Principal

 

PROXECTO DE DECRETO SOBRE UN RÉXIME EXTRAORDINARIO DE RECOÑECEMENTO DO DESENVOLVEMENTO PROFESIONAL DO PERSOAL ESTATUTARIO DAS CATEGORÍAS DE LICENCIADOS SANITARIOS DO SERGAS PREVIO Á IMPLANTACIÓN DO FUTURO RÉXIME DE DESENVOLVEMENTO PROFESIONAL A QUE SE REFIRE A LEI 44/2003 DO 21 DE NOVEMBRO, DE ORDENACIÓN DAS PROFESIÓNS SANITARIAS

 

A primeira regulación xeral dun sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional no eido das profesións sanitarias recolleuse na Lei 44/2003, do 21 de novembro, de Ordenación das Profesións Sanitarias. 

A Lei 7/2003, do 9 de decembro de Ordenación sanitaria de Galicia e a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto Marco do persoal das institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde refírense á carreira profesional como o dereito dos profesionais a progresar de forma individualizada, co recoñecemento do seu desenvolvemento profesional en canto a coñecemento, experiencia e cumprimento dos obxectivos da organización na que prestan os seus  servizos.  

Asemade, o Estatuto Marco, prevé determinados efectos do dito recoñecemento, introducindo un concepto retributivo -complemento de carreira profesional- destinado a retribuír o grao acadado na carreira profesional. 

As ditas previsións lexislativas impoñen as Administracións sanitarias o desenvolvemento regulamentario do sistema de recoñecemento do desenrolo profesional, co fin de que a implantación do mesmo poida facerse real e efectiva en canto a súa constancia pública -o recoñecemento público do nivel profesional- ao aspecto retributivo, e á promoción deste persoal conxuntamente coa mellor xestión das institucións sanitarias. 

Porén, a Lei 44/2003, de ordenación das profesións sanitarias e a Lei 55/2003, do Estatuto Marco ordena á Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde a determinación dos principios e criterios xerais para a homologación do recoñecemento do desenvolvemento profesional, especialmente no relativo ás denominacións dos distintos graos, aos sistemas de valoración dos méritos, á composición dos graos acadados polos profesionais dos distintos servizos de saúde, todo elo dirixido ao recoñecemento mutuo, efectos profesionais e libre circulación dos mesmos no conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Na actualidade a citada Comisión de Recursos Humanos está a traballar na definición deses principios. 

Asemade, a Lei 44/2003, de ordenación das profesións sanitarias determina que as Administracións sanitarias regularán o recoñecemento do desenvolvemento profesional para os seus propios centros e establecementos que, de conformidade co Estatuto Marco, deberán ser negociados na Mesa Sectorial para a configuración dos mecanismos da carreira profesional, con adaptación as condicións e características organizativas, sanitarias e asistenciais do  servizo   de saúde e dos seus centros. 

No ámbito do Sergas, o Acordo de mellora retributiva e profesional do persoal das institucións sanitarias do Sergas asinado o 1 de outubro de 2003, cuxa vixencia se estende para o persoal facultativo ata 2005 e para o resto do persoal ata o 2006, previu, no seu punto 8 a regulación dun sistema de carreira profesional. 

A novidade da materia fai complexo o seu tratamento, a súa definición e a configuración do seu percorrido, toda vez que este sistema converterase nun dos eixos para a mellora da calidade do servizo público e instrumento de motivación do persoal. Doutra banda, o deseño do sistema de recoñecemento debe adaptarse ás peculiaridades intrínsecas á respectiva profesión ou colectivo. Xa que logo, parece axeitado o tratamento diferenciado do sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional dos diferentes colectivos, co obxecto de deseñar un sistema que se adapte realmente á realidade das distintas profesións. 

Con carácter previo á implantación dese futuro sistema, no que se establecerá o réxime de avaliación a que se refire a Lei 44/2003 e de homologación, de conformidade cos principios que determine o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, neste decreto abordase un sistema de recoñecemento previo do grao de desenvolvemento para o persoal do Sergas que teña en conta o nivel profesional dos mesmos e permita posteriormente a axilización da transición ao acceso ao sistema definitivo de recoñecemento profesional e carreira profesional. 

No presente decreto regúlase un procedemento excepcional ao que accederá o persoal fixo das categorías sanitarias de titulados superiores do Sergas, aos que lle posibilitará disfrutar do recoñecemento do seu desenvolvemento profesional e dos efectos económicos á que se refire o artigo 43 do Estatuto Marco, sen prexuízo do desenvolvemento normativo dos sistemas para o resto das categorías que serán obxecto de regulamentación e do desenvolvemento normativo do Título III da LOPS. 

No deseño do réxime que se regula no presente decreto consideráronse dous aspectos que se estiman importantes para a súa posta en marcha. En primeiro lugar que o sistema de desenvolvemento profesional debe incidir directa e positivamente na mellora do servizo público e da atención ao cidadán. En segundo lugar, o sistema extraordinario debe ter en consideración os parámetros que permitan no futuro a homologación dos graos ao sistema que definitivamente se dicte en desenvolvemento da Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias. 

Xa que logo, o sistema estructurase en catro graos. O acceso a estes graos é voluntario para o profesional que deberá acreditar a experiencia profesional mínima esixida para cada un deles.

Así mesmo, o sistema de recoñecemento debe contemplar un réxime de avaliación do profesional como criterio de acceso aos  diferentes graos, que por   unha parte permita, cos instrumentos de que actualmente se dispón, ter en conta a traxectoria do profesional para a aplicación do réxime en atención aos  méritos recabados con anterioridade á súa entrada en vigor e, por outra banda, facilitar a homologación ao  futuro sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional, baseado na avaliación do profesional, unha vez que, determinados os criterios de homologación polo Consello Interterritorial, se proceda ao desenvolvemento do Título III da LOPS. 

No que á realidade do persoal procedente de  réximes xurídicos distintos ao estatutario, consideráronse as súas peculiaridades na regulación para o acceso ao sistema de recoñecemento profesional en termos de homoxeneidade.  

Outorgase idéntico tratamento aos  casos parangonables tales como os servizos prestados polo persoal funcionario ou laboral das institucións transferidas á Comunidade Autónoma actualmente integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación. 

Para o persoal de cota e zona prevese o recoñecemento dun grao inicial, que o sitúa na posición xurídica axeitada para que poida acceder ao sistema regulado no presente decreto. 

No caso do persoal especialista de cota demórase a entrada en vigor do sistema ao remate dos procesos de xerarquización en virtude dos cales se situarán en condicións de igualdade para o acceso a este sistema de recoñecemento. 

Por último, nos supostos de persoal funcionario e laboral, das institucións sanitarias adscritas á Consellería de Sanidade que non tivese oferta de integración no réxime estatutario, demórase ata o remate dos procesos  de homologación, a aplicación do sistema de recoñecemento profesional. 

O presente texto foi obxecto de negociación na Mesa Sectorial do persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde e acordo coas organizacións sindicais CIG, CEMSATSE, CC.OO, CSI-CSIF e UGT,  representadas na mesma. 

Asemade o presente texto someteuse a audiencia das organizacións colexiais dos ámbitos profesionais a que atinxe o presente decreto. 

Por todo o que antecede, previa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia a proposta da Consellería de Sanidade,  

DISPOÑO: 

 Artigo primeiro.- Obxecto 

A presente norma ten por obxecto: 

A. Regular un sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional, previo á implantación do futuro réxime de desenvolvemento profesional a que se refire a Lei 44/2003 do 21 de novembro, de Ordenación das Profesións Sanitarias, consistente na determinación do nivel profesional acadado polo persoal  estatutario fixo das categorías sanitarias de titulados superiores do Sergas que reúna os requisitos a que se refire o artigo quinto desta norma, para os efectos do seu encadramento nos distintos graos recollidos no artigo cuarto. 

B. Introducir o complemento retributivo de carreira profesional previsto no artigo 43.e da lei 55/2003 de 16 de decembro, Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, no réxime retributivo do persoal das respectivas categorías do Servizo Galego de Saúde. 

Artigo segundo.- Principios xerais 

O sistema extraordinario de recoñecemento previo do desenvolvemento profesional a que se refire o presente decreto configúrase con base nos seguintes principios: 

a)     Principio de voluntariedade: a participación neste sistema será voluntaria para o persoal comprendido no ámbito de aplicación e só procederá a instancia do interesado. 

b)     Principio de personalidade: o recoñecemento do grao terá carácter persoal e individual e realizarase en consideración aos méritos aportados polo interesado. 

c)      Principio de gradualidade: A determinación do nivel profesional se realizará nos graos que se definen no presente decreto. 

d)     Principio de progresividade: O acceso aos  diferentes graos do recoñecemento previo do desenvolvemento profesional será progresivo e sucesivo, de tal xeito que o acceso ao grao superior só se realizará previa acreditación do recoñecemento do grao inmediatamente inferior. 

e)     Principio de mérito e competencia profesional: O sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional baséase na experiencia, competencia e contribución do profesional aos obxectivos da organización e da mellora do servizo público que será avaliada de conformidade con establecido no presente decreto.

f)        Principio de excepcionalidade: O sistema regulado no presente decreto ten carácter excepcional e será de aplicación por unha soa vez aos  profesionais comprendidos no seu ámbito de aplicación, sen prexuízo da implantación do futuro réxime que se dicte en desenvolvemento do título terceiro da Lei 44/2003, do 21 de novembro. 

g)     Principio de irreversibilidade: Aos efectos do previsto no presente decreto, o grao recoñecido a un profesional terá carácter persoal, irreversible e consolidable no ámbito do Sergas. A norma que regule o ulterior proceso de homologación ao abeiro do artigo 39 da Lei 44/2003, do 21 de novembro de ordenación das profesións sanitarias establecerá as condicións de equiparación e recoñecemento cos graos que se regulen, de se-lo caso. 

Artigo terceiro.- Ámbito de aplicación

 

Poderá acceder ao sistema previo de recoñecemento do desenvolvemento profesional, nos prazos que se determinan no presente decreto:  

 

a)     O persoal estatutario fixo e con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, á entrada en vigor do presente decreto, non incluído nos apartados b), c) e d), pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios das actuais categorías sanitarias.

 

b)     O persoal estatutario pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios, que obteña a condición de fixo e praza en propiedade das actuais categorías sanitarias nunha institución sanitaria do Sergas, con ocasión do remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, e tome posesión da mesma nos prazos indicados na resolución que poña fin aos  mesmos.

 

c)      O persoal fixo de cota e zona e con praza en propiedade, á entrada en vigor deste decreto,  pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios, de conformidade co previsto no réxime específico que se determine en atención a súa singularidade.

 

d)     O persoal estatutario fixo especialista de cota e con praza en propiedade, á entrada en vigor deste decreto, de conformidade co previsto na disposición adicional terceira.

 

Artigo cuarto.- Estructura do sistema previo de recoñecemento do desenvolvemento profesional

 

1. O sistema previo de recoñecemento de desenvolvemento profesional estructurase en catro graos; para cuxo acceso será preciso ter completados, en xornada ordinaria, os períodos de servizos prestados que se detallan neste parágrafo, como persoal estatutario, na mesma categoría ou especialidade, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde:

 

Grao I: 5 anos

Grao II: 12 anos

Grao III: 18 anos

Grao IV: 23 anos    

2. Para os efectos do cómputo dos servizos prestados, que se refiren no parágrafo anterior, non  se entenderan incluídos os servizos como especialista en formación e os prestados con nomeamento de atención continuada ou nomeamento de gardas médicas. 

3. Os servizos prestados  como persoal funcionario ou laboral nas institucións sanitarias traspasadas ao Servizo Galego de Saúde, polo persoal integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación tramitados polo Sergas, considéranse como prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde  para os efectos do previsto no parágrafo primeiro. 

 Artigo quinto.- Acceso ao sistema previo de recoñecemento do desenvolvemento profesional. Requisitos 

1. O recoñecemento previo do grao de desenvolvemento profesional regulado no presente decreto realizarase, a instancia do interesado presentada nos prazos que se determinen. 

2. O recoñecemento do dito grao será progresivo, sendo necesario para acceder a un grao superior acreditar o recoñecemento do grao inmediatamente inferior 

3. Na data dos efectos aos que se refire o artigo oitavo, para acceder ao recoñecemento de grao, os profesionais deberán cumprir ou estar en condicións de cumpri-los requisitos seguintes: 

a)     Ostentar a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría ou especialidade, con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Sergas. 

b)     Tempo de experiencia profesional na mesma categoría ou especialidade a que se refire o artigo anterior para cada grao. 

c)      Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto marco, no intre da solicitude. 

d)     Ter participado, nos cinco exercicios inmediatamente anteriores á data da solicitude, nos obxectivos asistenciais, reflectidos nos programas especiais do complemento de productividade variable da institución do Sergas na que estivese prestando  servizos  , e acreditar o seu cumprimento nun 70% en cada un dos cinco exercicios ou nun 75% de promedio nos ditos exercicios, sen prexuízo do disposto na disposición adicional cuarta. Dita acreditación realizarase mediante certificación do director xerente do centro de que se trate de conformidade coa avaliación efectuada. 

e)     Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos 

f)        No caso de persoal de cota e zona, ter acreditado o grao inicial á que se refire a disposición adicional primeira e superar o procedemento de avaliación da súa integración funcional no equipo de atención primaria 

g)     Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma. 

h)      Os que específicamente se establezan na norma que regule o acceso ó sistema de recoñemento nos supostos das disposicións adicionais terceira e sexta 

Artigo sexto.- Efectos do recoñecemento 

O recoñecemento do desenvolvemento profesional outorgará aos profesionais os seguintes dereitos: 

a)     A súa constancia para os efectos do currículo. 

b)     A acceder ao grao superior sempre que se acrediten os demais requisitos esixidos.

c)      O abono do complemento de carreira na contía correspondente o grao de encadramento.

Sen prexuízo do disposto na disposición adicional sétima do presente decreto, dito recoñecemento non suporá o encadramento automático no réxime que se regule en desenvolvemento do título terceiro da Lei 44/2003, de Ordenación das Profesións Sanitarias, o cal preverá as condicións de homologación, avaliación  encadramento e equiparación, que de se-lo caso, corresponda aplicar para o recoñecemento dos graos que se regulen, nos termos de homologación previstos para o Sistema Nacional de Saúde . 

Artigo sétimo.- Complemento de carreira

Establécese o complemento de carreira, destinado a retribuír o grao recoñecido, como retribución complementaria de carácter fixo.

 As contías anuais a percibir por este complemento, devengaranse en 12 mensualidades, a razón de 3000 €/ano por nivel recoñecido:

 

Graos

Contía por grao

Valor acumulado

Grao I

3000 €/ano

3000 €/ano

Grao II

3000 €/ano

6000 €/ano

Grao III

3000 €/ano

9000 €/ano

Grao IV

3000 €/ano

12000 €/ano

Artigo oitavo.- Desenvolvemento do sistema 

A implantación do sistema de recoñecemento dos diferentes graos realizarase nunha única vez e nun único procedemento no ano de efectividade para cada un dos graos e colectivos, referidos no artigo terceiro.  

De conformidade co disposto no parágrafo anterior, o recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional realizarase coa seguinte secuencia: 

a)     O persoal estatutario fixo con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, á entrada en vigor do presente decreto, non incluído nos parágrafos b) e c), pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios, das actuais categorías sanitarias, que cumprise os requisitos a que se refire o artigo quinto, poderá acceder aos sucesivos graos cos seguintes efectos:

·        Grao I: Efectos de xullo de 2005

·        Grao II: Efectos de xullo de 2006

·        Grao III: Efectos de xullo de 2007

·        Grao IV: Efectos de xullo de 2008 

b)     O persoal estatutario fixo pertencente ás categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios que obteña praza en propiedade das actuais categorías sanitarias nunha institución sanitaria do Sergas, con ocasión do remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, e tome posesión da mesma nos prazos indicados na resolución que poña fin aos  mesmos, que cumprise os requisitos a que se refire o artigo quinto, poderá acceder os sucesivos graos cos seguintes efectos: 

·        Grao I: Efectos de xullo de 2006

·        Grao II: Efectos de xullo de 2007

·        Grao III: Efectos de xullo de 2008

·        Grao IV: Efectos de xullo de 2009

c)      O persoal estatutario fixo con praza en propiedade, á data da entrada en vigor do presente decreto, de cota e zona, que cumprise os requisitos previstos no artigo quinto, pertencente á categorías de licenciados con título de especialista en Ciencias da Saúde e licenciados sanitarios: 

·        Grao I: Efectos segundo a disposición adicional primeira

·        Grao II: Efectos de xaneiro de 2007

·        Grao III: Efectos de xaneiro de 2008

·        Grao IV: Efectos de xaneiro de 2009 

Artigo noveno.- Procedemento de recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional 

1. O recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional a que se refire o presente decreto realizarase mediante resolución do director xeral de Recursos Humanos, previo informe do director xeral de Asistencia Sanitaria. 

Na resolución que se dicte, que porá fin á vía administrativa especificarase o grao acadado e os seus efectos así como os medios de impugnación que caiba interpoñer contra a mesma. 

2. Con anterioridade á data da efectividade á que se refire o artigo anterior por Resolución da División de Recursos Humanos do Sergas abrirase o prazo para a presentación das instancias polos profesionais. 

O profesional deberá presentar solicitude no seu centro de traballo no citado prazo, acompañándoa da acreditación do cumprimento dos requisitos esixidos ou de estar en condicións de cumprilos na data de efectos a que se refire o artigo anterior, para o acceso a cada un dos graos. 

3.  As solicitudes serán resoltas nos tres meses seguintes á finalización do prazo para a súa presentación. A falta de resolución entenderanse desestimadas.  

Habilítase á da División de Recursos Humanos do Sergas a establecer, se é o caso, o procedemento de solicitude e as condicións para a súa avaliación, previa negociación na Mesa sectorial. 

Disposición adicional primeira 

1. O persoal de cota e zona poderá acceder ao sistema previo de recoñecemento do desenvolvemento profesional nos termos previstos na presente disposición. 

2.1. Con anterioridade ao encadramento no grao 1 do sistema extraordinario que se regula no presente decreto, o persoal de cota e zona deberá ter recoñecido o pre-grao que se establece na presente disposición. 

2.2. O recoñecemento deste grao inicial outorgará ao profesional o dereito a percibir un complemento de carreira pre-grao, de caracter fixo e persoal que ascenderá á contía de 3000 €/ano, que se devengará en doce mensualidades.

Os efectos económicos do citado recoñecemento terán vixencia dende xaneiro de 2006. 

2.3. Poderá acceder ao pre-grao o persoal estatutario fixo de cota e zona, das categorías de licenciados sanitarios, sempre que o soliciten e reúnan os requisitos seguintes: 

·        Ostentar a condición de persoal fixo das categorías de licenciados sanitarios de cota e zona, con praza en propiedade nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde. 

·        Acreditar, alomenos, cinco anos de  servizos   prestados en praza de cota e zona, nunha institución sanitaria do Sergas. 

·        Estar en situación de activo ou asimilada, nos termos do Estatuto Marco, no intre da solicitude. 

·        Instar a integración funcional no equipo de atención primaria do centro de destino. 

·        Presentar a solicitude de recoñecemento do grao inicial en tempo e forma. 

 2.4. O procedemento de integración funcional e os seus efectos regularanse por Orde da Consellería de Sanidade, previa negociación no seo de Mesa sectorial. 

A integración funcional do persoal de cota e zona, que suporá a súa incorporación funcional ao novo modelo de atención primaria en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial propia do equipo de atención primarían no que se integren, non determinará a modificación do seu actual réxime xurídico e retributivo. 

A solicitude de integración funcional terá carácter irreversible e irrenunciable para o interesado. 

2.5.  No derradeiro trimestre do ano 2005, a División de Recursos Humanos do Sergas abrirá o prazo de presentación de instancias para o recoñecemento do pre-grao. No citado prazo os interesados deberán presenta-la súa instancia acompañada da documentación que acredite os requisitos referidos no parágrafo anterior. 

A tramitación e resolución das ditas solicitudes corresponderá á División de Recursos Humanos do Sergas.  

A resolución, que porá fin á vía administrativa, indicara o grao inicial recoñecido, os efectos económicos e a data da súa entrada en vigor, así como os recursos que contra a mesma caiba interpoñer. 

3.1.  No derradeiro trimestre do ano 2006, a División de Recursos Humanos abrirá o prazo para a presentación das solicitudes de recoñecemento do grao 1, a que se refire o artigo quinto do presente decreto. 

Na resolución estableceranse os criterios que deberán ser empregados para a avaliación da integración funcional do persoal que tivera optado pola mesma, previa á súa negociación en Mesa sectorial. En todo caso os citados criterios recollerán a valoración sobre a participación efectiva do profesional na actividade asistencial e prestacional propia da unidade ou servizo nos que se tivese integrado. 

3.2. Poderá acceder ao citado recoñecemento o persoal que reúna os requisitos a que se refire o artigo quinto deste decreto. 

3.3. O complemento de carreira que se devengue polo recoñecemento do grao 1 absorberá o complemento de carreira pre-grao. 

4. A  Administración sanitaria promoverá a adaptación da normativa vixente co fin de que o acceso ao dereito de recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional poida facerse real e efectivo nos prazos establecidos para  o persoal de cota e zona. 

Disposición adicional segunda 

Os dereitos económicos que se deriven do recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional a que se refire o presente decreto absorberán  os complementos persoais transitorios de conformidade coa normativa orzamentaria, agás o complemento persoal que estean a recibir os profesionais que se tivesen integrado no novo modelo de atención primaria ao abeiro da disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de Ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. 

Disposición adicional terceira 

O recoñecemento previo do grao de desenvolvemento profesional do persoal especialista de cota estará suxeito á súa xerarquización. 

A disposición que regule o réxime de xerarquización determinará os requisitos, sistema de avaliación, alcance e efectividade do réxime de acceso ao recoñecemento previo do desenvolvemento profesional para este persoal, previa á súa negociación no seo da Mesa sectorial, en termos parangonables ao resto do persoal, tendo en conta as peculiaridades do seu réxime de prestación de  servizos. 

Disposición adicional cuarta  

1. Quedan exceptuados da acreditación do requisito ao que se refire o apartado 3.d do artigo 5º os períodos de tempo nos que o persoal permanecese nalgunha das seguintes situacións:  

a)      situación de excedencia forzosa a que se refiren os artigos 11.1 e 11.3 e 13 do derrogado Estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro. 

b)     situación de excedencia especial en activo, a que se refire o artigo 13 do derrogado Estatuto xurídico do persoal médico da Seguridade Social, aprobado polo Decreto 3160/1966, do 23 de decembro. 

c)      situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003 do 16 de decembro do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.  

d)     os períodos de disfrute de permisos sindicais. 

e)     Excedencia por coidado de familiares. 

f)        Licencia por maternidade, incapacidade temporal e comisión de  servizos. 

2. Cando razóns organizativas impidan a un profesional acreditar a súa participación nos programas de obxectivos do complemento de productividade variable, quedará exonerado do requisito a que se refire o parágrafo 3.d) do artigo quinto. Porén, o xerente do centro emitirá certificación acreditativa deste extremo así como informe detallado da súa participación nos obxectivos asistenciais, de conformidade coas instruccións da División de Recursos Humanos. 

3. Cando un profesional non incluído nos dous parágrafos anteriores, non puidese acreditar o cumprimento o requisito a que se refire o apartado 3 d) do artigo 5, a Comisión Técnica de Avaliación poderá informar favorablemente a solicitude dun interesado á vista, entre outros aspectos, do currículo docente e investigador, sempre e cando as ditas actividades fosen alleas ao programa de obxectivos da CPV e se apreciase nas mesmas un interese redundante na mellora do servizo asistencial da institución ou do Sergas, así como das peculiaridades do centro ou institución na que prestase servizos que fosen determinantes e diferenciadoras da actividade asistencial desenvolvida polo profesional, de tal xeito que non puidese ser avaliada nos termos previstos nos parágrafos anteriores desta disposición. 

Disposición adicional quinta 

1. Crease a Comisión Técnica de Avaliación, de carácter paritario, integrada por un representante designado por cada unha das organizacións sindicais da Mesa Sectorial e idéntico número de membros designados pola Administración, exercendo a presidencia un representante da División de Recursos Humanos do Sergas. 

2. Corresponde á Comisión Técnica de Avaliación informar aquelas solicitudes de recoñecemento de grao que non cumpran os requisitos á que se refire o apartado d) do parágrafo terceiro do artigo 5 e estean nalgún dos supostos recollidos na disposición adicional cuarta. 

3. Os acordos serán adoptados por maioría dos seus membros.  

Disposición adicional sexta 

1. O persoal funcionario ou laboral fixo, na data de entrada en vigor do presente decreto, das institucións sanitarias actualmente adscritas á Consellería de Sanidade poderá acceder, por única vez, ao sistema extraordinario que se regula no intre en que se abra o primeiro proceso de integración ao réxime estatutario trala súa  promulgación. 

A norma que regule a citada integración determinará os requisitos, sistema de avaliación, alcance e efectividade do réxime de acceso ao recoñecemento previo do desenvolvemento profesional para este persoal, previa á súa negociación no seo da Mesa sectorial. 

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, resolta a integración abrirase o procedemento para o recoñecemento previo do nivel de desenvolvemento profesional do persoal que tivese optado pola súa integración no réxime estatutario. 

Disposición adicional sétima 

O réxime de recoñecemento do desenvolvemento profesional a que se refire o título terceiro da Lei 44/2003 do 21 de novembro, será negociado na Mesa sectorial. 

A norma que regule o citado réxime preverá a definición dos graos profesionais, procedemento para o seu recoñecemento, requisitos e sistema de avaliación dos profesionais. 

Así mesmo, determinará o réxime de homologación dos graos que os profesionais teñan acadados en virtude da aplicación do presente decreto, para os efectos do recoñecemento dos graos que se establezan na citada norma, de conformidade cos criterios que se acorden polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. 

Disposición final 

O presente decreto entrará en vigor no prazo dos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

 

 

    

Comarcas CIG

Agrupacións con web

 

Reservados tódolos dereitos a Cig-saúde

Avda/ gregorio espino Nº 47 (Vigo)