Webs CIG Saúde: O Barco | Ferrol | A Coruña | Vigo| Pontevedra | Ourense | Lugo | Santiago| Monforte | Burela | 061 | AgMedica

A ampliación do período formativo das/os residentes galegas/os en 1 ano, até completar un total de 5 anos de residencia, é unha condición necesaria para a homologación na Unión Europea (UE) dos títulos de especialistas en Oncoloxía Médica que obterán os MIR desta especialidade que na actualidade están facendo a súa residencia baixo un programa formativo de 4 anos de duración. Nesta situación están todas/os as/os residentes da especialidade menos os R1 que comezaron a especialidade hai unhas semanas.
Na xuntanza da Comisión de Sanidade do Parlamento Galego do 30/05/2013, e por motivos exclusivamente economicistas, de aforro económico, o Partido Popular pronunciouse en contra desa prórroga. “Ficou deste xeito claro que a decisión que tiña previsto tomar o goberno galego e o SERGAS, era negarlles a prórroga do contrato aos residentes afectados (16 en total) que, deste xeito, rematarían a súa residencia e se toparían cun título sen homologación europea, e polo tanto sen a posibilidade de traballar como especialistas nos países da Unión Europea, coa excepción do Estado Español”, denuncia a Agrupación Médica da CIG-Saúde.
A nivel público, esa é a posición coñecida sobre o tema das autoridades sanitarias galegas, malia o forte malestar que esa decisión provocou entre os residentes afectados, os especialistas en Oncoloxía Médica e en todos os profesionais sanitarios que coñecen a situación.
No momento actual, e coa excepción do SERGAS, as autoridades sanitarias de todas as CCAA xa fixeron pública a súa decisión de prorrogarlles 1 ano os contratos aos seus residentes de Oncoloxía Médica, de xeito que o seu título de especialistas sexa homologábel na Unión Europea.
Ante isto, a CIG-Saúde demanda novamente da Consellería de Sanidade e do SERGAS que reconsideren a súa posición, e confirmen de contado que lles van prorrogar 1 ano os contratos aos residentes galegos de Oncoloxía Médica.
A CIG-Saúde considera que “é de xustiza que o faga pois, de non facelo, estaría prexudicando e discriminando aos residentes galegos desta especialidade e demostrando unha mesquindade e falta de sensibilidade dificilmente xustificábel”.
A nova en Avantar.
Publícanse hoxe as listas de admitidos/as e excluídos/as de varias categorías de xestión e servizos (Técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información, Técnica/o de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, Técnica/o especialista de sistemas e tecnoloxías da información, Cociñeira/o, Pinche).
- RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican as listas provisionais de admitidas/os e excluídas/os para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade de diversas categorías de xestión e servizos. Descargar PDF
Todos os actos programados ao longo desta quincena (agás á asemblea de Pontevedra, que será para delegadas e delegados da CIG), están convocados pola Plataforma Galega en defensa do aborto, da que a central sindical forma parte, xunto con outras organizacións de mulleres, sindicatos, organizacións estudantís, na defensa da sanidade pública e partidos políticos, e teñen como obxectivo principal esixir ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesíbel.
Actos convocados:
- Ourense: xoves 13 de xuño ás 20.30h, rodearase a Catedral de Ourense. Hai buses para desprazarse á manifestación.
- A Coruña: venres 14 de xuño, ás 19 horas, pasarrúas con saída da Praza de María Pita e remate na Praza de Ourense.
- Compostela: O día 12 de xuño concentración ás 12.00 horas diante Parlamento, coincidindo co debate da ILP promovida pola Plataforma.
- Lugo: martes 11 de xuño, pasarrúas, con saída ás 19:30 horas do Concello e remate na Praza do Obispado.
- Pontevedra: mércores 12 de xuño, ás 12 horas, asemblea de delegadas/os da CIG; como Plataforma participaremos na rolda de prensa do día 10 de xuño e na mesa redonda do día 13; os días 10 e 11 organizaranse repartos da propaganda nas bibliotecas públicas e nas da universidade; 14 de xuño proxección no entorno da Peregrina dun audiovisual
- Ferrol: 14 de xuño, acción protesta diante dos locais do Opus Dei e a sede do PP.
- Vigo: estanse a organizar novos repartos e accións logo dos actos celebrados o pasado 24, 26 e 28 de maio.
Manifesto por un aborto libre e gratuíto
A nova en Avantar.
Máis información en: http://feminismo.eu/PlataformaAborto/
Mañá cuarta feira (mércores) día 12 de xuño a CIG leva a cabo unha xornada de loita en todo o país, na defensa do emprego e a exixencia de medidas que garantan a supervivencia e recuperación dos nosos sectores produtivos.
En Compostela está convocada para as 20:00 horas, con saída da Praza Roxa. Nesta comarca a CIG tamén convoca manifestación en Ribeira, con saída ás 20:30 horas da Praza do Peixe. O desemprego tamén é a principal preocupación e é que a cidade de Santiago sitúase tan só por detrás de Ferrol en taxa de paro, cun 27% segundo os últimos datos da EPA. O mesmo ocorre en Ribeira, onde está en xogo a industria da conserva, motor económico da zona.
En Pontevedra, haberá unha mobilización de delegados/as ás 12:00 horas na Praza da Ferrería e as súas demandas tamén se centran na exixencia á Xunta de Galiza, de medidas que permitan a recuperación económica e a creación de emprego.

En Ferrol: Folga Xeral na comarca. Ás 12:00 horas, baixo o lema “Ferrolterra esixe solucións” sairá a manifestación dende o Inferniño. Logo de semanas de intenso traballo, ducias de asembleas en empresas, reunións con colectivos sociais diversos, encontros con representantes de todos os sectores (autónomos, comerciantes, empresarios, hostaleiros,...) e repartos masivos de octavillas nas rúas, na véspera da Folga Xeral Comarcal deste 12 de xuño, os voceiros da CIG de Ferrol avanzaron un éxito rotundo da convocatoria e animan a toda a clase obreira e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá ás 12:00 horas dende o Inferniño. Ver a nova en Avantar.
Malia o triunfalismo co que se avanzaron os datos de paro rexistrado do mes de maio, a CIG considera que lonxe de ser bos evidencian a grave situación de desemprego que hai en Galiza.
A CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.
INFORMACIÓN COMISIÓN CENTRAL DE SEGUIMENTO DO PACTO
5 DE XUÑO DE 2013.
Información xeral sobre o pacto. Previsión de publicacións:
- Publicacións no mes de XUÑO:
· Listas provisionais de admitidos e excluídos das categorías de pinche, cociñeiro/a e, Técnico/a superior, Técnico/a de Xestión e Técnico/a especialista de Sistemas e T.I.
· Listas definitivas de admitidos e excluídos e provisionais de baremación de TCAE.
· Listas definitivas de admitidos e excluídos e provisionais de baremación das categorías de fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, Técnico/a Superior de Documentación Sanitaria, Técnico/a Superior en nutrición e dietética e Técnico/a de farmacia.
· Convocatoria de apertura de listas das categorías de grupo técnico e grupo de xestión da función administrativa, e enxeñeiro/a técnico/a.
- Publicacións no mes de XULLO:
· Listas definitivas de puntuación das categorías de Técnico/a superior e Técnico/a medio de Prevención de Riscos Laborais.
Infórmannos que están a facer modificacións no apartado de docencia e investigación, no que se refire a publicacións, coa finalidade de simplificar a incorporación destes méritos. Contan con que para xuño estean incorporadas as modificacións e tentarán publicar no mes de xullo as listas provisionais de baremación dalgunha categoría de licenciados/as sanitarios/as. O resto de licenciados/as sanitarios/as quedarían para setembro.
Non teñen previsto publicar ningunha lista en agosto.
Preguntamos polas convocatorias das categorías de persoal non sanitario. Informáronnos de que pretenden convocar as listas daquelas categorías que tiveron OPE, pero que están pendentes de que os centros lles informen das necesidades que hai en cada área.
Preguntouse pola publicación das listas definitivas de enfermeira especialista en saúde mental. Como no Sergas só hai 9 prazas desta categoría, non o consideran unha prioridade e quedarán para setembro. O Sergas deixou caer que a esta categoría se lle poderían ofrecer as coberturas das DUE das unidades de saúde mental pero percibindo as retribucións dunha DUE, non as dunha especialista. Dende CIG-Saúde negámonos a aceptar esa proposta. Se queren contratar especialistas terán que retribuílas como tales.
Formación áreas especiais.
A Administración achega un documento coas bases que regulan a formación práctica específica para as áreas especiais. Incorporaron ao texto algunhas das alegacións remitidas no seu día.
No que se refire ao réxime de penalizacións:
- Renuncia antes do inicio da formación: sen penalización.
- Unha vez iniciada a formación, a renuncia sen xustificación, será penalizada non podendo participar noutra actividade formativa durante a vixencia da lista.
- Unha vez iniciada a formación, permitirase a renuncia á actividade formativa sen penalización, se o/a aspirante recibe un chamamento, e viceversa, permitirase renunciar a un chamamento se está participando na formación das áreas especiais.
Pretenden organizar os primeiros períodos de formación entre outubro e novembro deste ano.
Información sobre o procedemento de xeración automatizada de listas.
Infórmannos que a día de hoxe, debido a problemas técnicos, non se poden facer modificacións nas inscricións daqueles/as aspirantes que figuren inscritos/as en convocatorias previas.
Aproximadamente no mes de xullo remitirán un borrador de procedemento de xeración automatizado de listas para a súa publicación en DOG. Preténdese que só se presente a solicitude por rexistro cando haxa que presentar documentación, pero no resto de modificacións que non precisen xustificación, unha vez feita a modificación no Fides sería de aplicación. Preténdese que con cada xeración de listas se publiquen un listado provisional de baremación e un listado definitivo, simplificando así de 4 publicacións previas a 2.
Pretenden sacar a 31 de outubro a primeira xeración automatizada coas categorías que levan en vigor máis dun ano, e algunha outra coma as de enfermeira.
Varios.
· Outras actividades: Dende CIG-Saúde solicitamos por enésima vez que nos achegasen o listado das titulacións que puntúan neste apartado do baremo, a raíz de que se modificou o criterio en enfermaría, puntuando non só as especialidades senón tamén outras diplomaturas sanitarias. Cambio de criterio, que segundo a Admón esta motivado por unha sentenza firme do TSXG. Criticamos que se modifiquen os criterios no medio dun proceso de xeración de listas.
· Curta duración de primaria: Clarifícase que non se poderá chamar ao persoal dunha área para traballar noutra distinta, salvo que estea esgotada a lista xeral e se teña que chamar a través dos que marcaron a opción voluntaria de áreas limítrofes.
· A Administración clarifícanos que a través das listas de curta duración só se deben ofertar exclusivamente o urxente e non programado. Os días soltos que fosen programados cubriranse coa lista xeral.
· Curta duración do 061: enténdese que enfermería e enfermería do 061 son categorías distintas, polo que a puntuación de curta duración de enfermería só lle puntúa nas listas de enfermería e non na do 061. No 061 non puntúan as listas de curta duración porque non as tiñan.
· Reducións de xornada: Solicitamos que se permita en cada xeración de listas, ademais do cambio de área, que poidan renunciar sen penalización aos contratos de xornada reducida se nas novas listas non opta voluntariamente a este tipo de contrato. Quedaron en revisar o texto e incorporalo ao procedemento de xeración automatizada de listas.
· Indispoñibilidade de matronas: posto que tecnicamente non se poden xerar novas listas, acórdase que, naquelas áreas onde non haxa acordo na comisión periférica, que no caso de esgotamento dunha lista chamarase aos/ás aspirantes das áreas limítrofes. Se segue sen haber dispoñibles, chamarase a aqueles/as aspirantes inscritos/as na categoría de matrona por promoción interna que quedaron excluídos por non cumprir o requisito de 1 ano con praza en propiedade. Tentarán que en agosto poidan modificar as inscricións para que se poidan xerar unhas novas listas canto antes. Quedou tamén para valorar se no caso das matronas se exceptuaba, para a inscrición pola quenda de promoción interna, no cumprimento do requisito de 1 ano con praza en propiedade.
· Dende CIG-Saúde preguntamos sobre a puntuación dos servizos prestados do persoal procedente do Hospital Naval. Respóstannos que puntúan no primeiro epígrafe todos os servizos prestados dentro de sistema sanitario público, polo que os servizos prestados en institucións integradas no Sergas puntúan como tempo Sergas. Volvemos criticar que se anden cambiando os criterios e non se lle dea publicidade. As persoas aspirantes non saben a qué aterse.
· Dende CIG-Saúde denunciamos que en Pontevedra non se lle ofertase un contrato de longa duración a unha traballadora en suspensión por risco laboral no embarazo. A Administración recoñece que teñen que ofertarlle a longa duración.
· Preguntamos por cal é a comisión periférica na que se fai o seguimento do pacto das listas do 061. Resposta que é a Comisión periférica de Santiago a quen lle corresponde o seguimento destas listas quedaron en informar aos centros.
· Solicitouse que naqueles casos puntuais, cando un aspirante solicita a suspensión de chamamentos de 1 ou 2 días, non teña que esperar 1 mes para reactivarse. Quedouse en que as OOSS enviemos un listado daquelas 3 ou 4 causas concretas que consideramos para que se levante a suspensión con anterioridade aos prazos establecidos.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.
A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe solucións”. A este respecto, o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada agora polo actual contexto de crise global.
“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval, sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.
En canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar, nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de actividade.
As centrais sindicais xa están a traballar para que a folga do próximo 12 de xuño sexa todo un éxito. Para iso, teñen previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.
“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.
Noticia extraída de Avantar
A SANIDADE NON É UN AGASALLO PARA DARLLE ÁS PRIVADAS,
A SANIDADE TÉN QUE XESTIONARSE DESDE A PÚBLICA
SE NON O SABEN FACER: DIMISIÓN
Os procesos de privatización da sanidade pública véñense desenvolvendo de xeito lento pero continuado desde os anos 90, seguindo as pautas marcadas polo informe “Abril” que establecía unha serie de medidas destinadas a converter a sanidade pública nun mercado.
Agora o goberno do PP coa escusa do aforro do gasto público acelera esta liña privatizadora, impondo máis medidas de privatización na sanidade pública. Medidas que non se xustifican nin por razóns económicas, nin por razóns de eficacia na xestión. Os estudos independentes apuntan á inexistencia de aforro nas privatizacións e ao perigo do incremento dos custes. Non podemos esquecer que na xestión privada o prezo ten que incluír o beneficio empresarial: maior custe e menor calidade.
No referente á eficacia na xestión, si hai experiencias contrastadas no ámbito do SERGAS para poder afirmar que coa xestión pública directa se presta un mellor servizo: servizos privatizados tiveron que ser rescatados pola Administración Pública asumindo a débeda privada.
Ademais disto coas privatizacións baléiranse de funcións as/os traballadoras/es do SERGAS, o seu traballo pasa a ser desenvolvido polas/os traballadoras/es das empresas subcontratadas. A Administración paga dous salarios polo mesmo traballo.
Tampouco podemos esquecer os controis de calidade, coas privatizacións a Administración delega o control de calidade dos servizos públicos nas empresas adxudicatarias da privatización. Estamos seguros de que eses controis son independentes e exhaustivos?
Estas medidas de privatización afectan a todo o persoal da sanidade, ningunha/un traballadora/or pode pensar que isto non vai con ela/el; se non o impedimos, esta marea de privatizacións acabará por afogarnos a todas/os.
Lembrades cando as rebaixas salariais eran cousa das/os traballadoras/es das empresas privadas? Agora, cantos cartos nos levan roubado esas mesmas empresas?
Por todo isto todas/os as/os traballadoras/es da sanidade publica temos que rexeitar a privatización dos servizos, empezaron polos non sanitarios e pensan seguir incrementando o negocio cos sanitarios.
Non lles deixes que destrúan un dos dereitos máis fundamentais, como é o dereito a unha sanidade pública universal, de calidade e gratuíta.
Para este goberno e para a voracidade dos depredadores todo é valido. Para nós, non.

- CIG-Saúde pídelle ao SERGAS que reconsidere a súa negativa a ampliar nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica
- Non esquecemos, señora Conselleira...
- Os cartos que nos rouban acaban nas Illas Caimán...
- Nomeamentos Lei 17
- O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral
- Publicadas listas de contratación definitivas de enfermaría do 061


















