Webs CIG Saúde: O Barco | Ferrol | A Coruña | Vigo| Pontevedra | Ourense | Lugo | Santiago| Monforte | Burela | 061 | AgMedica
Publícase hoxe a resolución que fai públicas as listas de contratación definitivas de enfermaría do 061. Coma sempre, ábrese prazo dun mes para presentar recurso de reposición previo á vía xudicial ou ben de dous meses para presentar recurso contencionso-administrativo directamente.
- Listas enfermaría 061. RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061. Descargar PDF
Mensaxe do SERGAS con información sobre contratacións:
Infórmase que o vindeiro xoves, 23 de maio está previsto que se publiquen no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de baremación das persoas aspirantes admitidas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.
Así mesmo, poñemos no seu coñecemento que mañá se procederá á xeración da nova lista nas categorías de celador, grupo auxiliar da función administrativa e persoal de servizos xerais, para incorporar as modificacións derivadas da estimación dos recursos de reposición interpostos.
Este vindeiro venres, día 17 de maio, é o día grande das nosas letras. Mais, desde a CIG, atopamos ademais dun motivo de celebración, varios motivos de mobilización. A nosa lingua está a ser castigada por políticas lingüicidas que se aplican desde o goberno de Núñez Feijóo na Xunta e que teñen eco tamén desde o goberno do Estado. O Decreto que na Xunta chaman do “Plurilingüismo”, un decretazo que deixa a nosa lingua baixo mínimos no ensino, é un exemplo claro diso. Mais, desgrazadamente non é o único. O ministro Wert coa súa proposta de LOMCE quere axudar á eliminación do galego das escolas e institutos. Tamén podemos ver os retrocesos, non só lingüísticos, mais tamén, en eidos tan salientábeis como a sanidade, a xustiza ou a Administración Pública. Vivir normalmente en galego está a resultar a cada paso menos posíbel, por mor dos atrancos que se lle poñen á nosa lingua, e, con ela, ao noso pobo.

A Plataforma Queremos Galego! convoca para este venres 17 de maio unha MANIFESTACIÓN que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela celebrando a existencia e fermosura da nosa lingua, e o 150 aniversario da publicación do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, mais tamén esixindo medidas que viren o actual rumbo que está a provocar graves retrocesos na nosa lingua propia, o galego.
A CIG, como parte integrante da Plataforma Queremos Galego!, convida a todas as galegas e galegos, como ven facendo combativamente desde sempre, a defenderse das agresións, tamén das agresións á nosa lingua. Pois, como di o texto difundido por Queremos Galego! :
O noso idioma, o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague, todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.
Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M.
Venres 17 de maio, 12 h
Alameda de Compostela.
Participa, mobilízate pola túa lingua!
Non queremos ser estranxeiras na propia patria!
Queremos Galego!
Por máis que insistan, o peche de camas durante o verán non ten xustificación posible; nin o fan por mellorar a eficiencia do sistema, nin moito menos pensando nas necesidades das/os traballadoras/es. A mentira por moito que se repita non se converte en verdade.
Desde CIG-SAÚDE queremos facer as seguintes consideracións:
1.- O director de asistencia sanitaria xustifica o peche de camas durante máis de 3 meses e medio, co argumento de que as camas en funcionamento serán as suficientes para atender a demanda. Curiosa afirmación, pois os centros sanitarios non funcionan só a demanda, a maioría da actividade é programada. Que vai pasar durante estes 3 meses e medio coa actividade programada? vai ser residual?
2.- Segunda afirmación: "isto faise para eliminar as bolsas de ineficacia do sistema". Pode haber algo máis ineficaz que ter unas instalacións sanitarias de alta tecnoloxía a baixo rendemento durante este tempo? Pregoan publicamente que hai que incorporar elementos de xestión “privada” na sanidade pública. En que empresa privada manterían no seu cadro de directivos/as as persoas que suspenden a actividade durante un tempo tan prolongado con maior custe que beneficio? Instalacións pechadas non levan a un maior beneficio, senón a un maior custe. Mentres, empeoran os niveis de saúde da poboación: incremento das listas de espera cirúrxicas, de consultas, de realización de probas diagnósticas.
3.- Afirma a Conselleira de Sanidade que “os profesionais teñen dereito a coller vacacións” . Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle á Sra Conselleira que o persoal disfruta dun mes de vacacións e non de 3 meses e medio. Que o dereito ao goce de vacacións é perfectamente compatible co mantemento da actividade.
Esquece a Conselleira que no SERGAS existen unas listaxes de persoal para ser contratado. Historicamente este persoal era contratado no período vacacional para substituír ao persoal titular. Non sabe a Conselleira que se incrementaron exponencialmente o número de persoas que están inscritas nas listaxes de contratacións? Non sabe a Conselleira que se incrementou o desemprego no sector sanitario? Co peche de camas e a non substitución do persoal no período vacacional, o SERGAS está a incrementar o paro sanitario, condenando aos/ás aspirantes das listas de contratación a non ter nin un só contrato durante o ano 2013. Isto son políticas activas de emprego! Pero que non desespere o persoal, como din os dirixentes do Partido Popular, sempre lles quedar a mobilidade externa: Alemania, Arabia Saudí, Chile...
Pechar actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida dun mal xestor que vai privar de asistencia sanitaria programada durante 3 meses e medio a poboación Galega.
Publícanse hoxe no DOG as resolucións que convocan o concurso-oposición para o acceso a prazas de FEA ou de MUH.
- Convocatoria OPE FEAs: RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde. Descargar PDF
- Convocatoria OPE MUH: RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de urxencias hospitalarias do Servizo Galego de Saúde. Descargar PDF
O prazo de presentación de solicitudes a través do Expedient-e remata dentro dun mes contado a partir de mañá, é dicir, o vindeiro 15 de xuño. Cómpre lembrar que os méritos deben estar incorporados no Expedient-e e achegada a documentación acreditativa xunto coa petición de validación tamén dentro dese prazo. Do mesmo xeito, a documentación que acredita o cumprimento dos requisitos de participación debe ser rexistrada antes do mesmo día, 15 de xuño.
Artigo 9 .- Cláusulas Particulares. Nos nomeamentos temporais, e nos nomeamentos en promoción interna temporal, poderán incorporarse cláusulas particulares, baseadas na normativa vixente, relativas á súa duración ou aos dereitos e obrigas inherentes aos mesmos.
No texto deste artigo recóllese que se poderán incorporar cláusulas particulares baseadas na normativa vixente. Segundo a Administración isto é para maior garantía da/o profesional contratado. Xa sabemos de sobra que esta Administración está moi preocupada polas garantías do persoal!
Segundo a normativa vixente, iso significa que nos nomeamentos temporais podería aparecer unha cláusula de mobilidade por razón do servizo; DENTRO OU FORA DO TEU CENTRO DE TRABALLO OU DA TÚA ÁREA SANITARIA.
Así se recolle ao Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS:
O supostos de mobilidade fóra do ámbito do nomeamento poderán obedecer ás seguintes circunstancias: (OU A OUTRAS QUE DETERMINE A ADMINISTRACIÓN)
a) Traslado definitivo de unidades a outros centros situados fóra do ámbito correspondente ao nomeamento.
b) Traslado temporal das unidades ou servizos, debido a obras ou a outros motivos que determinen a indispoñibilidade funcional das infraestruturas.
c) Traslado temporal a outras áreas sanitarias, cando as necesidades asistenciais da poboación dunha área non poidan ser garantidas cos recursos humanos propios desta.
Nos supostos b) e c), a adopción das medidas limitarase ao tempo indispensable para outorgar a debida cobertura asistencial de acordo coas circunstancias que a motivaron ou, de ser o caso, ata dotar nos correspondentes cadros de persoal o número de prazas necesario para dar cobertura ás necesidades detectadas.
CIG-SAÚDE rexeita esta orde de vínculos pensada en exclusividade para desregular as condicións laborais das/os traballadoras/es. Esiximos que se anule este artigo, que o persoal preste servizo na unidade ou centro no que foi contratado.
NON Á MOBILIDADE FORZOSA!
Escrito remitido pola CIG-Saúde á Conselleira de Sanidade sobre os recortes salariais que se están a producir no persoal laboral do Centro de Transfusións de Galiza:
Rocio Mosquera Álvarez.
Conselleira de Sanidade.
As/os traballadoras/es, persoal laboral, do Centro de Transfusión de Galiza están a recibir unha comunicación da dirección desta fundación referente á suspensión do acordo de equiparación salarial 2004-2006. É polo que a dirección desta fundación vai proceder eliminando das súas nóminas as cantidades correspondentes ao devandito acordo.
O 20 de decembro do ano 2005, publicase no DOG a Resolución do 29 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de equiparación salarial dos traballadores da Fundación Centro de Transfusión de Galicia con aquelas que rexen para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Acordo asinado polo director do centro, Sr Roberto García-Villaescusa Collazo co comité de empresa, e as/os delegadas/os de persoal. No devandito acordo recóllese:
Manifestan:
A) Que, tras ser sometido a estudo e aprobación pola Dirección de Recursos Humanos do Sergas así como polo Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia.
B) Que, tras os trámites anteriores se solicitou informe favorable ás consellerías de Economía e Facenda así como á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, (artigo 22 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004).
Emitiuse informe favorable o 12 de maio de 2005. Como pode alegar agora a directora do CTG que o recorte salarial ven motivado por que na Consellaría de Facenda non consta a documentación pertinente relativa ao informe favorable do 12 de maio de 2005? Se non consta a documentación requirida pola Consellaría de Facenda, que a Dirección do CTG lla remita na maior brevidade posible. O que non é de recibo que as/os traballadoras/es teña que pagar as consecuencias da mala xestión desta fundación desde a súa constitución.
Desde CIG-SAÚDE solicitamos da Conselleira de Sanidade que de inmediato lle comunique á dirección do CTG que paralice o recorte salarial que pretende aplicar as/os traballadoras/es. E que inste a dirección do CTG a resolver as posibles irregularidades neste e noutros temas que teña pendente.
Unha vez máis ponse de manifesto a falla de transparencia e a nefasta xestión das fundacións sanitarias, que lonxe de acadar o obxectivo propagandístico co que foron creado, o único que demostraron ao longo do tempo foi a oscurantista xestión.
Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle que na fundación CTG está pendente de convocar o proceso selectivo anulado por sentenza xudicial por conter este múltiples irregularidades e que foi convocado na mesmas datas do acordo salarial.
Agardamos que se solucione este problema, e que non se trate de imputar, unha vez máis, a mala xestión dos/as directivos ás/aos traballadoras/es. Que non se agarde por que sexa a vía xudicial a que solvente os problemas da mala xestión. Que dunha vez por todas cada quen asuma as súas responsabilidades.
Atentamente.
Compostela, 7 de maio de 2013.
Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.
Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE
Publícase hoxe a resolución de publicación das listas de contratación definitivas da categoría de enfermaría. Estas listas entrarán en vigor o día 15 de maio.
- Listas definitivas de contratación da categoría de enfermaría. RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría sanitaria de enfermeiro/a. Descargar PDF
As persoas que así o consideren poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados apartir do día seguinte á súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.
- Acto de elección de destino da OPE da Lei 17
- Mentiras e máis mentiras, coa única finalidade de precarizar as condicións laborais do persoal do SERGAS
- Previsións publicacións 7 de maio
- Mesa Sectorial 30 de abril
- Publicación de listas provisionais de admitid@s e excluíd@s de varias categorías
- Publicado o Acordo da Comisión Central de Seguimento sobre renuncias sen penalización en dous casos


















