Concentración no CHUAC
Concentración no CHUAC contra os recortes salariais e na defensa da sanidade pública
María Seijo, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde de A Coruña explicou que o obxectivo da concentración é amosar o rexeitamento que existen por parte dos traballadores e traballadoras da sanidade aos recortes decretados polo goberno estatal e da Xunta de Galiza. Neste senso, Seijo lembrou que, no caso galego, as medidas de contención salarial veñen precedidas pola suspensión dos acordos asinados entre as organizacións sindicais e a Xunta de Galiza, que afectan non só ás retribucións, senón que supoñen un recorte na cualidade asistencial.
Así, lembrou que se ten paralizado a aplicación do Plan de Atención primaria, suprimindo a creación de prazas de médicos/as e enfermeiros/as que permitirían desconxestionar o sistema sanitario e achegar máis ao cidadán/á a atención sanitaria nunha autonomía “onde hai unha grande diferenza entre as zonas rurais e as urbanas ou as de costa e as interiores”.
“Os recortes que nos acaban de impor van moito máis alá dos salarios; significan unha precarización das condicións de traballo e dos servizos sanitarios públicos, unha perda de accesibilidade, un incremento das listas de agarda, a introdución de fórmulas de xestión e financiamento privado que nos levan ao copago, etc. Todo isto precedido por unha campaña de desprestixio da sanidade pública que sirva de coartada para a súa privatización, Aí está o caso do plano de financiamento e xestión do novo hospital de Vigo, ou a privatización dos centros de saúde a través de paquetes naqueles casos que a Consellaría considere que non resultan rendíbeis”, denunciou.
A secretaria comarcal da CIG-Saúde lembrou tamén que os recortes salariais, xunto a outras medidas de “austeridade”, serviron para que a Consellaría de Sanidade reducira o orzamento do Sergas até maio deste ano en 90,8 millóns de euros. Un recorte que, sinalou, aínda se descoñece a canto ascenderá a finais de 2010.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|




