|
LEI 31/1995, DO 8 DE NOVEMBRO,
DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS
Actualizada polo Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo
que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións no
Orde Social
(BOE 189/2000, do 8 de agosto)
CAPÍTULO III
Dereitos e obrigas
Artigo 14. Dereito á protección fronte aos riscos laborais
indice^
1.
Os traballadores teñen dereito a unha protección eficaz en materia de
seguridade e saúde no traballo.
O devandito dereito supón a existencia dun correlativo deber do
empresario de protección dos traballadores fronte aos riscos laborais.
Este deber de protección constitúe, igualmente, un deber das
Administracións públicas respecto do persoal ao seu servicio.
Os dereitos de información, consulta e participación, formación en
materia preventiva, paralización da actividade en caso de risco grave e
inminente e vixilancia do seu estado de saúde, nos termos previstos
nesta Lei, forman parte do dereito dos traballadores a unha protección
eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo.
2.
En cumprimento do deber de protección, o empresario deberá garantir a
seguridade e a saúde dos traballadores ao seu servicio en todos os
aspectos relacionados co traballo. Para estes efectos, no marco das súas
responsabilidades o empresario realizará a prevención dos riscos
laborais mediante a adopción de cantas medidas sexan necesarias para a
protección da seguridade e a saúde dos traballadores coas especialidades
que se recollen nos artigos seguintes en materia de avaliación de
riscos, información, consulta e participación e formación dos
traballadores, actuación en casos de emerxencia e de risco grave e
inminente, vixilancia da saúde, e mediante a constitución dunha
organización e dos medios necesarios nos termos establecidos no capítulo
IV desta Lei.
O empresario desenvolverá unha acción permanente co fin de perfeccionar
os niveis de protección existentes e disporá o necesario para a
adaptación das medidas de prevención sinaladas no parágrafo anterior ás
modificacións que poidan experimentar as circunstancias que incidan na
realización do traballo.
3.
O empresario deberá cumprir as obrigas establecidas na normativa sobre
prevención de riscos laborais.
4.
As obrigas dos traballadores establecidas nesta Lei, a atribución de
funcións en materia de protección e prevención a traballadores ou
servicios da empresa e o recurso ao concerto con entidades
especializadas para o desenvolvemento de actividades de prevención
complementarán as accións do empresario, sen que por isto o eximan do
cumprimento do seu deber nesta materia, sen prexuízo das accións que
poida exercitar, se é o caso, contra calquera outra persoa.
5.
O custo das medidas relativas á seguridade e a saúde no traballo non
deberá recaer de ningún xeito sobre os traballadores.
Artigo 15. Principios da acción preventiva
indice^
1. O
empresario aplicará as medidas que integran o deber xeral de prevención
previsto no artigo anterior, de acordo cos seguintes principios xerais:
a)
Evitar os riscos.
b)
Avaliar os riscos que non se poidan evitar.
c)
Combater os riscos na súa orixe.
d)
Adaptar o traballo á persoa en particular no que respecta á concepción
dos postos de traballo, así como a escolla dos equipos e os métodos de
traballo e de producción con miras en particular a atenuar o traballo
monótono e repetitivo e a reducir os efectos deste na saúde.
e)
Ter en conta a evolución da técnica.
f)
Substituír o perigoso polo que entrañe pouco ou ningún perigo.
g)
Planificar a prevención, buscando un conxunto coherente que integre nela
a técnica, a organización do traballo as condicións de traballo, as
relacións sociais e a influencia dos factores ambientais no traballo.
h)
Adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual.
i)
Dar as debidas instruccións aos traballadores.
2.
O empresario tomará en consideración as capacidades profesionais dos
traballadores en materia de seguridade e de saúde no momento de lles
encomendar as tarefas.
3.
O empresario adoptará as medidas necesarias a fin de garantir que só os
traballadores que recibiran información suficiente e axeitada poidan
acceder ás zonas de risco grave e específico.
4.
A efectividade das medidas preventivas deberá prever as distraccións ou
imprudencias non temerarias que puidese cometer o traballador. Para a
súa adopción teranse en conta os riscos adicionais que puidesen implicar
determinadas medidas preventivas, as cales só poderán ser adoptadas
cando a magnitude dos devanditos riscos sexa substancialmente inferior á
dos que se pretende controlar e non existan alternativas máis seguras.
5.
Poderán concertar operacións de seguro que teñan como fin garantir como
ámbito de cobertura a previsión de riscos derivados do traballo, a
empresa respecto dos seus traballadores, os traballadores autónomos
respecto a eles mesmos e as sociedades cooperativas respecto aos seus
socios, cando a súa actividade consista na prestación do seu traballo
persoal.
Artigo 16. Avaliación dos riscos
indice^
1.
A acción preventiva na empresa planificaraa o empresario a partir dunha
avaliación inicial dos riscos para a seguridade e a saúde dos
traballadores, que se realizará, con carácter xeral, tendo en conta a
natureza da actividade, e en relación con aqueles que estean expostos a
riscos especiais. Igual avaliación deberá facerse con ocasión da escolla
dos equipos de traballo, das substancias ou preparados químicos e do
acondicionamento dos lugares de traballo. A avaliación inicial terá en
conta aqueloutras actuacións que se deban desenvolver de conformidade co
disposto na normativa sobre protección de riscos específicos e
actividades de especial perigosidade. A avaliación será actualizada
cando cambien as condicións de traballo e, en todo caso, someterase á
consideración e revisarase, se fose necesario, con ocasión dos danos
para a saúde que se produciran.
Cando o resultado da avaliación o fixese necesario, o empresario
realizará controis periódicos das condicións de traballo e da actividade
dos traballadores na prestación dos seus servicios, para detectar
situacións potencialmente perigosas.
2.
Se os resultados da avaliación prevista no apartado anterior o fixesen
necesario, o empresario realizará aquelas actividades de prevención,
incluídas as relacionadas cos métodos de traballo e de producción, que
garantan un maior nivel de protección da seguridade e a saúde dos
traballadores. Estas actuacións deberán integrarse no conxunto das
actividades da empresa e en todos os niveis xerárquicos desta.
As actividades de prevención deberán ser modificadas cando se aprecie
polo empresario, como consecuencia dos controis periódicos previstos no
apartado anterior, a súa inadecuación aos fins de protección requiridos.
3.
Cando se producise un dano para a saúde dos traballadores ou cando, con
ocasión da vixilancia da saúde prevista no artigo 22, aparezan indicios
de que as medidas de prevención resultan insuficientes, o empresario
levará a cabo unha investigación ao respecto, a fin de detectar as
causas destes feitos.
Artigo 17. Equipos de traballo e medios de protección
indice^
1.
O empresario adoptará as medidas necesarias co fin de que os equipos de
traballo sexan axeitados para o traballo que se deba realizar e
convenientemente adaptados para tal efecto, de xeito que garantan a
seguridade e a saúde dos traballadores ao empregalos.
Cando o emprego dun equipo de traballo poida presentar un risco
específico para a seguridade e a saúde dos traballadores, o empresario
adoptará as medidas necesarias co fin de que:
a)
A utilización do equipo de traballo quede reservada aos encargados da
devandita utilización.
b)
Os traballos de reparación, transformación, mantemento ou conservación
sexan realizados polos traballadores especificamente capacitados para
iso.
2.
O empresario deberá proporcionar aos seus traballadores equipos de
protección individual axeitados para o desempeño das súas funcións e
velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos
realizados, sexan necesarios.
Os equipos de protección individual deberán empregarse cando os riscos
non se poidan evitar ou non se poidan limitar suficientemente por medios
técnicos de protección colectiva ou mediante medidas, métodos ou
procedementos de organización do traballo.
Artigo 18. Información, consulta e participación dos traballadores
indice^
1.
A fin de dar cumprimento ao deber de protección establecido nesta Lei, o
empresario adoptará as medidas axeitadas para que os traballadores
reciban todas as informacións necesarias en relación con:
a)
Os riscos para a seguridade e a saúde dos traballadores no traballo,
tanto aqueles que afecten á empresa no seu conxunto como a cada tipo de
posto de traballo ou función.
b)
As medidas e actividades de protección e prevención aplicables aos
riscos sinalados no apartado anterior.
c)
As medidas adoptadas de conformidade co disposto no artigo 20 desta Lei.
Nas empresas que teñan representantes dos traballadores, a información á
que se refire este apartado facilitaraa o empresario aos traballadores a
través dos devanditos representantes; non obstante, deberase informar
directamente a cada traballador dos riscos específicos que afecten ao
seu posto de traballo ou función e das medidas de protección e
prevención aplicables aos devanditos riscos.
2.
O empresario deberá consultar aos traballadores, e permitir a súa
participación, no marco de todas as cuestións que afecten á seguridade e
á saúde no traballo, de conformidade co disposto no capítulo V desta
Lei.
Os traballadores terán dereito a efectuar propostas ao empresario, así
como aos órganos de participación e representación previstos no capítulo
V desta Lei, dirixidas á mellora dos niveis de protección da seguridade
e a saúde da empresa.
Artigo 19. Formación dos traballadores
indice^
1.
En cumprimento do deber de protección, o empresario deberá garantir que
cada traballador reciba unha formación teórica e práctica, suficiente e
axeitada, en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación,
calquera que sexa a modalidade ou duración desta, como cando se produzan
cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou
cambios nos equipos de traballo.
A formación deberá estar centrada especificamente no posto de traballo
ou función de cada traballador, adaptarse á evolución dos riscos e á
aparición doutros novos e repetirse periodicamente, se fose necesario.
2.
A formación á que se refire o parágrafo anterior deberase impartir, sempre
que sexa posible, dentro da xeira ou, no seu defecto, noutras horas pero
co desconto naquela do tempo investido nesta. A formación poderaa
impartir a empresa mediante medios propios ou concertándoa con servicios
alleos, e o seu custo non recaerá de ningún xeito sobre os
traballadores.
Artigo 20. Medidas de emerxencia
indice^
O empresario, tendo en conta o tamaño e a actividade da empresa, así
como a posible presencia de persoas alleas a esta, deberá analizar as
posibles situacións de emerxencia e adoptar as medidas necesarias en
materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación dos
traballadores, designando para isto ao persoal encargado de poñer en
práctica estas medidas e comprobando periodicamente, se é o caso, o seu
correcto funcionamento. O devandito persoal debera posuír a formación
necesaria, ser suficiente en número e dispoñer do material axeitado, en
función das circunstancias antes sinalada.
Para a aplicación das medidas adoptadas, o empresario deberá organizar
as relacións que sexan necesarias con servicios externos á empresa, en
particular en materia de primeiros auxilios, asistencia médica de
urxencia, salvamento e loita contra incendios, de xeito que quede
garantida a rapidez e eficacia destas.
Artigo 21. Risco grave e inminente
indice^
1.
Cando os traballadores estean ou poidan estar expostos a un risco grave
e inminente con ocasión do seu traballo, o empresario estará na obriga
de:
a)
Informar o antes posible a todos os traballadores afectados en canto á
existencia do devandito risco e das medidas adoptadas ou que, se é o
caso, se deban adoptar en materia de protección.
b)
Adoptar as medidas e dar as instruccións necesarias para que, no caso de
perigo grave, inminente e inevitable, os traballadores poidan
interromper a súa actividade e, se fose necesario, abandonar de
inmediato o lugar de traballo. Neste suposto non se poderá esixir aos
traballadores que prosigan a súa actividade mentres persista o perigo,
agás excepción debidamente xustificada por razóns de seguridade e
determinada regulamentariamente.
c)
Dispoñer o necesario para que o traballador que non se puidese poñer en
contacto co seu superior xerárquico, ante unha situación de perigo grave
e inminente para a súa seguridade, a doutros traballadores ou a de
terceiros á empresa, estea en condicións, tendo en conta os seus
coñecementos e os medios técnicos postos á súa disposición, de adoptar
as medidas necesarias para evitar as consecuencias do devandito perigo.
2.
De acordo co previsto no apartado 1 do artigo 14 desta Lei, o traballador
terá dereito a interromper a súa actividade e abandonar o lugar de
traballo, en caso necesario, cando considere que a dita actividade
entraña un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde.
3.
Cando no caso a que se refire o apartado 1 deste artigo o empresario non
adopte ou non permita a adopción das medidas necesarias para garantir a
seguridade e a saúde dos traballadores, os representantes legais destes
poderán acordar, por maioría dos seus membros, a paralización da
actividade dos traballadores afectados polo devandito risco. Tal acordo
será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, a cal, no
prazo de vintecatro horas, anulará ou ratificará a paralización
acordada.
O acordo a que se refire o parágrafo anterior poderá ser adoptado por
decisión maioritaria dos Delegados de Prevención cando non resulte
posible reunir coa urxencia requirida ao órgano de representación do
persoal.
4.
Os traballadores ou os seus representantes non poderán sufrir prexuízo
algún derivado da adopción das medidas a que se refiren os apartados
anteriores, a menos que obrasen de mala fe ou cometesen neglixencia
grave.
Artigo 22. Vixilancia da saúde
indice^
1.
O empresario garantiralles aos traballadores ao seu servicio a
vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos
inherentes ao traballo.
Esta vixilancia só se poderá levar a cabo cando o traballador preste o
seu consentimento. Deste carácter voluntario só se exceptuarán, previo
informe dos representantes dos traballadores, os supostos nos que a
realización dos recoñecementos sexa imprescindible para avaliar os
efectos das condicións de traballo sobre a saúde dos traballadores ou
para verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un
perigo para este, para os demais traballadores ou para outras persoas
relacionadas coa empresa ou cando así estea establecido nunha
disposición legal en relación coa protección de riscos específicos e
actividades de especial perigosidade.
En todo caso deberase optar pola realización daqueles recoñecementos ou
probas que causen as menores molestias ao traballador e que sexan
proporcionais ao risco.
2.
As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores levaranse a
cabo respectando sempre o dereito á intimidade e á dignidade da persoa
do traballador e á confidencialidade de toda a información relacionada
co seu estado de saúde.
3.
Os resultados da vixilancia a que se refire o apartado anterior serán
comunicados aos traballadores afectados.
4.
Os datos relativos á vixilancia da saúde dos traballadores non poderán
ser empregados con fins discriminatorios nin en prexuízo do traballador.
O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal
médico e ás autoridades sanitarias que leven a cabo a vixilancia da
saúde dos traballadores, sen que se poida facilitar ao empresario ou a
outras persoas sen consentimento expreso do traballador.
Malia o anterior, o empresario e as persoas ou órganos con
responsabilidades en materia de prevención serán informados das
conclusións que se deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa
aptitude do traballador para o desempeno do posto de traballo ou coa
necesidade de introducir ou mellorar as medidas de protección e
prevención, a fin de que poidan desenvolver correctamente as súas
funcións en materia preventiva.
5.
Nos supostos en que a natureza dos riscos inherentes ao traballo o faga
necesario, o dereito dos traballadores á vixilancia periódica do seu
estado de saúde deberá ser alongado máis alá do remate da relación
laboral, nos termos que regulamentariamente se determinen.
6.
As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores levaranse
a cabo por persoal sanitario con competencia técnica, formación e
capacidade acreditada.
Artigo 23. Documentación
indice^
1. O
empresario deberá elaborar e conservar á disposición da autoridade
laboral a seguinte documentación relativa ás obrigas establecidas nos
artigos anteriores:
a)
Avaliación dos riscos para a seguridade e a saúde no traballo, e
planificación da acción preventiva, conforme ao previsto no artigo 16
desta Lei.
b)
Medidas de protección e de prevención a adoptar e, se é o caso, material
de protección que se deba empregar.
c)
Resultado dos controis periódicos das condicións de traballo e da
actividade dos traballadores, de acordo co disposto no terceiro
parágrafo do apartado 1 do artigo 16 desta Lei.
d)
Práctica dos controis do estado de saúde dos traballadores previstos no
artigo 22 desta Lei e conclusións obtidas deses nos termos recollidos no
derradeiro parágrafo do apartado 4 do devandito artigo.
e)
Relación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais que
causaran ao traballador unha incapacidade laboral superior a un día de
traballo. Nestes casos o empresario realizará, ademais, a notificación a
que se refire o apartado 3 deste artigo.
2.
No momento de cesamento da súa actividade, as empresas deberán achegar á
autoridade laboral a documentación sinalada no apartado anterior.
3. O
empresario estará na obriga de notificar por escrito á autoridade
laboral os danos para a saúde dos traballadores ao seu servicio que se
produciran por mor do desenvolvemento do seu traballo, conforme ao
procedemento que se determine regulamentariamente.
4.
A documentación a que fai referencia este artigo deberá tamén ser posta
a disposición das autoridades sanitarias co fin de que estas poidan
cumprir co disposto no artigo 10 desta Lei e no artigo 21 da Lei
14/1986, do 25 de abril, Xeral de Sanidade.
Artigo 24. Coordinación de actividades empresariais
indice^
1.
Cando nun mesmo centro de traballo desenvolvan actividades traballadores
de dúas ou máis empresas, estas deberán cooperar na aplicación da
normativa sobre prevención de riscos laborais. Para tal fin,
establecerán os medios de coordinación que sexan necesarios en canto á
protección e prevención de riscos laborais e a información sobre estes
aos seus respectivos traballadores, nos termos previstos no apartado 1
do artigo 18 desta Lei.
2.
O empresario titular do centro de traballo adoptará as medidas necesarias
para que aqueloutros empresarios que desenvolvan actividades no seu
centro de traballo reciban a información e as instruccións axeitadas, en
relación cos riscos existentes no centro de traballo e coas medidas de
protección e prevención correspondentes, así como sobre as medidas de
emerxencia a aplicar, para o seu traslado aos seus respectivos
traballadores.
3.
As empresas que contraten ou subcontraten con outras a realización de
obras ou servicios correspondentes á propia actividade daquelas e que se
desenvolvan nos seus propios centros de traballo deberán vixiar o
cumprimento polos devanditos contratistas e subcontratistas da normativa
de prevención de riscos laborais.
4.
As obrigas consignadas no derradeiro parágrafo do apartado 1 do artigo
41 desta Lei serán tamén de aplicación, respecto das operacións
contratadas, nos supostos en que os traballadores da empresa contratista
ou subcontratista non presten servicios nos centros de traballo da
empresa principal, sempre que tales traballadores deban operar con
maquinaria, equipos, productos, materias primas ou utensilios
proporcionados pola empresa principal.
5.
Os deberes de cooperación e de información e instrucción recollidos nos
apartados 1 e 2 aplicaranse respecto dos traballadores autónomos que
desenvolvan actividades nos devanditos centros de traballo.
Artigo 25. Protección de traballadores especialmente sensibles a
determinados riscos
indice^
1. O
empresario garantirá de maneira específica a protección dos
traballadores que, polas súas propias características persoais ou estado
biolóxico coñecido, incluídos aqueles que teñan recoñecida a situación
de discapacidade física, psíquica ou sensorial, sexan especialmente
sensibles aos riscos derivados do traballo. Para tal fin, deberá ter en
conta os ditos aspectos nas avaliacións dos riscos e, en función destas,
adoptará as medidas preventivas e de protección necesarias.
Os traballadores non serán empregados naqueles postos de traballo nos
que, a causa das súas características persoais, estado biolóxico ou pola
súa discapacidade física, psíquica ou sensorial debidamente recoñecida,
poidan eles, os demais traballadores ou outras persoas relacionadas coa
empresa poñerse en situación de perigo ou, en xeral, cando estean
manifestamente en estados ou situacións transitorias que non respondan
ás esixencias psicofísicas dos respectivos postos de traballo.
2.
Igualmente, o empresario deberá ter en conta nas avaliacións os factores
de risco que poidan incidir na función de procreación dos traballadores,
en particular pola exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos
que poidan exercer efectos mutaxénicos ou de toxicidade para a
procreación, tanto nos aspectos da fertilidade, como do desenvolvemento
da descendencia, co fin de adoptar as medidas preventivas necesarias.
Artigo
26.
Protección da maternidade
indice^
1.
A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 desta Lei deberá
abranguer a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición
das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, a axentes,
procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente
na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade
susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da
avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha
posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das devanditas
traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a
exposición ao dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do
tempo de traballo da traballadora afectada. As devanditas medidas
incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo
nocturno ou de traballo a quendas.
2.
Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase
posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de
traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora
embarazada ou do feto, e así o certifiquen os Servicios Médicos do
Instituto Nacional da Seguridade Social ou das Mutuas, co informe do
médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente á
traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función
diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar,
previa consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos
postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.
O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras
e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá
efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a
súa reincorporación ao anterior posto.
No suposto de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo
anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a
traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ao seu
grupo ou a categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ao
conxunto de retribucións do seu posto de orixe.
3.
Se o antedito cambio de posto non resultara técnica ou obxectivamente
posible, ou no poida razonablemente exixirse por motivos xustificados,
poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de
suspensión do contrato por risco durante o embarazo, contemplada no
artigo 45.1 d) do Estatuto dos Traballadores, durante o período
necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentras
persista a imposibilidade de reincorporarse oa seu posto anterior ou a
outro posto compatible co seu estado.
4.
O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación
durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen
influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase
o médico que, no réxime de Seguridade Social aplicable, asista
facultativamente á traballadora.
5.
As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con
dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e
técnicas de preparación ao parto, previo aviso ao empresario e
xustificación da necesidade da súa realización dentro da xeira.
Artigo 27. Protección dos menores
indice^
1.
Antes da incorporación ao traballo de mozos menores de dezaoito anos, e
previamente a calquera modificación importante das súas condicións de
traballo, o empresario deberá efectuar unha avaliación dos postos de
traballo a desempeñar por estes, a fin de determinar a natureza, o grao
e a duración da súa exposición, en calquera actividade susceptible de
presentar un risco específico ao respecto, a axentes, procesos ou
condicións de traballo que poidan poñer en perigo a seguridade ou a
saúde destes traballadores.
Para tal fin, a avaliación terá especialmente en conta os riscos
específicos para a seguridade, a saúde e o desenvolvemento dos mozos
derivados da súa falta de experiencia, da súa inmadurez para avaliar os
riscos existentes ou potenciais e do seu desenvolvemento aínda
incompleto.
En todo caso, o empresario informará aos devanditos mozos e aos seus
pais ou titores que interviñesen na contratación, conforme ao disposto
na letra b) do artigo 7 do
texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores aprobado polo Real
Decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, dos posibles riscos e de
todas as medidas adoptadas para a protección da súa seguridade e saúde.
2.
Tendo en conta os factores anteriormente sinalados, o Goberno
establecerá as limitacións á contratación dos mozos menores de dezaoito
anos en traballos que presenten riscos específicos.
Artigo 28. Relacións de traballo temporais, de duración determinada e en
empresas de traballo temporal
indice^
1.
Os traballadores con relacións de traballo temporais ou de duración
determinada, así como os contratados por empresas de traballo temporal,
deberán beneficiarse do mesmo nivel de protección en materia de
seguridade e saúde que os restantes traballadores da empresa na que
prestan os seus servicios.
A existencia dunha relación de traballo das sinaladas no parágrafo
anterior non xustificará de ningún xeito unha diferencia de trato polo
que respecta ás condicións de traballo, no relativo a calquera dos
aspectos da protección da seguridade e a saúde dos traballadores.
Esta Lei e as súas disposicións de desenvolvemento aplicaranse
plenamente ás relacións de traballo sinaladas nos parágrafos anteriores.
2.
O empresario adoptará as medidas necesarias para garantir que, con
carácter previo ao inicio da súa actividade, os traballadores a que se
refire o apartado anterior reciban información acerca dos riscos aos que
estean expostos, en particular no relativo á necesidade de
cualificacións ou aptitudes profesionais determinadas, a esixencia de
controis médicos especiais ou a existencia de riscos específicos do
posto de traballo a cubrir, así como sobre as medidas de protección e
prevención fronte a estes.
Os devanditos traballadores recibirán, en todo caso, unha formación
suficiente e axeitada ás características do posto de traballo a cubrir,
tendo en conta a. súa cualificación e experiencia profesional e os
riscos aos que estean expostos.
3.
Os traballadores a que se refire este artigo terán dereito a unha
vixilancia periódica do seu estado de saúde, nos termos establecidos no
artigo 22 desta Lei e nas súas normas de desenvolvemento.
4. O
empresario deberá informar aos traballadores designados para ocuparse
das actividades de protección e prevención ou, se é o caso, o servicio
de prevención previsto no artigo 31 desta Lei da incorporación dos
traballadores a que se refire este artigo, na medida necesaria para que
poidan desenvolver de xeito axeitado ás súas funcións respecto de todos
os traballadores da empresa.
5.
Nas relacións de traballo a través de empresas de traballo temporal, a
empresa usuaria será responsable das condicións de execución do traballo
en todo o relacionado coa protección da seguridade e a saúde dos
traballadores. Corresponderá, ademais, á empresa usuaria o cumprimento
das obrigas en materia de información previstas nos apartados 2 e 4
deste artigo.
A empresa de traballo temporal será responsable do cumprimento das
obrigas en materia de formación e vixilancia da saúde que se establecen
nos apartados 2 e 3 deste artigo. Para tal fin, e sen prexuízo do
disposto no parágrafo anterior, a empresa usuaria deberá informar á
empresa de traballo temporal, e esta aos traballadores afectados, antes
da adscrición destes, acerca das características propias dos postos de
traballo a desempeñar e das cualificacións requiridas.
A empresa usuaria deberá informar aos representantes dos traballadores
nesta da adscripción dos traballadores postos a disposición pola empresa
de traballo temporal. Os ditos traballadores poderanse dirixir a estes
representantes no exercicio dos dereitos recoñecidos nesta Lei.
Artigo
29.
Obrigas dos traballadores en materia
de prevención de riscos
indice^
1.
Corresponde a cada traballador velar, segundo as súas posibilidades e
mediante o cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan
adoptadas, pola súa propia seguridade e saúde no traballo e pola
daqueloutras persoas ás que poida afectar a súa actividade profesional,
a causa dos seus actos e omisións no traballo, de conformidade coa súa
formación e as instruccións do empresario.
2.
Os traballadores, de acordo coa súa formación e seguindo as instruccións
do empresario, deberán en particular:
1º.
Empregar de forma axeitada, de acordo coa súa natureza e os riscos
previsibles, as máquinas, aparellos, ferramentas, substancias perigosas,
equipos de transporte e, en xeral, calquera outros medios cos que
desenvolvan a súa actividade.
2º.
Empregar correctamente os medios e equipos de protección facilitados polo
empresario, de acordo coas instruccións recibidas deste.
3º.
Non poñer fóra de funcionamento e empregar correctamente os dispositivos
de seguridade existentes ou que se instalen nos medios relacionados coa
súa actividade ou nos lugares de traballo en que esta teña lugar.
|