ou as entidades acreditadas para desenvolver e certificar a formación en materia de prevención de riscos laborais, datos de forma ou con contido inexactos, omitir os que debera modificar, así como  non comunicar a aquela calquera modificación das súas condicións de acreditación ou autorización.

 

20.          Incumprir as obrigas derivadas de actividades correspondentes a Servicios de Prevención alleos respecto dos seus empresarios concertados, dacordo coa normativa aplicabel.

 

 

 

Artigo 48. Infraccións moi graves

 indice^

Son infraccións moi graves:

 

1. Non observar as normas específicas en materia de protección da seguridade e a saúde das traballadoras durante os períodos de embarazo e lactación.

 

2. Non observar as normas específicas en materia de protección da seguridade e a saúde dos menores.

 

3. Non paralizar nin suspender de forma inmediata, a requirimento da Inspección de Traballo e Seguridade Social, os traballos que se realicen sen observar a normativa sobre prevención de riscos laborais e que, a xuízo da Inspección, impliquen a existencia dun risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores, ou proseguir os traballos sen ter emendadas previamente as causas que motivaron a paralización.

 

4. A adscrición dos traballadores a postos de traballo en que as condicións fosen incompatibles coas súas características persoais coñecidas ou que estean manifestamente en estados ou situacións transitorias que non respondan ás esixencias psicofísicas dos respectivos postos de traballo, así como a dedicación daqueles á realización de tarefas sen tomar en consideración as súas capacidades profesionais en materia de seguridade e saúde no traballo, cando diso se derive un risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores.

 

5. Incumprir o deber de confidencialidade no emprego dos datos relativos á vixilancia da saúde dos traballadores, nos termos previstos no apartado 4 do artigo 22 desta Lei.

 

6. Superar os límites de exposición aos axentes nocivos que, conforme á normativa sobre prevención de riscos laborais, orixinen riscos de danos para a saúde dos traballadores sen adoptar as medidas preventivas axeitadas, cando se trate de riscos graves e inminentes.

 

7. As accións ou omisións que impidan o exercicio do dereito dos traballadores a paralizar a súa actividade nos casos de risco grave e inminente, nos termos previstos no artigo 21 desta Lei.

 

8. Non adoptar calquera outras medidas preventivas aplicables ás condicións de traballo en execución da normativa sobre prevención de riscos laborais das que se derive un risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores.

 

9. Non adoptar, os empresarios e os traballadores por conta propia que desenvolvan actividades nun mesmo centro de traballo, as medidas de cooperación e coordinación necesarias para a prevención de riscos laborais, cando se trate de actividades regulamentariamente consideradas como perigosas ou con riscos especiais.

 

10. Non informar, o promotor ou o empresario titular do centro de traballo a aqueloutros que desenvolvan actividades no mesmos, sobre os riscos e as medidas de protección, prevención e emerxencia, cando se trate de actividades regulamentariamente consideradas como perigosas ou con riscos especiais.

 

11. Exercer as súas actividades os Servicios de Prevención alleos ás empresas, as persoas ou Entidades especializadas na actividade de auditoria do sistema de prevención de empresas, ou as que desenvolvan ou certifiquen a formación de prevención de riscos laborais, sen a preceptiva autorización ou acreditación, cando ésta fora suspendida ou extinquida, cando caducara a autorización provisional, e mesmo como cando se excendan na súa actuación do alcance da autorización concedida.

 

12. Manter os Servicios ou Entidades a que se refire o apartado anterior vinculacións comerciais, financieiras ou de calquera tipo coas empresas auditadas ou concertadas, distintas ás propias da súa actuación como tales, así como certificar, as Entidades que desenvolvan ou certifiquen a formación preventiva, actividades non desenvoltas na súa totalidade.

 

Artigo 49. Sancións

 indice^

1. As sancións polas infraccións tipificadas nos artigos anteriores poderán impoñerse nos graos de mínimo, medio e máximo, atendendo aos seguintes criterios:

 

a) A perigosidade das actividades desenvolvidas na empresa ou centro de traballo.

 

b) O carácter permanente ou transitorio dos riscos inherentes ás devanditas actividades.

 

c) A gravidade dos danos producidos ou que se puidesen producir pola ausencia ou deficiencia das medidas preventivas necesarias.

 

d) O número de traballadores afectados.

 

e) As medidas de protección individual ou colectiva adoptadas polo empresario e as instruccións impartidas por este no tocante á prevención dos riscos.

 

f) O incumprimento de advertencias ou requirimentos previos da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

 

g) A inobservancia das propostas realizadas polos servicios de prevención, os Delegados de Prevención e o Comité de Seguridade e Saúde da empresa para a corrección das deficiencias legais existentes.

 

h) A conducta xeral seguida polo empresario no tocante á estricta observancia das normas en materia de prevención de riscos laborais.

 

2. Os criterios de graduación recollidos no número anterior non poderán atenuar ou agravar a cualificación da infracción cando estean contidos na descrición da conducta infractora.

 

3. A acta da Inspección de Traballo e Seguridade Social que dá inicio ao expediente sancionador e a resolución administrativa que recaia deberán explicitar os criterios tidos en conta, de entre os sinalados no apartado 1 deste artigo, para a graduación na sanción.

 

Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 1 deste artigo, a sanción impoñerase no grao mínimo no seu tramo inferior.

 

4. As sancións graduaranse como segue:

 

a) Infraccións leves:

 

Grao mínimo: ata 50.000 pesetas.

Grao medio: de 50.001 a 100.000 pesetas.

Grao máximo: de 100.001 a 250.000 pesetas.

 

b) Infraccións graves:

 

Grao mínimo: de 250.001 a 1.000.000 pesetas.

Grao medio: de 1.000.001 a 2.500.000 pesetas.

Grao máximo: de 2.500.001 a 5.000.000 pesetas.

 

c) Infraccións moi graves:

 

Grao mínimo: de 5.000.001 a 20.000.000 pesetas.

Grao medio: de 20.000.001 a 50.000.000 pesetas.

Grao máximo: de 50.000.001 a 100.000.000 pesetas.

 

5. As sancións impostas por infraccións moi graves, unha vez firmes, faranse públicas na forma que se determine regulamentariamente.

 

6. As infraccións, por faltas graves e moi graves das entidades especializadas que actúen como Servicios de Prevención alleos ás empresas, das persoas ou entidades que  desenvolvan a actividade de auditoría do sistema de prevención das empresas e das entidades acreditadad para desenvolver e certificar a formación en materia de prevención de riscos laborais, poderán dar lugar, ademáis de ás sancións previstas neste artígo, á cancelación da acreditación otorgada pola Autoridade Laboral.

 

Artigo 50. Reincidencia

 indice^

Existe reincidencia cando se comete unha infracción do mesmo tipo e cualificación que a que motivou unha sanción anterior no termo dun ano desde a comisión desta; en tal suposto, requirirase que a resolución sancionadora adquirise firmeza. Se se apreciase reincidencia, a contía das sancións consignadas no artigo anterior poderase incrementar ata o dobre do grao da sanción correspondente á infracción cometida, sen exceder en ningún caso do tope máximo previsto para as infraccións moi graves no artigo 49 desta Lei.

 

Artigo 51. Prescrición das infraccións

 indice^

As infraccións á normativa en materia de prevención de riscos laborais prescriben: as leves ao ano, as graves aos tres anos e as moi graves aos cinco anos, contados desde a data da infracción.

 

Artigo 52. Competencias sancionadoras

 indice^

1. No ámbito das competencias do Estado, as infraccións sancionaranse, a proposta da Inspección de Traballo e Seguridade Social, pola autoridade laboral competente a nivel provincial, ata 5.000.000 de pesetas; polo Director Xeral de Traballo, ata 15.000.000 de pesetas; polo Ministro de Traballo e Seguridade Social, ata 50.000.000 de pesetas; e polo Consello de Ministros, a proposta do de Traballo e Seguridade Social, ata 100.000.000 de pesetas.

 

2. Nos supostos de pluralidade de infraccións recollidas nun único expediente sancionador, será órgano competente para impoñer a sanción pola totalidade das devanditas infraccións o que o sexa para impoñer a de maior contía.

 

3. A atribución de competencias á que se refire o apartado 1 non afecta ao exercicio da potestade sancionadora que poida corresponder a outras Administracións por razón das competencias que teña atribuídas.

 

4. A referida atribución de competencias tampouco afecta ao exercicio da potestade sancionadora que poida corresponder ás autoridades laborais das Comunidades Autónomas con competencias en materia de execución da lexislación laboral, que se efectuará de acordo coa súa regulación propia, nos termos e cos límites previstos nos seus respectivos Estatutos de Autonomía e disposicións de desenvolvemento e aplicación.

 

Artigo 53. Suspensión ou peche do centro de traballo

indice^ 

O Goberno ou, se é o caso, os órganos de goberno das Comunidades Autónomas con competencias na materia, cando concorran circunstancias de excepcional gravidade nas infraccións en materia de seguridade e saúde no traballo, poderán acordar a suspensión das actividades laborais por un tempo determinado ou, en caso extremo, o peche do centro de traballo correspondente, sen prexuízo, en todo caso, do pagamento do salario ou das indemnizacións que procedan e das medidas que se poidan arbitrar para a súa garantía.

 

Artigo 54. Limitacións á facultade de contratar coa Administración

indice^ 

As limitacións á facultade de contratar coa Administración pola comisión de delictos ou por infraccións administrativas moi graves en materia de seguridade e saúde no traballo rexeranse polo establecido na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das Administracións Públicas.

Comarcas CIG

Agrupacións con web

 

Reservados tódolos dereitos a Cig-saúde

Avda/ gregorio espino Nº 47 (Vigo)