1.
Os fabricantes, importadores e subministradores de maquinaria, equipos,
productos e utensilios de traballo están na obriga de asegurar que estes
non constitúan unha fonte de perigo para o traballador, sempre que sexan
instalados e empregados nas condicións, forma e para os fins
recomendados por eles.
Os fabricantes, importadores e subministradores de productos e
substancias químicas de utilización no traballo están na obriga de
envasar e etiquetar estes, de forma que se permita a súa conservación e
manipulación en condicións de seguridade e se identifique claramente o
seu contido e os riscos para a seguridade ou a saúde dos traballadores
que a súa almacenaxe ou utilización comporten.
Os suxeitos mencionados nos dous parágrafos anteriores deberán
subministrar a información que indique a forma correcta de emprego polos
traballadores, as medidas preventivas adicionais que se deban tomar e os
riscos laborais que impliquen tanto o seu emprego normal, como a súa
manipulación ou emprego inadecuado.
Os fabricantes, importadores e subministradores de elementos para a
protección dos traballadores están na obriga de asegurar a efectividade
destes, sempre que sexan instalados e usados nas condicións e da forma
recomendada por eles. Para tal efecto, deberán subministrar a
información que indique o tipo de risco ao que van dirixidos, o nivel de
protección fronte a este e a forma correcta do seu emprego e mantemento.
Os fabricantes, importadores e subministradores deberán proporcionar aos
empresarios, e estes solicitar daqueles, a información necesaria para
que a utilización e manipulación da maquinaria, equipos, productos,
materias primas e utensilios de traballo se produza sen riscos para a
seguridade e a saúde dos traballadores, así como para que os empresarios
poidan cumprir coas súas obrigas de información respecto dos
traballadores.
2.
O empresario terá que garantir que as informacións a que se refire o
apartado anterior sexan facilitadas aos traballadores en termos que
resulten comprensibles para estes.