Principal

 

    

 

CAPÍTULO I 

DISPOSICIÓNS XERAIS

 

Artigo 1 .- Ámbito de aplicación. 

O presente Convenio por sector de actividade regulamenta as condicións de traballo do persoal que, con vínculo laboral, indefinido ou temporal, presta servizos nas fundacións constituídas pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou sociedades públicas autonómicas, que desenvolvan actividade sanitaria, tanto hospitalaria como extrahospitalaria, ou  calquera outra análoga ou complementaria. Neste momento é de aplicación ás fundacións e sociedades públicas seguintes: 

FUNDACIÓN INSTITUTO GALEGO DE OFTALMOLOXÍA. 

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL COMARCAL DO SALNÉS. 

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL DA BARBANZA. 

FUNDACIÓN HOSPITAL DE VERÍN. 

FUNDACIÓN PÚBLICA URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA – 061. 

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL VIRXE DA XUNQUEIRA. 

INSTITUTO GALEGO DE MEDICINA TÉCNICA S.A. 

FUNDACIÓN ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA (FEGAS) 

Exclúese o persoal vinculado mediante Contrato de Alta Dirección que se regulará polas disposicións legais de carácter especial.  

Poderán adherirse a este Convenio outras fundacións ou sociedades públicas, do sector anteriormente referido,  xa estean constituídas e en funcionamento neste intre ou o fagan no futuro. 

Para a citada adhesión requirirase un proceso negociador a tal fin, e levarase a efecto, de se tratar de entidades con convenio colectivo vixente, unha vez rematada a súa vixencia; de non existir Convenio colectivo propio, a adhesión poderá producirse en calquera momento. 

Artigo 2 .-  Vixencia e denuncia. 

1.- O Convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2007.   

2.- Sen prexuizo do establecido no apartado anterior, os efectos económicos retrotraeranse á data de 1 de xaneiro de 2004, no que se refire ás contías establecidas no Anexo I. Retrotaeranse á data 1 de xaneiro de 2005 as cuantías dos anexos II e IV. As disposicións en materia de xornada retrotraeranse ao 01.01.2005. 

3.- O Convenio prorrogarase automáticamente cando non sexa denunciado por calquera das partes, por escrito, dentro dos dous meses anteriores ao remate da súa vixencia. No caso de producirse a denuncia, permanecerá vixente o seu contido normativo ata a súa substitución por un novo Convenio. A comisión negociadora deste deberá constituirse no prazo de 30 días dende a dita denuncia. De producirse a prórroga automática deste Convenio as contías salariais previstas nos anexos retributivos serán incrementadas conforme se dispoña na Lei de Presupostos anuais da Comunidade Autónoma de Galicia.  

4.- No suposto de que a xurisdición social declare a nulidade de parte do seu articulado, as partes procederán á súa renegociación baixo o principio de que dita nulidade non supón a da totalidade do Convenio. 

 

Artigo 3.- Compensación e absorción. 

As condicións establecidas neste Convenio compensarán e absorberán as vixentes no momento da súa entrada en vigor, tanto resultantes de pacto individual como colectivo. 

A.- O complemento de compensación percibirase segundo o establecido no artigo 29 deste Convenio. 

B.- O complemento de compensación será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza, incluso as derivadas do cambio de posto de traballo, sempre que as devanditas melloras retributivas non deriven dos incrementos retributivos anuais que, con carácter xeral, establezan as correspondentes leis de presupostos anuais da Comunidade Autónoma. 

 

Artigo 4 .- Condicións máis beneficiosas .

 

Unicamente poderán pactarse condicións individuais máis beneficiosas, estritamente ad personam, cando veñan xustificadas pola organización do traballo e as condicións particulares de prestación do servizo non previstas neste Convenio.

 

 

Artigo 5.- Comisión Paritaria. 

Créase unha Comisión Paritaria de vixiancia, control e interpretación do Convenio que para os efectos pretendidos realizará tódalas funcións inherentes a este triple cometido. A Comisión estará composta por quince membros de cada unha das partes, e deberá contituírse no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor do presente Convenio.  

A Comisión reunirase con carácter ordinario alomenos unha vez cada dous meses e, con carácter extraordinario, cando o soliciten un mínimo de oito membros de calquera das partes. Neste caso a reunión celebrarase nun prazo non superior a 15 días dende a dita solicitude. 

Os acordos da Comisión adoptaranse por maioría superior ó 50 por 100 dos membros de cada unha das partes, e serán recollidos en acta, dándoselles a debida publicidade nos taboleiros de anuncios das Institucións incluídas no ámbito de aplicación do Convenio. De considerarse necesario pola súa transcendencia, poderase aprobar a publicidade dos acordos no Diario Oficial de Galicia. 

As partes recoñecen á Comisión Paritaria como instancia previa na que haberá de procurarse, en primeiro termo, a solución dos conflitos colectivos que xurdan sobre a interpretación e aplicación do Convenio.    

En consecuencia, as controversias desta natureza que se subsciten por calquera das partes deberán ser sometidas inicialmente ao coñecemento da Comisión. 

Os acordos, nestes supostos, adoptaranse por maioría de 2/3 de cada unha das partes e serán vinculantes, coa conseguinte resolución da controversia, sen que caiba, polo tanto, o exercicio de acción xudicial ningunha.  

 

Artigo 6.- Solución extraxudicial de conflitos colectivos. 

Unha vez esgotada a vía prevista no artigo anterior, as partes poderán acordar, por unanimidade, acudir ao procedemento recollido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).   

Excepcionalmente, así mesmo por unanimidade, poderanse designar outro/s mediador/es de alta cualificación, cando as características, especial complexidade ou singularidade da controversia que se subscite así o aconsellen.  

Para acudir á solución xudicial do conflito será preciso acreditar a previa intervención, debidamente certificada, da Comisión Paritaria.  

 

CAPÍTULO II 

ORGANIZACIÓN DO TRABALLO 

 

Artigo 7.- Organización do traballo. 

A actividade prestacional propia das institucións sanitarias está dirixida de xeito directo ou indirecto a garantir o dereito universal á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución Española e, como seu corolario, a dispensar, en todo momento e ocasión, unha axeitada asistencia sanitaria. Así, a organización do traballo inherente ao exercicio e desenvolvemento daquela compete, como facultade e deber irrenunciables, ás direccións dos centros sanitarios. Porén, o exercicio desta competencia deberá cohonestarse adecuadamente cos dereitos de audiencia, consulta, información e negociación colectiva recoñecidos aos representantes dos traballadores. 

Se como consecuencia desas facultades-deberes de carácter organizativo e, por ende, da ordenación das condicións de traballo do persoal, se produce afectación substancial das mesmas nos termos do artigo 41 do Estatuto dos Traballadores, será negociada cos comités de empresa no ámbito das institucións afectadas.  

Así, a modificación de carácter colectivo das condicións recollidas neste Convenio en materia de horario, réxime de traballo a quendas, sistema retributivo e sistema de traballo e rendemento, só poderán producirse por acordo entre a institución e os representantes dos traballadores. Non será necesario o acordo nos termos do apartado 4 do artigo 41 do Estatuto dos Traballadores cando as modificacións de traballo en cada institución afecten nun período de 90 días a un número de traballadores inferior a: 

a.- Dez traballadores nas institucións que ocupen menos de cen traballadores. 

b.- O dez por cento do número de traballadores da institución naquelas que ocupen entre cen e trescentos traballadores . 

           c.- Trinta traballadores, nas institucións que ocupen trescentos ou máis traballadores. 

Artigo 8.- Mobilidade interna. 

Pola dirección do centro, dentro de cada Institución, disporase a mobilidade precisa dos recursos que sexan necesarios para garantir a axeitada organización do traballo, a plena funcionalidade das unidades e servizos, e a súa completa interconexión, de xeito que se adapten os efectivos existentes ás necesidades asistenciais que se produzan. 

Emporiso, caberá a mobilidade negociada cos comités de empresa dos distintos centros, de certos postos estruturalmente considerados, entre as unidades e servicios funcionais e entre os diferentes centros de traballo dependentes da mesma Institución. En tal negociación determinarase o número, características e ubicación dos ditos postos ofertados, así como o sistema e procedemento para a adxudicación regrada dos mesmos que deberá, en todo caso, axustarse a criterios obxectivos. 

As direccións dos distintos centros informarán, periódicamente, ós comités de empresa da estructura funcional das diversas áreas e servizos da institución así como da súa dotación e cobertura. 

 

Artigo 9.-  Mobilidade xeográfica. 

Cando se produza a mobilidade forzosa dun traballador que conleve desprazamento nos termos e polas causas previstas no artigo 40 do Estatuto dos Traballadores, levaranse a cabo as seguintes actuacións: 

- Apertura dun período previo de consultas cós representantes dos traballadores de duración non inferior a 15 días.  

- O traballador terá dereito a unha compensación económica nos termos que se indican:  

- Aboamento de dietas por desprazamento e tres días de manutención para o seu cónxuxe ou persoa á que se atope ligada de xeito estable por análoga relación afectiva e familiares que efectivamente se trasladen.  

- A cantidade global que se pacte cos comités de empresa da Institución afectada en atención á entidade e características da mobilidade disposta.            

- Sete días de permiso retribuido por cambio de domicilio.  

No non previsto neste artigo terase en conta a normativa laboral . 

Artigo 10.- Traballos de superior e inferior categoría.           

As institucións, en caso de necesidade, poderán adscribir a un traballador do cadro de persoal a un posto de traballo de superior ou inferior categoría.  

En todo caso, deberán ser respectadas as premisas indicadas de seguido: 

- A realización de funcións de categoría superior non excederá de seis meses consecutivos ou alternos nun período de un ano natural, ou oito meses durante dous anos. De superarse estes períodos, sempre que se dispoña no cadro de persoal de recursos que reúnan os requisitos daquelas, as ditas funcións desenvolveranse por rotación semestral. Este desempeño, en ningún caso, dará lugar á consolidación da categoría superior. 

O traballador afectado polo cambio terá dereito ao recoñecemento de tódolas condicións derivadas da nova categoría, así como á percepción das retribucións correspondentes á mesma. O desenvolvemento de funcións de superior categoría vehicularase, sempre que sexa posible, mediante as listas que se elaboren para a selección de persoal con contrato de duración determinada reguladas no presente Convenio. 

- O desempeño de funcións de categoría inferior non superará un período de 30 días consecutivos nun ano. O traballador conservará as retribucións correspondentes á categoría inicial. 

En todo caso, quedarán excluidos desta limitación os supostos derivados da aplicación das medidas protectoras previstas na Lei de Prevención de Riscos Laborais que se prolongarán até que conclúan as razóns tuitivas que os motivaran. 

CAPÍTULO III 

SELECCIÓN E CONTRATACIÓN

 

Artigo 11.- Tipos de contratos. 

A contratación de novo persoal procederá unicamente cando así o xustifiquen as necesidades do servizo. Corresponde aos órganos de dirección e goberno, no marco das súas competencias, a valoración de ditas necesidades e a conseguinte decisión sobre a incorporación de novos efectivos.  

Con independencia dos dereitos de información que en materia de contratación e acceso de persoal se garanten aos comités de empresa na normativa vixente, nos casos de necesidade de contratación estrutural informarase aos ditos órganos da concorrencia desa necesidade, funcións a cubrir e efectivos que se requiran. 

As direccións dos centros vincularán ao novo persoal mediante as modalidades e fórmulas previstas na normativa laboral e no presente Convenio, de acordo coas características estructurais (atención ou cobertura permanente) ou conxunturais que concorran. 

Os órganos de dirección decidirán así mesmo, a modalidade concreta e duración dos contratos do novo persoal, exclusivamente, en atención aos supostos legalmente establecidos, coas seguintes adaptacións: 

A.- Contrato de obra ou servizo determinado: para os efectos previstos no artigo 15.a do Estatuto dos Traballadores, comprende os traballos ou tarefas con substantividade propia dentro da actividade normal da Institución, podéndose cubrir baixo esta modalidade contractual os seguintes: 

  - Posta en marcha de novas obras ou actividades.

            - Programas especiais.

- Reforzos en períodos estacionais. 

B.- Contrato de acumulación de tarefas: poderá celebrarse cando as necesidades asistenciais así o aconsellen, cunha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 18 meses, computados dende a data na que se produza a causa que o orixine.  

C.- Contrato de interinidade: nos termos establecidos no artigo 15.c do Estatuto dos Traballadores amentado e normas de desenvolvemento. 

No suposto de cobertura interina dunhas funcións ou necesidades permanentes da Institución manterase o vínculo ata a súa cobertura definitiva polo procedemento selectivo previsto no artigo 13 deste Convenio. En todo caso, a praza cuberta interinamente deberá ser obxecto de oferta ou selección nese proceso que se vehicule.

 

Artigo 12.- Selección de persoal. 

A selección de persoal suxeitarase aos principios e bases xerais  recollidos nos parágrafos 1 e 2 do artigo 30 da lei 55/2003 do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde; e de acordo cos termos previstos na lei 10/96 do 5 de novembro (dog nº 227 de 20 de novembro) de actuación de entes e empresas nos que ten participación maioritaria a xunta de galicia en materia de persoal e contratación ou nos termos da norma que a substitúa. 

Artigo 13.- Acceso á condición de persoal laboral fixo ou por tempo indefinido. 

A.- Acceso mediante probas selectivas: En estrito respecto aos principios constitucionais que rexen o acceso ao servizo da Administración Pública, e de conformidade co previsto na Lei referida no artigo anterior, para o acceso á condición de persoal con contrato fixo ou indefinido será preciso superar as probas selectivas convocadas para estes efectos. Fóra deste suposto de acceso, como garantía inequívoca e indefectible dos principios constitucionais de mención, non caberá a contratación fixa ou indefinida de ningún traballador; polo que calquera irregularidade cometida nos contratos formalizados co persoal das Institucións incluídas no ámbito do presente Convenio non suporá, de ningún xeito, a conversión do seu vínculo en indefinido ou fixo.   

B.- En cada convocatoria reservarase unha cota non inferior ao cinco por cento das prazas convocadas, para ser cubertas entre persoas con discapacidade de grao igual ou superior ao 33 por cento. Estes aspirantes, para resultar seleccionados, deberán superar as probas selectivas e acreditar o indicado grao de discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións específicas, nos termos que se fixen nas convocatorias.

Xa que logo a reserva farase efectiva naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas aplicando, a partires da primeira praza reservada a esta quenda, o criterio indicado no parágrafo anterior. 

No desenvolvemento das probas selectivas facilitaranse as axudas técnicas precisas para a súa adaptación ás necesidades específicas e singularidades dos aspirantes con discapacidade, previa petición motivada e nos termos que se establezan na convocatoria.

C.- Comisión de selección: Para a selección dos aspirantes en cada institución constituírase, en todo caso, unha comisión de selección que intervirá na totalidade do proceso e fases do mesmo.  As ditas comisións estarán constituídas por un mínimo de tres membros, un dos cales será designado polo comité de empresa.

D.- Proceso selectivo: Con carácter xeral, a selección realizarase mediante a superación polos aspirantes, dunha ou máis probas, segundo se determine na convocatoria, e, no seu caso, a avaliación dos méritos de carácter obxectivo que se concreten na convocatoria. Con independencia da realización de probas de aptitude de carácter eliminatorio (exame tipo test ou exame teórico ou proba práctica), a convocatoria poderá prever a celebración dunha entrevista regrada na que se avaliarán as competencias específicas ou xerais pertinentes relacionadas coas funcións propias da profesión ou actividade concreta de que se trate. A puntuación da entrevista non poderá superar o 20 por cento da puntuación total asignada ao proceso selectivo. Para a realización da entrevista, a comisión de selección fixará con anterioridade as materias obxecto da mesma, así como os criterios para a súa avaliación. 

E.- Méritos: Na avaliación dos méritos dos aspirantes darase especial relevancia á formación postgraduada e á experiencia profesional acreditada. Esta última avaliará tódalas actividades ou prestacións que teñan relación coas funcións dos postos de traballo obxecto de cobertura, tanto nas Institucións públicas dos servizos de saúde do Estado español ou da Unión Europea, como nas privadas; coa posibilidade de establecer unha puntuación ponderada segundo a clase de Institución de que se trate.  

F.- Procesos excepcionais: Cando a complexidade do cometido a desenvolver, a formación específica esixida, o nivel de especialización requirido o aconsellen, o proceso selectivo poderá consistir, exclusivamente, na avaliación dos méritos dos aspirantes adaptados ao perfil do posto que sexa preciso cubrir. Neste suposto requirirase a comparecencia dos aspirantes ante a comisión de selección dirixida a xustificar e defende-los méritos aportados. Para a aplicación deste sistema de acceso requirirase a elaboración dun expediente previo no que se fagan constar as características do posto a cubrir e as concretas especificacións que o conforman. A tal efecto requirirase un acordo motivado da comisión de selección.  

G.- Obxectividade do proceso selectivo: Dadas as especificidades e relevancia da prestación da asistencia sanitaria, en todo proceso de selección fixaranse criterios ou sistemas obxectivos que, coas garantías precisas, permitan constatar a capacidade e competencias mínimas necesarias para o desempeño das funcións propias da categoría.      

H.- Promoción profesional: Nas probas selectivas poderá reservarse ata o 30% das prazas convocadas para a súa provisión pola quenda de promoción interna, á que poderá concorrer o persoal fixo da Institución que acredite a titulación precisa e unha antigüidade mínima de dous anos con tal carácter de persoal fixo.

Nesta quenda, nos termos establecidos na convocatoria, podera eximirse aos aspirantes da realización da entrevista e/ou dalgunha das probas, sempre que estas garden relación coas funcións anteriormente desenvolvidas.

Aos méritos valorados con carácter xeral engadiranse outros relacionados fundamentalmente coa antigüidade como persoal fixo e o contido do traballo desenvolvido na propia Institución.                                     

As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna incrementarán as ofertadas pola quenda de acceso libre cando así se faga constar expresamente na convocatoria.   

Poderanse celebrar probas selectivas específicas para a promoción interna do persoal fixo, dentro do respecto ao procedemento e condicións previstos nos parágrafos anteriores. 

I.- Cota de mobilidade entre institucións do ámbito do Convenio: Nas probas selectivas poderá reservarse ata o 30% das prazas convocadas para o acceso do persoal doutras Institucións incluídas no ámbito de aplicación do Convenio que acredite unha antigüidade mínima de un ano como persoal fixo en praza co mesmo contido funcional, dentro do respecto ao procedemento e condicións previstos nos parágrafos anteriores. Para o acceso a esta prazas poderá recollerse nas convocatorias a exención dalgunha ou da totalidade das probas de aptitude, así como da realización da entrevista. Nas ditas convocatorias especificaranse os requisitos que deberán reunir os aspirantes para esta exención. 

O traballador que acceda a outra Institución por este procedemento perderá os dereitos sobre a praza orixinaria. 

Artigo 14.- Selección de persoal con contrato de duración determinada.      

A selección do citado persoal realizarase de conformidade coa orde de prelación que resulte das listas elaboradas polas distintas categorías existentes nas Institucións incluídas no ámbito de aplicación do presente Convenio, consonte aos criterios de selección que se determinen, nos que se terá en conta, en todo caso, a formación dos aspirantes e a súa experiencia profesional no desenvolvemento das correspondentes funcións.  

O procedemento de elaboración e xestión das listas co establecemento das normas xerais de acceso e os baremos aplicables a cada posto de traballo, será negociado en cada Institución cos representantes dos traballadores.   

A cobertura de postos de traballo a través da formalización de contratos de duración determinada vehicularase mediante o chamamento dos aspirantes incluídos nas devanditas listas e sempre segundo a orde colexida da puntuación acreditada.  

En todo caso estableceranse procedementos que posibiliten o acceso temporal a outras categorías do persoal con contrato fixo ou por tempo indefinido que acredite a titulación precisa (relacionar co artigo 10 deste Convenio). Esta promoción temporal non suporá a consolidación da categoría promocionada, xa que para iso resulta indefectible o acceso a través do procedemento regrado no artigo 13 anterior. 

Artigo 15.- Período de proba. 

1.- Dadas as características e actividade prestacional propias das Institucións incluídas no ámbito do Convenio, todo o persoal estará suxeito a un período de proba coa seguinte duración: 

  - Licenciados e diplomados universitarios: 3 meses. 

  - Resto do persoal: 2 meses. 

O período de proba suspenderase durante a situación de incapacidade temporal e demáis causas de suspensión legalmente establecidas. 

A proba consignarase en tódalas modalidades de contrato que se subscriban cos traballadores (contrato fixo ou de duración determinada).

Os períodos contractuais de duración inferior á do período de proba fixado para cada un dos colectivos de persoal anteditos, acumularanse ata completar o dito período de proba, carecendo este de virtualidade unha vez se teña cumprido para cada posto de traballo ou funcións similares.  

Durante o período de proba ámbalas dúas partes poderán rescindir o contrato. Este cesamento non xerará dereito a indemnización.  

O período de proba, de ser superado, computarase para tódolos efectos. As condicións de traballo e retributivas, durante este período, serán idénticas ás do resto dos traballadores.   

2.- Excepciónase do período de proba a aquel persoal fixo que accedera á condición de laboral fixo na mesma categoría noutra Institución polo cupo de mobilidade previsto na  alinea “I” do artigo 13. 

Artigo 16.- Mobilidade. 

A.- Mobilidade do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e funcionario da Lei 17/89 de 23 de outubro de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma -persoal laboral das Institucións do ámbito do Convenio: O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e funcionario da Lei 17/89 de 23 de outubro de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, Servizo Galego de Sáude, nos termos previstos na súa normativa específica, poderá prestar servizos nas Institucións incluídas no ámbito de aplicación do Convenio, con suxeición ás condicións de traballo e retributivas establecidas con carácter xeral no presente Convenio ou ás pactadas individualmente.      

Así mesmo caberá aplicar a reciprocidade desta medida, en prazas de natureza estatutaria, aos traballadores incluídos no ámbito do presente Convenio, de acordo coa normativa estatutaria que resulte de aplicación.  

A adopción das anteriores medidas de mobilidade funcional non requirirá a cumprimentación do sistema de acceso regrado previsto neste Convenio. 

B.- Mobilidade temporal do persoal laboral fixo ou indefinido entre Institucións incluídas no ámbito do Convenio: Poderase dispoñer a mobilidade de recursos dos traballadores fixos ou indefinidos entre Institucións dentro do ámbito do presente Convenio, a criterio das direccións respectivas e en función das súas necesidades, coa anuencia do/s traballador/es afectado/s e cun límite temporal de tres anos. Neste período garantirase a reserva do posto de traballo de orixe. 

A citada mobilidade funcional virá motivada en interés das Institucións incluídas no ámbito deste Convenio, pola necesaria cooperación e colaboración entre elas, na prestación da súa carteira de servizos, ante situacións de prestación urxente e inaprazable, e para completar e mellorar a formación dos traballadores. 

No caso de producirse este tipo de mobilidade consentida, os comités de empresa das Institucións afectadas deberán ser informados con indicación do período de tempo fixado para a dita mobilidade. 

CAPÍTULO IV 

EXTINCIÓN DO CONTRATO DE TRABALLO 

Artigo 17.- Causas. 

O contrato de traballo extinguirase nos supostos establecidos no Estatuto dos Traballadores. 

Artigo  18.- Xubilación. 

A xubilación será obrigatoria ao cumprir os sesenta e cinco anos. 

Aqueles traballadores que, ao acadar esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito á prestación, poderán continuar prestando servizos ata cumprir o citado período de acordo co previsto na normativa vixente da Seguridade Social. 

O persoal poderá xubilarse voluntariamente de acordo cos requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social. Naqueles supostos de redución de xornada por motivo de xubilación as Institucións cubrirán a xornada a tempo parcial coa modalidade de contrato de relevo previsto no artigo 12.6 do Estatuto dos Traballadores. 

CAPÍTULO V 

TEMPO DE TRABALLO 

Artigo 19.- Tempo de traballo           

Entenderase por tempo de traballo o período en que o persoal permanece no centro de traballo, a disposición da institución. 

O seu cómputo realizarase de xeito que tanto ao comezo como ao remate de cada xornada o persoal se atope no seu posto de traballo e no exercizo da súa actividade e funcións.      

Considerarase, así mesmo, tempo de traballo os servizos efectivos prestados fóra do centro sanitario, sempre que se produzan como consecuencia do modelo organizativo da institución ou se deriven da programación funcional do centro. 

Artigo 20.- Xornada anual.            

1.1.- A xornada normal ou ordinaria de traballo será de 1.624 horas de prestación efectiva total por ano natural.  

Os períodos de vacación anual e de baixa por enfermidade terán a consideración de períodos neutros aos efectos do cálculo da xornada e descansos. 

1.2.- A xornada do persoal non facultativo que realice a súa prestación rotando polas quendas de mañán, tarde e noite, reducirase nunha hora por noite traballada no ano 2005, en dúas horas no 2006 e en tres horas no ano 2007.  

Esta redución operará exclusivamente a partir da realización de 21 noites de traballo e sempre e cando a quenda nocturna abranga un tempo de traballo efectivo de 10 horas. 

No ano 2007, a xornada do persoal que traballe en quenda fixa de noite será 1430 horas, correspondéndose coa realización de 143 noites a razón de 10 horas de traballo efectivo. 

A xornada do persoal que, na actualidade, traballe en quenda fixa de noite reducirase, respectivamente, 97h. no ano 2005 e no ano 2006, ata acadar as 1430 horas de xornada anuais.  

O número máximo de quendas nocturnas do persoal que traballe en réxime de quenda rotatoria díurna-nocturna será 62.  

1.3.- A comisión de seguimento do convenio colectivo determinará as bases da ponderación da xornada do persoal facultativo que traballe en réxime de quendas rotatorias ou acumuladas. 

1.4.- As reducións de xornada axustaranse ás condicións e requisitos previstos no artigo 41 do Estatuto dos traballadores.  

As retribucións e os períodos de descanso previstos neste Convenio serán directamente proporcionais á redución da xornada experimentada sobre a xornada ordinaria. 

1.5.- Con carácter xeral e preferentemente, a xornada de traballo desenvolverase en quendas de 7 horas de mañán, 7 horas de tarde e 10 horas de noite. Por razóns organizativas ou necesidades dos servizos da institución ou demanda asistencial, e sempre que sexa preciso, poderá sinalarse outra distribución da xornada, previa negociación entre a dirección do centro e os representantes dos traballadores, e sempre na procura de que a prestación de gardas corresponda exclusivamente ao persoal facultativo.   

Artigo 21.- Horas extraordinarias 

1.1.- As horas que superen en cómputo anual a xornada máxima efectiva establecida, terán a consideración de extraordinarias. 

Para a súa determinación tomarase como período de referencia o semestre natural. 

1.2.- Como criterio prioritario, as horas extraordinarias compensaranse con tempo libre retribuído de duración equivalente ao 150% delas, que deberá disfrutarse no prazo dos tres meses seguintes á súa realización. No suposto de imposibilidade de tal medida, por razóns conxunturais, compensaranse económicamente co 150% do valor da hora que corresponda. 

As horas extraordinarias realizadas en domingo ou festivo serán retribuídas co 175% do valor da hora ordinaria que corresponda. 

1.3.- O réxime de compensación establecido no presente artigo será de aplicación ás horas extraordinarias que se realicen fóra da xornada máxima efectiva, que non teñan previsto un réxime de compensación específico. 

1.4.- As horas extraordinarias terán as limitacións fixadas na normativa laboral básica. 

Artigo 22 .- Gardas 

1.- Terá a consideración de garda o tempo de traballo realizado polo persoal facultativo e outro persoal destinado a garantir a atención continuada, permanente e urxente dos usuarios das institucións sanitarias, fóra da xornada ordinaria á que se refire o artigo 20. 

2.- Limitacións: 

A duración máxima conxunta do tempo de traballo correspondente a xornada ordinaria e gardas non poderá exceder do limite máximo de 48 horas semanais de traballo efectivo de promedio en cómputo semestral.  

A eses efectos non serán computados os períodos de localización que non sexan tempos de traballo efectivo. 

Cando razóns organizativas ou asistenciais así o aconsellen, a fin de garantir a adecuada atención continuada e permanente dos usuarios dos centros sanitarios, poderá superarse dentro dos límites legais previstos para o persoal do Sistema Nacional de Saúde, a duración máxima mentada no punto anterior, coas seguintes garantías: 

a)      Manifestación expresa do consentimento do traballador.

b)      Garantía de protección da seguridade e saúde dos profesionais.

c)      Garantía dos descansos mínimos diario e semanal, ou réxime de descansos alternativos compensatorios. 

3.- O réxime de compensación establecido neste artigo e anexo I, será aplicable exclusivamente aos períodos de garda efectivamente prestados, sen que caiba a aplicación doutros réximes de compensación, nin a concorrencia con outros réximes de compensación. 

4.- Modalidades de garda: 

a)      De presencia física: aquela que implique a permanencia do traballador na institución durante o seu transcurso.

b)      Localizada: aquela que esixe que o traballador estea localizado para atender os requirimentos da institución para a prestación dun traballo ou servicio efectivo.

c)      Mixta: aquela que participa da configuración das dúas anteriores, e, xa que logo, requira un período de tempo mínimo de presencia do traballador na institución dentro da duración total fixada para a garda. 

Nas institucións estableceranse os criterios para unha máis precisa concreción dos sistemas de gardas así como para a procura da mellor coordinación do seu réxime, logo de consulta co comité de empresa.

 5.- Logo de negociación cos respectivos comités de empresa, respectando as cantidades máximas reflectidas no anexo IV no presente convenio para a retribución das gardas, poderán modularse os valores ou contías para cada unha das modalidades, en atención ás características que concorran e configuración previa, en todo caso, dos parámetros pertinentes ou compensacións en termos de xornada. 

Durante o disfrute do período vacacional percibirase a contía resultante da media das retribucións que por concepto de garda se percibise nos seis meses inmediatamente anteriores.

En caso de risco durante o embarazo, as mulleres que realicen gardas poderán solicitar a exención das mesmas en tanto subsista a súa causa.  

6.- Libranzas: 

6.1 De xeito ordinario a garda de presencia física implicará un descanso nas 12 horas seguintes á súa realización. Naqueles supostos nos que, por razóns imperativas que puidesen afectar á actividade asistencial, non fose posible materializar o dito descanso, este farase efectivo dentro dos 15 días seguintes ao de realización da garda; sen menoscabo de que caiba negociar, de xeito individual ou colectivo, outros períodos de referencia que non superarán os dous meses. Para este último caso requirirase informe do comité de empresa, sen que en ningún caso caiba compensación económica. 

6.2 A prestación efectiva de servizos durante as gardas localizadas non obstará o disfrute do descanso mínimo diario e semanal. De non poderse facer efectivo o dito dereito, acordaranse individual ou colectivamente os sistemas de compensación que correspondan, sen que en ningún caso caiba compensación económica, agás no caso da finalización da relación de servizos. 

Artigo 23.-  Xornadas de distribución irregular. 

Cada institución, en función das súas necesidades e de acordo coas previsións establecidas no artigo 7 deste Convenio, poderá establecer xornadas irregulares, durante todo o ano ou parte del, para todos ou algúns grupos de profesionais que integran o cadro de persoal, sempre que en cómputo anual non se supere a xornada ordinaria establecida, debendo respectar os períodos de descanso preceptivos. 

Sempre que a xornada anual sexa de caracter irregular, a súa distribución obedecerá a razóns obxectivas e aplicarase de xeito equitativo entre o persoal que deba realizalas.

No non previsto neste artigo aplicarase o disposto no R.D. 1561/95, do 21 de setembro, no que se refire a traballo a quendas e nocturno. 

Artigo 24.- Descanso Diario. 

Deberá mediar un período mínimo de descanso de 12 horas entre o remate dunha xornada e o inicio da seguinte. 

De mediar razóns organizativas, no caso de traballo a quendas, cambios de equipo, realización de gardas ou de xornada complementaria, e de acordo cos traballadores afectados, para a efectividade do descanso de 12 horas anteriormente referido, poderán establecerse sistemas alternativos de descanso con traslado a outra ou outras datas posteriores, ou de compensación, que non sexa de carácter económico.  

Establécese unha pausa de 20 minutos, computada dentro da xornada efectiva, sempre que esta supere as 6 horas diarias. Nos supostos de xornadas de duración inferior, a duración da pausa reducirase proporcionalmente.

 Artigo 25.-  Descanso semanal. 

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito ao disfrute do preceptivo descanso semanal de día e medio ininterrompido, que será determinado en función das quendas de traballo que teña asignadas o traballador, no que se entenderán incluídas as doce horas de descanso previstas no artigo 24. Nos supostos en que polas quendas de traballo non sexa posible o disfrute deste descanso semanal, terá garantidos, cada período de catorce días naturais, tres días naturais de descanso, dos que polo menos dous deberán ser consecutivos e un deles recaerá, como mínimo, nun domingo de cada mes. 

Sen menoscabo do anterior, caberá negociar cos representantes dos traballadores outro sistema alternativo de disfrute dos descansos. 

Artigo 26.- Vacacións. 

Os traballadores teñen dereito a 30 días naturais dentro do ano natural a que correspondan ou a un período de tempo que proporcionalmente resulte do tempo de servizos.  

O período de vacación anual só poderá ser substituído por unha compensación económica no caso de remate da prestación de servizos. 

O/os períodos/s de disfrute determinarase en cada institución trala negociación cos representantes dos traballadores. Tamén o disfrute das vacacións poderá negociarse individualmente, co ineludible respecto do dereito dos demais traballadores. 

Con carácter xeral, e en defecto de acordo, as vacacións disfrutaranse de xuño a setembro. Poderán fraccionarse, como máximo, en dous períodos de alomenos, 15 días naturais cada un deles.  

En atención ao réxime organizativo e de actividade de determinadas institucións, poderanse establecer outros criterios de fraccionamento do período vacacional, con respecto, en todo caso, dos mínimos fixados no Estatuto dos traballadores. 

Os traballadores elixirán as datas de disfrute de acordo cos criterios establecidos nas unidades e servizos, a través da negociación pertinente cos comités de empresa de cada institución. De no existir acordo distribuírase o seu disfrute de xeito rotatorio, principiándose pola elección dos traballadores que acrediten maior antigüidade na institución. 

A incapacidade temporal xurdida con anterioridade ao período fixado para o disfrute das vacacións considérase causa de cambio das datas sinaladas, logo de solicitude do interesado. 

A incapacidade temporal sobrevida durante o disfrute das vacacións non as suspenderá, considerándose disfrutadas. Porén cando o proceso de incapacidade temporal sobrevida teña unha duración superior a 15 días, o traballador poderá solicitar o cambio das datas sinaladas. 

Así mesmo, procederá o cambio do período de vacacións, por instancia do interesado, nos supostos de maternidade, adopción ou acollemento (preadoptivo ou permanente) xurdidos con anterioridade ou durante o período vacacional.  

Artigo 27.- Horarios. 

1.1.- Dadas as especiais características das institucións suxeitas a este convenio, con prestación de traballo as 24 horas do día, os 365/6 días do ano, a dirección da institución establecerá o horario de traballo a teor das necesidades de servizo, logo de negociación cos representantes do persoal. Así poderán determinarse horarios fixos en días de semana concretos ou horarios diferenciados para cada tramo do día; xornadas completas ou xornadas con horario partido; así como a súa realización por equipos específicos ou mediante quendas rotatorias por todo o persoal adscrito á unidade ou servizo de que se trate. 

1.2.- Os horarios establecidos poderán modificarse nos termos previstos no 7 deste convenio. 

Artigo 28.- Calendario laboral. 

A dirección de cada institución someterá a consulta do comité de empresa o calendario laboral para cada ano natural antes do 15 de xaneiro. O calendario definitivo publicarase nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo dentro do mes seguinte. 

Estes calendarios comprenderán as quendas de xornada ordinaria e as gardas que deban realizar os profesionais de cada unidade ou servizo por mes. 

Porén, naquelas institucións nas que a actividade ordinaria implique a cobertura de atención continuada e permanente, poderanse establecer calendarios para períodos de tempo inferiores que, como regra xeral, corresponderán ao trimestre natural. 

A dirección do centro poderá modificar as quendas de traballo por razóns estructurais, logo de negociación co comité de empresa. Excepcionalmente a dirección poderá variar as quendas por motivos asistenciais e con carácter circunstancial, o que deberá comunicarse ós traballadores afectados, de forma motivada. 

Igualmente, o traballador poderá solicitar, por escrito, cambios internos dalgunha das quendas establecidas no cuadrante. As solicitudes deberá resolvelas en todo caso o responsable pertinente e a súa denegación haberá de ser motivada. 

 

CAPÍTULO VI 

ESTRUTURA SALARIAL 

Artigo 29.- Salario de Convenio. 

1.1.- As remuneracións dos traballadores comprendidas neste Convenio estarán constituídas polo salario base e polos complementos retributivos que se definen, en apartados separados, en atención ás características e os parámetros que os conforman.  

1.2.- O salario base retribuirase conforme ás contías que se recollen no anexos I e II, pola realización da xornada completa e efectiva por cada grupo de clasificación dos recollidos no artigo 32. 

1.3.- Complementos retributivos: retribúen o desenvolvemento e execución do traballo con base nas condicións e características e parámetros que, de seguido, se explicitan: 

·         Antigüidade: Percibirase polos traballadores con contrato fixo ou indefinido, na contía establecida no anexo V para cada grupo profesional, por cada tres anos de servizos prestados como persoal fixo ou temporal nas Institucións incluídas no ámbito de aplicación do presente Convenio. O trienio cumplido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que se perfeccione.. 

·         Complemento de Convenio e productividade fixa: retribúen a realización das funcións inherentes a unha determinada categoría profesional. As contías que retribúen estes concepto se recollen nos anexos I e II. O complemento de productividade fixa incrementarase no ano 2006 nas contías previstas no IV. 

·         Actividade única: Retribúe a dedicación horaria á Institución e o compromiso do profesional a non desenvolver unha segunda actividade nos termos previstos na Lei 53/1984 de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas ( BOE nº 4 de 4 de xaneiro de 1985). As contías que retribúen este concepto se recollen nos anexos I e II. 

·         Actividade en xornada nocturna e xornada feirada (domingos e festivos) : Este concepto retributivo aboarase exclusivamente a aqueles grupos que o teñan establecido de forma diferenciada dos restantes conceptos retributivos no anexo IV,  pola realización de quendas entre as 22:00 e as 8:00 horas e pola prestación de servizos en domingos ou festivos. No suposto de que coincidan nocturnidade e xornada feirada, retribuirase exclusivamente a contía superior. 

No caso do persoal facultativo, este concepto retributivo percibirase exclusivamente por aquel persoal que traballe en réxime de quendas rotatorias, entendéndose por tal calquera réxime de traballo que implique rotación horaria, no cumprimento da xornada ordinaria e diaria, establecida na carteleira, con independencia do tramo horario no que se desenvolva e sempre que non concorra retribución por servizos de garda.   

·         Gardas: Retribúe o tempo de traballo destinado a garantir a atención continuada, permanente e urxente dos usuarios das institucións sanitarias, nos termos previstos no artigo 22.  

As súas contías determinaranse por horas de presencia física ou localizada. As contías que retribúen este concepto se recollen no anexo IV. 

No caso de gardas mixtas devengaranse as retribucións que correspondan por cada modalidade de realización, no horario establecido. 

Os valores fixados teñen carácter de máximos que poderán ser modulados en atención ás características propias de cada Institución segundo se dispón no artigo 22 do presente Convenio. 

·         Dispoñibilidade horaria: Retribúe a especial situación de disponibilidade de certos postos de traballo, a requerimento das necesidades emerxentes, non permanentes e excepcionais, adicionada á xornada horaria que teñan asignada. A percepción deste complemento retributivo será incompatible coa do complemento por gardas previsto no parágrafo anterior. 

·         Complemento variable por cumprimento dos obxectivos previstos: Vén determinado polo cumprimento dos obxectivos fixados respecto dos traballadores das Institucións comprendidas no ámbito do Convenio para cada ano. A súa determinación terá como base o rendemento e calidade do servizo acadados, a especial adicación dos profesionais e a eficacia e eficiencia no desenvolvemento do traballo, así como o grao de participación nos obxectivos xerais da Institución. 

En cada Institución negociaranse cos representantes dos traballadores os criterios e parámetros concretos de devengo do incentivo. Así mesmo, en cada Institución, adoptaranse as medidas pertinentes para efectuar o seguimento do cumprimento dos obxectivos. As contías que retribúen este concepto se recollen no anexos I e II. 

·          Realización de funcións de responsabilidade e coordinación e actividades especiais: Este complemento percibirase cando se asignen funcións que impliquen responsabilidade, xefatura ou coordinación dunha unidade ou unidades funcionais, así como cando se executen actividades ou cometidos específicos ou singulares dentro dos xenéricos da categoría profesional de que se trate. Neste último caso, a asignación do complemento esixirá a formación específica e cualificación precisa do traballador, e para o seu devengo requirirase a constatación da diferencia, complexidade e dificultade das tarefas, nas distintas Institucións. Previa negociación co comité de empresa, fixaranse a configuración, características e requisitos esixidos para este complemento retributivo e determinaranse os servizos e unidades funcionais que reúnen as condicións fixadas para a percepción do dito complemento. 

·          Programas especiais: Retribúe a participación voluntaria en actividades, actuacións ou programas concretos e non permanentes.   

As contías que se fixan nos anexos do presente Convenio para o ano 2005  incrementaranse, nos anos sucesivos da súa vixencia, de conformidade co disposto nas Leis de orzamentos  para o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma. 

1.4.-  Complemento persoal de compensación. 

A.- Dereito ao complemento persoal de compensación. 

O persoal que, como consecuencia dunha integración colectiva no presente convenio, desempeñe postos de traballo de categorías que, en cómputo anual, pasen a acreditar retribucións en contía global anual conxunta inferior ás que o devandito posto de traballo tiña asignados con anterioridade, causarán dereito ao percibo do complemento de compensación persoal calculado nos termos que se indican no apartado B do presente artigo. 

Na comparación de retribucións determinantes do nacemento do dereito ao devandito complemento incluiranse tódolos conceptos de contía fixa derivados do desempeño ordinario do posto de traballo, así como os de contía variable polo importe anual máximo asignado, resultantes todas elas, de pacto individual ou colectivo. Non se terán en conta aqueloutros ligados á actividade singular e específica do traballador tales como a realización de gardas, horas extraordinarias, traballo en domingos e festivos, realización de noites, sexa cal sexa a súa forma de devengo ou denominación, xa se paguen por unidade de traballo, tempo ou a tanto alzado, ou retribúan a través dun complemento unha concreta actividade non ordinaria, nin tampouco aqueloutros conceptos que retribúan directamente a antigüidade. Así mesmo, non se terán en conta ós efectos do cálculo do complemento as contías dos conceptos salariais que remuneren a realización de funcións de responsabilidade e coordinación e as actividades especiais. O desempeño de tales funcións será retribuído conforme se dispón nos conceptos retributivos de igual nome que se recollen no presente artigo. 

B.- Contía do complemento persoal de compensación. 

O persoal que cause dereito ó complemento de compensación conforme ó indicado no apartado anterior, percibirá o devandito concepto no importe calculado nos termos que se indican a seguir: 

1.       O importe anual do complemento de compensación virá determinado pola adición de valores, positivos ou negativos, obtidos por comparación separada das retribucións de carácter fixo, por unha banda, e das de carácter variable, pola outra. 

2.      A compensación entre retribucións de carácter fixo consistirá na diferencia entre o importe global anual conxunto dos conceptos retributivos de carácter fixo asignados ao traballador na data da súa integración no Convenio e os conceptos retributivos do mesmo carácter que lle corresponden como consecuencia da aplicación das táboas salariais establecidas nos anexos II e III. 

3.      A comparación entre retribucións de carácter variable consistirá na diferencia entre o importe global anual conxunto dos conceptos de carácter variable nos termos recollidos no apartado A e coas exclusións nel previstas, asignados ó traballador na data da súa integración no Convenio, e o importe global conxunto dos conceptos de carácter variable que lle corresponden como consecuencia da aplicación da táboa salarial establecida no anexo II. 

4.      Obtido o importe global anual do complemento persoal de compensación, aqueles traballadores que causaran dereito ó mesmo conforme o previsto no apartado 1 do presente artigo, percibirano mensualmente na contía dunha doceava parte do seu valor. 

5.      Os conceptos retributivos que, segundo o disposto no apartado 1 do presente artigo non deban ser tomados en consideración para determinar o nacemento do dereito ó complemento de compensación, tampouco deberán ser tidos en conta para o cálculo do seu importe. 

6.      En ningún caso o recoñecemento deste complemento poderá supoñer que retribucións que no momento anterior tiñan a natureza de fixas poidan verse modificadas na súa natureza por variables. 

7.      A actualización do complemento de compensación realizarase con base nas previsións anuais da Lei de Presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia sobre actualización de retribucións no sector público da Comunidade Autónoma. 

Artigo 30.- Axudas de custo. 

Están constituídas polas cantidades devengadas diariamente para satisfacer os gastos que, por manutención e/ou desprazamento, orixine a estancia en localidade distinta da que, de xeito habitual, se presta servizo, cando, con carácter eventual, a dirección da Institución dispoña tal desprazamento. 

As contías por esa percepción non salarial serán as aplicables ao persoal da Administración Pública galega. 

Non se percibirán as dietas por desprazamento cando a dirección do centro poña a disposición dos traballadores transporte axeitado. 

Artigo 31- Pagas extraordinarias. 

Establécense dúas pagas extraordinarias por importe do salario base de Convenio e a antigüidade recoñecida, que serán aboadas ó traballador nos meses de xuño e decembro. De acordo co tempo traballado aboarase, en prorrateo anual, a parte proporcional do valor destas gratificacións.

Artigo 32.- Clasificación do persoal. 

O persoal clasifícase en función da titulación requirida ou formación básica esixible para o desenvolvemento do posto de traballo e o seu carácter sanitario ou non sanitario, nos seguintes grupos: 

1.      Persoal facultativo especialista.

2.      Persoal facultativo non especialista.

3.      Titulados universitarios superiores non sanitarios.

4.      Titulados universitarios de grao medio sanitarios ou formación   equivalente.

5.      Titulados universitarios de grao medio non sanitarios.

6.      Técnicos con formación profesional superior sanitarios.

7.      Técnicos con formación profesional superior non sanitarios ou formación equivalente.

8.      Técnicos con formación profesional básica sanitaria.

9.      Técnicos con formación profesional básica non sanitaria.

10.  Persoal sen titulación específica. 

Artigo 33.-  Postos de traballo. 

Os postos de traballo existentes no ámbito de aplicación do presente Convenio colectivo serán desempeñados polos profesionais clasificados de acordo co artigo anterior e terán un cometido acorde coas profesións tituladas sanitarias que acrediten. De se tratar de profesións tituladas non sanitarias o cometido dos postos de traballo axustarase ó grao de formación e coñecementos específicos esixidos.  

Aqueles postos de traballo referidos a actividades que non requiran titulación específica para o seu cometido abranguirán o desenvolvemento de tarefas de apoio ou complementarias en áreas funcionais de carácter técnico, de asesoramento ou estudio; así como o desempeño de oficios correspondentes á actividades de apoio ou execución básica.

 Nas diferentes Institucións poderá negociarse cos comités de empresa a definición de determinados postos de traballo por actividade funcional, así como establecer criterios de mobilidade e interconexión prestacional das súas distintas áreas ou servizos funcionais.

 

CAPÍTULO VII 

PERMISOS E LICENCIAS 

Artigo 34.- Permisos.                             

Os traballadores, logo de aviso e posterior xustificación, terán dereito a permisos retribuídos polos motivos e duración seguintes: 

a) Quince días naturais ininterrompidos por casamento ou por constituírse en parella de feito. 

O permiso poderá abarcar os días inmediatamente anteriores ou posteriores á data do feito causante. 

 Os Directores das institucións establecerán, previa negociación cos representantes dos traballadores, a maneira en que os solicitantes xustificarán o feito causante, esixíndose sempre documento público. 

 b) Tres días naturais polo nacemento de fillo, adopción ou acollemento (preadoptivo ou permanente) de menores de seis anos; así como pola morte, enfermidade grave ou hospitalización do cónxuxe, parella de feito ou familiar ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade. Se o feito causante se produce fora do ámbito territorial do convenio, o permiso amplíarase a cinco días naturais ininterrompidos.  

c) Permiso de paternidade. 8 días naturais ou 10 se o parto é múltiple por nacemento de fillo ou filla, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente, que se computarán desde o feito causante.  

O pai non terá dereito ao permiso se os proxenitores non estivesen casados nin unidos de feito en análoga relación de afectividade, ou se non se lle recoñeceu a garda do fillo ou filla que acaba de nacer en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio iniciado antes da utilización do permiso. En todos eses casos, a nai, se fose persoal ao servizo da Administración pública galega, poderá utilizar, sexa cal sexa a situación laboral do pai, este permiso, con carácter ininterrompido desde a finalización da licenza de maternidade. Tamén poderá utilizalo, en iguais termos, se o pai falecese antes da utilización íntegra do dito permiso ou se a filiación paterna non estivese determinada.  

O dito permiso será acumulable a calquera outro dereito recoñecido na normativa aplicable, inclusive ao permiso de nacemento de fillo ou filla e, se ambos se acumulasen, o de paternidade computarase desde a finalización do permiso de nacemento do fillo ou da filla.